
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Seis de cada dez persoas con discapacidade melloraron a súa calidade de vida grazas ás Novas Tecnoloxías, segundo se desprende do V Informe Tecnoloxía e Discapacidade presentado este martes, 12 de xuño, por Keysight Tecnhnologies e a Fundación Adecco. Esta análise baseouse nos últimos datos do INE e elaborouse con motivo da celebración do Día Internacional das Tecnoloxías Apropiadas, que se celebra este 15 de xullo, segundo informan ámbalas institucións.
En España, o 20% dos fogares ten algunha persoa con discapacidade entre os seus membros, o que suma máis de tres millóns de persoas, como detalla o informe. Entre as situacións analizadas destaca o problema da accesibilidade das persoas con discapacidade e a súa relación na dependencia deste colectivo. O 51,5% destas familias atopa barreiras de accesibilidade na súa vivenda, entre as que se atopan as escaleiras e os cuartos de baño.
Así mesmo, case un millón de persoas atopa diferentes dificultades para utilizar o transporte público e privado, como acceder a estacións, subir ou baixar do vehículo, orientarse ou comprender sinalizacións. As persoas con discapacidade consideran que moitas destas situacións poderían liquidarse fomentando a accesibilidade, a través de solucións tecnolóxicas que favorezan a independencia e autonomía de todas as persoas.
Doutra banda, o estudo resaltou o papel das Novas Tecnoloxías como "aliadas" da Accesibilidade Universal, como no deseño de melloras tecnolóxicas que fomenten a autonomía, independencia e a calidade de vida das persoas con discapacidade. Así, 6 de cada 10 persoas con discapacidade melloraron a súa calidade de vida grazas ás Novas Tecnoloxías, segundo detalla o informe.
Dentro das facilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, o estudo revela que tamén impacta de forma positiva na calidade de vida dos familiares e coidadores deste colectivo. Como se detalla, a Revolución Tecnolóxica tamén puido influír neste incremento do emprego das persoas con discapacidade pois permiten ás persoas con discapacidade desempeñar postos de traballo nos que hai anos estaban practicamente excluídos.
Segundo o informe, a contratación de persoas con discapacidade seguiu unha tendencia ascendente durante os últimos anos, alcanzándose en 2015 o máximo histórico, con 95.238 contratos, un 15% máis que en 2014 e un 56% máis que en 2012.
Outro aspecto destacado no informe é a aparición de aplicacións como Whatsapp que supuxeron un "avance fundamental" para liquidar as dificultades da comunicación telefónica instantánea nas persoas xordomudas.
Estas adaptacións mitigan as dificultades derivadas da mobilidade, a audición ou a visión reducidas, posibilitando que as persoas con discapacidade utilicen o seu potencial no ámbito laboral, en condicións normalizadas. Así, oito de cada 10 persoas con discapacidade cre que a dependencia podería reducirse a través da accesibilidade
Doutra banda, estas tecnoloxías tamén serviron para reforzar a desigualdade, por exemplo, un 52% dos enquisados segue atopando barreiras para utilizar as ferramentas tecnolóxicas convencionais. A maior parte destes obstáculos atópase no económico, segundo relata o informe, aínda que un 37% alude ás barreiras de tipo formativo e o descoñecemento da utilización destes aparellos.
Onte tiña lugar a presentación da nova edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, que este ano cumpren 30 anos, no salón de plenos. Ao acto acudían o voceiro municipal, Miguel Fernández, e a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Paula Alvarellos, a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, outros membros da entidade organizadora, como o vicepresidente, a secretaria e o tesoureiro, Manuel Saavedra, Nuria Moreno e Óscar Rancaño, amais dos directores das prisións de Bonxe e Monterroso. Desta volta as ditas xornadas abranguerán os delitos informáticos e a súa relación cos menores de idade, amais doutros temas como a suspensión da condena, a pena de violencia de xénero, as medidas alternativas á prisión ou a reforma do Código Penal. Cómpre engadir que o Concello colabora con esta iniciativa cunha achega económica de 5.000 euros.
Ao longo do acto, Alvarellos fixo fincapé no “escandaloso crecemento” deste tipo de delitos, subliñando que o 81% dos menores están preocupados polo acoso, e o 19% dos cativos son suxeitos pasivos de delitos. “O destas edición, trátase, unha vez máis, dun tema de plena actualidade, onde o que pretendemos é dar voz á xente máis implicada na prevención, falando de delitos como o sexting, ociberbulling, o grooming, que é a suplantación da identidade dun adulto para conseguir contidos dun menor, ou sextorsión, dende o punto de vista, xurídico, preventivo e educativo, para o que se adicará un día a cada un”, segundo indicou a presidenta da asociación, quen agradeceu a colaboración do Concello, “que sempre axuda a difundir temas de interese actual”.
E indo ás XXX Xornadas Penitenciarias, que cada ano reúnen en Lugo a un cento de persoas, estas terán lugar por primeira vez ao longo de tres días, do 26 ao 28 de setembro, dende as 18:00 ás 21:30 horas o primeiro día, e a partir das 19:00 horas, o segundo e o terceiro no Salón de Actos do Pazo Provincial. Na xornada inaugural, logo da tradicional entrega das medallas Concepción Arenal terá lugar unha conferencia a cargo de José Antonio Vázquez Taín, Maxistrado do Xulgado do Penal nº2 da Coruña, co Decano do Colexio de Avogados de Lugo, Félix Mondelo como moderador. O segundo día, será a quenda da Maxistrada do Xulgado de Menores nº1 de Lugo, Sara Pendás e dos Responsábeis do Equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que centrarán as súas intervencións na prevención e loita contra os delitos informáticos, facendo especial referencia aos menores. O último día centrarase nas medidas de intervención eficaz para menores con risco, un relatorio a cargo do director de Alar Galicia, Fernando González.
Se non o fixeches xa, aínda estás a tempo de participar nos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información convocados polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia. A entrega dos mesmos terá lugar durante o transcurso da XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información.
As convocatorias abertas dos Premios COETG/AETG son:
Máis información e acceso ás convocatorias na web www.aetg.gal.
A data de recepción de candidaturas remata para todos os premios o luns 18 de xullo ás 9.00 horas. As solicitudes enviaranse ós correos electrónicos administracion@aetg.gal e administracion@coetg.gal.
A miúdo, os artigos que publicamos viran ao redor da actualidade, rumores e análises de aplicacións. Aínda que en ocasións, falar dunha experiencia de vida como a de Jordyn Castor resulta gratificante e énchenos de esperanzas.
Jordyn naceu prematuramente, con menos de 1 Kg de peso. Os médicos déronlle aos seus pais, poucas expectativas de vida. E debido ao seu nacemento prematuro, naceu cega. Os seus pais foron un factor importante para ensinarlle a superar todo tipo de obstáculos.
Traballando en Apple para mellorar a accesibilidade
A información que foi compartida nunha entrevista realizada por Mashable, cita que desde pequena estivo atraída pola informática, e foi grazas a esta que puido facerse un lugar no mundo da tecnoloxía. Ademais de ser un exemplo de superación, grazas aos seus coñecementos, axuda a outras persoas invidentes a mellorar a súa experiencia cos computadores.
Foi así que en 2015 únese ás filas de Apple como pasante, para axudar no desenvolvemento de "VoiceOver". Tras terminar a súa etapa como pasante, gañouse un lugar como enxeñeira no equipo de deseño da accesibilidade e a calidade de Apple.
A accesibilidade é un dos factores máis importantes que se consideran en Apple
Actualmente, o seu traballo céntrase en mellorar a accesibilidade para nenos invidentes, mediante o novo Swift Playground que permite ensinar de maneira divertida aos nenos a programar.
Sarah Herrlinger, Xerente Senior de Apple da política de accesibilidade, explica como a filosofía de Apple apunta a ofrecer ás persoas invidentes ou con diminución visual a posibilidade de utilizar a tecnoloxía sen necesidade de comprar accesorios adicionais.
Este esforzo por parte de Apple vese reflectido nos usuarios, e hai poucos días atrás recibiu un premio da "American Council of the Blind"s" pola súa continua dedicación á innovación baseada na inclusión dos usuarios invidentes.
Jordyn Castor, é un exemplo de superación e o seu traballo en Apple demostra o compromiso que a compañía ten cos seus usuarios.
Trátase dunha iniciativa ligada á tecnoloxía deseñada por dous enxeñeiros da Universidade de Zaragoza
Dous enxeñeiros da Universidade de Zaragoza, Alfonso Escriche e Carlos Vicente, son os creadores dunha aplicación móbil que fomenta a autonomía e a integración de maiores. O seu obxectivo é facilitar a vida destas persoas que, en moitos casos, "perden a súa autonomía non porque sexan incapaces de manter unha vida independente, senón polo medo tanto seu como das súas familias a que lles pase algo cando están soas", explica Alfonso Escriche. A dificultade para adaptarse a complexas tecnoloxías lévalles a quedar excluídos desta posibilidade.
É aí onde xorde CerQana, unha app creada para simplificar calquera smartphone, modificándoo e engadindo novas características para axudar ás familias ou responsables a velar pola súa seguridade de forma remota e, á vez, permiten usar un móbil a alguén que até ese momento non era capaz de utilizalo.
CerQana naceu a partir dunha experiencia persoal para axudar a unha persoa maior a estar comunicada coa súa familia, que ademais pasou de non atreverse a saír de casa a poder levar unha vida normal sen ningunha limitación. Pretendía ser unha mellora que cubrise as limitacións do tradicional botón de teleasistencia. A idea era estender fóra da súa casa a seguridade que este botón lle proporcionaba. O proxecto "chamou a atención dalgunhas fundacións e asociacións, que nos fixeron ver o potencial que tiña para distintos colectivos -conta Alfonso Escriche-, así que decidimos dedicarnos a tempo completo, desenvolvendo CerQana pensando en que resultase de axuda a cada un destes perfís".
Unha app adaptada a cada usuario
Alfonso Escriche e Carlos Vicente tiñan claro cando empezaron a desenvolver o seu proxecto que debían adaptar a tecnoloxía a cada persoa para simplificar o smartphone ao seu uso concreto, "desde non ter que interactuar para nada co teléfono e que CerQana descolgue automaticamente as chamadas do seu familiar e poña o sistema de mans libres até utilizalo como un smartphone habitual" destaca Carlos Vicente. Desde a súa idea de partida, a app ha ir engadindo características para, por exemplo, fomentar a organización a través de recordatorios, diferentes rutas, ou mesmo guiarlle de volta a casa.
Doutra banda, permite á familia ou responsables coñecer a súa localización en todo momento e recibir avisos en tempo real, entre outras cousas, se o usuario entra ou sae dunha zona perigosa ou segura, se se desvía dunha ruta habitual, ou sofre unha caída. "Isto fai que a persoa poida gozar dunha maior independencia e privacidade, ao garantir a súa seguridade sen a necesidade unha vixilancia constante", comenta Vicente.
CerQana é unha empresa social co claro obxectivo de ter un impacto positivo no benestar e a calidade de vida dos nosos maiores. Nunha sociedade na que a taxa de envellecemento incrementa cada ano a un ritmo alarmante, segundo a Comisión Europea, é de vital importancia aproveitar as vantaxes que a tecnoloxía pon á nosa disposición.
O sector de e-Health é un mercado crecente, que moverá máis 17.6B de euros en 2017 só en Europa, segundo datos da Unión Europea.
CerQana aposta por un modelo cunha versión gratuíta que cubra as necesidades fundamentais e unha versión de pago con características adicionais. "Cremos importante acompañar ao usuario en todo momento, solucionando as súas dúbidas e axudándolles a obter a mellor experiencia de CerQana", apunta Carlos Vicente, quen engade que o seu obxectivo, desde o principio, "foi presentar unha alternativa económica e que ademais de cubrir as súas necesidades fomente a súa calidade de vida".
Recoñecementos
CerQana recibiu varios premios e recoñecementos. Foi finalista na primeira edición dos Premios G5 Innova, proxecto máis innovador socialmente nos Premios ZAC e gañador do concurso de emprendimiento promovido pola escola de negocios IEBS. Ademais, foi seleccionado para o programa de aceleración de Plug and Play Spain. Actualmente foi seleccionado entre máis de 80 startups de toda Europa para participar no programa ScaleUp da Comisión Europea, e forma parte do programa Sity de Incubio e Agbar en Barcelona, que promove proxectos que melloran a calidade de vida dos cidadáns.
Por outra banda, foron relatores no XII Foro de Innovación Social en Zaragoza, no II International Forum for Social Innovation en Valencia e no Think Tank about Social Innovation en Cali, Colombia