main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/06/201610:00
A directora da Amtega, Mar Pereira, xunto co presidente de ATA Galicia, Rafael Granados Guillén, e Álvaro Viqueira Verea Técnico ATA, durante a xuntanza que mantiveron esta semana para formaliza a adhesión ao Plan
Santiago de Compostela

A Asociación de Traballadores por Conta Propia de Galicia adhírese ao Plan de Inclusión Dixital da Amtega

ATA Galicia, únese á rede de aliad@s dixitais do Plan para realizar actividades de alfabetización, formación e capacitación dixital dirixidas aos autónomos galegos

A Asociación de Traballadores por Conta Propia (ATA Galicia) vén de adherirse como aliado dixital ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, e comprométese a participar xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) na realización actividades dirixidas aos traballadores por conta propia para acadar a súa integración e aproveitamento da sociedade dixital.

Ao longo deste ano, deseñaranse e poranse en marcha diversas iniciativas formativas para acadar a alfabetización e capacitación dixital dos traballadores por conta propia, e lograr que poidan sacar o máximo aproveitamento que ofrecen as TIC no seu ámbito de traballo. En paralelo, ATA Galicia participará xunto coa Amtega nas xornadas de difusión de novas tendencias tecnolóxicas que se impulsen para a mellora da calidade de vida da cidadanía, así como na participación e colaboración con outros aliados dixitais para o desenvolvemento de proxectos de inclusión dixital.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 – Aliad@s Dixitais

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia para impulsar un novo modelo de inclusión dixital, que integre as accións para a alfabetización dixital con outras de capacitación dixital e de innovación social dixital participativa.

Esta estratexia estase a levar a cabo grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital, que permitir sumar capacidades, recursos e iniciativas para incrementar o alcance das medidas.

O pasado 29 de abril, publicouse a Resolución que permite que todas as entidades, empresas, asociacións, etc. interesadas en participar neste eido poden adherise coma aliados dixitais a través dun proceso telemático na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

ATA Galicia

A Asociación de traballadores por conta propia, forma parte da Federación Nacional de Traballadores Autónomos ATA que leva dúas décadas defendendo e representando ao traballador autónomo e no ámbito nacional está integrada por máis de 450.000 autónomos.

En Galicia están presentes en A Coruña, Lugo, Vigo, Ourense e tamén en Ponteareas e Baio onde prestan apoio e servizos de asesoría xurídica, formación continua, acordos con bancos, caixas e compañías de telefonía móbil, prevención de riscos laborais e outros servizos de apoio que se precisen aos traballadores por conta propia e facendo especial fincapé nos colectivos máis vulnerables (mozos e mozas, mulleres e inmigrantes) que deciden incorporarse ao mundo laboral a través da súa propia iniciativa. http://www.ata.es/.

22/06/201609:09
Proxecto “Comunícome con ritmo”.
Santiago de Compostela

Coñece o proxecto “Comunícome con ritmo” a través da nova videomemoria

Con el apoyo de Fundación Vodafone España y Confederación ASPACE, ASPACE Barcelona y Fundació El Maresme ponen música y ritmo a las inquietudes de las personas con parálisis cerebral.

O proxecto "Comunícome con ritmo" premiado no V Concurso Nacional de Proxectos en Tecnoloxías de Apoio e Comunicación (2015), contou cun gran número de persoas que utilizan sistemas aumentativos e alternativos de comunicación.

Partindo da súa motivación pola música, o proxecto consiste en que a partir dunha canción que eles elixen, adaptan a letra para explicar cuestións que lles son propias. Desta maneira, a música e a forma en que se interprete convértense nun medio ideal para expresarse.

O obxectivo do proxecto foi facer protagonistas aos nenos e nenas aumentando a súa autoestima e creatividade, facéndolles vivir novas experiencias fomentando as habilidades de comunicación. Contou con 169 participantes.

Coñece as súas experiencias destes meses a través da videomemoria: https://www.youtube.com/watch?v=10sSbRLT77w

22/06/201608:30
Premiados na quinta edición do certame da USC. Imaxe de Santi Alvite.
Santiago de Compostela

Unha tecnoloxía para axudar ás persoas con problemas de memoria, premiada pola USC

Finalmente entregáronse este luns os premios (cinco) da quinta edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC que convoca Uniemprende. Entre as ideas recoñecidas figura unha ferramenta TIC: un asistente persoal para persoas con problemas de memoria. Veu da man do estudante da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Ángel Rodríguez Cerdeira, que achegou para a súa proposta innovadora unha tecnoloxía directamente encamiñada a facilitar o día a día de persoas afectadas por doenzas como o alzheimer ou a demencia.

O sistema ideado por Rodríguez Cerdeira estaría integrado nun reloxo intelixente (smartwatch) e encargaríase de proporcionar ao usuario recordatorios sobre as cousas que ten que facer como, por exemplo, tomar os medicamentos; responder preguntas básicas que se lle realicen ou indicar o camiño de volta a casa.

Tamén se recoñeceu o empuxe innovador dun corrector adaptativo de astigmatismo (proxecto de Eva Acosta e Justo Arines, de Óptica e Optometría), un sistema de secado de sangue en matadoiros (de José Manuel Magide e Hiram Varela, da EPS de Lugo), un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura (o proxecto Greenaquaculture de Silvia Calaza Mosquera, Cristina Balagones Domínguez e Gregorio Rivadeneira Torres) e unha ferramenta para o fomento da creatividade fóra do contexto escolar (Creative Loading, das psicólogas educativas Noelia Villaverde e Sara Vidal).

Das 147 ideas aceptadas nesta edición, o 49 % foron presentadas por mulleres e o 51% por homes, na súa meirande parte estudantes. Por áreas de coñecemento, destaca a de ciencias xurídicas e sociais, que agrupa o 50% das ideas presentadas, seguida polas ensinanzas técnicas co 18%, as ciencias experimentais e da saúde cun 12% e finalmente ciencias humanas cun 8%.

A entrega de premios celebrouse este luns no Paraninfo da Universidade nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; a secretaria xeral de Emprego, Covandonga Toca Carús; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.

20/06/201610:02
Mans dunha persoa maior sostendo un smartphone.
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone e a Amtega poñen en marcha unha nova edición da iniciativa "Aprende a usar o smartphone", dirixida ás persoas maiores

  • Dezanove localidades de Galicia con aula CeMIT ofertan preto de 300 prazas para introducir ás persoas maiores no manexo dos teléfonos intelixentes
  • Non é necesario dispor de terminal móbil para poder acceder a estes cursos
  • A actividade continuará ata finais de novembro percorrendo aulas das catro provincias galegas
  • Pódense consultar as datas e formalizar a inscrición, de balde, na web da rede CeMIT

A Fundación Vodafone vén de formalizar a súa adhesión como aliado dixital ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Como resultado desta alianza, ambas entidades puxeron en marcha este mes a segunda edición do  proxecto “Aprende a usar o smartphone” para introducir ás persoas maiores no manexo dos teléfonos móbiles intelixentes.

A actividade, que se prolongará ata novembro, chegará a 19 aulas da Rede que ofertan preto de 300 prazas. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo. Ademais, os participantes recibirán unhas guías en papel que recollerán dunha forma visual sinxela as operacións básicas (acender, chamar, gardar números, etc) así como exemplos de aplicacións básicas e de interese este colectivo.

As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.

As vantaxes que ofrece o uso destes teléfonos para as persoas maiores son moitas en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…); coa posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…); con novas posibilidades de relacionarse cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…); cun acceso máis rápido a información (noticias e prensa on-line…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde),  en calquera lugar e a calquera hora.

Localidades e inscrición
As persoas interesadas en asistir aos cursos poden consultar as datas e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.gal), onde tamén atoparán os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver ás dúbidas que poidan xurdir.

As 19 localidades que ofertan estas actividades son: A Coruña, Cerceda, Ortigueira, As Pontes, Santa Comba, Sigüeiro - Oroso, Vimianzo, Barreiros, Carballedo, Sarria, Manzaneda, Verín, Xunqueira de Ambía, Cuntis, A Guarda, Ponteareas, O Porriño, Valga e Vigo.

Fundación Vodafone
A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos.

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliados Dixitais
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia da Xunta de Galicia para impulsar un novo modelo de inclusión dixital, que integra as accións para a alfabetización dixital con outras que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC, camiñando cara a innovación social dixital.

A Amtega está a desenvolver as iniciativas desta estratexia en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, os aliados dixitais do Plan. O pasado 29 de abril, publicouse a Resolución que permite que todas as entidades, empresas, asociacións, etc interesadas en participar neste eido poidan adherise coma aliados dixitais a través dun proceso telemático na sede electrónica da Xunta de Galicia.

20/06/201608:24
Logo Asociación de Enxeneiros de Telecomunicación de Galicia
Santiago de Compostela

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia convocan unha nova edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2016. Estas distincións foron instituídas coa finalidade de fomentar o apoio e a promoción do sector TIC en Galicia e a súa entrega terá lugar durante o trascurso da XXI Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información que terá lugar o vindeiro 30 de setembro de 2016 no Gran Hotel da Toxa, e que, este ano, estará adicada á Transformación dixital. O desafío 4.0.

As convocatorias abertas dos Premios COETG/AETG son:

  • Premio Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2016. Patrocinado pola Fundación Ingeniero Gerardo García Campos e dotado con 6.000 euros, este premio pretende dar un impulso económico e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina ao concederse a un proxecto empresarial emerxente no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
  • Premio GRADIANT á Mellor Tese Doutoral aplicada ao Sector TIC 2016. Patrocinado pola Fundación Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT) e dotado con 2.000 euros, con este premio preténdese fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.
  • Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2016. En colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) este premio é de carácter honorífico e está destinado a recoñecer os mellores proxectos no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación que contribúan e aporten beneficios á sociedade. Preténdese con este premio distinguir ás iniciativas de innovación social de base tecnolóxica que desenvolvan solucións TIC no campo da accesibilidade e as tecnoloxías da información e a comunicación apoiando a igualdade de oportunidades, a inclusión dixital e/ou dean resposta ás demandas sociais dirixidas á mellora da saúde, da autonomía persoal e do benestar e a calidade de vida.
  • Premio INEO ao Produto ou Servizo máis Innovador. Patrocinado pola Asociación de Empresas de Tecnología de Galicia (INEO) e de carácter honorífico, está destinado a recoñecer ás empresas do sector da electrónica e TIC que estean a contribuír a modernización e a innovación na economía galega.

Toda a información e acceso ás bases das convocatorias de todos os premios na web www.aetg.gal.

A data de recepción de candidaturas remata para todos os premios o luns 18 de xullo de 2016 ás 09:00 horas. As solicitudes enviaranse aos correos electrónicos administracion@aetg.gal e administracion@coetg.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS