main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/02/201708:23
Cartel do programa.
Santiago de Compostela

COCEMFE inicia un programa nacional de empoderamento e integración sociolaboral para mulleres con discapacidade

  • Esta iniciativa desenvólvese a nivel estatal grazas ao convenio establecido entre a Obra Social ”la Caixa” e COCEMFE e participarán preto de 500 mulleres con discapacidade.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) pon en marcha o “Programa de Empoderamento e Activación para o Emprego” para mulleres con discapacidade, iniciativa que se desenvolve a nivel estatal grazas ao convenio establecido entre a entidade e a Obra Social ”la Caixa”.

O obxectivo principal do programa é fomentar o empoderamento e potenciar a integración sociolaboral das mulleres con discapacidade. A partir da intervención individual e grupal e de itinerarios personalizados de inserción sociolaboral, preténdese cubrir a necesidade de emponderar ás mulleres con discapacidade como proceso que fomenta a súa autonomía social e económica e que serve como motor para a activación para o emprego naquelas mulleres con discapacidade en desemprego de longa duración e/ou en situación de maior vulnerabilidade.

Desta forma a través deste programa, no que participarán preto de 500 mulleres con discapacidade de oito provincias do país, realizarase un itinerario personalizado de inserción sociolaboral; sesións grupais de apoio psicosocial; coaching grupal orientado ás habilidades prelaborales e alfabetización tecnolóxica e seguimento a nivel individual para a consecución de obxectivos e metas específicas expostas con cada beneficiaria.

Ademais, traballarase de forma coordinada co Programa Incorpora da Obra Social ”la Caixa”, no que tamén colabora COCEMFE e que ofrecerá orientación laboral e intermediación para o emprego ás beneficiarias do programa en procura activa de emprego.

Transversalmente levaranse a cabo accións de formación e/ou sensibilización en materia de xénero e discapacidade enfocadas á centralidade do traballo como perspectiva fundamental para o empoderamento e independencia da muller con discapacidade.

Esta iniciativa vaise desenvolver en 2017 nas provincias de A Coruña, Alacante, Barcelona, Cádiz, Huesca, Madrid, Navarra e Teruel. As mulleres con discapacidade interesadas no programa, poden poñerse en contacto coa coordinadora do mesmo, Isabel Jiménez, a través do correo electrónico igualdad@cocemfe.es e o teléfono 917443600.

A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) é unha Organización non Gobernamental sen ánimo de lucro que se constituíu en 1980. O seu obxectivo é aglutinar, fortalecer, formar e coordinar os esforzos e actividades das entidades que traballan a favor das persoas con discapacidade física e orgánica para defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida. A Entidade congrega a máis de 1.600 organizacións en todo o país divididas en Confederacións Autonómicas, Entidades Estatais e Federacións Provinciais que á súa vez, agrupan ás diferentes asociacións locais.

Máis información na Web Oficial de COCEMFE.

21/02/201708:17
Cartel do evento.
Vigo

Colle corpo a cuarta edición de HackforGood, de novo con sede na UVigo

A cuarta edición do HackforGood recunca en Vigo entre o 9 e o 11 de marzo. Será, unha vez máis, un espazo para a colaboración, o enxeño e a creatividade ao servizo do ben común e as causas en solidarias en calquera das súas moitas manifestacións (de aí precisamente o de “hack for good”, algo así como “hackear en positivo”). Serán, en palabras da Universidade de Vigo (entidade co-organizadora da vertente galega de HackforGood), tres días de traballo intensivo, tanto de deseño como de programación. O evento chega á súa quinta edición, promovido por Telefónica a nivel estatal.

A carón da operadora de telecomunicacións atópanse a ETSI de Telecomunicación da Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a start-up MashmeTV, co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre elas, a da Universidade de Vigo. O evento celebrarase de maneira conxunta en 15 sedes de todo o Estado e conta coa participación activa de máis de 20 universidades. “A aposta é pola innovación social”, explican dende a UVigo, salientando que por este motivo os organizadores procuran entre o alumnado “respostas, creatividade, I+D, deseño, etc. que se convertan en aplicacións tecnolóxicas que acheguen solucións a demandas sociais, a unha serie de retos que pode presentar calquera persoa”. A UVigo tamén lembra que “todos os perfís son benvidos, xa sexan técnico, deseñador, emprendedor, psicólogo, educador, sociólogo, etc.”.

Durante os tres días de duración deste evento tecnolóxico, cada grupo creará e deseñará a súa propia resposta a un dos retos propostos (o prazo para a inscrición aínda está aberto). A previsión é chegar aos 100 inscritos, indo alén das cifras da pasada edición, na que xa se dobraron as de 2015. Na pasada edición, entre toda as sedes, participaron 1.000 hackers, presentáronse 300 retos e desenvolvéronse máis de 120 proxectos nas 14 sedes repartidas ao longo da xeografía española.

O galardón principal do certame, o Premio HackForGood Global, ofrece 8000 euros ao equipo dunha das 15 sedes que desenvolva a mellor solución a un dos retos propostos, atendendo a criterios como a creatividade e innovación da solución proposta, o grao de acabado da mesma e a súa pegada social. O gañador elixirase entre os tres gañadores de cada unha das fases locais e outorgarase un segundo premio de 3.000 e outro terceiro de 1.000. Tamén a nivel global concederanse os premios Think Big (un en cada sede) e o Premio Telefónica Open Future, así como varios galardóns formativos. Ademais entregaranse premios temáticos á Innovación Social, á Innovación Tecnolóxica e ao Desenvolvemento Sostible, dotados cada un con 500 euros. De maneira complementaria ao hackathon, os participantes poderán participar en actividades formativas e relatorios tanto dende Vigo como dende outras sedes vía Internet. O venres 10 teremos a oportunidade de escoitar a Chema Alonso, actualmente CDO (Chief Data Officer) de Telefónica, que intervirá dende Madrid para falar sobre información masiva e o impacto das tecnoloxías da información na sociedade. O día antes, o xoves, abrirase o HackforGood 2017 cunha conferencia titulada Videoxogos, da idea á pantalla, unha breve viaxe polo deseño, desenvolvemento e distribución dun produto de entretemento interactivo que impartirá a profesora da Universidade de Vigo Beatriz Legeren e o produtor de videoxogos e socio director da empresa Gato Salvaje, Fernando Prieto.

21/02/201708:09
O equipo gañador da competición, que participará na proba estatal en datas vindeiras.
Ferrol

A terceira edición First Lego League Galicia foi un éxito en participación e creatividade

Finalmente celebrouse este sábado no Auditorio de Ferrol a terceira edición da proba First Lego League Galicia, unha cita que en palabras dos seus organizadores “foi un éxito rotundo en todos os sentidos”, sobre todo a nivel de calidade e creatividade de proxectos científicos desenvolvidos e, tamén, a nivel de valores transmitidos a través deses proxectos. Por outra banda, tamén se conseguiu un fito en materia da asistencia: pola competición pasaron preto de 900 persoas (superándose amplamente as expectativas). No que atinxe a participantes, houbo 23 equipos, 161 rapaces (111 na First Lego League -de 10 a 16 anos- e 50 na First Lego League Jr. -de 6 a 10 anos).

Os organizadores (A Universidade da Coruña, a través da Escola Universitaria Politécnica, a Facultade de Informática e a Escola Politécnica Superior de Ferrol) amosaron a súa satisfacción por ter acadado estas cifras. E, tamén, por asistir ao divertimento dos máis cativos e ao abrollar de todas as súas grandes capacidades creativas e solidarias (de feito o leit motiv da proba foi a defensa e protección dos animais a través do desafío Animal Allies). Os organizadores tamén salientaron o traballo despregado polos alumnos, profesores e familias. Os galardoados foron os seguintes:

  • Premio ao Comportamento do Robot: Equipo Eco Keepers (CPI A Xunqueira).
  • Premio ao Deseño do Robot: Equipo AnonymousBot (IES de Fene).
  • Premio ao Proxecto Científico: Equipo Eco Keepers (CPI A Xunqueira).
  • Premio aos Valores First Lego League: Equipo CasanovasQuad (IES Sofía Casanova).
  • Premio Fundación Princesa de Girona ao Emprendemento: The Shark Byte (IES Ortigueira).
  • Premio Lego Education Robotix ás novas promesas: Equipo Infinity (Colexio Montespiño).
  • Premio Global Innovation Award: Equipo Fire Detectors (CPI A Xunqueira).

E o primeiro premio, que ademais dá acceso para a gran final First Lego League España que se celebrará o 18 de marzo de 2017 en Logroño foi para o equipo Fire Detectors. O desafío que tiveron que resolver os equipos recibía o nome de Animal Allies, debían poñerse na pel dos animais para “descubrir que se consigue cando nos axudamos os uns aos outros”.

Participaron alumnos de colexios de toda a comunidade (Ferrol, Fene, Valdoviño, Ortigueira, San Sadurniño, A Coruña, Culleredo, Ourense...).

Unha historia de compromiso compartido
First Lego League está impulsado en España, desde o ano 2006, por Fundación Scientia que en colaboración con universidades, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación (os socios First Lego League) organizan o programa por todo o territorio. A evolución do programa ao longo destes 11 anos foi en crecemento, sendo hoxe España o país de Europa con maior participación en número de equipos.

20/02/201712:43
Logo Sede Electrónica Xunta.
Santiago de Compostela

A Xunta activa o servizo de emisión de certificados a través da súa sede electrónica

  • Xa están dispoñibles o título de familia numerosa e o certificado de discapacidade
  • A ampliación de servizos da sede electrónica é unha das esixencias da lei 39/2015, que establece as directrices para garantir unha Administración dixital

A Xunta activa o servizo de emisión de certificados a través da súa sede electrónica, segundo se recolle nunha resolución conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), publicada hoxe no DOG. A partir de mañá xa será posible obter o título de familia numerosa e o certificado de discapacidade de xeito automatizado a través da sede, sen necesidade de desprazarse ata as unidades administrativas correspondentes.

Estes certificados pódense obter en formato electrónico desde calquera lugar e en calquera momento, no apartado "Obtención de certificados" da sede, https://sede.xunta.gal/obtencion-de-certificados, empregando calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).  

Paulatinamente, iranse incorporando máis certificados co obxectivo de facilitar e axilizar as xestións administrativas e reducir tempos e custos. Na actualidade cidadanía e empresas poden obter diversos certificados da Administración en soporte papel, o que implica un dobre custo: o do desprazamento para o cidadán e o de elaboración e emisión do documento para a Administración.

Novos servizos na sede electrónica

A ampliación de servizos da sede electrónica é unha das esixencias da lei 39/2015, que entrou en vigor o pasado mes de outubro, e que establece as obrigas para garantir unha Administración dixital.

A sede electrónica da Xunta entrou en funcionamento en 2010 e o pasado ano rexistrou  máis de 89.000 xestións online. Actualmente ten dispoñibles 1.244 trámites así como a  consulta de todos os procedementos administrativos e os requisitos de tramitación. O pasado ano habilitouse o acceso á sede co Servizo Chave 365, que substitúe o uso de certificados electrónicos por un sistema de claves concertadas no móbil. dende a súa posta en marcha hai xa 13.700 usuarios do sistema rexistrados.

As pezas da Administración Dixital en marcha

Galicia ten en marcha parte das medidas que esixe a leis 30/2015  como o sistema de notificacións electrónicas  Notific@ que, unha vez completada a súa implantación, permitirá un aforro de 2 millóns de euros fronte á notificación en papel.

Ademais, a Xunta conta xa desde 2015 coa Plataforma de Interoperabilidade Pasaxe!,  con preto de 40 certificados dispoñibles, que o pasado ano  evitou aos cidadáns a presentación de   millóns de documentos que xa obraban en poder da Administración. A entrada en funcionamento de novos servizos na sede electrónica como a obtención de certificados, o Arquivo Electrónico ou o inicio da dixitalización dos Rexistros son outras das medidas xa en marcha.

Plan de Goberno e Administración Dixital 2020

O desenvolvemento destas actuacións está enmarcado o Plan de Goberno e Administracións Dixital 2020, que a Xunta puxo en marcha en 2015 para acadar unha administración accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade e eficiente no uso dos recursos públicos e que ofrece. Unha vez completado, o Plan permitirá un aforro estimado de máis de 41 millóns de euros.

 

20/02/201708:14
Firma dol convenio entre a Fundación Orange e a UAM.
Madrid

A Fundación Orange lanza un Curso de Tecnoloxía e Autismo en colaboración coa Universidade Autónoma de Madrid

  • Pretende proporcionar unha guía de utilización da tecnoloxía para persoas con trastornos do espectro do autismo.

A Fundación Orange e a Universidade Autónoma de Madrid poñen en marcha o curso online e gratuíto Aplicacións móbiles e outras tecnoloxías para persoas con trastornos do espectro do autismo (TEA), que pretende proporcionar unha guía de utilización da tecnoloxía para persoas con autismo que cada vez demandan máis profesionais, familias e as propias persoas con TEA.

O curso desenvolverase desde o 6 de marzo durante 16 semanas lectivas (as prazas cubríronse en apenas tres horas, o que mostra o gran interese suscitado). Os participantes que superen o curso obterán un certificado de realización emitido pola Universidade Autónoma de Madrid e a Fundación Orange.

O auxe nos últimos anos dos smartphones e das tabletas significou unha explosión do número de aplicacións desenvolvidas pensando nas persoas con TEA. Eses dispositivos, coa súa interface gráfica e táctil, a súa portabilidade, etc., pasaron a ser grandes compañeiros de moitas persoas con autismo, e atraeron o interese de moitos pais, profesionais, empresas e entidades en crear apps que sirvan a este colectivo. Numerosos estudos de investigación xa empezaron a validar a efectividade do emprego destas ferramentas e, como exemplo, celebráronse xa dúas edicións do congreso internacional ITASD sobre tecnoloxías e autismo, que supuxeron unha referencia na análise deste novo ecosistema. Pero o “éxito” das apps no campo dos TEA expuxo, á súa vez novos desafíos, entre eles cal é a mellor maneira de utilizar todas estas solucións dixitais e tecnoloxías no ámbito educativo, profesional, familiar.

É neste escenario no que xorde a necesidade deste curso, dirixido a profesionais de diversos ámbitos relacionados cos TEA (intervención, educación, asistencia…), profesionais do ámbito da tecnoloxía (como desenvolvedores de software), estudantes deses mesmos ámbitos, familiares de persoas con TEA ou as propias persoas con TEA.

Cun contido teórico e práctico, o curso consta de 16 unidades que abarcan desde conceptos do uso de dispositivos móbiles ata a investigación no ámbito da tecnoloxía para os TEA, con temáticas como, por exemplo: Comunicación alternativa e aumentativa, Xestión do tempo, das actividades e da contorna, Habilidades socio-emocionais, Lecer ou Linguaxe e lectoescritura. Respecto das tecnoloxías, este curso céntrase basicamente en apps, dado o amplo volume de aplicacións existentes, pero sen esquecer outras plataformas como programas para computadores, páxinas web de referencia, pizarras táctiles... nin tampouco os máis novos traballos en robótica ou dispositivos wearables.

Os materiais foron desenvolvidos por un equipo de 25 profesionais expertos en autismo e tecnoloxía e provintes de distintos ámbitos (formadores, logopedas, terapeutas, educadores, informáticos, pais, etc.), os cales foron seleccionados en atención ao seu recoñecido prestixio neste ámbito. En 2016 realizouse unha primeira edición piloto, cun grupo de 50 alumnos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS