
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A tecnoloxía é unha porta de entrada á igualdade de todas as persoas en tanto que favorece o acceso a formación, comunicación, lecer ou información a calquera persoa sexan cales sexan as súas capacidades, necesidades ou apoios. Existen dispositivos adaptados, como móbiles ou tabletas, software deseñado para necesidades distintas ou aplicacións específicas para calquera discapacidade, ademais de diversas ferramentas online accesibles para todas as persoas ou mesmo webs específicas para a procura de emprego para persoas con discapacidade. De feito, a conexión a Internet pode chegar a ser a mellor tecnoloxía para garantir as oportunidades e recursos que necesiten as persoas con discapacidade.
En canto ao uso para nenas e nenos con discapacidade cada vez son máis as empresas que traballan por ofrecer produtos específicos para que os máis pequenos aprendan mellor e se comuníquen. En Discapnet pódense atopar guías, consellos e outros recursos para a accesibilidade na comunicación.
No ámbito da discapacidade intelectual pódense atopar diversas axudas en formato de apps móbiles centradas tanto nas competencias e habilidades a desenvolver, como na idade e o tipo de discapacidade. Para nenas e nenos que teñan dificultades de expresión oral ou de comprensión é moi interesante o uso de pictogramas como os utilizados en Pictoaplicaciones, un conxunto de apps que tamén inclúe unha axenda para os máis pequenos. Picaa é unha aplicación que permite a docentes, pero tamén a mamás e papás, crear e personalizar actividades didácticas. Para a comunicación e expresión de sentimentos, circunstancias, peticións… daqueles peques con discapacidade a app DIO permite a creación de frases unidas a pictogramas para que poidan identificalas e utilizalas cando as necesiten. Kimi pode axudar a comprender os hábitos e costumes sociais. Kimi é un extraterrestre vido de Marte que está a aprender a comportarse na Terra e os xogadores deben guialo. Existen miles de aplicacións para nenas e nenos con discapacidade intelectual polo que é habitual atopar diversos recompilatorios explicativos que guíen ás usuarias e usuarios, como este de Chaval.es, polo que é importante seguir algúns consellos para atopar a app que mellor se adapte ás necesidades que vos explicaremos no próximo artigo.
Autora: Diana González, experta en Identidade Dixital e colaboradora de Dialogando
Aínda que o seu concepto pode parecer sinxelo, a creación de produtos innovadores supón todo un reto, e un destes proxectos que leva anos xestándose con grande atención por parte do colectivo de persoas con deficiencias visuais severas ve por fin os seus froitos e para o mes que vén chegará ás tendas británicas Dot, un smartwatch cunha pantalla Braille, de xeito que non está baseado só en información sonora como outros produtos para superar os problemas de visión.
O Dot é un reloxo de pulso bastante tradicional, con esfera redonda e catro elementos con seis bolas cada un que permiten que o usuario poida ler de xeito táctil, contando tamén cun par de botóns laterais para poder realizar respostas simples e outras accións.
Esta creación chega dunha startup surcoreana que botou a andar en 2014, e tardaron tanto en facer o produto realidade ante as dificultades para conseguir que o reloxo sexa o suficientemente resistente para un produto de uso cotián, especialmente nas súas partes móbiles, xa que resultou moi complexo protexer eses elementos mantendo a súa funcionalidade táctil.
A compañía contou cuns 140.000 mecenas que apoiaron o seu proxecto, e polo momento confían en entregar 100.000 unidades durante 2017, e as 40.000 unidades restantes durante o ano que vén, de xeito que a súa comercialización en tendas será inicialmente anecdótica, pois limitarase a un milleiro de unidades que poderanse adquirir en Londres a un prezo de 320 dólares.
Durante 2018 tamén pretenden sacar ao mercado o Dot Pad, unha especie de lector electrónico tipo Kindle que están a desenvolver coa axuda de Google, que incluso amosará formas e imaxes a través de botóns táctiles, buscando resultar útil para usos educativos que vaian dende o ensino de matemáticas até de arte. O goberno de Quenia tamén chegou a un acordo para facerse con 8.000 unidades do Dot Mini, un lector Braille con finalidade educativa que custaría uns 200 dólares. En definitiva, que a compañía está a especializarse na creacións de solucións interactivas baseadas na escritura Braille, o que pode resultar de grande utilidade para millóns de persoas con eivas visuais.
Esta foi unha mañá moi especial na Casa Galega da Cultura en Vigo. Alí, DOWN VIGO e a Fundación Vodafone España presentaron ‘EnREDa2', unha iniciativa cuxo obxectivo é poñer en contacto a empresarios da zona e mozos con síndrome de Down co obxectivo de que dialoguen e intercambien opinións sobre os beneficios que ten a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, tanto para este colectivo como para o ámbito empresarial.
Esta acción de networking, que xurdiu a partir do programa de formación prelaboral ‘Yo me prep@ro' impulsado por ambas as entidades, permite que os empresarios poidan coñecer de preto a persoas con esta discapacidade intelectual candidatas a incorporarse como traballadores nas súas empresas. A interacción entre empregadores e posibles empregados serviu para que o sector empresarial derrube prexuízos e falsos estereotipos que historicamente se relacionaron coa síndrome de Down.
E é que, a pesar de contar coa formación adecuada e ser traballadores constantes, metódicos e organizados, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down puido demostrar a súa valía; por iso é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial. Así, grazas a 'EnREDa2', ‘e mediante a conversación e a formulación de diversos xogos, os empresarios puideron coñecer de primeira man as calidades que estes mozos atesouran, ademais de apreciar os seus valores e as capacidades para o traballo que posúen.
Para presentar esta iniciativa estiveron presentes o Concelleiro de Emprego, Santos Héctor Rodríguez Díaz; a Xefa Territorial de Vigo de Política Social, Marta Iglesias Bueno; Pablo Sevilla Valcárcel e Juan González Ramírez, Responsable de Administración electrónica e Xefe dos Servizos Centrais da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo, respectivamente; Noela Avendaño, traballadora da Xerencia Municipal de Urbanismo de Vigo; Beatriz López Palacios, Xefa de Caixas de Carrefour Gran Vía de Vigo; Lucía Vila, traballadora de Carrefour Gran Vía de Vigo; o Executivo de Administracións Públicas en Galicia de Vodafone España, Jesús Sueiro; e a presidenta de DOWN VIGO, Carmen López.
O Concelleiro de Emprego, Santos Héctor, fixo un repaso a diversos programas municipais cos que o Concello fomenta a contratación do colectivo, e puxo en valor o seu “gran aproveitamento”.
Pola súa banda, a Xefa Territorial de Política Social, Marta Iglesias, explicou algúns dos programas de emprego da Xunta, e comentou que “dá gusto traballar con xente que ten tanta ilusión como vós”.
O Executivo de Administracións Públicas en Galicia de Vodafone España, Jesús Sueiro, repasou os tres anos que Fundación Vodafone España leva apoiando este proxecto de formación en novas tecnoloxías, e comentou que ademais do colectivo de persoas con discapacidade intelectual, tamén axuda a superar a fenda dixital ás persoas maiores.
O programa "Yo me prep@ro"
O obxectivo do proxecto ‘Yo me prep@ro' é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que os condiciona enormemente á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.
Este ano, na nosa cidade están a recibir esta formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 16 usuarios de Down Vigo, que adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado.
Estes alumnos de Vigo sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. En total serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.
Tras o éxito de anteriores edicións, o proxecto afronta este ano a súa terceira edición a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas. Desde a súa posta en marcha en 2014, e a pesar das complicadas condicións do mercado de traballo, este programa conseguiu 150 contratos para alumnos con síndrome de Down.
Como complemento a esta edición, os 480 mozos que participaron nas dúas edicións anteriores do proxecto recibirán un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vai ter un máis que completo semestre en materia de formación. Serán, segundo vén de facer saber a entidade, un total de 43 cursos e xornadas para a primeira metade de 2017, destinadas todas estas actividades a fomentar a actualización das habilidades profesionais dos traballadores das empresas da súa área cameral. Unha vez máis, as TIC serán un eixe fundamental das accións da Cámera. Haberá obradoiros de informática e novas tecnoloxías, de contabilidade financeira e manexo de redes sociais para a xestión da marca persoal, de fiscalidade, de recursos humanos e adestramento, de comercio e distribución. Podemos ver a listaxe completa de obradoiros e xornadas nunha ligazón específica da páxina da entidade.
En materia tecnolóxico-dixital, teremos no arranque do semestre un curso de Excel financeiro, outro de contabilidade financeira informatizada e outro de redes sociais para a xestión de marca. Máis confirmaranse máis detalle sobre as restantes actividades TIC. Sobre estes e outros cursos a Cámara lembra que as empresas interesadas poderán solicitar formación in situ, deseñada pola Cámara segundo as súas necesidades. Ademais, a entidade continúa coa política de descontos para os asociados, cun 20% de desconto, e tamén un 10% para matrículas anticipadas ata dez días antes do inicio da actividade formativa.
Reconto de 2016
A Cámara de Comercio lembrou tamén que o pasado ano programou e levou a cabo un total de 84 actividades formativas (36 cursos e 48 xornadas), que contaron coa asistencia de 1.879 alumnos. A temática centrouse, tamén, en formación sobre informática e novas tecnoloxías, economía e finanzas, recursos humanos e comercio e distribución.
Ademais, en 2016 a Cámara desenvolveu o Plan de apoio á competitividade do comercio minorista, financiado por fondos FEDER da Unión Europeo e promovido polo Ministerio de Economía e a Cámara de España para executar liñas de actuación orientadas á innovación e competitividade no pequeño comercio. A entidade realizou dezaséis diagnósticos de innovación comercial e organizou catro obradoiros sobre o impulso da tenda online e a posición en redes sociais en Melide, Santa Comba e Ribeira, e un taller de mercadotecnia en Santiago.
Xa vai quedando pouco para o comezo, a partir do 6 de marzo na FIC da Coruña, do congreso María Pita DefCon, unha cita sobre novas tecnoloxías moi envorcada nas temáticas da seguridade e da fenda de xénero e na que se prevé a participación de máis de medio milleiro de persoas. Segundo informa a organización, logo da apertura dos rexistros para participarmos como colaboradores, voluntarios e relatores, agora habilitouse a canle para inscribir aos asistentes en xeral. Lembrar que o xermolo de María Pita DefCon está na necesidade de seguir debatendo e intercambiando coñecemento avanzado, dende a nosa terra, sobre xeitos de garantir as mellores condicións para os datos e as comunicacións no dixital.
Entre os relatores confirmados atópanse Pedro Sánchez Cordero (Deloitte CyberSOC), Pablo González e Yaiza Rubio (ambos de ElevenPaths), Miriam Martínez (investigadora e docente da UAH), Luis Jurado (Perseus & RC Abogados), Alfonso Muñoz (Criptored), Miguel Hernández (i4s), Lilian Adkinson e Pablo Dago (ambos do Centro Tecnolóxico Gradiant), Lorenzo Martínez (Securízame), Víctor Salgado (Pintos & Salgado Abogados), David Marugán (Acuntia), José Mato (Mobgen Accenture Digital), Kenneth Peiruza (PUE), Pablo Mariño (FIC), Alberto Maroto (FIC), Enrique Andrade (FIC), David Méndez (FIC), Diego Hermida (FIC), Francisco Nóvoa (Grupo Academia Postal), Uxío Fuentefría (Vippter), Pilar Vila (Forensic & Security), Jacobo Rodríguez (Mobgen) e Fernando Villar (formador TIC). Detrás deste evento, na organización, atópase un grupo de seareiros do hacking ético: David Albela, Uxío Fuentefría Oróns, Juan José González Cid, Raúl Oróns, Alejo Pacín Jul, Jesús Pérez Rubio, Raúl Fernando Rodríguez Rubio, Daniel Somoza, Fernando Suárez Lorenzo, José Manuel Vázquez Naya e María Pilar Vila Avendaño. Ademais o equipo impulsor deste importante evento compleméntase coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Rnasa Imedir, así como de múltiples entidades (públicas e privadas) do mundo TIC.
A cita desenvolverase entre o 6 e o 12 de marzo de 2017. O obxectivo, en palabras dos seus responsables, é dar forma ao “evento máis importante a nivel galego sobre seguridade informática e reivindicación da muller no plano tecnolóxico”. O programa artellarase nun cumprido feixe de charlas, mesas redondas, obradoiros e concursos ao longo de toda unha semana.