main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/03/201708:26
Representación dun chip nunha placa co texto VIII enriba.
Santiago de Compostela

O CPEIG convoca o Premio Fin de Carreira cunha dotación económica de mil euros

  • Os tres finalistas, seleccionados por unha comisión experta, beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convoca a oitava edición do Premio Proxecto Fin de Carreira, dotado con mil euros. O galardón quere ser un estímulo para os estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática. 

Tal e como se recolle nas bases, poden concorrer ao premio todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros que presentaran nunha universidade galega nos anos 2015, 2016 e 2017 o proxecto fin de carreira de Enxeñaría en Informática, traballo fin de máster de Enxeñaría Informática ou calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión. 

Aqueles estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa  (ficha resumo do proxecto, resumo  e memoria completa do mesmo) ata o día 10 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.gal. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles no portal www.cpeig.gal. 

Mediante a organización deste premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e a asistiren de balde á "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia". O gañador ou gañadora recibirá, ademais, unha gratificación económica de mil euros. Unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG e das 3 universades galegas, valorará os proxectos recibidos e seleccionará o traballo gañador. 

 

Noite da Enxeñaría en Informática

A convocatoria realizada polo CPEIG insírese nos premios da "Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia", que o ente colexial organizará o día 16 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual, ademais de representar un punto de encontro entre todos os colexiados, conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.

 

Máis información

Bases de presentación de candidaturas ao premio

Formulario de candidatura ao premio

01/03/201708:57
Logo Legalthinking.
A Coruña

Legalthinking: Reflexións legais sobre tecnoloxía, intelixencia artificial e robótica

O 17 de marzo de 2017, na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, terá lugar o primeiro Legalthinking.

Que é Legalthinking? Trátase dunha xornada innovadora dedicada a analizar as conexións existentes entre o Dereito e a tecnoloxía, e a explorar os seus límites a través das reflexións de varios profesionais. A desinformación sobre as implicacións legais do mundo 2.0 nas nosas vidas, persoais e profesionais, supón un risco que debemos poder controlar.

Dende #Legalthinking pensan que coñecer estas cuestións nunha sociedade hiperconectada, como a que agarda por nós no futuro, pode axudarnos a tomar decisións como sociedade responsable, e nesta primeira xornada queda materializada a nosa contribución.

O primeiro bloque estará centrado no Dereito do futuro. Intervirán os creadores de NoLegalTech falando das Apps imprescindibles e das condicións que as grandes plataformas teñen para a súa comercialización. Aquí analizaranse e contestaranse ás dúbidas que sempre xorden entre creadores e usuarios. A continuación Hugo Pastoriza encargarase da regulación dos eSports e dos retos que se presentan neste novo xeito de competir, que veu collendo pulo entre os internautas nos últimos tempos. Analizaranse tamén os límites da patria potestade e dos dereitos de imaxe dos menores, no eido da privacidade, con Alicia Piña, de ALIGALE, e antes da pausa botarase un ollo á tecnoloxía Blockchain e á creación de smart contracts da man de Iago Otero, que segundo as súas propias palabras nin son smart nin son contracts, pero si as ferramentas do futuro para a automatización de determinados servizos.

Continuará Xoán González explicando os sistemas de recoñecemento biométrico e a sinatura electrónica, que foi converténdose en algo relevante nas nosas relacións comerciais e sobre todo administrativas, dende a súa implantación nos organismos públicos. Luis Jurado fará un repaso sobre o tratamento de bugs e exploits neste ano de vixencia da nova LACRIM e rematará José María Lozoya comentando a recente sentenza contra Cesar Strawberry e os límites da liberdade de expresión nas redes sociais.

No segundo bloque sentaranse os expertos en Robótica e Intelixencia Artificial. André Castelo centrará a súa intervención na regulación para o uso de drons, mentres que Victor Salgado ofrecerá unha retrospectiva sobre os Dereitos Humanos ante o avance da intelixencia artificial. Rematarán coas reflexións de Miguel Vieito sobre responsabilidade e “robética”, tentando contestar á pregunta que centra o debate: chegarán as máquinas algún día a ser responsables dos seus actos?

A asistencia será gratuíta, ata completar aforo. Máis información sobre o evento en lgthinkers@gmail.com.

28/02/201709:06
Logo premios Discapnet IV Edición.
Santiago de Compostela

A Fundación ONCE amplía o prazo dos Premios Discapnet ata o 31 de marzo

A Fundación ONCE ampliou o prazo de presentación de candidaturas á IV Edición dos Premios Discapnet ás Tecnoloxías Accesibles ata o próximo 31 de marzo. Estes galardóns que recoñecen as mellores iniciativas e accións no campo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) aplicadas á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, así como ás empresas, entidades ou organizacións que desenvolvesen un labor continuado no campo da accesibilidade TIC.

 

Na súa IV edición, os Premios Discapnet estrutúranse en tres categorías: a primeira delas, a A, galardoará ao mellor produto ou servizo baseado en tecnoloxías da información e a comunicación para a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade que xa estean dispoñibles ou para os que se conte cun plan de implantación a curto prazo.

 

Na categoría B, o premio será para a persoa, empresa, entidade ou organización que máis destacase pola súa traxectoria continuada en materia de mellora da accesibilidade TIC.

 

Finalmente, o apartado C recoñecerá ao proxecto de emprendemento que destaque por potenciar a accesibilidade TIC. Neste caso, premiarase ao produto ou servizo cuxa idea, proxecto e metodoloxía para levala a cabo dispoña ademais dun plan de negocio con xustificada viabilidade e sustentabilidade no tempo.

 

Os interesados en presentar candidaturas ás categorías A e B deberán cumprimentar un formulario online dispoñible no portal dos Premios Discapnet (http://premios.discapnet.es), mentres que os que desexen optar ao galardón do apartado C, o proxecto de emprendemento, terán que darse de alta no portal Uninnova (http://www.uninnova.es).

 

En canto á dotación dos premios, consistirá na entrega dunha obra orixinal dun prestixioso artista con discapacidade a cada persoa ou entidade galardoadas dentro das categorías A e B, e nun cheque de 5.000 euros para o premiado no apartado C, que deberá destinar integramente ao desenvolvemento do proxecto de emprendemento polo que se lle recoñeceu.

 

As bases completas dos premios Discapnet poden consultarse en http://premios.discapnet.es/.

27/02/201711:00
Unha anciá xoga á videoconsola Wii.
Santiago de Compostela

Os videoxogos axudan a manter a capacidade cognitiva das persoas maiores

  • O cerebro das persoas maiores conserva certa plasticidade, suxire unha investigación da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED)
     

A memoria de traballo e a memoria episódica son dúas das funcións cognitivas que se van deteriorando co envellecemento. A primeira afecta o almacenamento e á manipulación mental da información, mentres que a segunda vincúlase ao recordo de experiencias persoais. Unha investigación levada a cabo en persoas maiores permitiu observar unha mellora en ambas as funcións despois de ser adestrados con videoxogos deseñados para estimular as devanditas áreas. Os resultados, publicados en Frontiers in Human Neuroscience, suxiren que, aínda en idades avanzadas, o cerebro humano garda certo grao de plasticidade.

Os investigadores pretendían pescudar se existía unha transferencia desde a intervención cara ás funcións cognitivas estudadas, é dicir querían ver se o adestramento con videoxogos repercutía ou non nun maior rendemento da memoria episódica e da memoria de traballo visoespacial, que afecta á percepción e codificación da información recibida de maneira visual e espacial. Para os expertos resultaba de igual de importancia coñecer se ditas melloras se mantiñan durante un período de tempo significativo.

No estudo participaron 40 persoas maiores dun Centro de Maiores situado na provincia de Madrid. A metade deles recibiu 15 sesións de adestramento con distintos videoxogos da plataforma Lumosity dirixidos a exercitar a memoria. A avaliación das capacidades cognitivas de todos os participantes realizouse en tres ocasións: antes e despois dos adestramentos con videoxogos e, por último, ao cabo de tres meses. Entre as tarefas deseñadas para medir o funcionamento de ambos os tipos de memoria incluíanse diversas probas como o test de cubos de Corsi, un test de retención de díxitos e tarefas con quebracabezas, unha ferramenta moi útil para avaliar a capacidade visoespacial en maiores.

Ademais de mellorar a súa habilidade nos respectivos videoxogos, os participantes que recibiron o adestramento previo obtiveron mellor puntuación que o resto na maioría das tarefas destinadas a avaliar as funcións cognitivas. Ademais, o recoñecemento realizado aos tres meses demostrou que o maior rendemento alcanzado por este grupo aínda persistía.

“O adestramento de persoas maiores con videoxogos apropiados pode ser unha maneira efectiva de mellorar a súa memoria de traballo visoespacial" sinala Soledad Ballesteros, directora do Grupo de Estudos de Envellecemento e Enfermidades Neurodexenerativas da UNED e co-autora da publicación, quen destaca que "o cerebro das persoas maiores aínda conserva plasticidade, pero precisa sesións periódicas de reforzo para manter estes beneficios". O seu equipo está a investigar sobre o declive cognitivo asociado á idade e busca maneiras de manter aos maiores activos e con maior saúde mental durante máis tempo.

27/02/201709:36
Logo CeMIT-Innova.
Santiago de Compostela

A Amtega presenta o 7 de marzo a III edición do programa CeMIT-Innova, baixo o lema ‘facendo que as cousas ocorran’

  • O encontro está dirixido aos concellos, axentes TIC das aulas CeMIT, persoal técnico de entidades de acción social, empresas e a calquera persoa ou organización interesada no ámbito da innovación social dixital
  • Terá lugar no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura entre as 9:30 e a 13:00
  • CeMIT-Innova, promovido pola Amtega dentro do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o vindeiro 7 de marzo, en horario de 9:30 a 13:00 horas, no auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a presentación da terceira edición do Programa CeMIT-Innova.

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT para  superar desafíos sociais da contorna local. O programa, que fomenta a innovación social dixital, está dirixido aos concellos, axentes TIC das aulas CeMIT, persoal técnico de entidades de acción social, empresas e a calquera persoa ou organización interesada nos temas de innovación social dixital.  A asistencia é de balde e poderá formalizarse a través da web de CeMIT.

O obxectivo da xornada  é detallar  os obxectivos da terceira edición do programa  na que, unha vez máis, abrirase a porta á participación dos 92 municipios que contan con 98 aulas CeMIT, e aos seus aliados dixitais locais, ferramentas fundamentais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.

 

Programa da Xornada

O encontro, que será inaugurado pola directora da Amtega, Mar Pereira e o presidente da Fegamp, Alfredo García, comezará coa proxección dun vídeo que resumirá as experiencias desenvolvidas durante os anos anteriores contadas polos seus protagonistas, con proxectos en ámbitos tan distintos como:a inclusión; o fomento da igualdade de oportunidades para todas as persoas; a dinamización de novos espazos e vocacións tecnolóxicas entre os máis novos; a riqueza económica e cultural das zonas rurais e a mellora da empregabilidade das persoas.

A continuación, celebrarase unha mesa de experiencias, compartida entre os Concellos de Ourense, A Bola e Pontedeume, os cales exporán todo o proceso de desenvolvemento dos seus proxectos de innovación social dixital locais durante o pasado ano. Con estes exemplos achegarase aos asistentes ao concepto de Innovación Social Dixital e convidarase á participación a través de novos proxectos piloto a desenvolver ao longo do 2017.

O Programa da xornada completarase coa participación como relator de Juan Freire, experto en Innovación cidadá e cultura dixital, co-fundador de varias empresas e actualmente, colaborador activo en varios proxectos empresariais, relacionados coa aprendizaxe o emprendemento, a tecnoloxía e o pensamento crítico e creativo. Ao longo da  súa traxectoria profesional foi director de innovación do grupo Barrabés e socio fundador de Barrabés Next.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS