
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Telefónica vén de presentar o seu informe anual sobre a Sociedade da Información en España e nel, como de costume, achéganse unha manchea de datos de interese sobre Galicia. Por exemplo, que superamos (por vez primeira) a medida estatal en dispoñibilidade de computadores, acceso a Internet e banda larga nos concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes. Tamén destacamos no uso de dispositivos móbiles, xa que son o principal recurso de conexión para o 90% das galegas e galegos (un 8% por riba da medida estatal). Outro punto no que seguimos subindo é en Administración Electrónica, xa que somos os quintos da clasificación en emprego dos servizos dixitais habilitados polas entidades públicas. Na investigación lémbrase tamén que catro de cada tres fogares dispón de computador.
Estes e outros datos figuran na XVII edición do informe anual A Sociedade da Información en España, presentado a finais de febreiro pola operadora Telefónica. Malia ser de alcance nacional, trátase, na súa información artellada por Comunidades, dunha fonte importante de coñecemento acerca da nosa situación con respecto ás ferramentas dixitais, a calidade do servizo e os nosos hábitos en liña. Respecto disto último constátase unha importancia crecente das comunidades dixitais e sinálase, de feito, que máis dun 65% dos galegos empregamos a Internet para partillar información nas redes sociais.
Outra das cousas que medra nas nosas catro provincias é o comercio en liña, xa que máis da metade da mocidade de entre 16 e 24 anos merca maneira habitual a través da Rede. Isto, lonxe de diminuír nos anos vindeiros, agárdase que vaia a máis. Sobre todo tendo en conta que a devandita porcentaxe de compradores galegos habituais na Rede experimentou unha suba do 12%, estando por riba da media estatal en sete puntos porcentuais. No que atinxe ás empresas, o informe destaca que Galicia gabeou até o cuarto posto na listaxe de microempresas con páxina web e conexión a Internet (cun incremento do 20% en 2016). Asemade, preto da terceira parte das microempresas que dispoñen de Internet emprega as redes sociais para visualizar e promover os seus produtos e servizos. No que atinxe ás grandes firmas, 8 de cada 10 está na Rede a través de servizos de banda larga. O software libre tamén medra na nosa terra, cunha presenza do 86,8% no tecido produtivo. A sinatura dixital é empregada polo 71,9% das empresas. Na investigación tamén se sinala que Galicia ocupa o quinto posto en uso da Administración Electrónica por parte da cidadanía, un 3,3% máis cá media estatal. No eido empresarial, preto do 70% das microempresas galegas e do 90% das empresas de 10 ou máis empregados con conexión a Internet interactuou de maneira telemática coa Administración (tanto na primeira porcentaxe coma na segunda situámonos, tamén, por riba da medida estatal).
A quedada informática do Campus de Ourense, a xuntanza Technium, celebrarase este ano entre 4 e o 7 de maio. Así o deron a coñecer hoxe os seus organizadores en rolda de prensa, facendo saber, a maiores, que a quedada vaise incorporar este ano á programación da Ourense ICC Week 2017, punto de encontro das industrias culturais e creativas. Na presentación concorreron, por unha banda, a Deputación de Ourense (organizadora de ICC Week, que vai pola súa terceira edición) e, pola outra, membros da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática, organizadora de Technium xunto coa Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense e a Vicerreitoría. Segundo engadiron, a party pasará este ano a denominarse ICC Technium. Desenvolverase no Pavillón de Deportes Universitario.
Tanto Juan Rivas e Manuel Araújo, coordinadores da quedada presentes na rolda de prensa, como Manuel Baltar, presidente da Deputación, coincidiron en cualificar o evento como “un grande encontro de lecer dixital que reunirá no Pavillón de Deportes do Campus de Ourense a centos de mozos e mozas cos seus ordenadores para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos”. A organización agarda reunir nesta cita a medio milleiro de participantes procedentes da xeografía galega e estatal. Tamén explicaron que, como en anos anteriores, a actividade na quedada desenvolverase de xeito ininterrompido ao longo das 24 horas dos días de celebración, habilitándose zonas de descanso, de lecer e recreo con diferentes actividades. Respecto das achegas técnicas, sinalaron que as persoas que se acheguen cos seus ordenadores terán conexión de fibra óptica de altas prestacións, cunha zona interna de conexión a rede eléctrica e Internet. Por contidos, celebraranse torneos das princpais prácticas deportivas en liña (eSports), por equipos e individuais, tanto en PC como nas distintas consolas, e máis de 4.000 euros en premios. A inscrición poderá realizarse a partir do vindeiro 8 de marzo a través da páxina web da ICC Week 2017.
Coincidindo coa celebración da feira educativa AULA, Samsung e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD) presentaron o proxecto 'Asignatura Empatía', desenvolvido conxuntamente no marco dun convenio de colaboración entre ambas as entidades para loitar contra o acoso escolar.
A primeira acción deste proxecto foi a produción dun vídeo de realidade virtual que recrea un caso de 'cyberbullying' (ciberacoso) entre adolescentes nun centro educativo e a súa resolución polos propios alumnos. O vídeo está realizado seguindo códigos de comunicación afíns aos alumnos do século XXI, onde se integra o mundo real e dixital, seguindo códigos de linguaxe cos que senten identificados.
'Asignatura Empatía' pretende concienciar sobre o problema do acoso nas aulas e reducilo implicando aos alumnos na resolución do problema, como explica Samsung nun comunicado. Grazas á experiencia inmersiva en realidade virtual con Samsung Gear VR, conséguese un maior grao de concienciación e empatía coa dor da vítima, incentívase a acción do grupo e promóvese un cambio de actitude.
Este proxecto inclúe un estudo que medirá o grao de concienciación sobre o acoso escolar. Levarase a cabo entre mil alumnos de 1º de Educación Secundaria desde marzo a xuño de 2017.
"Cyberbullying"
O 70 por cento dos escolares de 15 anos en España estivo implicado, xa sexa como vítima ou como acosador, nun episodio de 'bullying' na aula, e un de cada catro casos de acoso escolar está relacionado co uso das novas tecnoloxías.
O teléfono móbil é, de feito, a ferramenta de acoso e intimidación máis habitual entre os adolescentes, con agresións como os insultos (62,6 %), as ameazas (24,3 %) e a difusión de fotos e/ou vídeos comprometidos (20,9 %). A franxa de idade de entre 13 e 17 anos é a máis crítica, xa que é cando se dan nove de cada dez casos. As mozas, que sofren o 70 por cento dos casos de acoso, son as principais vítimas.
Samsung desenvolve un plan de concienciación sobre o 'cyberbullying' en colaboración co CNIIE (Centro Nacional de Innovación e Investigación Educativa). O obxectivo desta colaboración é construír espazos de convivencia respectuosa entre alumnos en colexios e institutos, apoiándose en modelos de actuación que tiveron gran éxito nos países nórdicos, que teñen en conta non só á vítima e ao acosador, senón tamén aos demais compañeiros que participan como 'espectadores' na agresión, así como no potencial da tecnoloxía para o desenvolvemento persoal dos nenos.
Realidade virtual
A peza rodada en realidade virtual sobre un caso de acoso escolar reflicte que tanto o problema como a solución xorden do propio grupo de nenos. O seu propósito é concierciar aos espectadores xa que, segundo estudos realizados, o proceso de aprendizaxe que se produce a través dunha visualización en realidade virtual é dun 90 por cento, fronte a un 5 por cento que se consegue tan só coa lectura.
A historia está narrada desde o punto de vista dun dos alumnos testemuñas do acoso a outro compañeiro e inclúe elementos familiares para os adolescentes como os seus avatares e nicks en redes sociais.
A través da narración demóstrase que o segredo contra o acoso escolar está no grupo. Ademais, a tecnoloxía, lonxe de ser unha ferramenta nociva polo mal uso que fan dela os acosadores, convértese nunha aliada excepcional para acabar con este tipo de comportamentos.
Este vídeo que se presentou en Aula é o punto de partida dun estudo que vai realizar Samsung, en colaboración co MECD e as comunidades autónomas que se adhiran ao convenio, sobre aproximadamente mil nenos que estudan 1º da ESO (13 anos) de toda España.
Un ano máis, a Fundación Telefónica toma o pulso á sociedade española na súa relación coas Novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) e ofrece unha radiografía do estado de A Sociedade da Información en España, nome que recibe o informe correspondente aos datos de uso para 2016.
Unha das instantáneas máis claras que proporciona o informe no súa decimoséptima edición, é a adopción dos dispositivos conectados por parte das persoas maiores, aumentando nun 11% o uso da internet na franxa de idade entre os 65 e os 74. Un feito que indica como paulatinamente a fenda dixital entre xeracións vai facéndose difusa. Soamente hai que lembrar que, na anterior edición do informe correspondente aos datos de 2015, era a franxa de idade anterior (entre 55 e 64 anos) a que aumentaba considerablemente as súas conexións á Rede, alcanzando o 61,4%.
Nesta ocasión, as tablets animaron ás persoas maiores de 65 anos a adentrarse na internet. E é que o uso deste tipo de dispositivo móbil nesta franxa de idade incrementouse neste ano un 219% e sitúanse como o preferido neste rango de idade. De feito, este segmento de poboación xa se atopa por encima da media no uso de tablets para actividades como as operacións con bancos e Administracións. Aínda que as actividades relacionadas co lecer foron a principal motivación para acceder a Internet para o 59,3% destas persoas.
Se falamos en termos de poboación total, os usuarios diarios da internet superan os 23 millóns, uns 800.000 máis que hai un ano, o que representa o 82,9% dos 27,7 millóns de españois que usan Internet (o ano anterior eran 27,1 millóns de usuarios da Rede). De todos eles, o 51,4% realiza operacións bancarias e o 45,8% opta por facer uso dos servizos que ofrece a Administración Electrónica.
Numerosos informes, non só de Telefónica, senón tamén doutras entidades e institucións nacionais e europeas mostra como a penetración da telefonía móbil na sociedade española é das máis elevadas do mundo. O teléfono móbil é o dispositivo preferido polo 91,7% dos internautas, 3,5 puntos máis que hai un ano, mentres que só o 73,1% conéctase a internet co computador, 5,1 puntos menos que hai un ano.
Outra das conclusións relevantes que se extraen do informe, é o crecemento da esixencia dunha confianza dixital por parte dos españois con respecto ao uso da internet. Consideran que deben ser protexidos os datos persoais, as fotografías e vídeos persoais, o historial de navegación e o historial de procuras. Ata o punto que o 83,1% dos internautas manifestan que deixarían de utilizar un servizo determinado se este non controla a privacidade. Para iso, un 68% confía na Lei de Protección de Datos.
España volve ser o país europeo mellor conectado
O pasado ano España volveu colocarse na cabeza con respecto ao despregamento de infraestruturas de nova xeración en Europa con gran distancia sobre os países da nosa contorna. No despregamento de fibra óptica ata o fogar, o número de accesos de fibra instalados en España supera os 22,6 millóns, cun crecemento do 23,1%.
O gran avance do despregamento de liñas de nova xeración permitiu que o pasado mes de agosto de 2016, estas redes superen por primeira vez ás redes de banda ancha preexistentes, tanto na contorna fixa como no móbil.
No fixo, por primeira vez o pasado mes de agosto as liñas de nova xeración (6,74 millóns) superaron ao número de liñas ADSL (6,67 millóns). Na contorna móbil, o despregamento de 4G permitiu que o 95% da poboación estea cuberta por esta tecnoloxía, 19 puntos porcentuais máis que un ano antes. E o resultado é que o tráfico pola rede 4G creceu un 208% entre setembro de 2015 e setembro de 2016.
Evolución do Mercado Dixital Único na Sociedade da Información
O informe aborda a evolución da construción do Mercado Dixital Único considerando que é necesario impulsar a harmonización da lexislación, criterios de calidade e outros aspectos que afectan á prestación dos servizos de acceso e de redes. Neste sentido, destacan que esta lexislación debe ter en conta os factores que afectan os custos de prestación dos servizos de telecomunicacións e aos niveis de calidade e, con iso, impulsaríanse os investimentos ao contarse cunha contorna máis eficiente e previsible.
A Administración Pública e os seus cambios en 2016
A presentación do informe de Telefónica sobre a sociedade da información en 2016 contou co secretario de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, José María Lasalle. E do seu ámbito de traballo, a Administración Pública, fala por extenso o documento.
Indica que ademais de incorporar o Big Data para a toma de decisións, a Administración Pública adoptou medidas e aprobou lexislación para a reforma administrativa e para avanzar nos obxectivos da Axenda Dixital para España, co fin de que en 2020 a Administración española sexa dixital. Iso inclúe programas para as escolas conectadas, as redes 5G para a futura internet, as cidades intelixentes e a industria conectada 4.0.
Pero tamén sinala como, debido ao desenvolvemento das tecnoloxías da información e comunicación, a forma e o contido das relacións da Administración cos cidadáns e as empresas cambiou moito. Por iso, o informe considera “a necesidade dunha reforma estrutural que permita clarificar e ordenar como se organizan e relacionan as Administracións con cidadáns e empresas (relacións ad extra), por unha banda, e co resto de Administracións e institucións do Estado (relacións ad intra), por outro”. En liña con esta formulación, proponse unha reforma do ordenamento xurídico público ao redor da Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e a Lei de Réxime Xurídico do Sector Público.
Tendencias na Sociedade da Información segundo Telefónica
O informe non deixa de lado as tendencias tecnolóxicas que veñen. Fala sobre a incorporación de robots e outros sistemas automáticos con capacidade de aprendizaxe e a súa converxencia con sensores, técnicas de computación e de análise de datos está a facilitar a creación de contornas de intelixencia que abren un gran potencial na oferta de servizos e non poucas incógnitas sobre a relación entre home e máquina.
Sinala os problemas de integración entre ser humano e máquina, que aos poucos se irán superando coa propia evolución da intelixencia artificial. Con todo, pon o acento na necesidade de elaborar normas de convivencia e actuación entre ambos.
Unha novidade incorporada é o concepto do ‘home aumentado', froito da integración entre dispositivos e persoas, que en moitos casos levarán eses dispositivos no corpo, e permitirán o aumento dunha ou varias capacidades humanas por medio da tecnoloxía.
Por último, entre estas tendencias refírese aos obxectos que cobran vida coa evolución das diferentes contornas intelixentes como as smart cities, o smart home, o smart car. En todos eles intégranse diferentes elementos tecnolóxicos para que interaccionen entre eles, coa contorna e coas persoas. Isto dá lugar a dispositivos capaces de actuar de forma autónoma que xa se utilizan para o transporte, como os vehículos sen condutor, pero que no futuro, utilizaranse noutros ámbitos.
A Comisión Europea puxo en marcha oficialmente a edición de 2017 do Concurso Europeo de Innovación Social, que ten por obxecto «reactivar» a igualdade e conformar a nosa sociedade futura incitando aos europeos para presentar novos enfoques activos sobre a inclusión social, a economía colaborativa, a conectividade e o desenvolvemento das capacidades
Así, ínstase aos Europeos a presentar innovacións de ferramentas, servizos e modelos que permitan aos membros da sociedade adquirir as capacidades apropiadas e aproveitar as moitas oportunidades que ofrecen as tecnoloxías e a revolución dixital.
O Concurso Europeo de Innovación Social, organizado desde 2012 en memoria de Diogo Vasconcelos, político e innovador social portugués, trata un tema novo cada ano, co fin de abordar diferentes cuestións en Europa. A posta en marcha da convocatoria do presente ano celebrouse no museo Benaki de Atenas e asistiron innovadores sociais de toda Europa. No acto de posta en marcha interviñeron expertos que traballan en Grecia e outros países, por exemplo en OpenLab Athens, Ondula, OuiShare, Fairmondo, Impact Hub Athens e Nesta.
Amalia Zepou, tenente de alcalde de Atenas, declarou: «O aumento da desigualdade dos ingresos, o mercado laboral cambiante e a dixitalización deron lugar a evolucións importantes en toda Europa que temos a man tamén aquí mesmo en Grecia. Con todo, agora está máis claro que nunca que a innovación social pode ser un catalizador de cambios positivos e novos enfoques en toda Europa. Estou orgullosa de apoiar a posta en marcha do Concurso Europeo de Innovación Social de 2017 e confío en que os europeos achegarán respostas positivas a estes desafíos.»
As sociedades europeas están a experimentar unha rápida transformación debido ao cambio tecnolóxico. As empresas dixitais ou baseadas nas TIC, as industrias creativas, a fabricación de alta tecnoloxía e os servizos intensivos en coñecemento están a crear un valor crecente para a economía, impulsando e aproveitando o progreso tecnolóxico, pero tamén incidindo significativamente no mercado laboral. O concurso busca ideas inspiradoras, pequenas e grandes, procedentes de persoas de toda Europa que cren na construción dunha verdadeira economía inclusiva e no máximo aproveitamento das capacidades e as tecnoloxías para salvar as diferenzas na nosa sociedade.
A Comisión Europea está a buscar innovacións de ferramentas, servizos e modelos para dotar a todos os membros da sociedade das capacidades necesarias para integrarse e competir nunha economía cambiante.
As ideas poderían incluír os seguintes elementos, sen limitarse a eles:
O concurso está aberto a emprendedores, innovadores sociais, estudantes, deseñadores, makers, entusiastas da tecnoloxía, educadores, grupos e organizacións de toda a Unión Europea e dos países que se adheriron ao programa europeo Horizonte 2020. O concurso axudará ás ideas e os proxectos máis innovadores a conseguir un impacto sustentable.
Trinta das candidaturas máis prometedoras serán seleccionadas como semifinalistas e recibirán unha invitación para participar nunha academia de titoría da innovación social, en Impact Hub Madrid, no mes de xullo, para que desenvolvan as súas ideas.
Os tres proxectos máis eficaces recibirán un premio de 50.000 euros cada un, que lles será entregado durante a cerimonia que terá lugar en Bruxelas en outubro de 2017. O prazo para a presentación das candidaturas estará aberto ata o 7 de abril (ás 12.00 horas do mediodía, hora de Bruxelas).