main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/03/201708:26
MapTac3D
Santiago de Compostela

MAPTAC3D, cartografía ao alcance de todos

  • MapTac3D é unha aplicación deseñada para a produción de modelos táctiles de mapas en relevo susceptibles de ser utilizados por persoas cegas ou con resto visual grazas á utilización de máquinas de impresión 3D universais

 

MapTac3D é unha extensión desenvolvida especificamente para o editor de mapas de código aberto “Quantum GIS” (QGIS), froito da colaboración entre a Comisión Braille Española, a Universidade de Xaén e o Centro de Investigación, Deseño e Aplicación Tiflotécnica da ONCE (CIDAT).

O obxectivo desta aplicación é que profesionais, profesores, familiares e usuarios cegos poidan deseñar un mapa a man alzada, utilizando plantillas predefinidas ou fontes de bases de datos cartográficas de distribución libre ou privada, como a do Instituto Xeográfico Nacional, unha fonte excepcional de datos cartográficos de uso libre para España.

En esencia, a aplicación MacTap3D utiliza os datos proporcionados por QGIS transformándoos de forma adecuada, para que unha persoa cega poida percibir ao tacto o modelo de mapa. Este prodúcese mediante o enchemento dun conxunto de fichas orientadas ao tratamento de cada elemento do mapa para representar. Ademais, os distintos elementos cartográficos que constitúen o mapa cumpren os criterios recomendados pola Comisión Braille Española para a representación de puntos, liñas, polígonos e mallas de puntos, aos que se engaden etiquetas en Sistema Braille mediante a súa inserción na posición adecuada, tendo en conta a escala do mapa en uso.

O modelo producido pode servir de plantilla para máquinas termocopiadoras. Tamén é posible producir, mediante o transformador, un modelo negativo que pode actuar como molde para preparar múltiples copias positivas en materiais alternativos como escaiola, silicona, etc.

En definitiva, grazas a MapTac3D, as persoas cegas poden percibir a realidade do mundo cartográfico dunha forma moito máis accesible e, sobre todo, moito máis rápida.

Máis información sobre a aplicación MapTac3D e os documentos técnicos asociados.

08/03/201708:15
A Fundación Vodafone España no MWC.
Barcelona

A Fundación Vodafone España estivo un ano máis no Mobile World Congress

  • Este ano 2017 presentáronse as solucións dentro da iniciativa “Conectados pola Accesibilidade” e ademais mostraron os proxectos galardoados na última edición dos Premios Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións

Dentro da iniciativa #conecta2Xaccesibilidad presentouse o seguinte:

  • Os xogos accesibles personalizables Mefacilyta Games que son ferramentas que permiten aos profesionais, que traballan con persoas con discapacidade, crear os seus propios xogos dunha forma sinxela e rápida e telos dispoñibles de forma personalizada nos seus móbiles ou tabletas Android. VÍDEO
  • O “Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone”, que inclúe unha serie de xogos accesibles a persoas con discapacidade visual grave, os primeiros do mundo en ser deseñados especificamente para as persoas cegas, e aos que tamén podemos xogar todos. Grazas a estes xogos, os usuarios poden adestrar a súa mente en áreas como a memoria, o cálculo ou as funcións executivas á vez que se divirten. Os nove xogos dispoñibles ata agora están recompilados na aplicación Unobrain e están dispoñibles de forma gratuíta para iOS e Android para aqueles que utilizan os servizos de accesibilidade como lectores de pantalla. VÍDEO.
  • Tamén se presentou Bocciapp, unha aplicación accesible que recrea o popular deporte da boccia, dispoñible en Android tamén de forma gratuíta. Bocciapp pode xogarse tanto pulsando a pantalla táctil do móbil como con pulsadores, permitindo o seu uso por parte de persoas con parálise cerebral e discapacidade física. VÍDEO.
  • A Fundación de Tecnoloxías Sociais (TECSOS), unha iniciativa da Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España, presentou o seu proxecto de Teleasistencia Móbil Accesible. Pioneira na teleasistencia móbil, TECSOS, achégaa agora a persoas con discapacidade auditiva, visual ou física, facéndoa universal e compatible con produtos de apoio como lectores de pantalla e pulsadores. VÍDEO.

Tamén estiveron presentes os proxectos galardoados na última edición dos Premios Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións:

  • As lentes Eyesynth que rexistran o espazo en 3 dimensións para que unha persoa cega ou con discapacidade visual severa poida coñecer o que hai na súa contorna máis próxima. VÍDEO.
  • Os visitantes puideron probar mouse4all un produto de apoio que permite utilizar dispositivos Android sen tocar a pantalla.
  • As aventuras de Tate: unha aplicación para nenos con trastornos na linguaxe e fala para mellorar as súas habilidades de comunicación. VÍDEO
  • Para utilizar o transporte público dunha forma máis autónoma App&Town Compagnon é un sistema de acompañamento intelixente dirixido a persoas con necesidades especiais: persoas cegas, persoas con deterioración cognitiva ou mesmo turistas que descoñecen o idioma do sitio que están a visitar.
07/03/201713:37
CeMIT Innova.
Santiago de Compostela

A Amtega pon en marcha a terceira edición de CeMIT-Innova para impulsar iniciativas de innovación social dixital en dez aulas da rede

  • A directora da Amtega e o presidente da Fegamp inauguraron hoxe o encontro de presentación deste Programa
  • O período de inscrición para participar na iniciativa desenvolverase do 23 ao 31 de marzo e resolverase o vindeiro 10 de abril
  • A responsable da Axencia autonómica destacou o papel chave destas aulas públicas no desenvolvemento do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, no que colabora a Fegamp xunto con outros axentes
  • Lembrou que a Rede CeMIT leva impartidas máis de 237.000 horas de formación dixital gratuíta desde 2011 e conta con máis de 64.000 usuarios

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) Alfredo García, presentaron esta mañá en Santiago a terceira convocatoria do Programa CeMIT-Innova.

Esta iniciativa, enmarcada no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da rede de aulas CeMIT para  superar desafíos sociais da súa contorna local. Na presentación desta terceira edición de CeMIT-Innova participaron un centenar de persoas de concellos, empresas TIC e non TIC, entidades de acción social, asociacións culturais e aulas pertencentes a Rede CeMIT.

Mar Pereira destacou o papel da Rede CeMIT como unha das ferramentas esenciais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, en cuxo desenvolvemento a Amtega conta coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) xunto con colexios profesionais,  universidades, empresas, entidades do terceiro sector e  voluntarios e voluntarias  dixitais.

Pereira lembrou que a rede CeMIT leva impartidas desde 2011, ano no que se puxo en marcha, máis de 237.700 horas de formación en TIC en diferentes niveis. Actualmente,  conta con máis de 64.600 usuarios rexistrados e este ano o obxectivo é superar os 65.000 usuarios, impartir máis de 35.000 horas de formación e organizar 2.500 actividades.

A directora da Amtega agradeceu o traballo e a implicación das 18 aulas que participaron nas dúas anteriores edicións de CeMIT-Innova e que desenvolveron propostas innovadoras para a mellora da empregabilidade e a inclusión social da cidadanía e dentro dela, de colectivos en risco de exclusión, o envellecemento activo, a promoción económica, a mellora do acceso a coñecementos tecnolóxicos e a participación cidadá.

 

Terceira convocatoria

As actuacións previstas para este ano, terán un prazo máximo de execución de 9 meses.  Do 23 ao 31 de marzo abrirase a convocatoria de inscrición dos proxectos piloto, que se resolverá na primeira semana de abril. A partir do día 10 de abril as aulas CeMIT seleccionadas terán 7 meses para o deseño e execución dos proxectos piloto seleccionados.

A novidade deste ano é a convocatoria do I Concurso de Innovación Social Dixital: Premio Son Dixital que recoñecerá a orixinalidade e carácter innovador e creativo do proxecto de innovación social dixital presentado, así como o número e calidade de resultados tanxibles. O premiado coñeceranse a finais de ano nun acto de presentación de resultados das iniciativas desenvolvidas.

 

Balance

O Encontro de presentación da terceira convocatoria serviu para facer balance do realizado ata agora  e unha mesa de experiencias expuxo a visión máis estratéxica e analítica do que estes proxectos están a supoñer, a través das iniciativas desenvolvidas nos concellos de Ourense, A Bola e Pontedeume.

A xornada completouse coa participación de Juan Freire, experto en Innovación cidadá e cultura dixital, co-fundador de varias empresas e actualmente, colaborador activo en varios proxectos empresariais, relacionados coa aprendizaxe o emprendemento, a tecnoloxía e o pensamento crítico e creativo.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

 

07/03/201708:04
HackForGood
Santiago de Compostela

Así será a quinta edición de HackForGood en 22 universidades españolas

  • Unha sede virtual e un broche de ouro que premiará aos proxectos con maior evolución son as principais novidades da nova edición de HackForGood

Cinco anos son xa os que vén celebrando HackForGood, a principal hackaton universitaria do noso país, que este ano versará en torno ao desenvolvemento de aplicacións e servizos que fagan uso masivo de datos e que teñan gran impacto social.

Esta nova edición de HackForGood, que se celebrará os próximos 9, 10 e 11 de marzo de forma simultánea en 22 universidades situadas en catorce cidades (Alacante, Barcelona, Cáceres, Cartaxena, Cidade Real, Las Palmas de Gran Canaria, León, Madrid, Murcia, Valencia, Salamanca, Sevilla, Valladolid e Vigo), presenta este ano importantes novidades, como a creación dunha sede virtual, desde a que se poden enviar propostas online desde calquera lugar e a posibilidade de que os integrantes dos equipos participantes poidan traballar desde distintas sedes.

En total, segundo se avanzou hoxe, entregaranse 15 Premios HackForGood Locais que reparten 2.000 euros entre os 3 mellores proxectos de cada sede (14 físicas e unha virtual), así como tres Premios HackForGood Globais, para os tres mellores proxectos entre todos os anteriores, dotados á súa vez con 5.000 euros o primeiro, 3.000 euros o segundo e 1.000 euros o terceiro.

Doutra banda, tamén se concederán Premios HackForGood de Continuidade que facilitan aos emprendedores seguir desenvolvendo o seu proxecto unha vez acabado o evento; ademais doutros galardóns temáticos (para as mellores aplicacións que resolvan retos relacionados coa educación, a discapacidade intelectual, o desenvolvemento de vocacións STEM entre as mulleres e a detección de noticias falsas así como para aqueles que baseen o seu desenvolvemento no uso de xogos serios, que teñan o mellor deseño ou que contribúan aos obxectivos de desenvolvemento sustentable) e premios de formación (para o estudo dun Máster en Enxeñería de Software) ou de Think Big e Telefónica Open Future, patrocinadores do evento.

A 5ª edición HackForGood poñerá o seu broche de ouro o próximo setembro, cando celebre o Primeiro HackForGood Big Day, ao que acudirán os proxectos gañadores en cada unha das 15 sedes. Neste acto premiaranse aos 3 proxectos que mellor evolucionasen nos últimos meses. Están dotados con 8.000 euros o primeiro premio, 3.000 euros o segundo e 1.000 euros o terceiro.

Telefónica, a Universidade Politécnica de Madrid, Fundación Hazloposible e a startup MashmeTV son os impulsores desta quinta edición de HackForGood, cuxa inscrición xa está aberta de forma gratuíta a través da web do evento.

07/03/201707:54
Inicio dos cursos de LugoWork.
Lugo

A Deputación de Lugo comeza a formar nas TIC á mocidade participante de Lugowork

Máis de medio cento de mozas e mozos lucenses comezan estes días os cursos da nova edición de LugoWork, o programa da Deputación para fomentar o emprego xuvenil na provincia, dotado con 2 millóns de euros. Para achegar o arrinque oficial das accións formativas, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, reuníronse no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) cos 15 mozos desempregados que iniciaron precisamente hoxe o curso Auxiliar de vendas online e offline e atención ao público. Este non será o único obradoiro relacionado coas TIC de Lugowork: o programa inclúe tamén un curso intensivo sobre xestión informática e uso de Internet para PEME.

En total, serán 55 as mozas e mozos desempregadas/os que van comezar estes días os catro primeiros cursos do plan, recibindo 1.015 horas de ensino sobre profesións detectadas como nichos de emprego potenciais na provincia, nichos entre os que se atopan o de especialista en comercio electrónico e o de xestor TIC para pequenas e medianas empresas. Unha vez rematada a fase formativa, os participantes que rematen con éxito a dita etapa terán a posibilidade de seren contratados en empresas da provincia, seleccionadas nun proceso público, durante 6 meses.

O Executivo Provincial custeará con axudas de 5.000 euros por traballador os seus custos laborais.Entre as catro devanditas accións atópase como dixemos o Curso de auxiliar de vendas online e offline. A través deste obradoiro, forneceranse habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas na Rede e fóra da Rede. Noutra das accións (Curso de auxiliar de xestión informática e Internet para PEME), os alumnos recibirán coñecemento para desenvolver un amplo abano de tarefas relacionadas coas TIC nunha PEME. Entre as actividades a desenvolver inclúense as de mantemento básico dunha rede informática, da imaxe corporativa en Internet, das relacións en redes sociais da empresa colaborando co resto de persoal ou a xestión de datos da mesma.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS