
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Fan falta máis mulleres no ámbito das novas tecnoloxías da información, polo ben da profesión, polo ben dos estudos TI, polo ben das empresas do sector (que atoparán, literalmente, unha oferta laboral precaria e reducida) e polo ben do propio desenvolvemento tecnolóxico da nosa terra. As nosas entidades profesionais relacionadas co ámbito dixital non queren ficar de brazos cruzados ante esta situación, e máis tendo en conta que, lonxe de manterse a presenza de mozas nas carreiras vencelladas ao dixital, non para de diminuír. Un exemplo salientable desta loita é o labor do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática Técnica de Galicia (CPETIG). A entidade que preside Marcos Mata vén de presentar un informe no que se sinala, entre outras cousas, que a matriculación feminina no Grao de Informática caeu un 50% nas universidades galegas nos últimos anos.
“Esta tendencia á baixa”, sinala o colexio, “contrasta co escenario de crecente presenza das mulleres nas restantes carreiras dos nosos campus”. Ou sexa, en todos os ámbitos formativos superiores medra a presenza feminina agás no eido TIC, “con moi leves oscilacións entre as tres universidades”. Destaca un algo, malia todo, a Universidade de Vigo, por tradición a institución académica galega con máis mulleres matriculadas no Grao de Informática. Porén, sinala o CPETIG, “a UVigo acusa na mesma proporción có resto a minguante presenza feminina”. Estas taxas, se nada o impide, irán a peor nos anos vindeiros, sendo tamén as de hoxe en día moito peores cás de comezos da década pasada, cando se lograron taxas que roldan o 30% en presenza de mulleres nas aulas de informática, caendo até o 15% no curso académico 2015-2016 (sendo a matrícula feminina no conxunto dos grados da Universidade de Vigo do 51%). Polo que se refire á Universidade de Santiago, o CPETIG lembra que “tamén experimentou unha significativa reducción de alumnas en Informática, pasando do 25% a comezos da década pasada ao 12% do pasado curso, unha proporción especialmente escasa tendo en conta que é unha universidade altamente feminizada cun 62% de alumnas”. No caso da Universidade da Coruña, que chegou a ter unha taxa do 23% en cuestión de alumnas en Informática (a comezos da pesada década), anda hoxe arredor do 11% (sendo a matriculación feminina no total de plans de estudos de grao do 49%).
Segundo explica o colexio acerca dos motivos desta preocupante escaseza de mozas na formación TI, “esta tendencia é común á maioría dos países e, en parte, pode deberse ao modelo estereotipado e pouco real da informática que divulgan series e programas de televisión que terxiversan a verdadeira dimensión profesional”. Ademais, engade o CPETIG, inflúe negativamente o feito de que as mozas infravaloren as súas capacidades de seu en tecnoloxía e matemáticas, malia ter obtido de maneira melloras notas nestas materias cós mozos, de maneira xeneralizada. A respecto do devandito, a entidade profesional galega sinala que a elección profesional debe realizarse “en liberdade, por vocación, e sobre ideas precisas das distintas alternativas académicas, superando determinados clixés que pesan sobre a informática”. Na súa opinión, é neste punto onde teñen que operar os colexios profesionais, xunto coas universidades e as empresas. Todas elas, sinala o CPETIG, deben contribuír a transmitir a verdadeira dimensión da profesión, superando a opinión simplista e estendida de que se trata de profesionais que “arranxan” computadores. Porén, malia todos os datos negativos, o colexio valora positivamente o de feito de que a taxa de presenza de mulleres no seu propio seo manteña a día de hoxe unha tendencia positiva, pasando do 19% en 2008 ao 21% actual.
O 50% dos galegos con idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, fronte a un 29,4% que afirmaron utilizalo no ano 2012. No tramo de idade dos 65 aos 74 anos o uso de internet tamén crece e sitúase no 21%. Son datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do estudo “Os Maiores e as TIC”.
Neste informe afóndase na incidencia de factores sociodemográficos no uso das tecnoloxías entre os maiores. O tamaño do hábitat resulta determinante no uso de Internet en ambos tramos de idade. Así, nos núcleos máis de 50.000 habitantes, as persoas de 55 a 64 anos que usan internet supoñen máis do dobre que as que viven en núcleos de menos de 5.000 (64,4% fronte ao 30,1%). No caso dos maiores de 65 a 74 anos, os que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes quintuplican no uso da Rede aos que viven en núcleos con menos de 5.000 persoas (37% fronte ao 7,4%).
As TIC avanzan a bo ritmo entre os maiores
Esta panorámica xeral observada no uso de Internet reprodúcese tamén no uso do ordenador. A utilización de ordenador increméntase entre os maiores, especialmente entre os que teñen de 55 a 64 anos, que se aproxima ao 48%. Cabe destacar que o incremento no uso do ordenador entre os 55 e 74 anos nos catro últimos anos (11,3 puntos) supera ao ritmo de crecemento do conxunto da poboación (7,1 puntos).
O tamaño do hábitat incide tamén claramente no uso do ordenador entre os maiores, incrementándose o uso do ordenador a medida que o fai o tamaño do concello con valores moi similares aos rexistrados no uso de Internet. O 64,6% das persoas de entre 55 e 64 anos que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes usan internet fronte ao 29,9% dos que viven en núcleos de menos de 5.000 habitantes. No caso dos maiores de 65 a 74 anos, estas porcentaxes son do 35,9% en municipios de máis de 50.000 persoas e do 8% no de menos de 5.000.
O nivel de ingresos incide directamente sobre o uso de ordenador entre os maiores de forma significativa, de modo que a medida que medran os ingresos, increméntase o uso do ordenador.
Compras online e uso da eAdministración
En relación ás compras a través de Internet, tanto a media estatal como a galega rexistran porcentaxes baixas, especialmente entre os maiores de 64 a 75 anos.
Tan só un 7,9% dos galegos de 55 a 74 anos realizou compras a través de Internet nos últimos tres meses. As compras online aumentaron no último ano en todos os rangos de idade, concretamente en 2,8 puntos porcentuais no caso das persoas con 55 e 64 anos, e 0,9 puntos porcentuais nas idades comprendidas entre os 65 e 74 anos.
Non obstante, máis da metade (54%) dos internautas de 55 a 74 anos empregou Internet para relacionarse coas administracións públicas e nos concellos con máis de 20.000 habitantes, a porcentaxe de internautas de 55 a 64 anos que interacciona coas Administracións Públicas supera xa o 60%.
Capacitación dixital pública e gratuíta
A Xunta ten en marcha o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para facilitar capacitación dixital a todos os galegos, independentemente do nivel de coñecemento que posúan. Un dos instrumentos deste Plan é a Rede de aulas públicas CeMIT, que desde a súa posta en marcha en 2011, vén traballando para achegar as TIC ás persoas maiores. Actualmente a Rede conta con máis de 15.000 usuarios maiores de 55 anos, principalmente das zonas rurais de Galicia.
En total en 2016 a Rede CeMIT realizou máis de 280 cursos e máis de 4.200 horas de formación específicas para este colectivo. Ademais, lanzáronse actividades formativas coma os 55 cursos prácticos “Aprende a usar o teu smartphone”, nos que participaron máis de 500 persoas maiores, unha actividade que acaba de abrir unha nova edición en 2017.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal
O proxecto Pontedeume en 1.000 historias, impulsado polo Concello eumés a través da aula CeMIT, e o resto de actividades mereceron o recoñecemento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como aula de referencia, polo que recibirá unha subvención de 15.000 euros.
A edila de Cultura, Yolanda Vázquez, presentou esta iniciativa na Cidade da Cultura de Santiago, dentro do terceiro encontro do programa CeMIT-Innova. «Consiste en dar clases de inglés, usando como fío condutor a historia local da vila e os seus edificios históricos máis emblemáticos, usando os recursos da aula, como os dicionarios en liña ou vídeos en versión orixinal, achegando ás participantes [todas mulleres] ás novas tecnoloxías», explica.
Maricarmen Sainz é unha das alumnas que acompañaron á edila, que imparte estas sesións. «Empezamos en novembro do ano pasado, sempre dixera que a miña materia pendente era aprender inglés e agora o Concello deume a oportunidade», agradece. Ela e as súas compañeiras queren adquirir nocións básicas para entenderse cos peregrinos que recalan na vila e poder indicarlles onde comer ou que ver, «cousas prácticas, útiles para a vida cotiá». Co móbil manéxase sen problema e sempre que oe unha palabra descoñecida en inglés na televisión apresúrase en buscar o significado.. «Axúdanos a reter a memoria -destaca- e estamos encantadas coa mestra, que se involucrou moito».
Empregados, mediadores, médicos, clientes, provedores e público xeral poden votar ata o 31 de maio os proxectos sociais que a compañía apoiará a través da XII Convocatoria de Axudas a Proxectos de Saúde. Na edición de 2016 máis de 35.688 persoas participaron na votación.
DKV Seguros puxo en marcha un ano máis a campaña “Ti decides. Dinos que proxecto che gustaría converter en realidade. O demais, déixao nas nosas mans”. A Convocatoria de Axudas apoia accións dirixidas a persoas desfavorecidas e que contribúan a mellorar a súa calidade de vida e a súa saúde, especialmente no ámbito da prevención e promoción da saúde ou o apoio a persoas con discapacidade. Tamén fomenta a comunicación e sensibilización sobre a importancia de factores ambientais na saúde das persoas e implica aos grupos de interese da compañía na súa política de responsabilidade empresarial.
Nesta ocasión, son 63 os proxectos finalistas, e os máis votados poderán conseguir un máximo de doce mil euros, ata chegar aos 100 mil euros, para financiar as súas causas en calquera das cinco categorías establecidas nesta nova edición.
Estas 5 categorías de proxectos agrúpanse en función da forma de elección das entidades gañadoras:
Categorías de voto aberto
Na selección dos gañadores desta categoría poderá participar calquera persoa que teña interese en facelo. Para cada unha destas categorías elixirase un único gañador. Tipos de proxectos:
Categorías de voto pechado
Na selección dos gañadores desta categoría unicamente poderán participar persoas incluídas entre os grupos de interese de DKV Seguros (clientes, mediadores, empregados, provedores e médicos). Para cada unha destas categorías elixiranse dous proxectos gañadores. Tipos de proxectos:
Se queres comezar a túa votación, xa podes facelo facendo clic na seguinte ligazón: http://tudecides.dkvseguros.com/
Grupo DKV é parte de ERGO, un dos maiores grupos aseguradores en Alemaña e Europa. ERGO, presente en máis de 30 países, concentra a súa actividade en Europa e Asia, ofrecendo un completo espectro de seguros, provisión e servizos. Preto de 43.000 persoas traballan para o grupo, entre empregados e axentes comerciais. ERGO pertence a Munich Re, un dos líderes mundiais en seguros e reaseguros.
En España, Grupo DKV está implantado en todo o territorio nacional cunha ampla rede de oficinas e consultorios, onde traballan case 2.000 empregados que dan servizo a preto de 2 millóns de clientes.
Estes días celébrase no Campus de Vigo a edición galega de HackforGood (a terceira), o maratón de desenvolvedores e hackers unidos, nun mesmo emprazamento e nas condicións máis axeitadas de colaboración, para atoparen solucións, servizos e aplicacións que contribúan a un mundo mellor e máis igualitario (hacking en clave positiva e solidaria). No evento estanse a reunir máis de 80 estudantes. Durante tres xornadas traballan na “creación de apps que fagan uso masivo de datos e teñan un grande impacto social”, sinala a Universidade de Vigo, engadindo que a finalidade “é responder a retos globais previamente rexistrados dende calquera parte de España”. A iniciativa, que arrancou onte xoves, está promovida por Telefónica, xunto coa ETSI de Telecomunicación da Politécnica de Madrid, a Fundación HazloPosible e a firma innovadora MashmeTV, co apoio da Rede de Cátedras Telefónica, entre elas, a da Universidade de Vigo.
Este venres levouse a cabo o acto institucional de inauguración no edificio Miralles coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e da directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Esta última explicou que no evento “participan 1.200 alumnos de 22 universidades reunidos en 14 sedes en toda España”, e animou aos asistentes a seguir sendo hackers “bos, audaces e solidarios” e a “traballar con entusiasmo nestes tres días e sacar o máximo partido a este tipo de iniciativas, que teñen moitísima repercusión social e moita aceptación”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade, Salustiano Mato, agradeceu o “apoio e confianza” de Telefónica para o “talento que xurde da nosa Universidade a través da cátedra Telefónica” e destacou igualmente a importante implicación do alumnado.
Os 16 grupos de traballo que participan ata mañá sábado no HackforGood en Vigo compiten tanto polos premios locais (2.000 euros entre os tres mellores de cada sede) como globais (8.000 euros entre os tres mellores), os de continuidade e os temáticos, que no caso de Vigo serán Premio á Innovación, á Innovación Enerxética e ao Desenvolvemento Sostible. Para chegar a ser un dos gañadores, o equipos deberán propoñer solucións innovadoras a retos sociais e deben ser quen de presentar en sociedade este sábado nun vídeo de dous minutos. De xeito complementario ás horas de traballo participarán en obradoiros e relatorios, entre eles o de Chema Alonso, chief data officer de Telefónica, que participou a través de videoconferencia. Ademais, para axudar aos estudantes a desenvolver as súas ideas, contan coa axuda dun equipo de docentes da Universidade de diversas disciplinas, dende enxeñaría, a mercadotecnia, comunicación ou informática.
Os premios coñeceranse este sábado ás 17.00 horas.