main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/03/201709:30
XVII edición do Foro Tecnolóxico do Emprego.
Vigo

Comeza na UVigo a nova edición do foro de emprego con empresas TIC

Onte botaba a andar na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía a XVII edición do Foro Tecnolóxico do Emprego, un encontro entre empresas e alumnado das tres escolas de Enxeñaría do campus de Vigo (Industrial, Minas e Enerxía, e Telecomunicación) que se estenderá do 8 ao 10 de marzo. Emporiso, ao longo dos tres días que durará esta cita, os participantes aproveitarán para entregar currículos, asistir a conferencias e obradoiros, intercambiar opinións sobre oportunidades profesionais e establecer contactos de cara a introducirse no mercado laboral.

A inauguración do foro estivo presidida polo reitor da Universidade, Salustiano Mato, pola directora da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Natalia Caparrini; polo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, e polo subdirector da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, amais dun grupo de preto de cen alumnas e alumnos capitaneados por Olalla Sánchez, estudante da EE de Telecomunicación. En canto ás empresas participantes, son 26 as que se amosan interesadas en acoller aos estudantes recén saídos das devanditas Enxeñarías, entre elas salientan: Microsoft, R, Repsol, BorgWarner, Aluminios Cortizo, Balidea, Imatia, Deloitte, Schindler, Zemsanis, DQbito Ing. Biomédica..., así como os colexios oficias, as principais asociacións sectoriais e centros tecnolóxicos como Gradiant.

Cómpre engadir que o programa de conferencias deste Foro Tecnolóxico do Emprego comezaba xa o martes 7 de marzo, coa intervención de diferentes profesionais no salón de actos da Escola de Enxeñaría Industrial, un programa de charlas que se estenderá (en diferentes espazos das tres escolas) até mañá (venres 10 marzo) ao mediodía, cando está previsto o peche do encontro. A temática destas charlas vai dende a ciberseguridade até os nichos de emprego para as diferentes ramas de enxeñaría ou o Big Data, entre outros.

09/03/201708:33
GPUL Labs 2017
A Coruña

Recomezan os GPUL Labs co obxectivo de facer de Galicia unha gran comunidade Maker

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, afincado na Facultade de Informática da UDC, prepara un novo e importante paso no que se refire ao seu labor de difusión arredor da tecnoloxía e a cultura libres, traballo que se complementa cos seus esforzos para converter a nosa terra nunha factoría de desenvolvedores e makers en clave de código aberto. Estamos a falar da nova edición dos seus GPUL Labs, que están a piques de arrincar logo do “gran impacto que tiveron estes obradoiros o ano pasado”, en palabras do Grupo.

Os GPUL Labs 2017, de feito, serán unha continuidade da edición anterior pero facendo aínda meirande fincapé na necesidade de facermos fronte común arredor da tecnoloxía para todas e todos. A idea, unha vez máis, será xuntar membros e desenvolvedores da comunidade galega de argalleiras/os tecnolóxicas/os (e tamén estatal e internacional) para amplificar coñecemento e realizar proxectos reais de programas feitos na súa integridade con software libre, “contribuíndo á comunidade e adquirindo experiencia ao mesmo tempo”. Segundo nos contan dende o Grupo, o programa de obradoiros de 2016 foi un rotundo éxito durante os tres meses que durou. Nun plano máis concreto, abrollaron del un total de 11 charlas sobre algunhas das máis modernas tecnoloxías libres (impartidas por relatorios das máis punteiras empresas e asociacións da contorna galega) así como dous hackathons, dos que xurdiron máis de 10 proxectos diferentes. “A repercusión dos GPUL Labs”, engade o Grupo, “estendeuse por todo o territorio autonómico, contando con máis de 450 asistentes, 3 patrocinadores internacionais e 8 empresas colaboradoras”.

Respecto da edición 2017 dos GPUL Labs, consistirá novamente nunha serie de talleres, charlas e hackathons temáticos, todos co nexo común de estaren vencellados ás máis punteiras tecnoloxías libres e impartidas por relatores de recoñecido prestixio. Arduino, Git, React.js, Tensorflow ou Android son algunhas das temáticas que se tocarán fondamente nos Labs, que segundo lembra o GPUL están totalmente abertos a propostas de novas temáticas. Estas pódense realizar a través dun repositorio específico xa habilitado.

A organización tamén informa que as actividades serán todas rexistradas en vídeo e logo penduradas na Rede para que “ninguén fique sen asistir ás mesmas”. Outra das novidades deste ano é que as sesións previstas non se realizarán unicamente na Facultade de Informática da Coruña senón tamén en diversos espazos de traballo das cidades de A Coruña e Santiago, co obxectivo de chegar a un público máis amplo. Para máis información sobre o evento cómpre visitar a páxina web dos GPUL Labs.

Para rematar, o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux lembra que o obxectivo final desta iniciativa non é outro que “crear un enorme e activa comunidade de software libre en Galicia”, “e non imos parar até conseguilo”, explican.

09/03/201708:24
Convenio Fundación ONCE e GasPay.
Madrid

GasPay e a Fundación ONCE impulsan o uso dunha app que permite repostar sen baixar do vehículo

  • Un total de 35 gasolineiras de Madrid contan xa con este servizo

 

A Fundación ONCE e GasPay asinaron un convenio de colaboración para impulsar o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como ferramentas de apoio para a autonomía e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade en todos os ámbitos.

 

En concreto, o acordo refírese a 'GasPay', unha app desenvolvida pola empresa e que permite pagar a gasolina directamente desde o surtidor sen baixar do vehículo. Trátase dunha aplicación especialmente interesante para persoas con discapacidade ou problemas de mobilidade, xa que se indica nun mapa onde existen estacións de servizo atendidas e facilítase o pago sen baixar do vehículo. Ademais a app permite avisar ao persoal da gasolineira de que o condutor necesita asistencia á hora de encher.

 

Borja Serra, co-fundador de GasPay, e José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, foron os encargados de subscribir este acordo, que prevé desenvolver iniciativas dirixidas a promover os criterios do deseño para todas as persoas e a accesibilidade universal co obxectivo de mellorar a vida das persoas con discapacidade e de toda a sociedade no seu conxunto.

 

Tras a firma do acordo, Serra agradeceu o apoio da Fundación ONCE para facer chegar esta aplicación ao maior número de usuarios posibles. “Quixemos achegar o noso gran de area cunha idea de negocio que facilita a vida ás persoas con discapacidade”, recalcou o co-fundador de GasPay. 

 

Na actualidade, a empresa xa mantén acordos con 80 gasolineiras e nun total de 35 o sistema xa está implementado, todas elas en Madrid. “Quédanos moito por facer e vénnos fantástico apoiarnos en entidades como a Fundación ONCE”, reiterou. 

Pola súa banda, Martínez Donoso ofreceu todo o apoio institucional de Fundación ONCE co fin de achegar este sistema ao movemento asociativo das persoas con discapacidade. O obxectivo último, coincidiron ambos, é “converter todas as gasolineiras en accesibles”.

 

En virtude deste acordo, Fundación ONCE comprométese a achegar á empresa o seu coñecemento en materia de accesibilidade universal con obxecto de lograr unha maior usabilidade do servizo que ofertan, denominado ‘GasPay', ás persoas con discapacidade. Ademais, facilitará contactos de posibles clientes que poidan estar interesados no servizo e, especialmente, de entidades do movemento asociativo dentro do colectivo de persoas con discapacidade que poidan promover a realización de test de usuarios que validen a adecuada implantación do servizo.

 

Pola súa banda, GasPay promocionará conxuntamente coa Fundación ONCE a súa app e novos servizos para persoas con discapacidade en congresos e feiras especializadas. Tamén buscará desenvolver outros servizos para a mellora da inclusión social co asesoramento da Fundación ONCE.

 

Finalmente, GasPay comprométese ademais a destinar o 2% dos beneficios anuais que perciba pola liña de negocio que xurda pola utilización de 'GasPay' ao financiamento de proxectos de accesibilidade seleccionados de mutuo acordo entre as partes.

 

Ambas as entidades coinciden en que a plena inclusión das persoas con discapacidade na sociedade implica a súa participación en todos os ámbitos da vida: formación, emprego, actividades culturais e de lecer, etcétera, e que para iso requírese avanzar na accesibilidade universal a todo tipo de bens, servizos e recursos naturais.

09/03/201708:02
Cartel de "Memoria en rede".
Pontevedra

O programa Memoria en Rede de Pontevedra reformúlase con obradoiros para os maiores

O programa Memoria en Rede que promove a Concellería de Novas Tecnoloxías de Pontevedra, coa vontade de recuperar a historia da cidade e a súa contorna a través das testemuñas dos maiores (ao tempo que de traballa na súa alfabetización dixital), achegou esta semana dúas novidades ao abeiro da súa terceira edición. Máis polo miúdo, trátase de dous obradoiros TIC destinados a asentar na iniciativa os máis firmes alicerces e garantir os máis óptimos resultados en divulgación tecnolóxica e repercusión de Memoria en Rede. Os obradoiros, que foron dados a coñecer polo concelleiro Alberto Oubiña, extráense da bagaxe xerada nas primeiras experiencias desenvolvidas nas parroquias de Mourense e Lérez.

Estes son os cursos a desenvolver:

  • Cursos base, dirixidos a persoas con ningunha ou escasas habilidades no uso das novas tecnoloxías. Impartiranse nas parroquias de Lerez (Casa da Cultura) e Alba (Local Social da Devesa). Teñen unha duración de 8 semanas, cunha cadencia de dous días á semana, dúas horas ao día. Desenvolveranse os luns e os mércores, en Lérez con horario de 16.00 a 18.00 horas, e en Alba con horario de 18.45 a 20.45 horas.
  • Cursos superior, deseñados para traballar na Memoria en Rede. Dirixidos a persoas que teñen certo coñecemento do uso das novas tecnoloxías e que están en disposición de colaborar dun xeito activo no blog Memoria en Rede nado como ferramenta de conservación da memoria colectiva. Desenvolveranse na Casazul do Concello. Duración, 8 semanas, os venres, con horario de 18.30 a 21.00 horas.

Sobre Memoria en Rede
Segundo lembra o Concello, o programa naceu coa idea de conectar dous mundos que, en principio, “non teñen nada que ver”. Por unha banda o futuro e o presente no que estamos, coas novas tecnoloxías como eixo central e fío condutor e, por outra, “a recuperación do que poderíamos chamar memoria”. Memoria en sentido amplo: historias, lendas, vivencias, vidas… Emporiso, recorda o Concello, para chegar ao fin desta proposta é preciso “contar coa axuda dos nosos maiores” e ter en conta que non son nativos dixitais, que teñen estas tecnoloxías como algo alleo e en moitas ocasións, que lles xera rexeitamento e aversión.

08/03/201708:31
BraiBook
Santiago de Compostela

BraiBook, un e-reader que transforma textos en Braille

  • Lanzan unha campaña para financiar BraiBook, un e-reader que transforma textos en Braille, o dispositivo permite a persoas con discapacidade visual a accesibilidade á lectura e aprendizaxe do Braille

 

"BraiBook" busca unha ampliación de capital de 75.000 a 100.000 euros, a través dunha campaña de investimento na plataforma de 'crowdfunding' a Bolsa Social..

Transformar textos dixitais en calquera idioma e formato ao código Braille, este é o servizo que ofrece "BraiBook", o e-reader deseñado para que persoas con discapacidade visual poidan ler e aprender este sistema de lectura e escritura grazas unha tecnoloxía disruptiva que permite a conversión dunha maneira sinxela e accesible en calquera momento e lugar.

A peculiaridade de "BraiBook" é o seu reducido tamaño, pois dispón de espazo para un só carácter en Braille. Para utilizalo, o usuario coloca o dedo encima dese espazo, onde cun sistema mecánico, vai subindo e baixando cada punto Braille, reproducindo sucesivamente as letras de cada palabra e permitindo a lectura de calquera contido en formato dixital: desde un documento descargado, ao horario do autobús ou os seus emails, mediante conexión Bluetooth co teléfono móbil. Este innovador dispositivo é idea do novo enxeñeiro catalán Carlos Madolell, tras reflexionar sobre os problemas cotiáns de lectura aos que se enfrontan as persoas con discapacidade visual, o que lle levou a crear "BraiBook" para "fomentar a inclusión deste colectivo na educación, a cultura e o entretemento",

Só un 15% de persoas con discapacidade visual (15.000 en España) coñece e utiliza o sistema Braille. Ademais, a oferta de libros dispoñible neste alfabeto é escasa, cara e de difícil acceso e transporte, factores que limitan o acceso ao código Braille e, por tanto, reducen o desenvolvemento persoal e profesional das persoas con discapacidade visual..

O dispositivo poderá adquirirse a un prezo que non superará os 300 euros, un 90% máis barato que outros lectores de Braille O obxectivo de "BraiBook" é duplicar a cifra de usuarios de Braille e aumentar, tamén, a escolarización de nenos con discapacidade visual, sobre todo en países en vías de desenvolvemento.

Para introducir este e-reader en Braille no mercado, "BraiBook" busca unha ampliación de capital de 75.000 a 100.000 euros a través da plataforma de equity crowdfunding a Bolsa Social.

A campaña, que acaba de abrirse, xa conseguiu un total de 9.000 euros. Os investidores de "BraiBook" poderán deducirse ata un 20% do investimento da cota íntegra estatal do IRPF, cun máximo de 10.000 euros; 16.000 en caso dos residentes na Cataluña. Unha vez no mercado, o dispositivo poderá adquirirse a un prezo que non superará os 300 euros, un 90% máis barato que outros lectores de Braille, a través da propia web de "BraiBook" ou mediante unha canle de distribución externa, grazas a un preacordo coa ONCE e asociacións similares a nivel internacional.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS