main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

07/03/201707:48
Robótica para nenos.
Santiago de Compostela

Os cativos de Ponteareas e Ribeira achegaranse á robótica e ao audivisual a través dun par de obradoiros

O ciclo de obradoiros crea R que a compañía de telecomunicacións R está a organizar para cativos de entre 7 e 15 anos para premiar a fidelidade dos seus clientes e que comezarán o vindeiro sábado en Burela, van perfilando as súas vindeiras actividades, e hoxe dan conta de que o sábado tamén desenvolverán un obradoiro de robótica en Ponteareas, onde aplicando o innovador método Líbolis buscan que os participantes poidan crear un prototipo tecnolóxico empregando placas e materiais reciclados para desenvolver e potenciar a súa creatividade, traballen en equipo e incrementen a seguridade en si mesmos.

A actividade repártese en sesións de 2 horas cada unha que botarán a andar ás 10:00, 12:00 e 16:30 horas, destinándose cada quenda a pequenos de 7-8 anos, 9-11 anos e 12-15 anos respectivamente, limitándose cada unha a 20 participantes, e sendo preciso inscribirse na tenda de R na vila. A mesma estrutura organizativa desenvolverase o 18 de marzo en Ribeira, onde terá lugar un novo obradoiro crea R, pero que desta volta muda a súa temática, e achegarase ao mundo do audiovisual, de xeito que os participantes poderán crear un anuncio para un produto concreto, para o que terán que elaborar un guión e gravar un anuncio, para o que teñen que desenvolver a súa capacidade comunicativa e a súa oratoria dentro dunha divertida experiencia.

06/03/201708:37
App Turismo de Galicia.
Santiago de Compostela

Máis de 480.000 persoas empregan as 25 aplicacións da Xunta de Galicia

  • A Administración autonómica vén de renovar á páxina de acceso a estes servizos
  • Nos últimos catro anos incrementouse de 9 a 25 as apps en dez categorías diferentes

 

As 25 aplicacións da Xunta de Galicia acumulan arredor de 483.000 descargas. A Administración autonómica vén de renovar a páxina de acceso aos seus servizos en mobilidade, accesible a través do portal corporativo http://www.xunta.gal/aplicacions-mobiles. As aplicacións están agrupadas en dez categorías e pódense realizar buscas por temas e sistemas operativos nos que estean dispoñibles.

Nos últimos catro anos a Xunta incrementou de 9 a 25 as aplicacións de diferentes servizos públicos para dar resposta á crecente demanda de servizos en mobilidade. O catálogo de aplicacións da Xunta abrangue dez categorías: Administración pública (DOG, Plataforma Contratos,  escAPP e CDTIC): Consumo e comercio (Non piques-non peques, Mercados e Prazas de Galicia, IGC, Galicia Calidade); Cultura e ocio (Axenda Cultural, Museo Centro Gaiás); Emprego (Mobem), Ensino e formación (abalaMobil); Lingua (Tradutor Gaio); Meteoroloxía (MeteoGalicia, MeteoRoute, MeteoSix); Mocidade (Carné Xove) Natureza e Turismo (Turismo de Galicia; Camiño de Santiago; Bono Iacobus, Galicia Birding, Sendegal, Parques Naturais, Enoturismo, Botafumeiro R.V).

As aplicacións que rexistran un volume máis elevado de descargas son MeteoGalicia, para a predición meteorolóxica; abalarMobil, para o seguimento de pais e nais da actividade educativa dos seus fillos; Mobem para demandantes de emprego; MeteoSIX, que ofrece a predición meteorolóxica xeorreferenciada; e Sendegal, que permite coñecer rutas homologadas de sendeirismo en Galicia. 

 

Identificadas nun espazo único

En maio de 2013 o Consello da Xunta acordou que a publicación das aplicacións creadas por calquera organismo da Administración xeral nas plataformas Android e IOS se realizase baixo a denominación única de “Xunta de Galicia”, facilitándolle á cidadanía a súa identificación e contribuíndo a aumentar a confianza de quen as usa, ao actuar a Administración autonómica como garante da fiabilidade e da súa actualización.

A raíz desta medida  e para difundir cales son as aplicación móbiles dispoñibles creouse un novo espazo web no portal corporativo http://www.xunta.gal/aplicacions-mobiles., onde se poden consultar as aplicacións rexistradas, e que se vén de actualizar esta semana.

06/03/201708:22
Presentación de TeloReciclo.
Almería

Nace TeloReciclo, unha iniciativa que impulsa a reciclaxe de móbiles e o emprego de persoas con discapacidade intelectual

  • O equipo de traballadores de TeloReciclo recollerá os móbiles directamente a domicilio por toda a cidade e en diferentes campañas e eventos públicos, comeza en Almería, promovida por Orange, A Toda Vela e Koiki, colaborando Recyclia.

O Museo da Guitarra de Almería acolleu o lanzamento de TeloReciclo , unha iniciativa grazas á cal varias persoas con discapacidade intelectual recollerán por toda a cidade teléfonos móbiles en desuso, co fin de fomentar a reciclaxe destes dispositivos. O proxecto, promovido por Orange, xunto coa asociación de persoas con discapacidade intelectual A Toda Vela, a empresa ecosocial de mensaxería Koiki e a colaboración de Recyclia, pretende dar o fin máis social posible aos millóns de teléfonos e dispositivos móbiles que existen en España gardados nos caixóns das casas.

TeloReciclo nace en Almería coa previsión de ir estendéndose a outras cidades e ten varios obxectivos, entre eles, por unha banda, aumentar o número de teléfonos móbiles reciclados e concienciar sobre os beneficios que esta acción ten para o medio ambiente. En España hai máis de 50 millóns de dispositivos móbiles, dos que, segundo un informe de Sheffield Hall University, un 44% acaba, ao cabo dun tempo, gardado nun caixón. Estes dispositivos tan cotiáns son coñecidos como “minas urbanas”, pois integran elementos altamente contaminantes, como o litio das baterías ou o coltán e, por tanto, a súa reciclaxe convértese nunha necesidade urxente e unha prioridade para o medioambiente. Máis do 90% dos compoñentes dun móbil son reutilizables e, ademais, esta actividade de reciclaxe de móbiles crea emprego: estímase que por cada 12.000 móbiles recollidos, créase un posto de traballo para unha persoa desempregada.

Doutra banda, TeloReciclo ofrece un emprego de proximidade a persoas con discapacidade intelectual, como no caso das oito persoas de A Toda Vela, quen se encargará de recoller os móbiles na cidade, e posteriormente tamén noutras localidades da provincia. Estas persoas recibiron unha formación sobre a reciclaxe e o impacto da reciclaxe de móbiles no medioambiente, así como acerca da protección e salvagarda dos datos e información confidencial dos datos almacenados no terminal, o uso de dispositivo móbil como ferramenta de traballo, o proceso de recollida e o destino final dos móbiles reciclados e calquera outro tipo de información que o cidadán necesite saber á hora de entregar o seu dispositivo.

A recollida de móbiles pódese facer por varias vías: os traballadores farán visitas a domicilio para recoller terminais por toda a cidade, e tamén levarán a cabo campañas ou eventos específicos en diferentes puntos de Almería, comezando, por exemplo, estes días 2 e 3 de marzo na Feira Aula Empresa do Colexio La Salle Virxe do Mar. Ademais, calquera cidadán de Almería pode solicitar a recollida no seu domicilio a través da Web de TeloReciclo, e tamén se poden entregar en calquera tenda Orange.

Coa entrega dos vellos terminais aos traballadores de TeloReciclo, os cidadáns estarán a contribuír a un triplo beneficio: xerar postos de traballo na súa localidade, participar na inclusión de persoas con discapacidade intelectual no mundo laboral e colaborar a manter unha contorna máis sustentable grazas á reciclaxe.

En palabras de Rocío Miranda de Larra, directora de Responsabilidade Social e Sustentabilidade de Orange España, “con TeloReciclo propoñémonos un reto moi concreto en Almería: o de recoller 10.000 móbiles nun ano en toda a provincia, sumando os esforzos do equipo de promoción, as tendas de Orange e a nosa páxina web”.

Ver o vídeo promocional en YouTube de TeloReciclo, o fin máis social para o teu móbil.

Máis información na Web Oficial de TeloReciclo.

06/03/201708:11
Presentación da Ourense ICC Week, edición 2017.
Ourense

Ourense ICC Week 2017 achegará xornadas e debate sobre industria TIC e audiovisual

A semana pasada presentouse o programa de actividades de promoción cultural e creativa Ourense ICC Week, edición 2017, e, como puidemos comprobar, entre as súas accións figura un evento netamente TIC, a xuntanza Technium para mozas e mozos seareiras/os das novas tecnoloxías. Segundo lembrou na xuntanza a Deputación de Ourense, impulsora da ICC Week, a vertente tecnolóxico-dixital non se vai esgotar na lan party. Complementándoa, entre o 2 e o 7 de maio, celebraranse en diferentes puntos xornadas e debates sobre audiovisual, industria TIC, música, xestión cultural, deseño gráfico, publicidade, literatura, artesanía e arquitectura. Amais de todo isto, o programa estreou nova imaxe, baseada no campamento romano de Aquis Querquennis. A idea é converter Ourense na provincia creativa por excelencia.

As actividades foron dadas a coñecer polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen sinalou que este ano o deseño do programa “céntrase no rural e no noso patrimonio histórico-cultural, co campamento romano de Aquis Querquennis, en Bande, como protagonista do evento”. Baltar salientou a importancia este ano da cooperación co Campus de Ourense para o desenvolvemento da devandita xuntanza Technium, nas súas palabras “un gran encontro de lecer dixital que reunirá no polideportivo universitario a centos de mozos cos seus ordenadores para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos”. Segundo explicaron os impulsores da party (Juan Rivas e Manuel Araújo), esta celebrarase entre os días 4 e 7 de maio e abranguerá en aberto recantos para o descanso, o ocio e o recreo con diferentes actividades. A idea é xuntar uns 500 participantes.

06/03/201707:58
Persoa maior usando un móbil.
Santiago de Compostela

A Amtega e a Fundación Vodafone impulsan o uso dos smartphones e tablets entre as persoas maiores a través de rede CeMIT

  • Vinte e tres localidades de Galicia con aula CeMIT ofertan máis de 500 prazas para introducir ás persoas maiores no manexo de dispositivos móbiles
  • Non é necesario dispor de terminal para poder acceder a estes cursos
  • A actividade comeza o 6 de marzo nas localidades de Brión e Valga e continuará ao longo dos vindeiros meses nas catro provincias galegas
  • Pódense consultar as datas e formalizar a inscrición, de balde, na páxina de CeMIT

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Fundación Vodafone, pon en marcha preto de 50 actividades formativas en diversas localidades con aula CeMIT destinadas a introducir principalmente ás persoas maiores de 45 anos no manexo dos teléfonos móbiles “intelixentes” e das tablets, así como nos seus diferentes usos e aplicacións.

Estas actividades, que arrancan o luns 6 de marzo, chegarán a 23 aulas da Rede que ofertan máis de 500 prazas libres e gratuítas distribuídas entre os meses de marzo a novembro. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos e de tablets para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo. Ademais, os participantes recibirán uns manuais en papel que recollerán dunha forma visual sinxela as operacións básicas (acender, chamar, gardar números, etc) así como exemplos de aplicacións básicas e de interese para diferentes colectivos.

As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.

As persoas interesadas na asistencia a estas iniciativas formativas poderán consultar as súas datas de realización e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver as dúbidas que poidan xurdir.

As vantaxes que ofrece o uso destes terminais tecnolóxicos para as persoas maiores son innumerables en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…), a posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…), maior relación cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…), un acceso máis rápido a información (noticias e prensa en liña…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Dende a posta en marcha da rede CeMIT en 2011, planificáronse nas súas aulas máis de 237.000 horas de formación en alfabetización dixital, capacitación dixital e innovación social dixital, contando actualmente con máis de 64.000 usuarios e usuarias que participaron en actividades formativas.

 

Fundación Vodafone

A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente. dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos. Promove diversos programas de formación con diversas Universidades españolas dirixidos á investigación e a excelencia docente nas novas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Outros obxectivos da Fundación son a difusión das telecomunicacións na sociedade a través de publicacións, cursos e seminarios. www.fundacionvodafone.es

 

Localidades onde se desenvolverán estas actividades

Desenvolveranse nas Aulas CeMIT de Abegondo, Barreiros, Boiro, Brión, Carballedo, Celanova, Cerceda, A Coruña, Cuntis, Fisterra, Foz, Marín, Oroso, Ortigueira, As Pontes, Pontevedra, San Sadurniño, Santa Comba, Sarreaus, Sarria, Valga, Verín e Xunqueira de Ambía.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS