
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Este martes 21, e até o día 24, celébrase un evento que dalgunha maneira complementa e amplía cara a novos horizontes (horizontes dixitais e sen limitacións de espazo) os obxectivos e estratéxicas do Foro Tecnolóxico de Emprego, desenvolvido hai uns días no Campus de Vigo. Estamos a falar da segunda edición da Feira Internacional Virtual de Emprego Finde.Eu, unha cita organizada polas universidades de Vigo, Porto e Tras Os Montes e Alto Douro. Segundo puidemos saber, nela van participar máis de cen empresas procedentes de todos os recantos de Europa. Lembrar que na edición anterior concorreron 78 firmas ofertando 1.324 postos de emprego para os que se recibiron máis de 4.400 currículos. As novas tecnoloxías e a enfermería foron os ámbitos máis demandados da convocatoria de 2016.
O obxectivo da Área de Emprego da UVigo, co-organizadora, é que “durante catro días expositores de toda Europea teñan a oportunidade de entrar en contacto virtual con máis de 60.000 estudantes e 110.000 titulados e tituladas das tres universidades organizadoras”. A estes estudantes e titulados cómpre engadir os egresados doutras institucións educativas de toda Europa que se atopen na mesma situación de procura de emprego, prácticas ou oportunidades de investigación.
Na anterior edición desta feira participaron 114 expositores virtuais: 78 empresas con necesidades de contratación de persoal, 23 servizos ou puntos de información relacionados con emprego e mobilidade e 13 entidades relacionadas co ámbito da rede Eures. Dende a organización (a devandita Área de Emprego) explican que o sector con máis demanda foi o das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, que copou o 32% do total dos requirimentos. A continuación situouse enfermaría, coa cuarta parte das demandas. Segundo explican o impulsores desta feira virtual, no caso das TIC a demanda é moi alta tanto en España en Portugal coma no resto de países, mentres que no caso de enfermaría a demanda vén sobre todo do estranxeiro.
Por países, os máis representativos no que a oferta de postos de traballo se refire, foron Alemaña, Reino Unido, España e Portugal, seguidos de Malta, Suecia, Noruega, Dinamarca, Holanda, Bélxica e Eslovaquia. Ao igual ca o ano pasado, esta feira virtual completarase a finais de ano con dúas feiras presencias, unha en Porto, que se celebrará do 17 ao 18 de outubro, e outra en Vigo, do 24 ao 25 do mesmo mes. Na primeira edición da feira, celebrada o pasado mes de novembro, ao longo das catro xornadas nas que se prolongou este actividade, preto de 5.000 estudantes das universidades de Vigo, Porto e Tras- Os-Montes e Alto Douro visitaron os stands das máis de 120 empresas e institucións que participaron.
O vindeiro día 29 vai celebrarse a oitava edición de Coruña Bloggers, encontro que xuntará a blogueiros e outras persoas con inquedanzas dixitais no salón de actos da Fundación Barrié para atender a un par de relatorios dos que tirar proveito coñecendo os proxectos dos seus oradores e atendendo aos seus consellos para aproveitar a súa experiencia, non repetir os seus erros e coñecer algúns xeitos de abordar certos eidos con éxito.
Os relatores
A primeira oradora da xornada será Patricia Cortés, estudante universitaria de Educación Infantil na Universidade da Coruña, que tamén é autora de contos infantís e artigos de reflexión sobre o mundo da educación e a infancia empregando como fiestra ao mundo a súa páxina web All for Education. Na súa intervención titulada 10 consellos para o teu blog interactuará co público sobre blogging e dará as súas propias chaves e trucos para ter éxito cun blog, abordando temas tan variados como a importancia de ter un bo logotipo até como comunicar correctamente cos lectores.
Mario López Guerrero collerá o relevo de Cortés e comentará 10 trucos para falar en público, de xeito que achegará pequenos trucos para falar en público, captar a atención e sacar adiante as nosas presentacións dun xeito eficaz. Este experto formador leva máis de quince anos desenvolvendo a súa actividade profesional, tempo no que publicou diversos libros como Con el tiempo en los talones ou Habla como puedas.
Inscrición aberta
Completarán a xornada un sorteo de agasallos (como un reloxo Geeksme por cortesía de Opirata.com) e unha sesión de networking nun local de hostalaría próximo (La Taberna de Rita).
Os interesados en acudir poden solicitar xa a súa invitación a través de Eventbrite, lembrándose aos asistentes que, aínda que a actividade é completamente de balde, prégase a achega dun mínimo de 1 quilo de comida non perecedoira que entregarase á Cociña Económica.
O vindeiro sábado 1 de abril, o edificio CEI-Nodus de Lugo (no número 500 da avenida da Coruña) vai acoller por cuarta vez consecutiva a celebración do evento Arduino Day, organizado por Makers Lugo e coa colaboración do CEI-Nodus e máis do Concello. Trátase, como lembraremos, dunha das xuntanzas máis representativas e referenciais da nosa terra do que se coñece como movemento Maker (o movemento do “faino ti mesmo”, un chamamento integral a prol de tirar abaixo canto atranco poida haber entre as persoas e a súas propias capacidades de crear, inventar e desenvolver tecnoloxía), desta volta aplicado á tecnoloxía Arduino, a democrática e flexible plataforma de prototipos de electrónica open source.
Estas serán pois as bases do evento: cultura e tecnoloxía cen por cen libres e a disposición de todo o mundo (todos podemos ser argalleiros TIC), un importante ingrediente Maker e as tecnoloxías de Arduino para facer posible todo o demais. Con esta xuntanza, Lugo únese ás celebracións globais do Arduino Day, que este ano anúncianse en máis de 300 eventos por todo o mundo.
Será pois, a da dita cidade galega, unha cita aberta e para todos os públicos que servirá para xuntar e amosar iniciativas e makers de Galicia por enteiro. A organización, Makers Lugo, fai o seguinte chamamento a participarmos: “Se queres introducirte no mundo de Arduino, visítanos e pregunta, e se xa tes algo feito e queres mostralo, lembra que habilitaremos un espazo para ensinar e compartir os teus proxectos e demostracións”. O obxectivo último de Makers Lugo é facer que a Cidade da Muralla se converta, por un día, no centro das tecnoloxías libres.
O evento desenvolverase de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.00 horas.
Makers Lugo
A asociación makers.lugo é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, que forma parte do movemento Maker. Ten como obxectivo contribuír na construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Segundo explica a asociación, o movemento Maker é a cultura de fágao vostede mesmo, Do it Yourself en inglés. O termo Maker, engaden, é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros do open source de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.
Arduino, as orixes
Arduino é unha plataforma de hardware libre, baseada nunha placa con microprocesador e nun entorno de desenvolvemento, e deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos que integren elementos electrónicos. A tecnoloxía foi creada hai máis dunha década no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea. Buscábase unha ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Nos últimos anos, Arduino estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento Maker.
A Fundación Vodafone España convocou a XI Edición dos seus Premios Vodafone Connecting for Good á Innovación en Telecomunicacións, cuxo obxectivo é promover e desenvolver proxectos tecnolóxicos accesibles para mellorar a calidade de vida dos colectivos vulnerables. Estes proxectos de interese social, que poden atoparse tanto en fase de estudo como no da súa posta ao servizo da sociedade, han de ter en conta a accesibilidade universal, o deseño para todos e a promoción da transformación dixital. Poden estar desenvolvidos en calquera soporte (app, web, plataforma…).
Convócanse dúas categorías:
Cada unha das categorías premiarase con 15.000 euros, escultura conmemorativa, presenza no Mobile World Congress de 2018 e participación nos obradoiros de formación “Campus CDTI”.
Aberto o prazo de presentación
A estes premios poden presentarse proxectos desenvolvidos en España durante 2016 e ata a data da convocatoria. O prazo para a presentación de proxectos é do 15 de marzo ata o 7 de maio de 2017.
Un xurado formado por personalidades da Administración, a investigación e a empresa valorará o carácter innovador da solución dentro da Sociedade da Información, o público obxectivo que se podería ver beneficiado pola solución, a súa viabilidade e a súa accesibilidade. O fallo do xurado notificarase antes do 30 de xuño de 2017.
Bases completas e o formulario para encher para optar a algún destes premios:
A quinta edición do HackForGood celebrábase do 9 ao 11 de marzo en quince sedes estatais ao tempo, nelas desenvolvíanse 150 aplicacións tecnolóxicas desenvolvidas por máis de 1.500 hackers de toda España co obxectivo de resolver os 200 retos sociais propostos pola organización mediante o uso masivo de datos. E nesta quinta edición do HackForGood seis estudantes do derradeiro curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo decidían presentar o seu proxecto académico, Learnfordown, obtendo o segundo premio deste certame. Asemade, esta iniciativa tamén era presentada á terceira edición viguesa do encontro HackforGood, acadando o primeiro posto.
Así, Juan Fernández, Francisco González, Cristina González, Aaron Diéguez, Susana Díaz e Alejandro Fernández, responsables do Learnfordown, facíanse co segundo premio nacional HackforGood Global 2017, un galardón de 3.000 euros, mentres que o primeiro premio (un semáforo para invidentes desenvolvido en Valencia), percibirá 5000 e o terceiro, Biocast de Sevilla, terá un premio de 1000 euros.
E en que consiste este Learnfordown? Pois é unha aplicación para que os nenos coa síndrome de Down aprendan a ler e escribir. A idea xurdiu dunha demanda da Asociación Down Coruña, que lle foi achegada a unha das creadoras da app, Susana, quen ten un irmán con estas características. A propia asociación colaborou arreo na materialización do proxecto, guiando aos estudantes no seu traballo de darlles forma aos elementos do proxecto: unha aplicación móbil Android, un sistema hardware (joystick, botóns, placa Arduino, teclado) e un sistema de seguimento mediante unha interface web.
Tralo éxito acadado nos certames estatal e vigués de HackForGood, as e os promotores de Learnfordown informaron da súa intención de seguir impulsando a súa proposta, que segundo informa a Universidade de Vigo, “cando menos ten que proseguir até o mes de abril, que é cando remata a materia de grao para a que foi creada a aplicación”. A equipa gañadora coincide en salientar que con este proxecto superáronse as súas propias expectativas. “Non agardabamos o recoñecemento acadado e xa que tivo interese podería ser interesante continuar”, sinala Juan Fernández. Esta edición do HackForGood contou coa participación das cátedras Telefónica dunha vintena de universidades, entre elas a de Vigo.