main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/03/201708:49
Robot Lego Mindstorm.
Vigo

Os obradoiros de Camp Tecnolóxico chegan novamente a Vigo

A iniciativa Camp Tecnolóxico, un programa itinerante de campamentos-obradoiros tecnolóxicos para nenas e nenos de entre 4 e 17 anos, vai abranguer novamente a nosa terra (logo das experiencias previas en Vigo e Nigrán) nas súas xeiras de divulgación e traballo colaborativo arredor da robótica educativa, a programación, os videoxogos, os drons ou as impresoras 3D. Os campamentos levaranse a cabo durante a Semana Santa en Madrid, Barcelona, Pamplona-Iruña, Euskadi e, como dixemos, Galicia.
Os obradoiros galegos de Camp Tecnolóxico desenvolveranse en Vigo, e serán talleres dirixidos a nenas e nenos de entre 7 e 13 anos, que poderán elixir actividades como programar o seu primeiro robot con Lego Mindstorm ou aprender conceptos básicos da robótica con Lego WeDo (A aventura da robótica).

Os campamentos-obradoiros de Vigo celebraranse na sede AJE no número 21 da rúa Marques de Valadares. As datas son 10, 11 e 12 de abril, e tamén o 17 de abril (opcional). O horario, de 10.00 a 14.00 horas (no último día do campamento haberá unha hora de portas abertas, de 13 a 14.00 horas, para que as familias poidan ver o traballo dos participantes durante as xornadas previas).Para quen non o saiba, Camp Tecnolóxico é un proxecto educativo nado en 2011 en Bilbao co obxectivo de fornecer formación científica e tecnolóxica ás nenas e nenos e, tamén, coa finalidade de facer reflexionar a nais, pais e profesorado sobre a “implícita necesidade que teñen de complementar a educación dos seus fillos cos ámbitos da robótica, a programación, a intelixencia artificial, as matemáticas ou a enxeñaría. O seu foco é mellorar as habilidades de crianzas e adolescentes nestas áreas e con iso, “aumentar as súas probabilidades de éxito académico e profesional futuro”.

24/03/201708:31
II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración electrónica.
Santiago de Compostela

A Xunta ampliará o catalógo de servizos dixitais aos concellos

  • Asinará un acordo coa Fegamp cunha carteira inicial de ferramentas para facilitarlles ás entidades locais a implantación da Administración dixital que esixen as leis 30/2015 e 40/2015
  • A Xunta ten en funcionamento as principais pezas ás que obriga este novo marco normativo como a sede e o sistema de notificacións electrónicas, a dixitalización dos rexistros, a plataforma de interoperabilidade ou o Arquivo Electrónico
  • Máis de 250 profesionais do ámbito TIC, letrados e profesionais de concellos, deputacións, administración autonómica e do Estado participan no Encontro sobre o impacto das novas leis no papel do empregado público e na relación cos cidadáns

 

A Xunta de Galicia asinará coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) un convenio de colaboración para facilitarlles ás entidades locais a implantación da Administración electrónica. O acordo pon á disposición dos concellos unha carteira inicial de ferramentas como as notificacións electrónicas, a acreditación dixital, a Plataforma de Interoperabilidade, ou a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, que se irán ampliando de xeito progresivo.

Así o avanzou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, na apertura do II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración electrónica,  que foi inaugurado polo secretario xeral de Administración Dixital do Ministerio de Facenda e Función Pública, Domingo Molina. Na apertura interviñeron tamén o vicepresidente da Fegamp, Manuel Mirás, e o vicepresidente do Consello Superior de Letrados das Comunidades Autónomas, Francesc Xavier Urios. 

 

En marcha as principais pezas que esixen as leis 39/40

A máxima responsable da Amtega lembrou que Galicia está a desenvolver o Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, aprobado en 2015 cun investimento de 27,7 millóns de euros en 5 anos, que permitiu poñer en marcha boa parte das medidas que esixe o novo marco normativo en materia de Administración Electrónica (leis 39/2015 e 40/2015).

Desde o pasado ano a Administración autonómica conta co sistema notifica.gal, que permitiu o envío de 31.000 notificacións electrónicas. A Xunta dispón tamén, desde 2015, da Plataforma de Interoperabilidade Pasaxe! con máis de 40 certificados accesibles, e que en 2016 evitou a presentación de máis de 2,6 millóns de documentos (certificados de discapacidade, familia numerosa, parella de feito, títulos universitarios...).  Durante o pasado ano os empregados da Administración autonómica asinaron de xeito dixital máis de 1 millón de documentos.

A sede electrónica da Xunta rexistrou en 2016 máis de 89.000 xestións online e vén de habilitar a obtención dos certificados de familia numerosa e discapacidade a través da sede. Ademais, simplificouse o seu acceso coa posta en marcha do Servizo Chave 365, que substitúe o uso de certificados dixitais por claves concertadas no móbil, e que xa empregan máis de 13.000 persoas.

A administración autonómica conta tamén cun dos piares da administración dixital, o Arquivo Electrónico, que permite xestionar o ciclo de vida completo de cada documento e posibilitará, tanto aos empregados públicos como ao propio interesado.

Outra das obrigas para 2018 é que se dixitalicen todos os documentos que entran á Administración. Galicia adiántase a este requisito e, tras dixitalizar o Rexistro Xeral da Xunta como os Rexistros das Delegacións provinciais, este ano dixitalizaranse os 173 rexistros do Sistema Único de Rexistro, que dependen da Administración autonómica.

 

Máis de 250 empregados públicos participan no Encontro

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e co Consello Superior de Letrados e avogados de Comunidades Autónomas, celebran hoxe e mañá, na Cidade da Cultura, o II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica: "Un compromiso conxunto cara aos cidadáns".

Máis de 250 empregados públicos asisten estes dous días ás mesas e relatorios nos que se abordan diferentes aspectos derivados do impacto no funcionamento das Administracións Públicas, así como as liñas de colaboración entre as distintas administracións, que permitirán unificar esforzos no desenvolvemento da Administración Electrónica.

 

Espazo de exposición

Ademais das mesas de debate as Xornadas contan cun espazo para difundir os servizos dixitais que teñen á súa disposición os cidadáns. Nos diferentes stands persoal da Amtega e das deputacións explican e poden dar de alta en diferentes servizos aos interesados en incorporarse ao uso da administración dixital.

24/03/201708:21
Presentación de Campus Innova na UDC.
A Coruña

A UDC presenta o Campus Innova

A Universidade da Coruña vai reforzar os seus instrumentos para favorecer que abrollen dos seus campus máis e mellores iniciativas innovadoras. Así o deu a coñecer hoxe mesmo o reitor, Julio Abalde, no Paraninfo da Reitoría, perante decanas/os, directoras/es de centros, coordinadora/es de grupos de investigación e de centros tecnolóxicos e profesorado universitario. No acto presentáronse os novos campus especializados da Universidade. Segundo fixeron saber o reitor e máis o vicerreitor de Economía, Domingo Calvo, os campus da UDC estarán centrados en dúas grandes áreas: a innovación e o sostible. A primeira estará representada por Campus Innova e a segunda por Campus da Sustentabilidade.

O Campus Innova, sinalaron os reitores, estará centrado na innovación dixital, tecnolóxica (novas tecnoloxías da información) e humanística. Abrangue tres grandes áreas nas cales se desenvolven diferentes liñas de especialización. Na primeira área salienta o eido das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (Innova TIC), que é transversal ao resto de áreas de especialización “con posibilidade de numerosas aplicacións en diferentes contornas sectoriais tanto no ámbito lucrativo (onde destaca a xestión empresarial da innovación e do coñecemento) como non lucrativo”. Entre as moitas aplicacións das TIC Abalde e Calvo salientaron os ámbitos da biotecnoloxía, a saúde, a dependencia ou o tecido socio-sanitario. A segunda área de interese é a área da innovación e tecnoloxías da construción, enxeñería civil e aeronáutica, que estará representada por Innova Tech. O terceiro eido é a innovación no eido das humanidades e dixitais, a través de Innova Humanitas.

Pola súa banda, o Campus da Sustentabilidade centrarase en primeiro lugar nos ámbitos do urbanismo, a paisaxe e o territorio, en segundo lugar nos eidos da sostibilidade e a innovación social, en terceiro lugar na sustentabilidade económica e, en cuarto lugar, na vida saudable. Con estes dous novos campus de especialización prevese levar a cabo accións que integren ao conxunto das sedes da Universidade da Coruña: Elviña, Zapateira, Riazor, Oleiros e Oza. A partir deles, informaron Abalde e Calvo, “téntase fixar as liñas estratéxicas grazas ás que a Universidade poderá non só ofrecer unha formación máis especializada dos futuros egresados senón tamén mellorar a súa capacidade competitiva para captar fondos e realizar unha investigación e transferencia máis punteira e con maior valor engadido para a sociedade”.

23/03/201708:49
Muller maior usando Whatsapp.
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone España lanza novos tutoriais formativos para maiores no uso do WhatsApp

  • Estes tutoriais facilitan o uso aos maiores da mensaxería instantánea da internet máis utilizada

 

Co fin de continuar afianzando o uso dos dispositivos móbiles para as persoas maiores, a Fundación Vodafone España lanzou unha nova colección de tutoriais sobre o uso dos smartphone, centrados nesta ocasión no WhatsApp, en tanto que é unha ferramenta de comunicación masiva e o seu uso está enormemente estendido entre os maiores.

Estes novos tutoriais, un total de oito vídeos formativos, están dispoñibles en YouTube e pódese acceder a eles con tan só introducir as frases “Curso WhatsApp para maiores Fundacion Vodafone ou Curso #WhatsAppMayoresConecta2”. Pronto tamén estarán dispoñibles en www.fundacionvodafoneconlosmayores.com.

Os seus contidos abarcan desde a súa instalación no smartphone, pasando pola súa configuración, envío de fotos, vídeos, audios, contactos e localizacións, cuestións de seguridade a ter en conta,  así como a creación de grupos e listas de difusión.

Esta iniciativa enmárcase no compromiso da Fundación Vodafone España por dar a coñecer as TIC e as súas utilidades entre as persoas maiores posto que son un aspecto clave para promover a súa participación na sociedade actual, a vida independente e o envellecemento activo.

23/03/201708:44
Acordo Fundación Vodafone España e Fundación ONCE.
Santiago de Compostela

A Fundación Vodafone e a Fundación ONCE crean un fondo para o impulso da accesibilidade audiovisual

  • Este acordo prevé a posta en marcha dunha comunidade de voluntarios para a subtitulación de contidos ademais dunha serie de iniciativas destinadas a mellorar a vida das persoas con discapacidade

 

A Fundación Vodafone España e a Fundación ONCE asinaron un acordo para a creación dun fondo destinado ao impulso da accesibilidade audiovisual. Santiago Moreno, director xeral de Fundación Vodafone España, e José Luis Martínez Donoso, director xeral de Fundación ONCE, foron os encargados de rubricar este acordo específico previsto no convenio marco de colaboración subscrito por ambas as entidades en maio de 2014. 

Desde entón as dúas fundacións traballan de maneira conxunta en materia de deseño para todos e de accesibilidade universal co obxectivo de mellorar a vida das persoas con discapacidade e de toda a sociedade no seu conxunto.

En concreto, o presente anexo  formaliza a colaboración entre ambas as entidades para a creación do fondo para o ‘Impulso da accesibilidade audiovisual'. Segundo recolle o documento comprométense a configurar e poñer en marcha unha comunidade de voluntarios que produzan a subtitulación de contidos audiovisuais. Esta comunidade, que se formará a partir do colectivo de Voluntarios ‘da Fundación Vodafone' –que xa suma 100 persoas- encargarase de producir o subtitulado dos contidos e provocar a transformación dixital desta actividade.

Así mesmo, traballarán para facilitar a transcrición das clases en polo menos seis universidades españolas e para mellorar o acceso á aula de alumnos xordos ou doutros colectivos cuxa participación plena na actividade académica se vexa favorecida pola aplicación destas técnicas.

A Fundación Vodafone España realizará unha doazón de 145.000 euros ao devandito fondo e será a comisión de seguimento do convenio marco de colaboración a que determinará os proxectos elixibles para o seu financiamento.

Pola súa banda, a Fundación ONCE comprométese a participar activamente na xestión do fondo para o impulso da accesibilidade audiovisual, así como nos proxectos que se desenvolvan para ser financiados. Así mesmo, difundirá entre os seus patróns relacionados coa accesibilidade audiovisual este proxecto, convidándoos a valorar unha posible adhesión a esta iniciativa.

Tras a firma do acordo, Moreno explicou que “este convenio reforza a nosa aposta por mellorar a calidade de vida das persoas grazas aos avances que nos achegan as novas tecnoloxías”. Ademais recalcou que “é unha honra seguir colaborando e impulsando proxectos coa Fundación ONCE, referente no ámbito asociativo do noso país”.

Pola súa banda, Martínez Donoso afirmou que para a Fundación ONCE este camiño emprendido da man da Fundación Vodafone é “un paso moi importante”. “Queremos que se siga avanzando na accesibilidade, non só coa subtitulación senón tamén coa lingua de signos, a audiodescripción e a lectura fácil”. “É un gran paso e síntome especialmente feliz de poder seguir traballando para lograr unha sociedade moito máis inclusiva”, aseverou.

No acto tamén estiveron presentes Concha Díaz, presidenta da CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas); Carmen Jáudenes, directora de Fiapas (Confederación Española de Familias de Persoas Xordas), e Belén Ruiz, directora de CESyA (Centro Español do Subtitulado e a Audiodescripción).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS