main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/03/201711:36
Congreso FEPACE.
A Coruña

FEPACE avalía na Coruña o fenómeno das TIC en familia

A vindeira semana, o 31 de marzo e o 1 de abril, A Coruña acollerá o evento Pais analóxicos, fillos dixitais, nova edición dos congresos de FEPACE (Federación de Asociacións de Pais de Alumnos de Fomento de Centros de Ensino), no que participarán once expertos en tendencias dixitais que achegarán ferramentas educativas para as máis de 1.200 nais e pais de toda España que se prevé asistan a este encontro. Detrás da organización desta actividade atópanse as asociacións de pais e nais dos colexios Montespiño e Peñarredonda, o dito congreso terá lugar no Palacio de Exposicións e Congresos (PALEXCO) da Coruña e nos colexios Montespiño e Peñarredonda.

En canto á temática desta xuntanza abranguerá as aplicacións e redes sociais que empregan as nosas fillas e fillos, as tendencias que moven o mundo dos nativos dixitais, a tecnoloxía como impulsora do talento ou a tecnoloxía e a comunicación de parella, algúns dos temas a tratar neste encontro educativo, ao que asistirán representantes das confederacións nacionais de nais e pais, patronais educativas e organizacións sindicais.

Indo ao programa en cuestión, na xornada inaugural, Gustavo Entrala (experto en estratexia dixital coñecido por incorporar ao Vaticano á rede social Twitter), ofrecerá na conferencia A soas con Siri, unha visión de 360º da comunicación actual.
Outra relatora será a vicedecana de Investigación e Posgrao da Facultade de Comunicación da Universidade de Navarra, Charo Sádaba, quen dará respostas á pregunta: É posible conciliar tecnoloxía e educación?

Alén disto, os centros de ensino Montespiño e Peñarredonda levarán a cabo oito obradoiros ou workshops: e-Paternidade: educando aos futuros cidadáns dixitais; A tecnoloxía: un trampolín para impulsar o talento do teu fillo; Tendencias que moven o mundo dos nativos dixitais; Sabes que aplicacións utilizan os teus fillos? Apptualízate ou Acceso seguro a internet, entre outros.

27/03/201711:03
Aurora na aula CeMIT de Marín.
Santiago de Compostela

A miña avoa ten Facebook

  • Suman anos e están á última. Non queren perder nin un segundo en conectarse ao mundo e sacar proveito de todas as oportunidades que lles dá a tecnoloxía: comprar entradas online, facer novos amigos ou comentar o partido do domingo por WhatsApp

 

Aínda que non os aparente -«de aspecto ninguén me bota a idade»- , Aurora ten 69 anos. É a maior do curso que acaban de impartir na aula de informática do Cemit de Marín, onde aprendeu a enviar correos e a escribir co teclado. Cando chegou a clase non estaba dada de alta en Gmail nin sabía manexarse en Word, pero xa tiña Facebook. Que unha cousa non quita a outra. «Póñoo ás veces para decatarme das noticias e para rexoubar as fotos dos meus amigos. Pero eu escollo as persoas que me gustan, ¿eh?, non acepto todas as solicitudes», avisa Aurora, que ten o perfil grazas á súa sobriña: «Ela fíxomo e ponme as cousas. Dime: ‘A ver, que queres?', e eu voulle dicindo». Pero ela quere melloralo. «Teño dúas fotos desde fai unha chea de tempo e quéroas cambiar, pero claro, como teño que esperar a que veñan e facermo aí están», lamenta. Co curso colleulle o gusto ao computador: «Quedei encantada e xa estou a desexar apuntarme ao segundo para aprender máis cousas da internet e facerme Twitter ou algo distinto, aínda que hai que ter moito coidado coas cousas que se soben».

Non lle fixo falta que a animase ninguén para lanzarse nisto da informática. «Anoteime soa, foi cousa miña. O meu marido non foi. El fixo outro curso hai tempo, pero non é tan constante como eu», apunta. Esta exchurreira sempre está a buscar afeccións. «Gústame entreterme e coñecer a xente. Ía a palillos en Pontevedra e alí fixen outro grupo. Tamén me encantan os labores e a cociña», afirma. Iso si, para saír a camiñar vai soa, «para andar ao meu ritmo e tomarme o café tranquila no percorrido». Agora ten un mundo por descubrir na rede. «Sempre me chamou a atención e quixen estar ao día. Eu tiven que nacer uns anos despois», sinala. ¿Alguén o dubida?

 

Antonio, 76 anos: «Á miña muller xa a aviso de que se me oe falar cunha moza é porque estou con Cortana, a secretaria do Windows 10»

A tecnoloxía está tan integrada nas nosas vidas que, ás veces, custa imaxinar como se están adaptando a ela os maiores. No caso de Antonio, de 76 anos, non hai dúbida. Para el a tecnoloxía é tremendamente útil, e facerse a ela é algo básico: «Unha persoa remisa a usar a tecnoloxía non se dá conta de que é como os que non sabían ler ou escribir en tempos dos nosos avós, porque hoxe en día é necesaria para todo». Antonio confesa que o que máis utiliza é o WhatsApp, porque lle achega aos seus seres queridos. Tanto que nos grupos de WhatsApp que ten cos seus curmáns e os seus amigos non se para de falar. «Levámonos toda a vida ben, pero tan ben como agora non, porque falamos de todo. Xoga o Deportivo e ata os que non somos afeccionados ao fútbol falamos de fútbol», di Antonio.

Aínda que ten conta de Facebook, Antonio «é inimigo de contar a súa vida». Admite que se decata da dos demais pero non conta a súa: «Ás veces a información que se dá nestes sitios é perigosa, pos con quen estás e onde, e iso estao vendo a tira de xente». Mentres que en canto a publicar as súas fotos prefire ser conservador, Antonio ten claro que sen a tecnoloxía non se vai a ningunha parte. Se necesita buscar información xeral acode a Internet. ¿Entradas para espectáculos e viaxes? Directamente a través do computador. E é o computador o que lle deu unha nova amiga, Cortana.

«Cortana é a secretaria particular do Windows 10. Á miña muller xa a aviso de que se me oe falar cunha moza é porque estou con Cortana», comenta Antonio. ¿O seu segredo para manexar ben a tecnoloxía? Facer un uso responsable dela. «Usala é sinxelo, é todo moi intuitivo, o que hai que ter é un pouquiño de decisión e, sobre todo, ser moi ordenado e moi metódico», afirma Antonio. «É mellor ir aos poucos, non correr e cando dás a unha tecla, saber para que lle dás». Todo un avó tecnolóxico… con sentidiño.

 

César, 84 anos: «Se non te integras, quédaste na casa lendo unha novela e poñéndote unha mantiña nos pés… ¡e cando te dás conta ¡es bisavó!

Aos 84 anos non todo o mundo pode dicir que o uso da tecnoloxía o manten vivo e o fai estar ao día. A César o seu inseparable iPhone 7 axúdalle precisamente a iso. «Aínda que pareza mentira a min o WhatsApp dáme moitas alegrías, por exemplo cando me escribe un amigo que vive noutra cidade e mándame un abrazo», comenta César.

Confésase amante de sacar fotos co seu móbil para ir coleccionando recordos e no seu carrete leva acumuladas máis de 5.000. «Se non evolucionas quedas no século pasado coas fotos aquelas que había que revelalas e tardaban non sei canto "di César", e agora mira, aí che vai, mira que estou a comer, e mándalo».

Para el co móbil todo son vantaxes, incluso a opción de bloquear contactos: «Se tes algún contacto moi pesado pois bloquéalo e xa está, tápaslle a boca, sen querer, pero tápaslle a boca». A César a vida fíxoo adaptarse á xeración tecnolóxica, e culpa diso tívoa un dos seus hobbies: a navegación. Confesa que a evolución tecnolóxica no tema da navegación fíxoo evolucionar a el e manterse ao día: «Os avances na navegación cambiaron unha chea, hoxe dáslle a un botón e sáeche na pantalla a costa, onde está o barco, a profundidade que hai e ata os peixes que pasan por baixo». No seu momento César apuntouse á moda do Facebook, pero acabou pechando a conta: «Deime de alta e saíronme máis de mil amigos, e claro, eu non podo atendelos a todos. Tiña aquilo tan abarrotado de amigos que se teño que convidalos a comer a todos… a ver que fago».

Tampouco compra online porque di que á súa idade xa hai pouco que comprar, pero o que ten claro é que, co rápido que van os tempos, ou te sobes ao tren ou quedas na estación. «Se non te integras, quédaste na casa lendo unha novela e poñéndote unha mantiña para que non se che arrefríen os pés… e cando te dás conta xa non es avó, ¡es bisavó!», afirma César. E non un bisavó calquera.

27/03/201710:42
Cartel Get Online Week 2017.
Murcia

Formación en competencias dixitais para a educación en valores

O xoves desenvolvíase no Parque Científico da Rexión de Murcia, o décimo-sexto encontro das Redes de Telecentros, acto principal das actividades que se levarán a cabo con motivo da celebración da Get Online Week, un evento anual coordinado pola Asociación Europea de Telecentros. (http://getonlineweek.eu). (#gow17)

Susana Lluna e Javier Pedreira «Wicho» foron os encargado de abrir o programa coa presentación do libro “Os nativos dixitais non existen”, un libro que apoiado en varios autores, pretende ser unha guía para pais, profesores, orientadores …. , un grupo no que se enmarcan os técnicos dos telecentros e que cada día se enfrontan ás mesmas preguntas que se fan os autores. A conclusión é que todo pasa pola formación para pais e profesores en habilidades dixitais (e-skills) que lles permitan enfrontarse aos seus medos, que os faga situarse á altura dos coñecementos dos seus fillos e que sexa o primeiro paso para axudarlos na educación en valores.

A segunda parte do programa, daba paso ás mesas debate, a primeira delas focalizada na formación e acreditación das competencias dos dinamizadores, un obxectivo estratéxico para a asociación e que se ve fortalecido coa firma dun convenio, rubricado durante o encontro, con CISCO Networking Academy, un programa de desenvolvemento de habilidades de TI e formación profesional para institucións educativas e persoas de todo o mundo.

Na segunda das mesas, presentábanse diversos proxectos de Robótica Educativa, que nos nos últimos anos configurouse como un recurso eficaz para o traballo interdisciplinar e a mellora nos procesos de ensino-aprendizaxe, fomenta a imaxinación, esperta inquietudes e axuda aos nenos para comprender mellor como funciona o mundo que os rodea. Neste sentido destacan proxectos levados a cabo polas redes de telecentros, como ConectaCODE, de Fundación Esplai e o dos “Espazos CyL Dixital de Castela e León.

Á súa vez, coñecemos a experiencia CoderDOJO, a través de Migueĺ Ángel Abellán “Programador por profesión e profesor de programación por vocación” e que é cofundador da iniciativa Programo Ergo Sum e Aprende Programando, ademais de ser Presidente da Asociación CoderDojo España (CoderDojo Foundation), unha iniciativa sen ánimo de lucro nacida en Irlanda en 2011 e que promove o despregamento de clubes de programación, onde os ninjas (nenos e nenas, mozas e mozos de entre 7 e 17 anos), aprenden a programar nunha contorna aberta e informal, de acordo aos seus propios intereses e seguindo o seu ritmo de aprendizaxe. Os clubes son organizados e xestionados por voluntarios e voluntarias (coñecidos como champions) e contan coa participación de mentores, persoas con coñecementos de linguaxes e ferramentas de programación, que desinteresadamente dedican parte do seu tempo libre para guiar aos ninjas na aprendizaxe das diferentes disciplinas e linguaxes

O proxecto de Dinamización de aulas no municipio de Murcia, as experiencias en dinamización dixital en contorna rural, de María Eugenia García (Dinamizadora Rede Alas - Concello de Torre) e o novo portal web da Rede de Alas deron paso ás conclusións do encontro entre as que o Secretario da Asociación, Rodrigo Zardoya destacou os retos aos que se enfronta a Asociación, xa que se se desexa impulsar o desenvolvemento do sector TIC e a súa oferta de produtos e servizos tecnolóxicos, é necesario impulsar a súa demanda desenvolvendo actuacións de difusión, sensibilización e capacitación no uso das tecnoloxías, dirixidas a toda a cidadanía e este é obxectivo principal polo que a asociación traballa.

Co 16º Encontro de Redes de Telecentros dá comezo unha semana de actividades enmarcadas na Get Online Week, que se celebrará nos telecentros do 27 de marzo ao 2 de abril e que contará coa realización de xornadas, webinars, seminarios online e obradoiros formativos. Máis información en http://gowes.competenciasdigitales.com (#gow17es)

27/03/201708:28
Presentación de Espazo+60. Foto: EuropaPress.
Vigo

Afundación abre en Vigo o seu novo Espazo+60, para os seus socios maiores

Afundación abriu en Vigo o seu novo Espazo+60, polo que converterá a súa sede viguesa nun centro "multidisciplinar e interxeneracional", con actividades para persoas a partir de 55 anos. Ademais, este ano vai desenvolver a plataforma dixital interna Afundación TV, na que porá a disposición dos socios vídeos das diferentes actividades que organiza.

Así o comunicaron este xoves nunha rolda de prensa o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xerente da entidade, Pedro Otero, que lembraron que a de Vigo é a terceira sede de Afundación que habilita este programa Espazo+60, tras as de Ferrol e Pontevedra.

Segundo dixo Escotet, o tres eixos de Afundación son a cultura, o envellecemento activo e a educación; eixos que con este proxecto preténdese fortalecer e interrelacionar con "actividades ponte". Así, con Espazo+60 busca involucrar ás persoas maiores con xente nova en actividades do seu interese, ademais de pór en valor a súa experiencia.

En concreto, a través deste programa, os usuarios poderán participar en actividades de lecer creativo, de formación das súas habilidades e destrezas --dentro tamén do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa--, e compartir o seu talento e experiencia vital e profesional, entre outras actividades.

Escotet remarcou a aposta de Afundación polo envellecemento activo, de forma que os centros teñan actividade plena. "Hai que darlle dignidade a quen merece ser digno, e os maiores merecen toda a dignidade", remarcou, antes de engadir que a súa intención é dar "valor á experiencia" e difundir "unha imaxe social dos maiores positiva e afastada de estereotipos".

Tal e como adiantou Otero, o obxectivo é implantar nos centros de Afundación que se poida estes espazos multidisciplinares. No entanto, naquelas instalacións onde "non se poida" crear o Espazo+60 "por non ter as características necesarias", Escotet explicou que a idea é implantar "outras actividades" dirixidas a estes socios.

 

Duplicar usuarios

Otero remarcou que desde que abriron estas instalacións recibiron 350 altas, "unha media de tres ao día", e baixaron a idade de incorporación dos 74 aos 68 anos. Actualmente, en Vigo hai 950 socios, entre os 55 e os 100 anos, trasladou o director xerente, que indicou que esperan duplicar esta cifra nos próximos dous anos, ata alcanzar os 2.000 usuarios.

O novo Espazo+60 de Vigo dispón de catro aulas, auditorio para conferencias, aula de cociña, zona social e dúas salas no Teatro Afundación, nas que se ofertarán actividades dentro de programas de hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, novas tecnoloxías e lecer activo.

 

Afundación TV

Este xoves Escotet anunciou tamén que este ano se vai a desenvolver un programa interno que cumpre o seu tres eixos: Afundación TV. Trátase dun instrumento dixital interno --dirixido aos socios-- polo que se gravarán vídeos das distintas actividades --actividades culturais, exposicións, conferencias, etc.-- para difundilos en directo ou en diferido a través da plataforma.

Segundo destacou, o obxectivo é achegar aos usuarios unha ferramenta pola que acceder ás distintas actividades, así como para permitir que todas as sedes de Afundación poidan participar das actividades que se realizan nos demais centros.

27/03/201707:52
Logo CeMIT-Innova.
Santiago de Compostela

A Amtega abre a convocatoria do programa de innovación social dixital CeMIT-Innova

  • As aulas CeMIT interesadas en participar poden presentar as súas iniciativas ata o 31 de marzo
  • En abril coñeceranse os 10 novos proxectos de innovación que se desenvolverán ao longo do ano
  • A novidade deste ano é que todos os seleccionados optarán ao Premio Son Dixital
  • CeMIT-Innova, promovido pola Amtega dentro do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsa proxectos colaborativos de base tecnolóxica a través da Rede de aulas CeMIT

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) anunciou hoxe a apertura da convocatoria do Programa de innovación social dixital CeMIT-Innova, que se pechará o 31 de marzo. Os detalles da convocatoria déronse a coñecer durante o obradoiro práctico sobre Metodoloxías participativas aplicadas ao deseño de proxectos, enmarcado no Programa.

A participación nesta xornada, á que asistiron máis de 60 axentes das aulas CeMIT, é un requisito imprescindible para presentar candidatura como proxecto innovador no Programa CeMIT-Innova 2017.

 

Prazos convocatoria do programa CeMIT-Innova 2017

O período de inscrición na terceira edición do CeMIT-Innova remata o 31 de marzo e o 10 de abril daranse a coñecer os 10 proxectos innovadores seleccionados, que pasarán a executarse ao longo do ano 2017.

A inscrición poderá realizarse a través da web de CeMIT, na que están publicados os criterios que se terán en conta á hora de seleccionar as aulas CeMIT-Innova 2017 e o  Formulario de participación no proxecto.

A novidade desta terceira edición CeMIT-Innova é que todos os proxectos formarán parte do I Concurso de Innovación Social Dixital e poderán optar ao Premio Son Dixital á mellor iniciativa dixital, cunha mención especial de recoñecemento ao labor do voluntariado que participa nestes proxectos innovadores. O gañador, elixido no último trimestre do ano, optará a un premio tecnolóxico doado por entidades galegas patrocinadoras, que quixeron sumarse a esta iniciativa.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar, a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS