main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/04/201708:12
Presentación do IV Festival Carballo Interplay.
Carballo

A cuarta edición do Festival Interplay encherá Carballo de youtubers e webseries

Este martes presentouse no consistorio de Carballo a nova edición dun festival que se sitúa a medio camiño entre o dixital e o audiovisual (pero collendo ambos mundos por enteiro) e que constitúe xa un referente consolidado en todas as conversas de creadores e seareiros de contidos en liña arredor, precisamente, dos contidos en liña. Falamos do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que chega a súa cuarta convocatoria entre os días 4 e 6 de maio coa vontade firmemente renovada de encher a vila galega de youtubers, webseries, estreas, vídeo conferencias e conversas arredor dos novos carreiros que está a seguir o pulo creativo audiovisual. Segundo se fixo saber na presentación, todas as actividades serán de acceso libre e gratuíto até completar aforo. “A nosa intención”, sinalaron, “é converter de novo Carballo na capital da cultura dixital global”.

No acto participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira; a coordinadora de actividades do Interplay, María Yáñez; e a directora do certame, Sonia Méndez. O CIP, engadiron, amosará este ano “unha selección do máis creativo que hai a nivel internacional no mundo dos contidos dixitais”. Todas/os coincidiron en salientar, ademais, que a vila bergantiñá atesoura potencial para o devandito e para aínda máis, sobre todo tendo en conta a traxectoria do propio certame de webseries, pioneiro a nivel estatal na súa temática, referente no dito ámbito e sempre tentando pór o seu punto de mira un pouco máis por diante do que permite o tempo presente e o futuro inmediato. De feito, na presentación fíxose saber que este ano refórzase a arela de “avanzar un paso máis e explorar os formatos máis diversos e os contidos dixitais máis innovadores cun completo programa de actividades que encherá a vila de proxeccións, de debates, de vídeo conferencias e de conversas sobre o presente e o futuro dos contidos para Internet”.

A coordinadora de actividades do evento, María Yáñez, debullou o programa do IV Carballo Interplay, con propostas “para públicos de idades e gustos diversos e onde as mulleres creadoras terán un importante protagonismo”, informou, engadindo que participarán no CIP Soy una pringada, unha anti-youtuber vasca con máis de 80.000 subscritores, e Carolina Iglesias, guionista e comediante coruñesa que ten máis de 30.000 seareiros na súa canle, Percebes y grelos. Trátase, sinalou Yáñez, de “dúas voces diferentes que reivindican o seu particular humor e creatividade, nun panorama superpoboado de contidos sobre moda, beleza e videoxogos”.

Asemade, a coordinadora de contidos sinalou que “tamén haberá un oco para o feminismo, a familia e a cultura popular en Youtube”, da man da guionista e xornalista Isa Calderón, creadora das Reviews fuertecitas, coas que “despelexa películas desde unha óptica feminista e humorística”, e de Los Prieto Flores, “unha extensa tribo familiar que ofrecerá no Interplay un show ao vivo recreando o salón da súa casa”.

O sábado pola mañá falarán dos avances en contidos audiovisuais Mafalda González-Alegre (de Flooxer, o escaparate do talento dixital de Atresmedia), Borja Prieto e Natalia Flores (da axencia creativa Está pasando) e Teresa Segura e David Sainz (da produtora Different Entertainment). Despois, o CIP afondarán nos “camiños que unen a televisión convencional coas narrativas dixitais” da man dos community manager de Land Rober (Javi Mos, que coordina unha comunidade de máis de 100.000 usuarios) e Luar (Pilar Rodríguez, encargada de conversar cuns 30.000 usuarios), e máis de Miguel López, El Hematocrítico, colaborador habitual de medios como Atresmedia, El Diario, Mongolia ou Cinemanía.

De Internet como plataforma para dar o chimpo á TV falarán Rubén Ontiveros, pioneiro do mundo webserie, na súa clase maxistral sobre o Humor na Rede, na que fará un percorrido polos diferentes formatos da comedia e analizará as posibilidades que dá Youtube de experimentar co humor. Ontiveros foi o creador de Que Vida Más Triste, a primeira webserie do ámbito estatal, e traballou como guionista de programas como Vaya Semanita, Homo Zapping ou La Hora de José Mota.

Pola súa banda, a compañía de teatro Chévere, recentemente galardoada co Premio Nacional de Teatro, celebrará o seu 30º aniversario no Carballo Interplay, repasando a súa historia a través do seu código fonte audiovisual, en palabras dos organizadores do certame “un formato híbrido entre conferencia e proxección polo que xa pasaron Xosé Antonio Touriñán, Belén Regueira e os guionistas máis coñecidos e recoñecibles da televisión galega, os Zopilote”. Ademais, os “padriños” do Carballo Interplay, David Sainz e Teresa Segura, presentarán a longametraxe Fogueo, en palabras dos organizadores do festival “unha película pequena que quere demostrar que o importante cando se queren facer cousas é, precisamente, facelas”. A outra estrea mundial do CIP 2017 é Peter Brandon, coa que os Porco Bravú gañaron o premio ao mellor proxecto de webserie en galego na pasada edición do festival.

 

O prazo para presentar achegas
Sonia Méndez recordou que o prazo para presentar proxectos de webserie en galego está aberto até o 17 de abril. O premio é de 1.500 euros e a produción gañadora decidirase nun pitching no propio certame. Tanto o alcalde como o concelleiro recordaron que o festival é “un referente de novas maneiras de crear e de difundir contidos” e que o seu recoñecemento dentro e fóra de Galicia reforza “o liderado creativo de Carballo” .

05/04/201713:39
Gafas especiais da ESA.
Santiago de Compostela

Unhas lentes para astronautas dan voz a persoas con discapacidade

  • Un estudo da ESA permitiu desenvolver tecnoloxías que se poderían aplicar en lentes para axudar aos astronautas durante os paseos espaciais

 

Unhas lentes especiais creadas orixinalmente para a comunicación dos astronautas da Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés) ten agora a súa aplicación en persoas con discapacidade para axudarlos na comunicación.

Trátase de EyeSpeak, unha tecnoloxía de realidade aumentada que detecta o movemento dos ollos a través dun teclado virtual representado no interior das súas lentes. As palabras e frases deletreadas polo usuario tradúcense mediante o software integrado e emítense polos altofalantes situados nunha das patillas.

As lentes tamén permiten ao usuario navegar por internet, ver vídeos e acceder ao correo electrónico de forma privada, xa que só el poderá ver o que se proxecta no interior da lente. Con todo, como a información dixital aparece superposta na lente, o usuario pode seguir vendo o que sucede ao seu redor.

“Trátase do primeiro dispositivo independente deste tipo; pode utilizarse en calquera lugar e en calquera posición física, independentemente da orientación da cabeza do usuario”, apunta Teresa Nicolau, especialista de EyeSpeak.

En orixe trátase dunha tecnoloxía pensada para a comunicación de astronautas cos controladores de terra durante os paseos espaciais.

Acceso á noticia completa na web: www.esa.int.

05/04/201712:50
Aula CeMIT.
Santiago de Compostela

A AMTEGA e a Fundación Vodafone España impulsan en Galicia o uso de smartphones e tablets entre as persoas maiores

  • Vinte e tres localidades de Galicia con aula CeMIT ofertan preto de 500 prazas para formar aos maiores no uso destes dispositivos

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Fundación Vodafone España poñen en marcha a terceira edición do proxecto “Aprende a usar o smartphone e a tablet” para introducir ás persoas maiores no uso dos teléfonos móbiles “intelixentes” e as “tablets”.

Esta terceira edición, que arrincou a mediados do pasado mes de marzo, chegará a un total de 23 aulas da Rede CeMIT, ofertando 500 novas prazas, é continuación doutras dúas edicións nas que se formaron xa 675 persoas. Cada unha das Aulas CeMIT que participan nesta iniciativa dispoñerá de dispositivos móbiles para facilitar a aprendizaxe ás persoas que aínda carecen deles.

As localidades que ofertan estes talleres son: Abegondo, Barreiros, Boiro, Brión, Carballedo, Celanova, Cerceda, A Coruña, Cuntis, Fisterra, Foz, Marín, Oroso, Ortigueira, As Pontes, Pontevedra, San Sadurniño, Santa Comba, Sarreaus, Sarria, Valga, Verín e Xunqueira de Ambía.

As persoas interesadas en asistir a estas iniciativas formativas poderán consultar as súas datas de realización e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.gal), onde tamén poderán atopar os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver as dúbidas que poidan xurdir.

05/04/201710:23
Logo ICT-Go-Girls.
Santiago de Compostela

Día Internacional das Rapazas nas TIC

O próximo 27 de abril de 2017 é o Día Internacional das rapazas nas TIC, e no CESGA celébrano por todo o alto.

Non sabedes o que é o día das Rapazas nas TIC? É unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.  Aquí está toda a información do movemento a nivel internacional.

O programa será moi completo. Pola mañá, ás 11:00 h. celebrarán un coloquio virtual dende os centros educativos por multiconferencia con 4 destacadas galegas emprendedoras, investigadoras e tecnólogas no eido das TIC, ás que o alumnado participante dos centros galegos de secundaria poderá coñecer o seu día a día, preguntar calquera dúbida sobre este eido profesional ou as motivacións persoais que as levaron a traballar neste eido. A duración da actividade será de unha hora e media, ata ás 12:30.

Participantes

  • Carmen Cotelo Queijo. Licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa dende 1999 no Centro de Supercomputación de Galicia, onde é analista informática senior e coordina a participación do CESGA no proxecto europeo Fortissimo 2. Ten unha longa experiencia en proxectos de I+D en diferentes ámbitos como: comercio electrónico, computación de altas prestacións e grid, aplicacións científicas e soporte a empresas para a incorporación de HPC aos seus procesos.
  • Nieves R. Brisaboa. Doutora en Computación e Psicoloxía. Catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, creou en 1996 o Laboratorio de Bases de Datos (LBD) declarado grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia. Foi xestora do Plan Nacional de investigación en Informática entre 2010 e 2014. Recibiu no 2016, do Colexio de Enxeñaría de Informática, o premio Ada Byron, pola promoción da Informática entre as mulleres. Impulsa tanto a investigación de excelencia como a transferencia de tecnoloxía.
  • Alba Alonso, doutora en filoloxía inglesa e mestra, emprendedora e fundadora da empresa  RealKiddys.com, unha plataforma que promove un proxecto educativo de igualdade de xénero e coeducación sen estereotipos, elaborando material e actividades para traballar neste eido. Entre outras iniciativas, relatora no TEDxGalicia 2015.
  • María Jesús Taboada, doutora en Ciencias Físicas pola USC. Investigadora en intelixencia artificial e as súas aplicacións na medicina dende o departamento de Electrónica e Computación da USC. Dirixe o grupo de investigación KEAM (Knowledge Engineering Applied to Medicine), referente a nivel internacional no seu eido.

Para participar no evento da mañá dende os centros educativos,  hai que poñerse en contacto co CESGA neste formulario para dar as instruccións para conectar con eles ese día.

Pola tarde (de 17:00 a 19:00 h.), celebrarán unha xornada de portas abertas con actividades para rapazas (e rapaces!) de entre 10 a 14 anos. Haberá obradoiros para experimentar un pouco sobre:

  • Programación básica con Scratch e LEGO
  • Creación de booktrailers (trailers en vídeo sobre libros, no marco do concurso educativo de creación de Booktrailers)
  • Creación de arte píxel-dixital
  • Demostracións prácticas de impresión 3D, robótica, realidade aumentada, Makey-makey, etc…
  • Visitas guiadas ao corazón do Superordenador Finis Terrae 2

Non volo perdades! As prazas son limitadas. Para inscribirse hai que cubrir este formulario para dar o nome e confirmar a praza antes do día 25 de abril.

Pódese seguir toda a información do evento e das actividades na web do CESGA ou en:

05/04/201708:45
Centro Municipal de Coñecemento La Molinera (Aula CeMIT).
Ourense

La Molinera de Ourense achega un abril tecnolóxico para nenos e maiores

O Centro Municipal de Coñecemento La Molinera (aula CeMIT), emprazado en Ourense, vén de presentar o seu programa de actividades de divulgación TIC para o mes de abril, un programa interxeracional moi acaido para quen queira dar os seus primeiros pasos no ámbito tecnolóxico e, tamén, para quen xa conte con formación previa. Para os primeiros, o roteiro formativo de abril (unha proposta para todos os públicos) incluirá un obradoiro de iniciación á informática, que se desenvolverá de luns a venres, de 9.30 a 11,30 horas, desde o día 17 ata o 25. As persoas interesadas poderán inscribirse desde o día 10. Tamén este mes impártese obradoiro Compra de forma segura en Internet, os días 3, 4 e 6 de abril, de 9,30 a 11,30h.

O programa Xoves inspiradores incorpora como novidade un obradoiro de marca persoal, previsto para o día 27, de 18,20 a 20,30 horas, e impartido por Patricia Vázquez e Alba Moretón. Tamén ao abeiro deste programa, continuará o día 6 o Obradoiro de argumentación e debate que imparte Aida González, campioa do mundo de debate universitario en español 2016.

Outra das accións novas é o taller Re-creando: Novas tecnoloxías aplicadas á arte, os días 21 e 28 de abril pola tarde, para nenos e nenas de 10 a 16 anos. Por outra banda, está programada unha sesión de fotografía para emprendedores prevista para o día 28 de abril. As persoas interesadas poden inscribirse nas actividades páxina web www.lamolinera.net, ou solicitar máis información no centro municipal emprazado no número 1 da rúa Abrevadeiro, 1 (teléfono 988 374 523).

Por certo que este mes tamén proseguirán nas instalacións ourensás tres obradoiros de axuda aos nosos profesionais e desenvolvedores: un de introdución á tecnoloxía open source Arduino, outro de electrónica básica para robótica e outro de asesoramento de proxectos. Na vertente para crianzas proseguen Arquimakers-kids: crear para pensar e Team makers kids: robótica – apps.

O programa de abril complétase co obradoiro de educación emocional Akademia, para mozos de 16 a 22 anos, e o curso de fotografía do programa municipal Universidade Popular.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS