
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Salvaterra do Miño vén de informar do remate do seu segundo curso Coñece o teu móbil, como o seu nome indica orientado a tirar abaixo as barreiras que puideran afastar á veciñanza destes dispositivos e das moitas vantaxes que nos ofrecen (comunicarnos de maneira instantánea, facer e enviar fotos e vídeos, establecer a nosa localización exacta e o dos sitios a onde queremos ir, compartir historias, xestionar as nosas contas bancarias e as nosas compras, levar a cabo procedementos administrativos, etc). Segundo informou o Concello, o obradoiro foi un gran éxito entre o alumnado participante. Estendeuse no tempo durante 20 días, en clases de hora e media, e contou coa participación de dúas profesoras. Nel concorreron persoas maiores de Salvaterra coa finalidade de achegárense ao uso e potencialidades dos smartphones e das tabletas.
Nun plano máis concreto, introducíronse no manexo de programas básicos do móbil, en como xestionar contactos (gardalos, eliminalos, acceder a eles), en poñer unha ou varias alarmas, en empregar a calculadora, en personalizar as pantallas de inicio e bloqueo, en facer cambios de escritorio, ou en enviar, ler e suprimir mensaxes de texto. Tamén se lles ensinou a empregar a cámara de fotos e o calendario. Ademais, os alumnos e alumnas aprenderon a manexar o WhatsApp: a crear grupos, a enviar contidos ou a bloquear contactos, entre outras funcionalidades do popular servizo de mensaxeiría instantánea. Asemade, aprendéuselles a acceder a webs públicas de uso común (como a do SERGAS), a conectárense a accesos sen fíos Wi-Fi e a familiarizárense con redes sociais como Facebook ou con ferramentas como o GPS ou o Google Maps (moi útil para ampliar os coñecementos que teñen os nosos maiores da súa contorna xeográfica).
Para quen quedase con fame de robótica e tecnoloxía libre e creativa logo do Arduino Day 2017 celebrado en Lugo, da man de MakersLugo, esta asociación vén de anunciarlles que xa ten entre mans unha nova actividadeargalleira e colaborativa. Trátase dun obradoiro de iniciación de Arduino, unha actividade especialmente deseñada para as persoas que acudiron á cita do 1 de abril que se “interesaron polo mundo Maker” e fixeron pescudas sobre onde introducírense neste eido e sobre a liña de actividade de MakersLugo alén do Arduino Day. Co obxectivo de axudar a estes vindeiros makers a convertérense en tales celébrase precisamente este obradoiro de iniciación. A cita será o sábado 6 de maio pola mañá (de 10.30 a 13.30).
“A nosa idea”, sinala a asociación, “é que se trate dunha primeira toma de contacto ou bautismo, para quen non se atreve a empezar, e lanzalo a imaxinar os seus propios primeiros proxectos”. E engaden: “Será unha sesión sobre todo práctica, para aprender a posta a punto do entorno de desenvolvemento de Arduino, o asunto das entradas e saídas, con premedores e LEDs”. Ou sexa, conceptos e compoñentes básicos de electrónica mínima. Ademais, os organizadores do evento engaden que se a marxe de tempo resulta ampla de abondo, tamén se introducirá aos participantes na cuestión do audio.
O taller será no local D10 do CEI-Nodus. Respecto das idades, consideráronse os 12 anos como “unha idade mínima orientativa”. A actividade é de balde, previa inscrición no formulario que habilita MakersLugo.
Sobre Arduino
A tecnoloxía Arduino, segundo lembran os responsables de Makers Lugo, é unha plataforma de hardware libre deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos que integren elementos electrónicos. A tecnoloxía foi creada hai máis dunha década no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea. Buscábase unha ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Nos últimos anos, Arduino estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento Maker.
A canle formativa de cursos online da Fundación ONCE, posto en marcha en colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade, ofrece a partir do próximo luns, 17 de abril, un novo Curso MOOC (Massive Online Open Courses) sobre accesibilidade TIC en compras públicas.
O curso, gratuíto e de catro semanas de duración, pretende dar a coñecer entre os alumnos a lexislación existente en materia de accesibilidade e animalos a que axuden a aplicar o deseño para todos no desenvolvemento de novos sistemas TIC ou na mellora doutros existentes. Ademais, proponse ensinarlles a avaliar se un produto ou servizo TIC cumpre os requisitos de accesibilidade.
Para iso conta con sete módulos formativos que inclúen vídeos, textos, test de autoevaluación, foros, páxinas de axuda e de progreso, enquisas de calidade e atención tutorial e docente.
Titulada ‘Accesibilidade TIC en compras públicas', esta formación é de carácter introductorio e vai destinada a empregados públicos que participan nos procesos de compras públicas de produtos ou servizos TIC, enxeñeiros, departamentos comerciais e de compras, xestores ou técnicos de organizacións que licitan nestes concursos, movemento asociativo contra a discriminación por diversidade funcional, etcétera.
Aínda que o curso non conta cunha data límite de inscrición, a Fundación ONCE recomenda aos interesados en participar nel formalizar a matrícula, como moi tarde, durante as dúas primeiras semanas da formación para poder seguir os contidos con certa tranquilidade. En calquera caso, o curso permanecerá aberto ata outono de 2017.
As inscricións deben facerse na seguinte ligazón: Inscrición ao curso.
Accesible a través de UNED Aberta (http://iedra.uned.es/), a canle incorpora recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles para todos. O estudante obtén, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos.
A canle formativa de cursos online de Fundación ONCE estreouse o pasado mes de novembro e o seu obxectivo é abordar en primeira persoa o concepto de accesibilidade universal e a necesidade de incluír criterios de deseño para todos nos distintos proxectos.
A súa posta en marcha enmárcase no convenio que manteñen Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade e conta co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de seleccionar os 10 proxectos que participarán na terceira edición do Programa CeMIT-Innova e que se suman aos 18 xa desenvolvidos en anos anteriores. As iniciativas seleccionadas foron presentadas polas aulas CeMIT dos concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba, co que hai representación das catro provincias.
As temáticas dos proxectos seleccionados abarcan diferentes ámbitos como a promoción económica e turística, o desenvolvemento empresarial da zona, a formación especializada, a inclusión, a igualdade de xénero no campo dixital, o ciberacoso, o envellecemento activo e alfabetización dixital de diferentes colectivos.
A partir de agora o Programa CeMIT-Innova entra na fase de desenvolvemento destas 10 iniciativas, que serán apoiadas e coordinadas desde Amtega e que poderán optar ao Premio Son Dixital no primeiro concurso de Innovación Social Dixital. Este concurso, que se fallará no último trimestre do ano, valorará a mellor iniciativa dixital, con especial recoñecemento ao labor do voluntariado que participa nestes proxectos innovadores.
Proxectos seleccionados
Aula
Proxecto de Innovación Social Dixital
Aula CeMIT Bande
Creación dun Blog na páxina web do Concello de Bande para dar a coñecer as actividades que se levan a cabo no Concello coas persoas maiores.
Aula CeMIT Boborás
Iniciativa para potenciar o turismo rural no Concello de Boborás e difundir potencial do municipio: a aldea Conxunto Histórico-Artístico, con igrexas románicas, pontes medievais, rutas de sendeirismo, augas termais...
Aula CeMIT Brión
Proxecto Andarela para incluír as novas tecnoloxías como unha ferramenta na formación dos primeiros anos de vida dos nenos e nenas.
Aula CeMIT Carballedo
As TIC como ferramenta útil para o sector agrario. Analizar a situación do agro en Carballedo para coñecer as necesidades dos agricultores e propoñer posibles melloras a través das TIC.
Aula CeMIT Catoira
Igualdade de xénero no campo dixital, ciberacoso, violencia de xénero e micromachismos. Iniciativa para concienciar á poboación sobre temas relacionados coa igualdade de xénero no campo dixital a través de situacións cotiás.
Aula CeMIT Cuntis
Actividades inclusivas en torno as TIC interxeneracionais con nenos e persoas maiores.
Aula CeMIT Narón
Iniciativa para poñer en valor dos produtos do campo, do traballo dos agricultores e das actividades artesanais, tendo como referencia o territorio de O Val e utilizando os recursos da Aula CeMIT.
Aula CeMIT de Oroso
Plataforma “Fórmate e comparte”, un proxecto de carácter social, educativo e cultural para ofrecer formación en diferentes materias TIC e a través de metodoloxías diferenciadas.
Aula CeMIT de Ourense
Yes I camp, campamentos tecnolóxicos para persoas maiores, nos que poidan aprender ao tempo que se divirten e se relacionan.
Aula CeMIT de Santa Comba
Creación dunha páxina Web para promocionar o Concello de Santa Comba para dar a coñecer os lugares emblemáticos involucrando aos veciños neste proxecto.
CeMIT-Innova
O Programa CeMIT-Innova busca impulsar, a través da Rede CeMIT, iniciativas de Innovación Social Dixital, que empregan a tecnoloxía para resolver retos locais ligados á educación á saúde, ao emprego, e en definitiva ao benestar dá cidadanía. Son solucións e proxectos sociais, que teñen as TIC de base e que son deseñados polos seus protagonistas: cidadáns e axentes locais que detectan as necesidades máis inmediatas dá súa contorna e formulan posibles solucións.
O fomento da Innovación Social Dixital é unha das tres liñas estratéxicas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia xunto coa alfabetización e a capacitación dixitais.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a firma Appentra van organizar un encontro con desenvolvedores para favorecer ao máximo o seu traballo cos recursos e experiencia profesional das dúas entidades. Trátase do evento-quedada GPU Hackathon, que se vai desenvolver entre o 29 de maio e o 1 de junio nas instalacións do CESGA en Santiago. Será unha xuntanza de balde, aínda que con aforamento limitado. O obxectivo, informa o CESTGA, “é axudar aos desenvolvedores a acelerar a execución das súas aplicacións de simulación usando o hardware, o software e o equipo de mentores proporcionados polo CESGA e Appentra”. Ao final do evento, os participantes disporán dunha nova versión acelerada en GPU ou dun roteiro (folla de ruta) para o devandito obxectivo.
As sesións, en palabras do CESGA e Appentra, van dirixidas a calquera que teña unha aplicación de simulación numérica escrita en C/C++ ou Fortran e que desexe acelerar a súa execución. A intención dos organizadores é contar cun equipo de até dúas persoas para cada aplicación. “O noso obxectivo”, explican a maiores, “é que os desenvolvedores tiren o máximo proveito do hackathon traballando no seu código o 95% do tempo, e compartindo experiencia cos mentores expertos en optimización, paralelización e execución de programas de simulación”.
A remate das sesións, buscarase establecer unha relación de colaboración cos equipos para “crear casos de éxito que poidan ser publicados durante os meses seguintes ao hackathon”. Estes exemplos prácticos obterán “ampla difusión nos medios e nas canles especializadas”.