
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O vindeiro 26 de abril a partires das 19:30 horas o salón de actos da Fundación Barrié acollerá a novena edición do encontro Coruña Bloggers, evento solidario que pretende contribuír á dinamización do mundo dos blogs mediante relatorios enriquecedores para os asistentes e co networking propio dos eventos presencias, o que axuda a dar visibilidade das iniciativas locais, facilitar a divulgación do coñecemento, tecer relacións entre entusiastas da comunicación en liña e, en definitiva, favorecer un ecosistema no que os interesados na publicación de contidos en liña poidan emprender arroupados por outras persoas con inquedanzas semellantes.
Os interesados en acudir xa poden rexistrarse para participar nesta actividade de balde, aínda que cómpre lembrar que prégase aos asistentes que acudan cun mínimo de 1 quilogramo de alimentos non perecedoiros para achegar á Cociña Económica, confiando con que nesta ocasión supérese a barreiro dos 1.000 quilos aportados dende o comezo desta iniciativa.
A primeira charla do Coruña Bloggers de abril recae no profesor universitario Eduardo Mosqueira, quen tamén ten un blog persoal de temas variados (fotografía, astronomía, informática, historia...) e falará de usabilidade a través dun método para probar e atopar erros de usuario que leven a mellorar o software para evitalos.
O segundo relatorio será cousa do xornalista Antonio Sangiao, un dos principais promotores de Coruña Bloggers, quen instruirá sobre Os 10 plugins de WordPress que debes ter instalados no teu blog, ou sexa, unha clase mestra sobre WordPress e os seus complementos.
Completarán a xornada o sorteo dun altofalante Bluetooth por cortesía de Opirata.com e unha sesión de networking nun local de hostalaría próximo.
Ao abeiro do programa DepoEmprega 2016, organizado pola Deputación de Pontevedra para favorecer a inserción laboral de colectivos en risco de exclusión (persoas con diversidades funcionais, mulleres vítimas da violencia machista, mozas e mozos de menos de 30 anos á procura de formación e un posto de traballo), vaise desenvolver na cidade do Lérez un curso sobre informática básica encamiñado a achandar camiños cara ao mercado laboral. Nel participarán 27 persoas, segundo informou a entidade que preside Carmela Silva. Os contidos xirarán arredor do amplo abano de posibilidades e potencialidades que abre laboral e empresarialmente a informática, e todo de un punto de vista de iniciación. De feito, o obradoiro está dirixido a persoas con pouco ou ningún coñecemento dixital. Terá unha duración de 40 horas e desenvolverase entre o 3 e o 12 de maio.
A iniciativa, engade a Deputación, procura acadar que persoas sen coñecementos previos de informática “sexan capaces de manexar correctamente as funcións básicas dun computador persoal”. Así, as clases estarán orientadas a aprender a crear documentos de texto, modificalos e darlle formato, o uso de Excel e funcións básicas, e tamén conectarse e comunicarse a través de internet. O curso impartirase na Aula CeMIT da Deputación de Pontevedra. Polo que se refire a DepoEmprega 2016, ten o obxectivo de mellorar a inserción laboral de colectivos en situación de risco e de desemprego, fornecéndoos de formación para acadar certificados de profesionalidade, de prácticas en empresas e de busca de postos de traballo. Asemade, o programa tamén acolle accións individuais coas que se ofrece orientación en elaboración de currículos, entrevistas de traballo, obradoiros de habilidades sociais, adestramento ou novas tecnoloxías.
A iniciativa "Aporta" creada para divulgar e promocionar a cultura da apertura de información en España, ofrece formación sobre o mundo dos datos abertos e a súa reutilización, dirixida tanto a administracións públicas como á cidadanía interesada. Trátase de formación online cuxos materiais están dispoñibles a través do portal Datos.gob.
Pódese acceder a oito unidades didácticas deseñadas para todos os interesados na formación sobre datos abertos e a súa reutilización.
Consta de oito unidades didácticas que abordan os conceptos básicos do movemento de apertura de datos, as boas prácticas na implementación de políticas Open Data e a súa reutilización, así como as pautas metodolóxicas para a apertura, as normativas técnicas ou as ferramentas máis destacadas para o tratamento de datos.
A iniciativa "Aporta" está promovida polos Ministerios de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital e Facenda e Función Pública, así como pola entidade Red.es. Desde 2009 ofrece apoio ás unidades administrativas nas actividades técnicas e organizativas necesarias para que publiquen os seus datos da forma máis amigable para a súa reutilización.
O vindeiro 11 de maio vai ter lugar na Cidade da Cultura #SilverBullet17, un Congreso de Xestión de Proxectos Software organizado polo CPETIG e a Amtega, co propósito de converterse nunha xornada de referencia no eido da xestión de proxectos.
Está concibido como un foro de discusión e debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión de proxectos de software, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais na área. #SilverBullet17 vai reunir a oferta e a demanda do sector nun espazo de encontro para propiciar un intercambio de información, favorecendo a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
Intervirán como relatores algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual. Na sesión de mañá tomarán a palabra José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; e Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; para rematar cunha mesa de debate moderada por Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia. Os relatores previstos para a sesión de tarde son Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
O nome do congreso #SilverBullet17 fai referencia a un coñecido antipatrón da área de xestión de proxectos, “a bala de prata”, mencionada inicialmente polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 e que alude á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstruo polos retrasos, os custos, a calidade, etc. volva ser un proxecto ben xestionado, algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata. Durante a sesión porase o foco nos tres factores que representan esa bala de prata: o traballo continuo desde o inicio do proxecto, a aplicación de metodoloxías adecuadas e o coñecemento sobre a xestión de proxectos.
Asistencia gratuita para colexiados/as e precolexiados/as
No marco da conmemoración do X aniversario do CPETIG, a asistencia aos relatorios e ao xantar de #SilverBullet17 será gratuita para colexiados/as e precolexiados/as. Para formalizar a súa participación, deberán realizar a súa inscrición na web e posteriormente a cota de asistencia seralles reembolsada polo colexio, ben aplicando un desconto sobre as próximas cotas de colexiación ou por transferencia nos casos de precolexiados ou colexiados con exención de cota por desemprego.
Empresas patrocinadoras
No desenvolvemento de #SilverBullet están implicadas como patrocinadoras e colaboradoras unha selección de empresas galegas que van facer posible esta primera edición do congreso. CPETIG agracede a Bahía Software, Balidea, Ednon, Hacce e Plexus a súa colaboración en #SilverBullet17.
Máis información e formalización de inscricións en http://silverbullet.cpetig.org/gl/inicio/.
ILUNION, o grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación, levou a cabo a audiodescrición e a subtitulación de 378 películas e 727 capítulos de 44 series para que sexan accesibles aos clientes con discapacidade visual ou auditiva, cegueira ou xordeira da plataforma de televisión Movistar+.
Entre as películas audiodescritas e subtituladas atópanse ‘Un monstro vén a verme', ‘Elle', ‘A moza do tren', ‘Florence Foster Jenkins', ‘O meu amigo o xigante' e ‘Buried (enterrado)'.
Entre as series, que a partir de agora serán accesibles tanto para persoas cegas como xordas, destacan a británica ‘Downton Abbey', a mítica ‘Twin Peaks', ‘Mr Robot', ‘Fargo', baseada na película do mesmo título dos irmáns Cohen; ‘Breaking bad', ‘Better call Saul' e ‘Ray Donovan'.
Aqueles clientes con discapacidade visual ou auditiva que queiran gozar dos títulos accesibles desta plataforma televisiva poden facelo desde a aplicación Movistar+ 5S, dispoñible para os sistemas operativos IOS e Android e que ofrece 3 modalidades de accesibilidade: audiodescrición, subtitulado e lingua de signos.
Pasos
Unha vez elixida a película ou serie, o telespectador deberá seleccionar a accesibilidade que desexa e esta comezará a descargarse no ‘seu smartphone' ou tableta.
Acto seguido, deberá iniciar a reprodución da película ou serie, seleccionar a opción ‘accesible' no apartado ‘descargas' da aplicación Movistar+ 5S e pulsar o botón ‘sincronizar' cando comece a cinta televisiva.
Nuns segundos, os necesarios para que a aplicación capte o son da película ou serie seleccionada, o telespectador poderá escoitar ou ler, de forma sincronizada e simultánea ao audio do seu televisor, a audiodescrición ou subtítulos que o levarán a gozar dun intre de lecer.
A audiodescrición e subtitulación de 378 películas e 727 capítulos de 44 series por parte de ILUNION é froito do contrato que o grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación subscribiu con Movistar+ en maio de 2016.
Audiodescribir sen desvelar
Segundo Juan Manuel Molina, responsable da área de Accesibilidade á Información e á Comunicación de ILUNION, a clave da audiodescrición radica en describir, nos ocos que deixa libre o diálogo dos personaxes, o que está a ocorrer, de forma que permita o seguimento da trama pero sen desvelar nada do que vai suceder, e respectando o momento no que o director da película decide presentar aos protagonistas.
“Unha cousa é describir o que está a pasar e outra contar a película”, apuntou Molina, quen engadiu que a audiodescrición debe seguir, na medida do posible, o ritmo cinematográfico do contido audiovisual.
En canto aos subtítulos, estes deben compatibilizar a literalidade co tempo mínimo de exposición en pantalla do subtítulo e, á vez, conseguir a súa fácil lectura, segundo este experto de ILUNION.
Así mesmo, para facilitar o seguimento da trama da película, os subtítulos han de indicar só os efectos sonoros verdadeiramente necesarios e facelo na súa localización correspondente, é dicir, entre paréntese e na parte superior dereita, segundo establece a norma UNE 153010.