
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Dous anos despois de que os seus creadores presentasen o seu primeiro prototipo, o deseño de Scewo xa está terminado. A cadeira de rodas do futuro chegou ata o presente presentando un funcionamento rupturista e moitas prestacións engadidas con respecto ás súas análogas convencionais.
Esta pode apoiarse e moverse sobre dúas rodas coma se se tratase dun Segway e ademais, pode subir e baixar escaleiras sen necesidade de asistencia grazas á súa oruga incorporada. Ademais, conta con diversos modos de condución adaptados ás diferentes circunstancias e superficies.
Os responsables da súa creación son un grupo de mozos estudantes da Escola Politécnica Federal de Zúric, que declaraban que o seu principal obxectivo foi usar “a nova tecnoloxía e un deseño estético para desenvolver unha cadeira de rodas desde cero”. Aínda que o primeiro prototipo está plenamente desenvolvido, atópanse buscando financiamento para que Scewo poida converterse en realidade e constituír unha solución a gran escala.
Os creadores subliñaron que se conseguen recadar máis fondos -neste momento forman parte da plataforma de financiamento Patreon-, contratarán a máis estudantes para acelerar o proceso, posto que as súas previsións pasan por comezar a producir estes modelos de cadeiras de rodas a partir de finais do 2018.
Algunhas das características básicas desta cadeira de rodas tecnolóxica, que exhibe un deseño elegante e minimalista, son a superación de obstáculos propiciada polas súas grandes rodas e a súa estrutura compacta para manobrar con facilidade, o seu modo de condución de equilibrio automático para permitir unha condución dinámica, o seu modo seguro para subir ou baixar, así como manobrar cara adiante e cara atrás ou o seu modo track, para desprazarse por superficies esvaradías ou pendentes pronunciadas.
Unha das novidades máis salientables desta cadeira é a súa capacidade para subir e baixar escaleiras de forma segura e suave apertando un botón. Tamén ten incorporado un sistema de iluminación dianteiro e traseiro.
Os seus creadores apostaron por ela desde o comezo da idea. “Durante os nosos estudos de licenciatura construímos o primeiro prototipo (Scalevo) da cadeira de rodas. Eramos un grupo de 10 persoas. Foi unha grande experiencia e recibimos comentarios moi bos. Por iso que decidimos continuar con este proxecto e deseñar unha nova cadeira de rodas que poida ser levada ao mercado”, apuntan.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) abordarán nunha xornada as oportunidades que ofrece a transformación dixital; crearán unha wiki sobre a Historia da Informática en Galicia; celebrarán un ciclo de xornadas sobre os perfís dixitais que xorden das novas tendencias tecnolóxicas e ofrecerán formación especializada en TIC para empregados públicos, estudantes e familias. Son as liñas de colaboración recollidas no convenio que veñen de asinar a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Transformación dixital a través do talento
O acordo posibilitará a celebración dunha Xornada sobre Transformación Dixital e Talento, que dará as claves do sector tecnolóxico, expoñendo as habilidades (tanto softskills como hardskills) demandadas e necesarias para achegar valor en todos os ámbitos da transformación dixital.
O evento será un punto de encontro para mozos e profesionais que buscan formarse nun dos sectores máis dinámicos da economía española e con máis saídas profesionais; tamén, para centros formativos que queren dar a coñecer a súa oferta educativa no ámbito da economía dixital; e para empresas que achegarán a súa experiencia en demanda de recursos humanos no sector TIC.
Creación dunha “wiki” sobre a Historia da Informática en Galicia
Ademais, no marco do convenio crearase unha wiki sobre a Historia da Informática de Galicia que recolla o testemuño de moitos dos protagonistas na Comunidade, así como con fotografías, vídeos e gravacións. O obxectivo é crear un espazo na rede que permita, non só o acceso do público aos contidos existentes, senón continuar a recoller información para que esta tarefa continúe “viva” ao longo dos próximos anos.
Os menores e as novas tecnoloxías
O acordo establece, tamén, a celebración de varias actividades no marco do programa “Rapaciñ@s” como unha xornada sobre os menores e as novas tecnoloxías, que combinará sesión informativa para pais e nais con actividades lúdicas para os máis pequenos.
Esta actividade complementarse con 20 charlas divulgativas nas principais cidades de Galicia orientadas ás dúbidas e preocupacións de pais e nais sobre a relación dos seus fillos coa Rede e orientalos sobre os beneficios e os riscos da tecnoloxía, recomendacións sobre o uso seguro dos diferentes dispositivos TIC, técnicas de control parental ou a que organismos poden acudir en caso de dúbida, entre outros aspectos.
Sesións divulgativas sobre as profesións tecnolóxicas
Ante a crecente demanda de profesionais preparados para a economía dixital, o CPEIG e a Amtega celebrarán cinco xornadas formativas en distintas localidades galegas, dirixidas a estudantes de Bacharelato e ás súas familias, sobre as saídas profesionais da Enxeñaría en Informática, poñendo en valor non só a demanda de profesionais existente neste campo, senón tamén as áreas de aplicación da tecnoloxía. Deste xeito, membros do colexio darán a súa visión sobre a profesión, as saídas laborais, os perfís profesionais e as perspectivas de futuro.
Formación a empregados públicos
Facilitar a adaptación dos empregados públicos ao novo contexto dixital é outra das liñas de actuación da Amtega dentro do Plan de Goberno e Administración dixital. Neste contexto o CPEIG impartirá seis cursos, eminentemente prácticos on-line e presenciais, nos que se formará aos traballadores en metodoloxías e técnicas que poidan achegar valor ao seu traballo diario.
A Amtega achegará ao CPEIG un total 65.000 euros para o desenvolvemento das accións previstas no acordo.
A Fundación TIC (Deputación de Lugo) anunciou hoxe que vai colaborar a fondo coa Universidade Rural Galega para reivindicar, visualizar e pór en valor a Galicia non urbana, cerna do país e, malia a súa importancia histórica no social e no económico, hoxe en día en risco de declive e despoboamento. Esta aposta pola recuperación das tradicións do noso rural, que terá unha vertente marcadamente tecnolóxico-dixital, materializarase a través do convenio de colaboración asinado este mércores polo patrón da TIC, e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente da URG, Alfonso Blanco Torrado, nun acto celebrado na Casa Habanera de Guitiriz, no que tamén participou a alcaldesa da localidade chairega, Regina Polín.
O patrón da TIC sinalou que “o mundo rural é o piar fundamental da nosa esencia como pobo e debemos traballar entre todos para recuperalo, conservalo e xerar iniciativas innovadoras que asenten poboación”. Para impulsar estes obxectivos, a Fundación gravará entrevistas por toda a provincia a persoas que traballan e viven no rural e, xunto coa Universidade, logo de editalas, publicaranse nas webs da Fundación TIC e das asociacións que integran a Universidade Rural Galega. “Queremos contribuír, deste xeito, a facer visible o labor que están a desenvolver e servir de altofalante a través de produtos audiovisuais”, engadiu Santos.
Lembrar que a URG está composta por unha trintena de asociacións de toda Galicia, aínda que a gran maioría son da provincia de Lugo, onde abrollou a iniciativa. Estas entidades teñen o nexo común da preocupación polo declive que experimenta na actualidade a cultura rural galega, malia as súas importantes contribucións ao presente da nosa terra tal e como a coñecemos. Ademais, teñen en común a súa aposta pola recollida, coidado e preservación de todo patrimonio etnográfico galego e polo desenvolvemento de proxectos reais e innovadores para manter no futuro un mundo rural vivo.
Segundo lembraron hoxe os seus impulsores, a Universidade divide as súas actividades na busca de habitantes do rural distribuídos en tres apartados: Os Sabedores da Cultura, Conservación e Recuperación da Cultura e Proxectos de Desenvolvemento.
Ademais, a URG conta cun fondo documental bibliográfico no que se recollen recursos espallados por domicilios privados e asociacións, entre eles, todo tipo de libros, documentos, soportes musicais, cartafoles de traballo ou bosquexos que non se atopan nas bibliotecas ou na Internet.
O proxecto Youtubeir@s, destinado a encher as redes de contidos audiovisuais na nosa lingua (facendo especial fincapé en YouTube), vén de recibir un importante pulo nun dos concellos galegos onde, precisamente, máis se ten traballado para galeguizar a grella dixital dispoñible: o concello de Carballo. Sen ir máis lonxe, Carballo celebra cada ano un festival de webseries, o Interplay, que é pioneiro e referencial por varios motivos, non só por reivindicar o que fan os nosos creadores, senón tamén por ter apostado por un formato (o das series en liña) que hai anos era visto case como unha simple ocorrencia e hoxe é un terreo fértil para industria, creadores e seareiros. Segundo informou o Concello, esta semana comezaron os obradoiros de videocreación arredor de Youtubeir@s, ou sexa, o adestramento previo á participación no certame.
Este martes, sen ir máis lonxe, celebráronse no IES Monte Neme e no Pazo da Cultura dúas das tres accións formativas previstas. Os participantes son creadoras e creadores interesadas/os en facer e difundir vídeos na Rede de opinións e titoriais en galego. As actividades veñen da man do Concello, máis polo miúdo do seu Servizo de Normalización Lingüística. O terceiro dos obradoiros terá lugar no IES Isidro Parga Pondal, tamén reservado para o seu alumnado, e comezará o mércores 5 de abril ás 13:00 horas.
Cada un destes breves obradoiros prácticos ten unha duración de tres horas, repartidas en dúas sesións: unha primeira dunha hora, máis teórica, na que se traballarán consellos básicos para sacarlles o maior partido ás cámaras dos dispositivos móbiles e na que se aprenderá a guionizar para transmitir mellor os coñecementos. Na segunda sesión formativa, máis práctica e de dúas horas, aprenderase a editar e difundir os vídeos.
Youtubeir@s, como lembraremos, é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. O proxecto ten tres piares fundamentais: a procura de youtubeiras e youtubeiros, a formación para quen queira selo, e un concurso para incentivar que se fagan vídeos de titoriais e opinións en galego na Rede, con 4.000 euros en premios, e co prazo de inscrición aberto até o 28 de abril.
Os vídeos que se presentarán ao certame, deberán ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons (licencia aberta, feita para produtos que se queren compartir e co requisito de acreditar a autoría), seren producidos en galego e estaren habilitados na rede social YouTube. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Vídeo-facermos (para videotitoriais que amosen como facer cousas) e Vídeo-opinarmos (para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema.
Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.
Youtubeir@s, en palabras das ditas entidades, “ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo, a segunda con meirande nivel de uso despois de Facebook, e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos”.
Con estes terminais poden levar a cabo multitude de tarefas para as que, ata non fai moito, precisábase de distintos dispositivos, simplificándose agora practicamente nun que, ao engadirlle determinadas aplicacións convértese nun GPS, un reprodutor de música ou de libros, un editor de textos, un escáner.
Con todo, estas aplicacións non sempre están desenvolvidas con criterios de accesibilidade e usabilidade, polo que a súa utilización pode non ser posible para persoas cegas. Por iso, púxose en marcha un grupo de traballo interdisciplinar que engloba a Instrutores de Tiflotecnoloxía e Braille, Técnicos de Rehabilitación e profesionais do CIDAT, coa finalidade de valorar a funcionalidade e accesibilidade de apps que poidan resultar de especial interese para persoas cegas ou con deficiencia visual grave. A información só aborda avaliacións de apps compatibles cos sistemas operativos iOS e Android, por ser estes os que, a día de hoxe, ofrecen ferramentas de accesibilidade que permiten o seu uso por parte destas persoas.
Os resultados de tales valoracións poden atoparse en xanela aparte na seguinte ligazón na web de ONCE.