
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Este sábado 1 de abril, o edificio CEI-Nodus de Lugo acolleu finalmente a cuarta edición do evento Arduino Day, organizado por Makers Lugo e coa colaboración do CEI-Nodus e máis do Concello. Foi como era de agardar, unha xuntanza moi concorrida e moi interxeracional (houbo xente de todas as idades, dende argalleiros veteranos a desenvolvedores de cursos de infantil e primaria) directamente encamiñada a “facer” tecnoloxías. E todo botando man de recursos libres e cen por cen dispoñibles para calquera argalleira/o en potencia e demostrando, unha vez máis, que todas e todos levamos un creador tecnolóxico dentro tentando abrollar á mínima oportunidade.
Este alicerce democrático e integrador foi a lema da xuntanza, un auténtico referente galego e estatal do movemento Maker (o movemento do “faino ti mesmo”, un chamamento integral a prol de tirar abaixo canto atranco poida haber entre as persoas e a súas propias capacidades de crear, inventar e desenvolver tecnoloxía) e da divulgación arredor de Arduino, a plataforma de prototipos de electrónica open source. A cita desenvolveuse no segundo andar do CEI-Nodus e contou coa presenza activa de makers de todos os recantos da nosa terra (aínda que principalmente de Lugo, Santiago, A Coruña e Ourense). Por exemplo os membros de BricoLabs, Recuncho Maker ou Pontemaker.
A cuestión Arduino
O Arduino Day, como o seu propio nome indica, serviu tamén para conmemorar dende a nosa terra o Día Internacional de Arduino 2017 (xunto con preto de medio milleiro de eventos desenvolvidos de maneira paralela e complementaria a nivel mundial). Esta tecnoloxía, segundo lembraron dende o CEI-Nodus os responsables de Makers Lugo, é unha plataforma de hardware libre deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos que integren elementos electrónicos. A tecnoloxía foi creada hai máis dunha década no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea. Buscábase unha ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. Nos últimos anos, Arduino estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento Maker.
Makers Lugo
A asociación makers.lugo é unha entidade sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, que forma parte do movemento Maker. Ten como obxectivo contribuír na construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software libre. Segundo explica a asociación, o movemento Maker é a cultura de fágao vostede mesmo, Do it Yourself en inglés. O termo Maker, engaden, é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ó que se levaba facendo dende anos antes nos hackerspaces e fablabs: milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros do open source de todo o mundo compartindo ideas, experiencias e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía.
A Deputación de Pontevedra deu a coñecer o programa de actividades para o mes de abril ao abeiro do proxecto SmartPEME, a iniciativa da entidade que preside Carmela Silva para encher a provincia (dende os centros de operacións SmartPEME de Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo) de accións formativas TIC ao servizo do tecido produtivo dos concellos. Trátase de preto de 40 obradoiros. SmartPEME, como lembraremos, oferta ás persoas emprendedoras e pequenas e medianas empresas da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e tutelado no ámbito das TIC, “sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos”, informou a Deputación.
Case a metade destes obradoiros terán lugar na área de Vigo, en instalacións situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, cun total de 18 obradoiros ao abeiro do programa SmartPEME da Deputación de Pontevedra. As quendas para o mes de abril na oficina de Vigo son as seguintes: o martes 4, Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO, seguido de Promove o teu perfil en Facebook con aplicacións externas o xoves 6. Dúas semanas despois, desenvolverase Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google o luns 17 e Como ser eficiente na organización do teu tempo: trello e toggl, o mércores 19. Para rematar, o mércores 26 desenvolverase o obradoiro que leva por título Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións e Mostrario virtual: a fotografía e o produto no medio en liña o venres 28 de abril. A oficina SmartPEME de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, núm. 3.
A oficina de Ponteareas acollerá os seguintes obradoiros: o martes 4 de abril, Descubre como funciona o certificado dixital, o teu DNI online, seguido de Seguridade da información: protexe o teu smartphone o venres 7. O martes 18 de abril será a quenda de A túa páxina web con Wordpress e o xoves 20 de Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais. Xa para rematar, o luns 24 de abril terá lugar Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO e o mércores 26 Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google. A oficina SmartPEME de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, núm. 5.
Pola súa banda, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o luns 3 de abril, Como utilizar Instagram para promover a túa empresa e o 5 de abril terá lugar Saca as túas fotografías para o comercio electrónico. O martes 18 de abril desenvolverase o obradoiro Facebook ads e o xoves 20 Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais. A última quenda será a de Como ser eficiente na organización do teu tempo: Trello e Toggl, o luns 24, e Google Analytics: Iniciación á analítica web o 26 de abril. A oficina SmartPEME do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n. Todas as actividades –tanto as de Ponteareas como das do Porriño e as de Vigo– terán lugar en horario de 19:00 horas.
Pola súa banda, o Centro ExpoSalnés de Cambados acollerá seis obradoiros, todos eles en horario de 19:00 horas: o luns 3 de abril, Google Calendar, moito máis que unha axenda. O mércores 5 impartirase Imos chamar á porta da túa clientela. Posicionamento SEO. Dúas semanas despois, o luns 17 de abril, Fotografía e vídeo para espazos interiores, ao que lle seguirá o mércores 19 Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións, o martes 25 de abril LinkedIn: a túa rede de networking e, xa por último, o venres 28 de abril, desenvolverase o obradoiro Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas. A oficina de Cambados, no Centro ExpoSalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n.
Na comarca do Deza, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 será sede doutros seis obradoiros, actividades que terán lugar todas elas en horario de 19:00 horas: este martes 4, Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións. O venres 7 será a quenda de Fotografía e vídeo para establecementos de turismo, que deixará paso a Facebook para non iniciados, o luns 17, e Seguridade da información: protexe o teu smartphone, o xoves 20. O martes 25 de abril desenvolverase a acción Adeus ao papel! Coñece as claves para a dixitalización e, xa por último, Ferramentas TIC básicas e sinxelas para a xestión do teu negocio o xoves 27 de abril. A oficina de Lalín, no Viveiro de Empresas situado no Polígono Lalín 2000, atópase na parcela E deste espazo.
Finalmente, o Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, na capital provincial, acollerá os seguintes seis obradoiros en horario de 19:00 horas: o luns 3 de abril, Facebook Ads e o mércores, 5 de abril, Como empregar Google e Google Apps for Business. Dúas semanas despois, o martes 18 de abril, Ferramentas de Google para a promoción de negocios locais e, tamén esa semana, Xestiona o teu negocio desde o móbil, o 21 de abril. A seguinte quenda é o martes 25 de abril con Fotografía de produto: especial sector téxtil e, pechando as accións do mes, o xoves 27 desenvolverase o obradoiro Como mellorar a percepción da túa clientela cos teus e-mail. A oficina de Pontevedra, no Edificio Administrativo da Deputación, atópase na Avenida de Montero Ríos, s/n.
Os vindeiros 21 e 22 de abril terán lugar no IES Xesús Taboada Chivite de Verín as XVI Xornadas de Tecnoloxía organizadas por APETEGA (Asociación de Profesorado de Tecnoloxía de Galicia). O evento, cuxo programa de actividades xa podemos descargar da Rede en formato PDF, consiste en boa medida nun obradoiro formativo e divulgativo sobre as máis diversas temáticas TIC pero co nexo común, todas elas, de estaren coidadosamente elixidas polo seu alto potencial educativo e capacitador (a idea é fomentar o espírito do “faino ti mesmo”, ou sexa o espírito Maker).
Tocaranse, cuestións como o deseño e a impresión 3D, o sistema aberto Linux, as tecnoloxías abertas Arduino e Raspberry Pi para dar forma ás nosas propias programacións e creacións robóticas, a edición de vídeo e a música electrónica. Segundo informa APETEGA forneceranse ao abeiro destas xornadas un total de 120 prazas dirixidas principalmente ao profesorado de Educación Secundaria e Bacharelato. Respecto aos criterios de selección do alumnado, será por orde de inscrición aínda que “dando preferencia aos socios de APETEGA que teñan aboada previamente a cota de alta ou de renovación como socios”. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o 17 de abril.
O Hotel NH da Coruña vai acoller este 1 de abril unha encontro coa mocidade directamente encamiñado a amosar recursos para garantir aos rapaces un máis eficiente, seguro, racional e respectuoso uso das novas tecnoloxías. A charla Menores e o seu mundo dixital celébrase o sábado partir das 9.30 horas e está organizada pola Confederación Galega de APAs de Centros Públicos (CONFAPA Galicia). Contará coa presenza de dous especialistas en navegacións seguras e nos aspectos legais das redes, por unha banda Víctor Salgado (do bufete Pintos & Salgado, que falará da cuestión da Privacidade nas Redes Sociais) e pola outra Santi Rey (de AtlaTICs, que achegará o relatorio O meu fillo é dixital, e agora que fago?).
Segundo comentan dende a organización ao fío dos porqués da charla, dado que a Internet se ten consolidado dende principios de século como unha gran revolución comunicativa e tecnolóxica, presente en todos os recantos da vida diaria dos menores, cómpre “fomentar o seu uso acompañándoo dunha educación sobre o que significa a privacidade e a confiabilidade, a protección de datos, a propiedade intelectual, o uso das redes sociais, os chats, a navegación por Internet, o uso do correo electrónico, dos foros ou dos xogos en liña”. E engade CONFAPA: “De todo isto é do que falaremos nesta xornada que cremos vai ser de gran utilidade e aprendizaxe”.
Os usuarios da Fundación de Lesionado Medular cunha lesión alta xa poden utilizar dispositivos tecnolóxicos de forma completamente autónoma grazas ao joystick universal que fabricaron na ‘Escola de Novas Tecnoloxías e TIC' da entidade. No marco do proxecto ‘Teclado Accesible', financiado por ‘En Acción Bankia', a FLM convértese así nunha das primeiras en utilizar a impresión 3D para fabricar utensilios que melloran, de forma directa e personalizada, o acceso dos usuarios ás novas tecnoloxías.
A fundación xa incorporou en outubro unha primeira impresora coa que crea adaptacións para as actividades da vida diaria (AVD) dos seus usuarios, e decidiu avanzar para facilitar o seu acceso ás novas tecnoloxías. “Con este joystick, as persoas que teñen unha lesión medular alta xa poden utilizar o móbil, deseñar no computador cun lixeiro movemento da boca ou da man”, comenta Antonio Hernández, responsable da Escola de Novas Tecnoloxías e TIC da FLM. “Existen outras adaptacións, pero esta permíteche configurala de forma personalizada, polo que vale para calquera usuario, independentemente da súa lesión”, explica. De feito, destaca que “existen outros instrumentos, pero non suplen todas as necesidades, e con todo, con este, podes axudar a calquera persoa independentemente da lesión que teña”, asegura.
Anteriormente na Escola TIC xa crearon outros instrumentos, como férulas de posicionamento para non pechar as mans, pulsadores específicos para facilitar o contacto co persoal sanitario a través dun timbre, ou unha adaptación específica para que os usuarios poidan coller un bolígrafo sen axuda. Con todo, este joystick é completamente novo, porque permite que accedan a programas informáticos avanzados de deseño gráfico, edición profesional de vídeo, audio, etc, así como ao uso de móbiles ou tablets.
Unha das persoas que utiliza este joystick é Wafa El Elj, unha moza de 29 anos, que reside desde hai un ano na Fundación do Lesionado Medular. Para ela, este joystick supón unha maneira de seguir utilizando os computadores. “Gústame moito a informática, e uso principalmente programas de ofimática e as redes sociais”, comenta. “Adoitaba utilizar aplicacións de voz, pero esta é máis fácil”, comenta.
Wafa viu na súa persoa como as adaptacións creadas pola Escola TIC a través da impresión 3D axudáronna a practicar as súas afeccións. Participa tamén na Escola de Artes Prácticas ou na Sección de Acción Deportiva da fundación, e comenta que “coa impresora puideron facerme un vaso para que deixase os meus pinceis e que se mantivese suxeito á cadeira”, engade.
Pola súa banda, Guillermo Ortiz, de 37 anos, acode á Escola TIC os martes e os xoves para poder utilizar programas avanzados a pesar da súa lesión. “Gústame moito xogar a vídeoxogos e utilizar aplicacións de edición audiovisual. Antes utilizaba outros programas para usar os computadores, pero para min este joystick universal é máis fácil e versátil, porque non tes que mover tanto a cabeza e cánsaste menos”, comenta.
A FLM implantou a pasada semana un scanner 3D dados os bos resultados que se están obtendo coa impresora. Coa segunda impresora que quere incorporar, o tempo de impresión reduciríase de sete horas a tres, segundo Antonio Hernández.