main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

16/07/202418:46
Visita ao Obradoiro Girl Steam en Leiro.
Leiro

Manuel Pardo subliña as actividades e a implicación da Xunta pola presenza da muller no eido tecnolóxico

  • O delegado territorial da Xunta participou esta mañá no inicio do obradoiro ‘Girl Steam’, en Leiro
  • Para o delegado territorial trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM
  • O obradoiro ‘Girl Steam’ é iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico
  • No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á Aula CeMIT de Leiro para participar do inicio do obradoiro ‘Girl Steam’; unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e fomentar a presenza das mulleres nas carreiras Steam. Manuel Pardo estivo acompañado polo alcalde, Francisco José Fernández e pola directora da Aula CeMIT, Alicia Vázquez.

O delegado territorial sinalou que se trata de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM a través de obradoiros prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas.

Manuel Pardo explicou que na provincia de Ourense desenvolverase esta actividade tamén no concello de Celanova os vindeiros 31 de xullo e 12 de agosto; en total 14 concellos de toda Galicia. Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.

Participan 15 rapaces e rapazas de entre 8 a 11 anos, que se achegarán ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.

Para o representante do Goberno galego trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito TIC.

No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.

Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e o CPETIG co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.

A aposta da Amtega polo fomento do talento dixital galego

Esta actuación forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, que conta cun eixe especificamente dirixido a impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado, prestando especial atención á fenda de xénero.

Así, cada ano, o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent conta con iniciativas destinadas a todos os públicos, entre as que destacan as accións lúdico-formativas e as experiencias inmersivas como o Programa Tecnólog@ por un día ou o Programa Tech Kids, impulsado en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Con estas actividades, búscase espertar o interese dos máis cativos nas disciplinas científico-tecnolóxicas e nas novas profesións dixitais; ao tempo que se pon en valor o rol que xoga o talento feminino no sector TIC, promovendo o aumento da taxa de mulleres nos novos desenvolvementos dixitais.

Reunión co alcalde de Leiro

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no municipio para manter un encontro co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.

Manuel Pardo, despois de repasar asuntos de interese mutuo para as dúas administracións e avaliar posibles vías de colaboración, trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello de Leiro”. 

12/07/202418:21
Enredando Tour en Noia.
Noia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Cruz Vermella impulsan a capacitación dixital da cidadanía cos obradoiros itinerantes de ‘Enredando Tour ‘

  • A nova edición desta iniciativa, que comeza hoxe en Noia, percorrerá 20 localidades galegas ata setembro
  • A aula móbil ofrecerá demostracións e capacitación dixital sobre IA, realidade virtual, seguridade en internet ou a realización de trámites online
  • As actividades están especialmente dirixidas ás persoas de 55 anos ou máis

O Concello de Noia acolleu hoxe a primeira xornada de Enredando Tour, a iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Cruz Vermella para facilitar a capacitación dixital da sociedade e reducir fendas no uso da tecnoloxía. Ata o mes de setembro, Enredando Tour percorrerá un total de 20 localidades galegas cun programa formativo itinerante, orientado especialmente a persoas de 55 anos ou máis.

Esta xornada de arranque contou coa visita do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño; do vicepresidente de Cruz Vermella en Galicia, Andrés Ríos e da a responsable da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia, Trini de Lorenzo.

O responsable da Axencia autonómica lembrou que unha das prioridades das políticas tecnolóxicas da Xunta é consolidar unha “sociedade dixital e inclusiva” e neste sentido destacou o “papel da Rede CeMIT, redución da fenda dixital nos tramos de idade nos que era máis acusada en Galicia”. Os últimos datos do INE sinalan que preto do 68% os galegos e galegas de 65 a 74 anos empregan internet de xeito habitual, unha porcentaxe que no 2020 non chegaba ao 50%.

Talleres de capacitación dixital e menús formativos

Enredando Tour percorrerá de novo Galicia cunha furgoneta equipada con diferentes dispositivos tecnolóxicos e ofrecerá obradoiros impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella que se desenvolverán de 10 a 14 horas para mellorar habilidades básicas como aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes ou facer videochamadas.

Ademais, nesta edición incorpóranse novos contidos sobre aplicacións que empregan intelixencia artificial e conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e á ciberseguridade, que serán en horario de tarde, de 17 a 18:30 horas.

Localidades e sorteos especiais

En cada unha das localidades realizarase un sorteo especial dun portátil ou unha tableta entre os participantes dos talleres. As persoas interesadas nas actividades de Enredando Tour poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.

A ruta comezou hoxe en Noia e continuará polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra facendo paradas en Padrón, Ponteceso, Oleiros, Curtis, Castro de Rei, Becerreá, Samos, O Incio, Abadín, Cartelle, O Irixo, Pereiro de Aguiar, Viana do Bolo, Monterrei, Marín, Moaña, A Estrada, Ponteareas e Mondariz.

Plan DigiTalent

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella. 

Sobre Cruz Vermella

Cruz Vermella Española, que celebra este ano o seu 160 aniversario, conta con máis de 254.000 persoas voluntarias que dan resposta en 1.263 municipios, o que permite atender anualmente a máis de 11,8 millóns de persoas. Todo iso co apoio de 1,3 millóns de persoas socias, empresas e alianzas en todos os sectores da sociedade.

11/07/202418:09
Foto de Tara Winstead.
A Toxa

A Xunta afianza a seguridade xurídica para fomentar o uso da intelixencia artificial na administración

  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participou hoxe na Toxa no encontro “Transformación dixital e IA”
  • Destacou a importancia de que Galicia sexa a primeira rexión europea en dispoñer dunha lei para o desenvolvemento e impulso da IA
  • Enmarcou a aposta de Galicia pola IA no avance cara a unha soberanía tecnolóxica para facer fronte aos retos de sustentabilidade financeira e á adaptación ás necesidades da rexión

A Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial de Galicia, que se atopa en fase de consulta previa ao trámite parlamentario, avanzará na dotación de seguridade xurídica para favorecer a implantación de sistemas intelixentes que melloren a eficacia dos servizos da Administración, segundo destacou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

Cerviño participou nunha mesa redonda sobre “IA xenerativa: primeiras leccións aprendidas e expectativas, agora que?” no marco do Encontro da Toxa Transformación dixital e IA. O director da Axencia anunciou durante a súa intervención a posta en marcha de proxectos piloto de IA xenerativa en ámbitos como a Asesoría Xurídica, Intervención ou Facenda pública. Estes casos de uso van dende sistemas de busca e clasificación de documentos ata asistentes de conversación.

Para o director da Axencia autonómica, ademais da seguridade xurídica, o principal reto é gañar en eficacia e eficiencia, ademais de proporcionar unha atención personalizada, regular a planificación e gobernanza da IA a través da lei, e avanzar cara á soberanía tecnolóxica. Neste sentido, destacou a importancia da sustentabilidade financeira dos sistemas que se poñan en marcha, así como a súa adaptación ás necesidades específicas da Administración galega.

Na súa intervención, Julián Cerviño tamén destacou a importancia das medidas de impulso no uso da IA recollidas na lei que se está a tramitar, como os incentivos económicos ou fiscais para empresas e profesionais. O obxectivo é atraer investimentos e promover a creación e retención de talento a través da FP e da Universidade. Por último, referiuse tamén á importancia de manter os esforzos para a capacitación actualizada da cidadanía.

08/07/202418:57
Mans tecleando nun portátil.
Santiago de Compostela

Rueda avanza que a Xunta garante por lei o impulso a unha intelixencia artificial centrada na cidadanía e na igualdade de oportunidades

  • Anuncia que o Consello abre o prazo de consulta pública do anteproxecto da Lei que se prevé levar ao Parlamento “en setembro”
  • Asegura que o obxectivo é “dar seguridade” á cidadanía e as empresas sobre que se vai garantir “un uso ético e seguro” da IA e “atraer investimentos vencellados a este eido”
  • O anteproxecto de lei garante a supervisión humana nos procedementos que empreguen esta tecnoloxía 
  • Galicia será a primeira comunidade en regular por lei esta tecnoloxía

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou abrir o prazo de consulta pública do anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA) en Galicia que establece o marco xurídico para facilitar a adopción desta tecnoloxía na Administración xeral da comunidade e no seu sector público de xeito seguro, fiable e centrado na cidadanía. “A previsión é remitir a lei ao Parlamento en setembro”, indicou.

Con esta lei, Galicia sitúase á vangarda das rexións europeas para dispoñer dunha IA segura que salvagarde os dereitos das persoas, que mellore a eficacia da Administración na súa relación coa cidadanía e que impulse o desenvolvemento desta tecnoloxía no ecosistema dixital galego e no tecido produtivo da Comunidade.  “Galicia vai ser a primeira comunidade en regular por lei o uso da intelixencia artificial”, indicou Rueda.

A futura normativa, segundo explicou o presidente, ten dúas finalidades. Por unha banda,  “dar seguridade á cidadanía e as empresas” sobre que se vai garantir “un uso seguro e ético” da IA e, por outra, “atraer investimentos vencellados a este eido”.

Salvagarda dos dereitos das persoas

Tal e como explicou o presidente, a futura lei “garante que un ser humano supervise os procedementos en que se empregue a intelixencia artificial” sempre que o requiran. Ademais, os sistemas de IA empregados no sector público autonómico deberán ser auditables, rastrexables e entendidos por todas as persoas e estarán accesibles nun rexistro público, que recollerá toda a información do seu ciclo de vida, desde o deseño ata a desactivación. 

O anteproxecto tamén recolle “a creación da figura do comisionado en IA”, que será a persoa encargada de velar polos intereses da cidadanía e os valores éticos dos sistemas. 

Relación da Administración coa cidadanía

O emprego da Intelixencia artificial estará orientado a ofrecer unha atención personalizada que teña en conta as circunstancias e necesidades de cada persoa, sen prexuízos. A regulación da IA en Galicia facilitará o achegamento da Administración á cidadanía e a igualdade de oportunidades nas áreas rurais, axudando a rachar coa fenda territorial e achegar as novas tecnoloxías ás galegas e aos galegos vivan onde vivan.

Ademais o anteproxecto recolle o dereito da cidadanía a recibir explicacións sobre decisións ou recomendacións tomadas polos sistemas de IA e a exixir a intervención dun empregado público no proceso. A Xunta probará e asegurará a eficacia e seguridade dos sistemas antes de implantalos na Administración.

Os proxectos de IA serán seguidos pola Oficina de Intelixencia Artificial, de nova creación, que coordinará a elaboración e actualización de guías para o uso de sistemas de IA e asesorará de forma continua sobre as tendencias en IA que permitan definir e desenvolver iniciativas innovadoras en Galicia.

Ademais, a futura lei establece a creación do Consello Galego de Intelixencia Artificial, un foro estratéxico, máximo órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento nesta materia formado por membros da Administración autonómica, as universidades, os colexios profesionais e o sector tecnolóxico.

Impulso da IA no ecosistema dixital e no tecido produtivo

A lei recollerá, tamén, unha serie de medidas para consolidar Galicia como rexión de referencia en Europa en IA. A Comunidade contará cunha serie de apoios económicos específicos para as empresas tecnolóxicas que fomenten o seu desenvolvemento. Ademais, a Xunta creará programas de incubación, aceleración e consolidación de empresas emerxentes de IA. Abre, ademais, o camiño para que a Xunta poña ao dispor das pemes ferramentas de auto-diagnose gratuítas sobre sistemas de intelixencia artificial.

Tamén se fomentará o investimento empresarial en solucións de intelixencia artificial e fondos de apoio á I+D+i neste ámbito. A lei prevé que poidan ser declarados de interese autonómico proxectos de IA adaptados ás necesidades de desenvolvemento rexional. Así mesmo, impulsarase a posta en marcha de factorías rexionais de intelixencia artificial arredor das infraestruturas do Centro de Supercomputación de Galicia.

No ámbito da capacitación, a Administración autonómica impulsará programas de apoio á formación do tecido produtivo, así como formación específica en IA para mellorar o horizonte laboral das persoas desempregadas e o apoio á formación universitaria para favorecer a creación e retención de talento.

08/07/202408:45
Girl STEAM.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha obradoiros de verán para incentivar vocacións tecnolóxicas entre as nenas

  • As actividades desenvolveranse durante os meses de xullo, agosto e setembro nas aulas da Rede CeMIT de 14 concellos galegos e unha sesión adicional no centro GaiásTech
  • Os obradoiros, dirixidos a escolares de 8 a 15 anos, teñen o obxectivo de promover o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecno-científicas, sobre todo entre as nenas
  • Esta iniciativa conta coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia, a Rede CeMIT e o Gaiás Tech.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza un novo ciclo de obradoiros Girl STEAM en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas.

As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro, a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 14 concellos de toda Galicia. Este novo ciclo de obradoiros dará comezo este luns 8 na aula CeMIT de Moaña. Posteriormente haberá obradoiros en Arzúa, Leiro, Betanzos, Cuntis, Brión, Poio, Celanova, Vigo, Ortigueira, Quiroga, Santa Comba, Valga e Guitiriz. Adicionalmente, os días 5 e 6 de setembro tamén se celebrará un obradoiro no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura.

Cada concello contará con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.

Contidos dos obradoiros

Nos obradoiros achegarase ao alumnado ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.

Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM

Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM  e apostar por profesións do ámbito TIC.

Calendario de realización dos obradoiros

8 de xullo: Moaña – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

12 de xullo: Arzúa – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

15 de xullo: Arzúa – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

16 de xullo: Leiro – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

17 de xullo: Leiro– Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

18 e 19 de xullo: Betanzos– Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

18 e 19 de xullo: Betanzos– Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

22 de xullo: Cuntis – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

23 de xullo: Brión – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

24 de xullo: Cuntis – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

29 de xullo: Brión – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

30 de xullo: Poio – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

31 de xullo: Celanova – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

31 de xullo: Poio – Obradoiro Girl STEAM para a rapazada de 12 a 15 anos

5 de agosto: Vigo – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

6 de agosto: Vigo – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

8 e 9 de agosto: Ortigueira – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

8 e 9 de agosto: Ortigueira – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

12 de agosto: Celanova – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

13 de agosto: Quiroga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

14 de agosto: Quiroga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

16 de agosto: Santa Comba – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

19 de agosto: Moaña – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

20 de agosto: Santa Comba – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

21 e 22 de agosto: Valga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

21 e 22 de agosto: Valga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

4 de setembro: Guitiriz – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

5 de setembro: Guitiriz – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

5 de setembro: Centro Gaiás Tech – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos

6 de setembro: Centro Gaiás Tech – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS