
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O proceso de modernización tecnolóxica de Galicia sumou algo máis de 886,8 millóns de euros en investimentos públicos e privados desde a posta en marcha en 2021 da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) ata finais de 2023. Así o indican os datos que ven de presentar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A presentación desta memoria coincidiu coa celebración do Pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Este órgano asesor, dependente da Axencia, ten como obxectivo avaliar a evolución da sociedade da información nesta Comunidade.
Os datos indican que o investimento de capital privado sumou 229 millóns de euros nos tres anos. Os investimentos públicos procederon dos fondos propios da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dos fondos doutros departamentos da Administración e de fondos europeos. Nos vindeiros anos, estas cantidades aumentarán pola execución do programa Next Generation EU a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e do instrumento REACT-EU.
Administración e Goberno Dixital
A memoria destaca os 183,5 millóns de euros investidos entre 2021 e 2023 na configuración dun Goberno e Administración intelixente. Entre as actuacións neste eido atópanse o III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, o Programa para o Emprego Público Dixital, o Programa de Dixitalización da Xustiza ou o Programa de Mellora das Capacidades e Infraestruturas Dixitais das Administracións Públicas.
Estas actuacións permiten avanzar nuns servizos da Administración máis eficaces, máis personalizados e máis accesibles a través do uso de tecnoloxías avanzadas. Neste sentido, a Xunta puxo a disposición da cidadanía unha aplicación para móbiles que concentra os servizos da Administración (XuntaEu); engadiu novas funcións e trámites á sede electrónica; puxo en marcha unha Plataforma de Automatización de Procesos para axilizar as tramitacións e proporcionar una resposta personalizada; ou renovou a Oficina Virtual Tributaria, entre outras accións.
Saúde e benestar social
A consolidación dun entorno dixital para a saúde e o benestar social sumou 130,2 millóns de euros en investimentos no período 2021-2023. O obxectivo da Xunta neste eido é o de consolidar un modelo socio-sanitario personalizado, preditivo e preciso. Ademais de mellorar servizos como o da Plataforma Telea, que permite un seguimento estreito de doenzas crónicas sen desprazamentos innecesarios, ou a aplicación Sergas Móbil; avanzouse no uso das potencialidades da Historia Clínica Electrónica e da Historia Social Única Electrónica. Neste período impulsouse o modelo de atención residencial a persoas maiores ou con discapacidade, así como o servizo de teleasistencia no fogar.
Economía dixital e sostible
O balance destaca tamén os investimentos para a configuración dunha economía dixital e sostible, que suman 335,7 millóns de euros. As actuacións nesta área inclúen o Programa de Transformación Dixital do Servizo Público de Emprego; o Programa de Transición Dixital para a Industria e a Empresa; ou o Programa Dixital de Mellora da Competitividade do Sector de Produtores Locais.
No resto dos eixos da EGD2030, os investimentos para acadar unha Sociedade dixital e inclusiva sumaron 63,8 M€; Territorio intelixente, verde e resiliente, 25,1 M€; conectividade dixital do territorio, 39,5 M€ e Cultura e turismo intelixente, 8,8 M€. Os investimentos no eixo transversal de Especialización tecnolóxica sumaron 99,7 M€.
Por último, o informe sinala que o sector tecnolóxico de Galicia xerou en 2021 un Valor Engadido Bruto de 1.753 millóns de euros, o que representa o 2,7% do Produto Interior Bruto.
As medianas e grandes empresas con actividade na nosa comunidade superan a media estatal no uso da intelixencia artificial. O 11,1 % das empresas de 10 ou máis persoas empregadas utilizan IA, 1,5 puntos máis que o conxunto do Estado. As solucións de IA máis empregadas neste segmento empresarial son as de automatización de fluxos de traballo ou axuda na toma de decisións.
Son datos sobre o emprego de tecnoloxías disruptivas recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2023, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe sinala, tamén, que a compra de servizos de Cloud Computing nas grandes empresas con sede en Galicia sitúase por riba do 24%, sendo aínda máis frecuente nas empresas con actividade en Galicia, co 31%, e iguala practicamente á media estatal.
Talento Dixital
A dixitalización empresarial reflíctese na contratación de perfís tecnolóxicos. Neste sentido, o informe sinala que unha de cada cinco empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia contratan especialistas TIC.
Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os especialistas en datos e ciberseguridade. Os expertos en datos aparecen no 12,3 % das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, e os especialistas en ciberseguridade no 10,4 %.
O 54,6 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as con actividade en Galicia que contan con perfís TIC, empregan mulleres especialistas TIC.
Comercio electrónico
As cifras de vendas mediante comercio electrónico mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. O máis destacable é o aumento de máis dun 25,5 % na porcentaxe con vendas das empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia, que pasa dun 20,8 % a un 26,1 %.
Presenza en Internet
O uso de páxina web mantense estable, tanto nas empresas galegas como nas estatais. Nas empresas con sede en Galicia de 10 ou máis empregados o 77,7 % ten web propia e a media estatal é do 78,5 %.
O uso de medios sociais sitúase nun 28 % nas empresas de 0 a 9 traballadores e 65,5 % nas empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia.
Durante o ano 2023, o 27,6 % das empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia pagaron por anunciarse en Internet.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron hoxe as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, que presentou como unha oportunidade para formar parte da construción dun futuro cunhas tecnoloxías seguras ao servizo das persoas.
Durante a visita, Miguel Corgos resaltou que este centro acollerá os sistemas de monitorización e xestión da ciberseguridade na Comunidade, en coordinación co Centro Criptolóxico Nacional e co Instituto Nacional de Ciberseguridade. Ademais de coordinar unha boa parte da actividade de formación e adestramento, polo que contará con espazos adaptados para que se poidan impartir todo tipo de cursos e prácticas.
Así mesmo, recordou que a nova infraestrutura contará cun espazo para a instalación de empresas e emprendedores, que poderán aproveitar as vantaxes desta concentración de coñecementos e recursos. E centralizará, tamén, parte da actividade do Nodo Galego de Ciberseguridade, formado por máis de medio cento de institución e empresas que colaboran e intercambian información sobre seguridade nos sistemas de información e comunicacións.
“Que Ourense sexa a capital galega de ciberseguridade implica que aquí se concentrarán os recursos á disposición da Xunta, dos concellos e deputacións, das universidades, dos centros tecnolóxicos e de innovación e do sector privado que presta estes servizos”, explicou, incidindo en que este novo edificio pon de manifesto que a Comunidade está a fronte da transformación dixital cunha visión estratéxica.
Crear unhas tecnoloxías adaptadas ao territorio, á sociedade e á economía
Sobre este punto, recordou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 aposta por crear e desenvolver unhas tecnoloxías adaptadas “ás nosas necesidades, ao noso territorio, á nosa sociedade e á nosa economía”.
Con este obxectivo, o conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé na importancia dunha distribución de responsabilidades, que aproveite as potencialidades de cada territorio. Así, hoxe, a Vigo identifícase coas telecomunicacións; á Coruña coa intelixencia artificial; a Lugo, coas tecnoloxías de naves non tripuladas; a Ourense coa ciberseguridade; e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, desde a Cidade da Cultura en Santiago, asume o papel da coordinación estratéxica.
Miguel Corgos concluíu recordando que a tecnoloxía é a oportunidade definitiva para igualar a calidade de vida e o benestar entre os ámbitos rurais e urbanos, achegando os servizos da Administración, mellorando a atención sanitaria, facilitando a educación ou modernizando a agricultura e a gandaría. “E, neste novo entorno caracterizado polos intercambios de información, a seguridade debe ser garantida”, dixo, subliñando que as Administracións públicas deben asumir a responsabilidade de garantir que a cidadanía se poida beneficiar destas novas ferramentas para o benestar dunha forma segura.
Na visita, tamén estiveron a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa, e o director de Amtega, Julián Cerviño Iglesia, entre outros.
Características
Pola súa parte, Martínez Allegue destacou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través dunha encomenda, está a executar estas obras, que veñen de comezar este mes e suporán un investimento de 6M€.
Detallou que a Xunta prevé finalizar no primeiro trimestre de 2026 a construción deste Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.
Remarcou que a Axencia Galega de Infraestruturas está a poñer todos os coñecemos técnicos e a experiencia na execución desta actuación para acadar un edificio preparado, con espazos adaptados aos obxectivos e ás funcionalidades que se pretenden.
Subliñou que se levantará na parcela 3E de Tecnópole, que conta con algo máis de 3.000 m², o edificio do Centro de Ciberseguridade, con máis de 2.000 m² de superficie construída.
Apuntou que a construción destas instalacións se completará coa habilitación dunha área para o estacionamento con arredor de 40 prazas de aparcadoiro.
O Consello do Goberno galego autorizou hoxe a terceira convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación e mantemento de servizos de internet a familias e persoas vulnerables. Enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, esta nova liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros que permitirá acadar os 4.844 beneficiarios.
O obxectivo dos bonos dixitais é facilitar a familias ou persoas vulnerables a contratación ou o mantemento das liñas de conexións á banda larga cunha velocidade mínima de 30 Mbps. As axudas reducirán o custo mensual de factura en ata 20 euros durante un ano cun importe total máximo de 240 euros.
Os beneficiarios destas subvencións son persoas cuxa renda anual sexa inferior ao 125 % do IPREM, en caso de non ter menores na unidade familiar, ou ao 175 % en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do ingreso mínimo vital, así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social. Unha vez publicada a convocatoria no DOG, os bonos poderán solicitarse ata o 30 de setembro deste ano.
Nova convocatoria en 2024
A Xunta lamenta que debido ao deseño do programa ÚNICO, fixado de xeito unilateral polo Goberno central sen ter en conta as características e necesidades de cada comunidade, nas convocatorias dos anos 2022 e 2023 se concederon unicamente 900 bonos dixitais por importe de 216.000 euros.
Por esa razón, o Goberno galego prevé lanzar unha nova convocatoria dos bonos dixitais este ano, xa que aínda dispón de 1.162.560 euros dos 1.378.560 euros transferidos polo Estado, o que confirma a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación. Isto complica a execución dos programas en tempo e forma, polo que a Xunta insiste na petición feita no marco da Conferencia sectorial para a transformación dixital do pasado mes de maio para ampliar o prazo e adaptar as actuacións e poder deste xeito executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade.
Os bonos dixitais son unha das medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio. Ademais desta liña de axudas para colectivos vulnerables, este ano a Xunta porá en marcha novas convocatorias do programa ÚNICO no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do cal Galicia recibe 19,1 millóns de euros para reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; e en centros públicos.
A Xunta, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a Fegamp e as catro deputacións provinciais veñen de renovar o seu compromiso de cooperar en materia de ciberseguridade prorrogando o convenio que dá continuidade á labor do Nodo CIBER.gal. Este espazo público-privado, ao que están adheridas 50 entidades, impulsa desde 2020 diferentes actuacións de capacitación, concienciación e prestación de servizos de ciberseguridade para cidadáns, empresas e administracións públicas.
Ao longo destes catro anos o Nodo consolidou o Encontro galego CIBER.gal como a cita anual da ciberseguridade en Galicia, na que expertos nacionais e internacionais abordan os retos e oportunidades desta tecnoloxía, ao tempo que impulsa as vocacións temperás cun concurso “Ciberseguridade no cole”.
A IV edición de CIBER.gal celebrase os vindeiros 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura. Previamente, terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) unha xornada destinada ao tecido industrial de Galicia e ao sector da innovación e da ciberseguridade
Entre as actividades do Nodo está a posta en marcha de dous grupos de traballo para identificar necesidades en materia de ciberseguridade para empresas e cidadanía e que realizaron arredor dunha trintena de actuacións das que se beneficiaron preto de 900 persoas. Está previsto poñer en marcha un novo grupo de traballo dirixido ás empresas no segundo semestre do ano.
No ámbito da concienciación, o Nodo desenvolveu campañas de sensibilización a través das iniciativas #Cibercarracho e #Ciberesther que suman máis de 80 vídeos con máis de 5 millóns de visualizacións.
Ao longo destes catro anos o CIBER.gal participou en mais de 25 eventos, xornadas e iniciativas relacionadas coa ciberseguridade a nivel autonómico e nacional, e colaborou con organismos relevantes no ámbito da ciberseguridade, como a Global Cybersecurity Alliance (GCA), ISMS Forum ou Women4Cyber Spain.
Ademais, no marco das actuacións do Nodo, Galicia, xunto con Cataluña e Valencia e, en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), porá en marcha o futuro Centro de innovación e Competencia da Ciberseguridade, enmarcado no Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech) e no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation EU, que contempla liñas de actuación en catro ámbitos: as ciencias da saúde, o transporte intelixente, a industria conectada e a excelencia operativa.