
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Os avances na dixitalización reflíctense no uso dos servizos dixitais por parte da cidadanía. Nove de cada dez trámites coa Xunta realízanse de xeito electrónico, segundo se recolle no balance 2023 do III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025 que busca achegar a Administración á cidadanía e impulsar servizos adaptados ás necesidades das persoas.
Segundo o balance 2023 do plan, o Rexistro electrónico da Administración autonómica recibiu o pasado ano preto de 1,5 millóns de presentacións de solicitudes, escritos ou comunicacións, de parte de cerca de medio millón de persoas distintas.
Para a atención presencial a Xunta conta con 170 Oficinas de atención á cidadanía e rexistro, que dixitalizan a documentación presentada presencialmente, informan a cidadanía sobre procedementos e xestións e asisten na presentación electrónica ás persoas que o solicitan. En 2023, incorporáronse na Administración máis de 27 millóns de documentos electrónicos e creáronse máis de 641.000 expedientes de 530 procedementos distintos.
Durante o pasado ano xeráronse na carpeta cidadá máis de 800.500 expedientes correspondentes a 474 procedementos distintos e foron incluídos na carpeta 3 novos servizos que ofrecen unha atención personalizada no marco do deseño do novo modelo do nodo de datos cidadáns. Esta iniciativa que se vén de anunciar o pasado mes de xullo permitirá aos galegos e as galegas consultar a situación de todos os seus trámites a través de carpeta cidadá e actualizar os seus datos nun punto único.
A través da sede electrónica realizáronse máis de 63.000 pagos de taxas asociados á presentación de trámites.
O sistema de identificación mediante Chave365 está a ser utilizado por máis de 1,5 millóns de persoas. Ademais, incorporouse o sistema Clav@ da Administración Xeral do Estado e a identificación europea IDAS, que permite a cidadáns doutros estados europeos a identificación electrónica cos seus sistemas nacionais.
Hai tamén máis de 9.000 persoas que recorreron ao Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG) para autorizar a alguén para facer no seu nome os trámites administrativos.
A Xunta puxo a disposición das persoas interesadas máis de 1,7 millóns de notificacións, das que cerca de 1,2 millóns foron exclusivamente electrónicas. As persoas que recibiron estas notificacións foron máis de 580.000.
O balance tamén destaca que, dende a súa saída en 2023, a aplicación XuntaEu, que concentra as relacións da Administración coa cidadanía a través de dispositivos móbiles, foi descargada por máis de 35.000 persoas desde principios de anos. Desde XuntaEu pódese consultar a situación de expedientes, apoderamentos, citas, xestionar Chave365 e ter acceso a 16 carnés ou certificados.
Ademais, a Xunta conta cun catálogo de 282 portais, 35 aplicacións para dispositivos móbiles e 432 canles en redes sociais.
A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a liña de axudas do programa estatal ÚNICO para mellorar as infraestruturas de telecomunicacións en edificios dirixidas a comunidades de propietarios e corporacións locais. As solicitudes, que poderán cubrir o 100% da actuación, poderán ser solicitadas desde mañá e ata o 16 de setembro.
Trátase da segunda convocatoria destas axudas, que terá unha dotación orzamentaria de algo máis de 4 millóns de euros, dos que a metade corresponderán a comunidades de propietarios e a outra metade a corporacións locais galegas que precisen adaptar as instalacións de telecomunicacións no interior de edificios ou conxunto de edificacións da súa propiedade.
Haberá tres liñas de actuación: a primeira cubrirá a instalación completa da infraestrutura de telecomunicacións adaptada para radiodifusión sonora, televisión dixital e banda larga ultrarrápida, cun importe máximo de 680 euros por unidade inmobiliaria, ata un máximo por proxecto de 23.800 euros. E a segunda liña refírese á instalación parcial de infraestrutura de telecomunicacións adaptada para radiodifusión sonora, televisión dixital e banda larga ultrarrápida, cun importe máximo de 600 euros por unidade inmobiliaria, ata un máximo por proxecto de 21.000 euros.
A terceira liña refírese exclusivamente á infraestrutura de telecomunicacións adaptada para banda larga ultrarrápida. Neste caso, o importe máximo por unidade inmobiliaria será de 485 euros, ata un máximo por proxecto de 16.975 euros.
Galicia abriu o pasado 24 de xullo o prazo da segunda convocatoria para solicitar as axudas para mellorar a conectividade en polígonos industriais e área loxísticas. Anteriormente, o 28 de xuño, abrírase a terceira convocatoria de bonos dixitais para facilitar a familias ou persoas vulnerables a contratación ou o mantemento de servizos de banda larga cunha velocidade mínima de 30Mbps.
Convocatorias 2024
Con estas novas convocatorias a Xunta busca incrementar o numero de beneficiarios das convocatorias de 2022 e 2023. Estas axudas enmárcanse no Programa ÚNICO, cuxos requisitos foron definidos polo Goberno central.
O Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, xa conta cunha nova ferramenta que facilita as consultas sobre as estatísticas de dixitalización que publica periodicamente a través de informes e estudos para a avaliar a penetración das tecnoloxías na Comunidade.
Grazas á aplicación de tecnoloxías baseadas en Business Intelligence, os usuarios poderán acceder desde o portal do Osimga a un cadro de mando que permite personalizar as consultas; seleccionar os anos da serie histórica que se desexen visualizar e presentar un ou varios indicadores simultaneamente na mesma gráfica. Tamén permite modificar diferentes características do aspecto das gráficas.
Grazas á versatilidade da nova ferramenta de difusión, as actualizacións dos datos estatísticos da sociedade dixital iranse aplicando de forma inmediata, cando estean dispoñibles. Ademais, o cadro de mando permite a consulta das series históricas antigas, que se irán ampliando ano a ano.
Os datos que conten con desagregación a nivel provincial poden ser visualizados a través de mapas dinámicos integrados no propio cadro de mando.
O novo cadro de mando conta, tamén, cun apartado de resumo dos datos máis destacados e acceso á metodoloxía, fontes de datos e ao proxecto técnico que se aprobou, así como ao plan estatístico anual e á Lei de Estatística de Galicia.
Todas as funcionalidades descritas están xa dispoñibles en Osimga.gal, nun apartado específico na web denominado Cadro de Mando.
Baixo o título "A Aventura que me Espera: Descubrindo a Ciencia e a Tecnoloxía", o GaiásTech acollerá o vindeiro 27 de setembro unha xornada sobre os diferentes roles laborais que combinan a ciencia e a tecnoloxía. O encontro está dirixido a estudantes de entre 14 e 17 anos e a pais e nais, que só precisan inscribirse previamente no portal do GaiásTech.
A xornada contará coa participación de dez mulleres con perfís profesionais vinculados ao eido científico ou tecnolóxico con postos en diferentes campos, incluíndo o académico, administrativo e empresarial. O obxectivo do encontro é mostrar as múltiples posibilidades que se presentan despois de obter unha titulación universitaria dunha carreira STEAM, destacando que a formación recibida prepara para desafíos que poden non estar directamente relacionados cos contidos estudados.
O evento estrutúrase, nunha primeira parte, nun circuíto por distintos postos, a través dun diálogo entre estas mulleres e os asistentes, no que se expoñan os diferentes roles laborais científicos e tecnolóxicos de cada perfil e, na última parte, farase un diálogo común permitindo que se expoñan preguntas e se poidan conectar cos temas tratados.
Participantes
As intervencións estruturaranse en torno a dous paneis. No primeiro intervirán: Ana Jesús López, física e profesora da Escola Politécnica Superior de Ferrol; Teresa Rivas, bióloga e profesora da Escola de Enxeñaría e Minas; Rocío Mosquera, médico e xestora sanitaria no Servizo Galego de Saúde; María J. Rodríguez, doutora en educación con especialidade en tecnoloxía educativa, e que traballa no centro de Supercomputación de Galicia; e Soledad Torres, enxeñeira de Telecomunicacións e profesora na Universidade de Vigo.
Nun segundo panel participarán: Laura Alonso, enxeñeira naval e oceánica pola Universidade da Coruña; Andrea Fernández, pedagoga e Mestrado en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares pola UDC; Eva López, técnica de transferencia e directora do programa Woman Emprende; Cristina Sánchez, antropóloga e investigadora científica no INCIPIT-CSIC; Sonia Martínez, farmacéutica e doutora en Bioloxía Celular.
Colaboración
Este evento enmárcase dentro dun convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), para realizar actuacións de fomento e promoción das vocacións STEAM entre a poboación máis nova, especialmente nas mulleres.
A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), renovan a súa colaboración para o desenvolvemento de actividades de capacitación dixital dirixidas a persoas maiores sobre algúns dos usos máis habituais e prácticos da Banca online. Esta actividade, que inclúe formación sobre o uso dos caixeiros automáticos ou a realización de pagos co móbil, enmárcase no proxecto de “Aliados Dixitais” do Plan DigiTalent 2030.
A iniciativa arrincou hoxe cunha sesión informativas online, dirixida aos dinamizadores das aulas da Rede CeMIT. A actividade formativa dirixida a persoas maiores comezará o 12 de setembro.
O obxectivo é o de reducir a fenda dixital e promover a autonomía persoal e de envellecemento activo entre as persoas maiores, así como asegurar que todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia, teñan acceso ás ferramentas e coñecementos necesarios para participar plenamente na sociedade dixital.
Dentro desta programación está prevista a realización de 5 actividades formativas online de 60 minutos de duración, así como sesións presenciais a través de rutas por zonas rurais das catro provincias galegas.
As ditas actividades serán emitidas en directo a través de Internet, co obxectivo de achegarse de forma específica e a través da tecnoloxía aos maiores das contornas rurais. Na iniciativa participan as entidades sociais e colaboradoras de FEGAUS, así como os Centros de capacitación dixital da cidadanía da rede CeMIT, as asociacións que integran a federación e outras asociacións de maiores de Galicia.
Os seminarios complementaranse con actividades adicionais e a accesibles, como a creación dun Podcast, arquivo de audio sobre os temas principais tratados nas sesións de inspiración, pequenos vídeos e experiencias de xogos para fomentar o desenvolvemento cognitivo das persoas participantes. Os contidos formativos preséntanse de xeito ameno e sinxelo e están orientados a que os asistentes poidan sacar o máximo partido.
| Actividade | Localidade | Data | Horario |
|---|---|---|---|
| Compras online no teu día a día: supermercados e hostalería a un click | CeMIT Arzúa | xoves, 12 de setembro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
| Interactúa co teu banco mediante a Intelixencia Artificial | CeMIT A Estrada | martes, 24 de setembro de 2024 | 17:00 a 18:00 |
| Coñece os teus dereitos como usuario na era da banca dixital | CeMIT Leiro | venres, 4 de outubro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
| Renting de coches e outros servizos que tamén che ofrece a túa banca online | CeMIT A Estrada | xoves, 10 de outubro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
| Como contratar seguros e pedir préstamos a través do teu teléfono | CeMIT Vigo | luns, 14 de outubro de 2024 | 12:00 a 13:00 |