main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/09/202411:46
Girl STEAM.
Guitiriz

A Xunta incentiva vocacións tecnolóxicas entre as nenas e impulsa a tecnoloxía no rural

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participa en Guitiriz nunha das xornadas da iniciativa Girl STEAM que teñen lugar nas aulas CeMIT de Galicia
  • Os obradoiros, dirixidos a escolares de 8 a 15 anos, promoven o talento no ámbito das TIC e buscan espertar vocacións tecno-científicas, sobre todo entre as nenas
  • Esta iniciativa, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, conta coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia, a Rede CeMIT e o GaiásTech

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, deu hoxe a benvida ás alumnas e alumnos do obradoiro Girl STEAM da aula CeMIT de Guitiriz organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG). Miguel Corgos sinalou que o obxectivo desta iniciativa é dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e incentivar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas.

O conselleiro de Facenda, que estivo acompañado do director da Amtega, Julián Cerviño e do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o papel desta iniciativa para superar a fenda de xénero no sector TIC e puxo en valor outras iniciativas que se canalizan a través das aulas CeMIT, unha rede creada en colaboración coa Fegamp na que se ofrece formación e asesoramento gratuítos a todos os galegos e galegas, pero centrándose, de xeito prioritario, nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder á tecnoloxía.

Deste xeito, impúlsase a tecnoloxía no rural para contribuír a que a maioría da poboación se desenvolva nos ámbitos dixitais, o que lles permite realizar trámites coa administración sen desprazamentos, acceder a todo tipo de contidos e información e manexar diferentes dispositivos.

Contidos dos obradoiros Girl STEAM

O ciclo de obradoiros Girl STEAM está celebrándose en 18 aulas CeMIT de toda Galicia desde o pasado mes de xullo, dirixido a escolares de 8 a 15 anos cun aforo máximo de 15 persoas por quenda e teñen un carácter práctico e presencial. Cada un dos concellos participantes na iniciativa conta con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para nenas de 8-11 anos e outra para rapazas de idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos.

Nos obradoiros achégase ao alumnado ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenden a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballan en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continúan traballando coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.

Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM

Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM  e apostar por profesións do ámbito TIC.

O conselleiro de Facenda e Administración pública concluíu a súa intervención confirmando que o vindeiro ano impulsarase desde a Xunta de Galicia unha nova edición destas xornadas Girl STEAM.

02/09/202418:30
Comdix.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convoca máis de 2.600 prazas para obter a nova certificación galega de competencias dixitais

  • Son as primeiras probas para a cidadanía do Marco galego de competencias Dixitais no nivel de Iniciación
  • Haberá dúas quendas de avaliación, unha a finais de outubro e outra a finais de novembro nas aulas CeMIT de 45 concellos das catro provincias
  • Esta certificación acredita o nivel de competencia na utilización das tecnoloxías no ámbito persoal, social e profesional

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a primeira convocatoria de carácter libre para obter a certificación galega en competencias dixitais no nivel Iniciación (ComDix Iniciación). Son 2.461 as prazas dispoñibles para acceder a esta certificación do Marco Galego de Competencias Dixitais, que acredita os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto a nivel persoal como social ou profesional.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon ao dispor das persoas interesadas en acceder á certificación contidos formativos en liña, a través da plataforma de teleformación da Rede CeMIT, que poden empregar para adquirir os coñecementos e habilidades definidas no Marco Galego de competencias dixitais.

Inscrición

A inscrición poderá realizarse desde mañá a través do portal da Rede CeMIT cos únicos requisitos de ser maior de 16 anos e usuario da Rede. No caso de que existan máis solicitantes que prazas convocadas, realizarase un sorteo para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula para as probas en cada quenda.

A convocatoria contempla dúas probas de avaliación independentes, que se celebrarán  os días 23, 24 e 25 de outubro e o 20, 21 e 22 de novembro, con dous prazos de inscrición diferentes co obxecto de facilitar que as persoas que non resulten seleccionadas na primeira edición poidan inscribirse na seguinte convocatoria.

Os lugares, datas e horarios de cada unha destas edicións poden consultarse máis detalladamente na páxina web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), na que figura o calendario das probas presenciais que se celebrarán en 45 concellos de Galicia.

Avaliación

Para obter o ComDix Iniciación é preciso superar un cuestionario de 60-70 preguntas tipo test de diversa complexidade que inclúe a avaliación das 21 competencias establecidas na estrutura do Marco Galego ComDix, considerándose aptas aquelas persoas que superen o 70% do total das preguntas e o 60% das preguntas referentes a cada unha das seguintes 5 áreas: información e datos; comunicación e colaboración; creación de contido dixital; seguridade e privacidade; e contorna dixital e solución de problemas.

Marco Galego de Competencias Dixitais

Para facilitar a capacitación dixital da cidadanía Galicia ten en marcha o Marco Galego de Competencias Dixitais, en vigor desde o 1 de xaneiro de 2022, aliñado co marco europeo, e enmarcado na Estratexia Galicia Dixital 2030. O marco galego establece cinco grandes áreas de dominio, 21 competencias e cinco niveis de aptitude: iniciación, intermedio, avanzado e especializado.

27/08/202410:50
Rapaz usando un simulador.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa “Tech Kids” para impulsar o talento dixital da rapazada

  • A iniciativa, organizada en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, busca este ano fomentar a colaboración interxeracional
  • Está dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 18 anos, que recibirán formación de deseño en 3D, programación, pilotaxe de drons ou realidade virtual
  • Tras as sesións formativas, os participantes abordarán retos tecnolóxicos en equipos integrados por persoas de diferentes xeracións

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), pon en marcha unha nova edición do programa Tech Kids, para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada. Este ano a iniciativa  desenvolverase baixo o lema "Argallando entre xeración”, buscando a colaboración interxeracional na resolución de diferentes retos tecnolóxicos.

As actividades, que arrancarán mañá, mércores 28, na aula CeMIT de Santa Comba,  desenvolveranse ata outubro a través de sesións formativas de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de diversos concellos de toda Galicia. Ademais, o día 10 de setembro celebrarase unha sesión formativa no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web  da Rede CeMIT.

Contido do Programa

As actividades están destinadas a rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos, que durante 4 horas realizarán actividades de deseño e modelado en 3D, práctica guiada de construción e programación dun robot ou experiencias inmersivas en realidade virtual.

A partir desta aprendizaxe sentaranse as bases para poder deseñar e desenvolver voluntariamente un reto científico-tecnolóxico en equipo, integrado por persoas de diferentes xeracións.

Os proxectos resultantes destas actividades publicaranse na páxina web e nas redes sociais do programa Tech kids – Argallando entre xeracións  e premiarase aos mellores equipos participantes e proxectos realizados nun acto de entrega que se realizará no Centro Gaiás Tech a finais do mes de outubro.

26/08/202409:35
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A contratación de Internet crece en tres anos máis dun 20 % nos concellos galegos de menos de 5000 habitantes

  • A porcentaxe de fogares con este servizo contratado nestes municipios roza o 90 %, aproximándose ao 94,3 % da media galega
  • O uso de internet entre as persoas de 65 a 74 anos increméntase en máis dun 27 % entre 2020 e 2023
  • Preto do 64 % dos galegos e galegas merca online e máis do 78 % dos internautas empregan a banca electrónica

O 94,3 % das familias galegas dispón de acceso a Internet no fogar. Entre 2020 e 2023, a porcentaxe de fogares galegos con conexión a Internet aumentou un 4,4 %, mentres a media europea fíxoo no 2,3 %. O aumento foi especialmente significativo nos concellos con menos de 5.000 habitantes, onde se produciu un crecemento do 20,5 % neste mesmo período.

A porcentaxe de usuarios de Internet nos últimos tres meses chega ao 91,5 %, o que representa aumento do 2,5 % en comparación co 2022. O crecemento máis significativo prodúcese no tramo de idade de entre 65 e 74 anos, no que o uso de internet increméntase un 27,5 %.

Os datos corresponden ao estudo Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Conexión a internet nos fogares

En 2023 un total de 890.005 fogares galegos tiña contratada unha conexión de Internet, o que supuxo un incremento de 36.545 fogares desde 2020.

Os concellos que rexistraron o maior incremento na contratación deste servizo foron os de menos de 5.000 habitantes, cunha porcentaxe de 89,7 % no 2023 (un 3,7 % respecto ao ano anterior), o que supuxo un total de 3.815 fogares máis con internet contratada no último ano.

Tamén se rexistrou un importante aumento na porcentaxe de fogares con conexión a Internet de máis de 100 Mbps, situándose no 32,7 % en 2023 fronte ao 27,2 % que rexistraba no ano 2020.

A dixitalización dos fogares galegos segue incrementándose no 2023

No 2023, o 79,1 % do total de fogares galegos dispoñen de ordenador de sobremesa, portátil ou tablet. O maior crecemento ven dado polos ordenadores portátiles, un 1,7 % máis que o ano anterior, e que están presentes no 61,1 % dos fogares galegos.

Ademais, o 27,8 % dos fogares galegos dispoñen dalgún dispositivo electrónico intelixente o que supón un incremento relativo do 59,7 % respecto ao ano anterior. Tamén aumentan nun 50 % os dispositivos de seguridade con conexión a internet, nun 20,2 % os altofalantes intelixentes e nun 12,6 % os fogares con smart tv.

O dispositivo electrónico máis estendido entre os galegos e galegas é o smartphone, do que dispón o 92,6 % da poboación galega. O seu uso é universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que, entre as persoas maiores de 64 anos sitúase  no 70,3 %.

A dixitalización da cidadanía galega segue en aumento

O número de internautas aumenta 2,5 % respecto ao ano anterior. O 91,5 % dos galegos e galegas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que implica un incremento de 70.070 internautas nos últimos catro anos.

A fenda dixital en función da idade está a diminuír ano tras ano, e é importante destacar un notable aumento no nivel de dixitalización entre as persoas de 65 a 74 anos, cunha porcentaxe de usuarios de internet do 65,9 %.

Usos de internet

Respecto ao uso da rede en 2023, un 63,9 % dos galegos e galegas realizou compras por internet,  5,3 % máis que o ano anterior. Esta porcentaxe increméntase ata o 90,6 % entre os mozos e mozas con idades entre os 25 e 34 anos.

No que respecta á administración electrónica, o 85,2 % dos internautas  empregárona para buscar información e o 80,8 % enviaron formularios cubertos ás Administracións Públicas a través da Rede, cun incremento do 3,1 % respecto á edición anterior.

Ademais, respecto a outros usos de internet o estudo sinala que o 98,5 % dos galegos e galegas que emprega internet usa mensaxería instantánea; o 88,6 % busca información sobre bens e servizo; o 86,6 % recibe ou envía correos electrónicos , o 81,7 % le noticias, xornais ou revistas en liña, un 79,6 % realiza chamadas por internet ou videoconferencias; e un 78,4 % emprega a banca electrónica.

Ciberseguridade

O 63,1 % das persoas que usaron Internet nos últimos 12 meses actualizan periodicamente, de xeito automático ou manual, algún dos seus produtos de seguridade. O estudo sitúa  nun 14,4 % a porcentaxe dos internautas galegos que sufriron algún incidente de ciberseguridade no último ano.

Os resultados detallados do informe Galicia: A nosa vida en dixital poden ser consultados en osimga.gal.

19/08/202408:01
Mapa de Capacidades Dixitais do GaiásTech.
Santiago de Compostela

O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia ofrece información sobre máis de 350 empresas e 1.300 produtos e servizos

  • O directorio do centro tecnolóxico GaiasTech ten rexistradas 78 tecnoloxías desenvolvidas por empresas galegas
  • A rede de nodos de especialización tecnolóxica impulsou en 2023 un total de 225 iniciativas de colaboración público-privada con impacto en máis de 200 empresas
  • O Centro GaiasTech colabora coa rede CeMIT na formación dixital da cidadanía

Máis de 350 empresas forman parte xa do Mapa de Capacidades TIC de Galicia que xestiona o centro GaiasTech da Cidade da Cultura. Estas empresas tecnolóxicas ofrecen un total de 1.335 produtos e servizos que empregan 78 tecnoloxías diferentes. Os datos forman parte do balance de evolución da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

O balance destaca a aprobación do Plan DigiTalent 2030 para favorecer a creación, atracción e retención de talento dixital en Galicia. O catálogo do novo plan inclúe un total de 39 novas actuacións.

O eixo transversal da EGD2030 aposta pola promoción da especialización tecnolóxica de Galicia para poñer estes avances ao servizo do benestar e cohesión da poboación, da vertebración do territorio e da xeración de riqueza.

O centro GaiasTech concentra parte das actuacións dos nodos de colaboración en tecnoloxías como o despregue de redes de telecomunicacións no territorio, a ciberseguridade ou a intelixencia artificial. A rede de nodos impulsou en 2023 un total de 225 iniciativas de colaboración público-privadas, nas que participaron máis de 200 empresas. Ademais, as actividades organizadas polo GaiasTech recibiron cerca de 2.500 asistentes, 200 máis que en 2022.

O GaiasTech tamén colabora activamente coas actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola rede CeMIT, que está formada por 94 aulas repartidas por toda Galicia.

No ámbito da especialización tecnolóxica, o balance destaca como fitos de 2023 a proposta de elaboración da lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial, que xa está en fase de anteproxecto previa ao debate parlamentario; ou a creación da Comisión de Expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS