main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

22/09/202418:09
Persoas maiores usando un smartphone.
Santiago de Compostela

Sete de cada dez galegos maiores de 65 anos navegan por internet

  • Máis de 54.300 persoas maiores incorporáronse ao uso de internet entre 2021 e 2023
  • Preto do 20 % das persoas maiores de 65 xa empregan o comercio online
  • Máis do 43 % dos maiores de 65 anos que usan internet, empregan a administración electrónica

Preto do 70 % dos galegos e galegas de máis de 65 anos empregan internet, o que supón un incremento dun 10 % no último ano. Un crecemento sostido que supuxo que máis de 54.300 persoas maiores de 65 anos se incorporasen ao uso da rede entre 2021 e 2023. Un dato relevante na dixitalización da sociedade galega, na que as persoas deste colectivo representan máis da cuarta parte da poboación.

Son datos do estudo Seniors dixitais. Edición 2023 elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e publicado hoxe no portal do Osimga.

O documento sinala tamén un crecemento de case un 12 % no uso de internet entre os galegos e galegas de máis de 74 anos aínda que a porcentaxe de internautas desta idade é do 22,5 %.

Uso de internet

O uso do comercio electrónico creceu máis dun 40 % en dous anos entre as persoas maiores de 74 anos, das que máis do 16 % mercan online. No caso das persoas de 65 a 74 anos o uso do comercio electrónico sitúase preto do 20 %.

Máis do 43 % dos maiores de 65 anos utilizou Internet para realizar xestións coas administracións públicas. Na maioría dos casos para buscar información e enviar formularios cumprimentados.

No 2023 afiánzase entre os maiores de 64 anos o uso da banca electrónica, a xestión das citas médicas a través dunha páxina web ou app móbil, ou a busca de información sobre temas de saúde.

Así, máis do 55 % dos internautas maiores de 65 anos usan a banca electrónica; un 41,1 % no caso das persoas de máis de 74 anos.

Canto a citas médicas, preto do 50 % dos internautas de 65 aos 74 xa as solicita por internet; unha porcentaxe que queda no 36,1 % no caso dos maiores de 74.

Respecto á fenda dixital de xénero, o acceso a internet é case idéntico entre homes e mulleres de 65 a 74 anos pero a partir dos 74, os homes superan ás mulleres en máis de 6 puntos (26,1 % e 20 %).

Dispositivos electrónicos

O  maior uso de internet vai parello ao incremento de dispositivos electrónicos entre as persoas de máis de 65 anos. O estudo sinala que o 70,3 % dos galegos de 65 a 74 anos xa usan o smartphone e tamén o fan preto dun 30 % dos maiores de 74.

Canto aos ordenadores, son empregados por un terzo dos galegos e galegas dos 65 aos 74 anos e por máis do 8 % das persoas maiores de 74.

No uso de todos estes dispositivos, os homes de máis de 74 anos superan claramente o nivel de dixitalización das mulleres. Entre os 65 e os 74 anos son as mulleres as que utilizan máis os dispositivos móbiles e smartphones que os homes.

Conexión a Internet

O 63,1 % dos fogares con persoas maiores de 74 anos teñen acceso a Internet, o que supón un incremento do 2,6 % respecto ao ano anterior.

Máis do 71 % destes fogares  con conexión a Internet, contan cunha velocidade igual o superior aos 30Mbps.

Os resultados detallados do informe Galicia: A nosa vida en dixital poden ser consultados en osimga.gal

20/09/202418:03
Ciberseguridade no cole!
Santiago de Compostela

A Xunta convoca a IV edición do concurso ‘Ciberseguridade no Cole!’ e obradoiros para concienciar a escolares sobre o uso seguro das redes

  • Alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da ESO deberán demostrar no concurso os seus coñecementos sobre seguridade no uso das tecnoloxías da información
  • O programa “Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais” axudará ao alumnado a configurar as opcións de seguridade nas principais redes sociais
  • A final do concurso, o 7 de novembro, será durante a celebración na Cidade da Cultura do Encontro Galego de Ciberseguridade

A Xunta convocou a cuarta edición do concurso Ciberseguridade no Cole!, no que poderá participar alumnado de 4º e 5º de Primaria e 1º e 2º da ESO dos centros educativos de Galicia. A actividade está enmarcada na celebración do IV Encontro Galego de Ciberseguridade o os organizadores agardan superar a cifra de 6.000 participantes do ano pasado.

A convocatoria coincide co anuncio da posta en marcha do programa de obradoiros “Iniciación seguro á pegada dixital e ás redes sociais” dirixido a alumnado de 2º, 3º e 4º de educación secundaria obrigatoria (ESO) e ciclos formativos de grao básico de FP dos centros educativos públicos e concertados de Galicia.

O prazo de inscrición ao concurso, que está organizado por Telefónica, permanecerá aberto ata o día 7 de outubro neste enlace, onde tamén se poden consultar as súas características e bases. Como xa sucedera en anteriores edicións, o concurso contará cunha fase en liña ata o 15 de outubro na que se decidirán os grupos que participarán na final, que terá lugar nun acto que se celebrará o 7 de novembro da Cidade da Cultura de Galicia.

A final desenvolverase no marco do Encontro Galego de Ciberseguridade, que os días 6 e 7 de novembro reunirá en Santiago de Compostela a destacados especialistas e profesionais de seguridade da información. O Encontro, que desenvolverá a súa cuarta edición, consolidouse como unha das grandes citas de referencia para a ciberseguridade en España grazas ao esforzo das entidades que integran o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia..

A principal novidade do Concurso deste ano será o formato colaborativo da final entre todos os equipos finalistas, que consistirá na resolución dun reto sobre ciberseguridade. Na edición de 2023 participaron un total de 120 centros educativos.

Iniciación segura á pegada dixital

O programa de Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociaisque conta coa colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, ten entre os seus obxectivos o de reforzar a competencia básica do alumnado en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais. Busca tamén explicar a identidade dixital e a importancia da pegada dixital, afondar na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre nenos e nenas.

Consiste na realización dun único obradoiro por centro de carácter práctico que abordará a xestión segura das redes sociais que máis están a utilizar os escolares. Os obradoiros, de hora e media de duración e para un máximo de 30 persoas (da mesma ou de diferentes aulas), serán impartidos especialistas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

En total, levaranse a cabo 250 obradoiros desde outubro de 2024 a xuño de 2025, todos de carácter presencial.

Os Centros que desexen solicitar ditos obradoiros, deben enviar ao enderezo electrónico asesoria.participacioneducativa@edu.xunta.gal antes do 27 de setembro. Cóntase con adxudicacións limitadas, e os centros seleccionaranse segundo a orde de entrada da solicitude, ata un máximo de 250 centros.

Información da convocatoria

12/09/202418:17
Scratch Day.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha a IX Edición do Programa Scratch Day para achegar a linguaxe de programación aos máis novos dun xeito lúdico

  • As xornadas, dirixidas á rapazada de entre 7 e 15 anos, comezarán o 21 de setembro e desenvolveranse ata outubro en 4 aulas da Rede CeMIT e na Cidade da Cultura

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG),  organiza un ano máis o Programa Scratch Day que celebra este ano a súa IX edición. A iniciativa busca derrubar mitos en torno á programación informática e espertar e fomentar vocacións no ámbito STEAM desde idades temperás.

O programa está dirixido á rapazada de entre 7 e 15 anos e desenvolverase entre os meses de setembro e outubro con catro xornadas formativas nas aulas CeMIT de Guitiriz, Tomiño, Celanova e Fisterra.  O ciclo rematará o 19 de outubro cunha  xornada final no Edificio CINC da Cidade da Cultura, na que tamén terá lugar unha acción formativa específica para profesorado e formadores de centros de ensino.

O obxectivo deste encontro é mostrarlles aos docentes as vantaxes de traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, coa que poden incentivar a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas.

Contidos do programa

Nesta edición os participantes nas xornadas terán que realizar tres videoxogos relacionados con deportes presentes nos Xogos Olímpicos. Nunha primeira fase, realizarase unha introdución aos videoxogos con Scratch e a continuación os asistentes poderán elaborar videoxogos relacionados con deportes olímpicos cos que a posteriori participar nunha competición.

Inscrición e calendario de actividades

O prazo de inscrición está aberto  e pode realizarse a través de portal da rede CeMIT. Os rapaces e rapazas que queiran participar deben ir acompañados ás xornadas dun adulto.  As datas e aulas das xornadas son as seguintes:

 

11/09/202418:10
Mans de persoa maior usando un portátil.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors achegan a banca dixital ás persoas maiores

  • Ambas entidades colaboran na posta en marcha dun ciclo formativo de 5 sesións que poden seguirse en liña ou de xeito presencial nas aulas da Rede CeMIT
  • A aula de Arzúa acolle mañá a primeira das xornadas, que continuarán ata mediados de outubro

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS) poñen en marcha unha nova edición do programa formativo para achegar o uso da banca online ás persoas maiores. A primeira das cinco xornadas previstas comeza mañá na aula CeMIT de Arzúa. O ciclo formativo continuará ata mediados de outubro nas de Vilar de Santos, Leiro, A Estrada e Vigo. 

Son sesións presenciais, cunha duración de 60 minutos, que se retransmiten tamén  online, co asesoramento dos dinamizadores das aulas CeMIT, e ademais poderán seguirse a través de canalsenior En cada unha delas explicarase de xeito práctico como realizar paso a paso operacións con caixeiros automáticos e trámites online. 

Estes seminarios, especialmente orientados ás persoas maiores con foco na contorna rural, compleméntanse con materiais adicionais como videopílulas, podcasts, infografías co paso a paso dos trámites explicados nas sesións de inspiración e xogos.

Os contidos formativos preséntanse de xeito sinxelo e abranguen as compras online,  como interactuar co banco mediante intelixencia artificial, os dereitos dos usuarios na era da banca dixital, o aluguer de vehículos e outros servizos da banca dixital, como a contratación de seguros ou préstamos a través do móbil. 

Os interesados en participar de xeito presencial poden poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT nas que se celebra cada seminario ou inscribirse a través do portal da Rede: https://cemit.xunta.gal.

Programación dos seminarios

AULA

DATA

HORARIO

INSCRICIÓN

CEMIT Arzúa

12/09/2024

10:30 a 11:30

https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/47335

CEMIT Vilar de Santos

24/09/2024

17:00 a 18:00

https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/46722

CEMIT Leiro

04/10/2024

10:30 a 11:30

https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/46827

CEMIT A Estrada

10/10/2024

10:30 a 11:30

(Proximamente)

CEMIT Vigo

14/10/2024

12:00 a 13:00

https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/46806

06/09/202418:02
Obradoiro Girl STEAM.
Santiago de Compostela

O GaiásTech consolídase como centro de referencia das tecnoloxías innovadoras e escaparate para empresas TIC

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visita hoxe as instalacións, que promoven a creación dun vínculo entre a tecnoloxía e as persoas
  • O centro, situado na Cidade da Cultura, colabora con actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola rede CeMIT

O GaiásTech consolídase como centro de referencia das tecnoloxías innovadoras e escaparate para as empresas TIC, ás que ofrece unha ampla carteira de servizos e actividades de balde a través das que poden presentar e difundir as súas solucións innovadoras, conectar con outros axentes do ecosistema tecnolóxico e manterse á vangarda nunha contorna dixital en constante evolución.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, visitou hoxe as instalacións deste polo de desenvolvemento TIC e deu tamén a benvida ás alumnas e alumnos do obradoiro Girl STEAM organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).

O centro GaiásTech colabora con actividades de formación dixital da cidadanía e iniciativas promovidas pola rede CeMIT, como o caso dos obradoiros Girl STEAM, que teñen como obxectivo dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e incentivar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas. Acolle tamén a Tech Kids, que comezou a semana pasada, e que está orientada a fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a rapazada de entre 12 e 18 anos.

Avanzando o mes de setembro, celebrarase tamén A aventura que me espera: descubrindo a ciencia e a tecnoloxía, que ten como propósito dar a coñecer diferentes roles laborais que combinan a ciencia e a tecnoloxía, a partir da experiencia de dez mulleres que traballan en diversos campos como o académico, o administrativo ou o empresarial.

O conselleiro de Facenda, que estivo acompañado do director da Amtega, Julián Cerviño, destacou o papel destas iniciativas e puxo en valor outras que se canalizan a través das aulas CeMIT, unha rede creada en colaboración coa Fegamp na que se ofrece formación e asesoramento gratuítos a todos os galegos e galegas, pero centrándose, de xeito prioritario, nos colectivos que teñen máis dificultades para acceder á tecnoloxía.

Servizos do GaiásTech

O GaiásTech ofrece unha serie de servizos propios, como o Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, que actualmente conta con máis de 350 entidades, máis de 1400 produtos e servizos e 78 tecnoloxías.

O centro permite a organización de actos, tanto presenciais como en liña, proporcionando o apoio necesario en todas as etapas do proceso, desde a cesión dos espazos, que Miguel Corgos visitou, como auditorios e aulas, ata o soporte na comunicación do evento, en infraestruturas ou técnico.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS