
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pon en marcha Formación Dixital, un programa formativo de carácter gratuíto e 100% online para capacitar en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos, ata 2025.
O obxectivo do programa é impulsar a alfabetización dixital da sociedade galega, no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, facilitando o achegamento á tecnoloxía e a capacitación dixital da cidadanía para que poida desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital actual.
O programa ofrece, neste momento, un curso de nivel intermedio, xa con inscricións abertas a través da web www.formaciondixital.gal. A formación ten unha duración máxima de 10 semanas, e ofrece unha aprendizaxe guiada, con contidos formativos e actividades prácticas, ademais de sesións de acompañamento e titorías personalizadas con especialistas para resolver dúbidas e dificultades. De acordo co Marco Galego de Competencias Dixitais, abarca 5 eixos temáticos: información e datos, comunicación e colaboración, creación de contido dixital, seguridade e privacidade, e solución de problemas da contorna dixital.
A realización da formación permite adquirir competencias dixitais para resolver situacións cotiás como realizar transaccións electrónicas ou interactuar coas administracións públicas, así como mellorar as posibilidades profesionais ou obter información de interese sobre ferramentas de ciberseguridade ou tecnoloxías emerxentes. Ademais, os participantes obterán (se superan o 80% das actividades avaliativas) un diploma de aproveitamento emitido pola Amtega.
A formación, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (Next Generation da Unión Europea) tamén servirá de base para preparar a Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix).
Con este programa, a Xunta de Galicia busca dar resposta ao compromiso de que o 70% dos galegos e galegas teñan competencias dixitais básicas en 2025 -fronte ao 52,1% actual-, marcado na Estratexia Galicia Dixital 2030.
A Xunta de Galicia renova o seu compromiso a prol do software libre a través dun convenio de colaboración que asinarán proximamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). O Consello do Goberno galego autorizou hoxe este acordo cun orzamento de 60.000 euros para o período 2024-2025.
O convenio recolle catro liñas de actuación para a promoción, capacitación e difusión do uso do software libre entre o tecido empresarial galego, fundamentalmente, pero tamén para a sociedade en xeral. Unha das actuacións previstas é a elaboración de material multimedia sobre o papel do software libre e os datos abertos nos sistemas de intelixencia artificial, os dereitos de autoría vinculados á IA, a regulación europea específica neste ámbito ou a capacidade de innovación na IA a través do software libre.
Ademais, a colaboración entre a Axencia e Agasol prevé a realización dunha xornada sobre a Lei de ciberresiliencia da Unión Europea e as súas implicacións para as empresas galegas, e o fomento da localización ao galego da documentación e as interfaces das ferramentas de software libre para facilitar o seu uso entre as empresas da Comunidade. O acordo tamén prevé consolidar un encontro periódico de referencia arredor do software libre.
A sinatura deste convenio enmárcase no Plan de acción de software libre, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia desde hai máis dunha década, que se renova cada ano en colaboración cos axentes do sector para promover o seu uso e a reutilización na Administración pública, impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.
Este ano o plan abrangue, entre outras, actividades que van dende a tradución de software libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en software libre nas universidades. En 2023 o plan sumou máis de 80 actividades, nas cales participaron máis de 2.800 persoas.
O 34,1% de las empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas permite o teletraballo, o que sitúa a Galicia no quinto posto entre as Comunidades Autónomas. Tamén está entre as que máis realiza reunións remotas, cun 57,9%. Os datos corresponden á enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2023/2024” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
As tecnoloxías están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 98,2% das que teñen 10 ou máis empregados dispoñen de internet contratada e, destas, o 83,3% teñen velocidade de descarga de máis de 100 mbs/seg.
As empresas galegas que empregan Intelixencia artificial son xa o 10,4%, o que sitúa a Galicia no sétimo lugar entre as Comunidades Autónomas. As empresas galegas están entre as tres que máis utilizan tecnoloxías de recoñecemento de voz. Tamén ocupan un lugar moi destacado (o cuarto) no uso de tecnoloxías que xeran linguaxe escrita ou falada e o sexto na aprendizaxe automática para a análise de datos.
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que amosa o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 12,6% conta con especialistas TIC, o que supuxo un 7,4% máis no último ano.
O gasto en seguridade TIC aumentou un 40% no último ano, dato similar á media estatal, que creceu 37,8%. Este gasto ascende en Galicia ata case 102 millóns de euros.
O 81,4% das grandes empresas galegas dispoñen de páxina web. A maioría contan con descrición dos seus produtos e servizos (81%), pero tamén destaca o seu uso para publicar ou recibir ofertas e solicitudes de emprego (23,3%) ou facer pedidos e reservas (18,7%).
A maioría das empresas galegas de 10 e máis empregados usan software libre, co 86,3%. Delas, o 95,5% utiliza navegadores de código aberto, o 75,3% usa aplicacións ofimáticas e o 51,5% sistemas operativos.
Microempresas
A porcentaxe de empresas de menos de 10 empregados con ordenadores acada o 85%. O 81,3% das microempresas teñen conexión a internet, ao crecer máis dun 16% no último ano. Destas, o 31,2% empregan redes sociais con fins empresariais.
O 35,9% das empresas de menos de 10 traballadores teñen xa páxina web, o que supera en máis de 2 puntos a media estatal, que é do 33,2%.
A Xunta de Galicia vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais, un documento que aborda, desde unha linguaxe sinxela e directa, a pegada dixital, os seus efectos e os riscos que implica.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participaron esta mañá no instituto IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela na presentación desta guía que se enmarca dentro do programa Pegada Dixital, unha das accións da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 para unha convivencia dixital responsable.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a necesidade de “ofrecer aos alumnos información e ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o uso responsable, útil, seguro e ético destas novas formas de comunicación e interacción”. Con esta guía trátase, por tanto, de axudar aos rapaces a que fagan un uso proveitoso das tecnoloxías e que xestionen con seguridade os seus perfís nas redes sociais.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que unha das prioridades da Xunta “é poñer á disposición da comunidade educativa todas as ferramentas tecnolóxicas dispoñibles” e con ese propósito puxéronse en marcha iniciativas como Abalar ou E-Dixgal. Un proceso de dixitalización que vai acompañado de formación e concienciación no uso adecuado da tecnoloxía como “esta guía que forma parte do programa de 250 obradoiros sobre Pegada dixital e uso seguro das redes sociais, que desenvolvemos en centros educativos desde hai dous cursos”.
A guía conta con apartados específicos sobre pegada dixital, redes sociais e dispositivos móbiles. No primeiro dos apartados aborda como se constrúe a pegada dixital, os riscos dunha pegada negativa e pautas para construír unha pegada positiva.
No apartado das redes sociais faise fincapé no poder dos datos persoais e danse pautas para protexerse nas redes así como para a configuración de privacidade e de seguridade, ao igual que para o caso dos dispositivos móbiles.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) únese á consultora tecnolóxica NTT DATA para reducir a fenda dixital de colectivos en risco de exclusión social. Esta colaboración consistiu na doazón de 22 equipos realizada a través do Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX) e permitirá a posta en marcha de proxectos e iniciativas que buscan aproveitar o potencial da tecnoloxía para a mellora da calidade de vida, así como inclusión no ecosistema dixital.
Concretamente desde a Asociación Galega para a Axuda a Enfermos con Demencia, tipo Alzheimer (Agadea) están a por en marcha o proxecto “Conectando Xeracións: Competencias dixitais para o envellecemento activo en persoas maiores con Alzheimer”. O seu obxectivo é mellorar as capacidades dixitais deste colectivo co apoio de mozos/as voluntarios, promovendo así que se reduza o risco de illamento social e xerando un espazo de aprendizaxe e crecemento mutuo.
Pola súa banda, a Asociación “Ecos do Sur” conta con varios programas destinados á inclusión das persoas migrantes a través da colaboración de persoas voluntarias que realizan atencións individualizadas, formacións, actividades sociolaborais e educativas. Estas actividades están enfocadas á alfabetización dixital, erradicación da fenda dixital, inserción laboral, ensino de linguas oficiais ou a realización xestións administrativas.
Programa de Voluntariado Dixital
Esta doazón, enmarcada no Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, reforza a oferta de formación dixital para a mellora das competencias dixitais no conxunto da sociedade galega e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais.
A través do programa, a Axencia autonómica artella o esforzo e as necesidades dos máis de 1.000 aliados dixitais cos que conta na actualidade e entre os que se atopa NTT DATA, que leva colaborando coa Xunta de Galicia a través do Programa de Voluntariado Dixital desde 2012 e como aliado dixital desde 2016.
Neste ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organismos colaboradores e entidades públicas e privadas trabállase para consolidar a capacitación dixital da cidadanía, así como na promoción e divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información.