main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

02/12/202419:12
Alfonso Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello.
Santiago de Compostela

Rueda anuncia que Galicia se converte na primeira rexión europea que regula por lei o uso da intelixencia artificial

  • O Consello aproba o Proxecto de Lei para o desenvolvemento da IA en Galicia que agora será remitido ao Parlamento
  • O conselleiro de Facenda e Administración pública salienta que o obxectivo é garantir unha implantación e uso "ético, seguro, fiable e centrado nas persoas” desta ferramenta
  • Regulará o uso da IA na Administración e os servizos públicos; o control dos procesos de deseño e aplicación; os instrumentos de xestión e colaboración e as medidas para facilitar e promover o seu uso no tecido produtivo
  • A Xunta emprega sistemas de intelixencia artificial para aspectos como a detección precoz do cancro de mama, o emprego, a simplificación das tramitacións administrativas ou a xestión do medio rural

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia que agora será remitido ao Parlamento. Deste xeito, salientou que, “Galicia convértese na primeira rexión europea en regular por lei o deseño, adquisición e uso desta ferramenta, primeiro na administración e logo en toda a sociedade”.

O obxectivo, tal e como resaltou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, é garantir un desenvolvemento e unha utilización da intelixencia artificial “ética, segura, fiable e centrada nas persoas”. “Dotamos á comunidade dun marco xurídico estable que de certezas e blinde dereitos”, engadiu.

En virtude desta lei, as actuacións da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do seu sector público que impliquen o uso desta tecnoloxía deberán contar cun informe de proxecto de IA que, ademais de describir o seu funcionamento e características detalladas, incluirá unha avaliación de impacto relativo aos dereitos fundamentais das persoas, de acordo co modelo da Oficina Europea de IA. 

A lei, segundo indicou o conselleiro, tamén “prevé a supervisión humana” en todos os procedementos administrativos que empregan esta tecnoloxía sempre que sexa necesaria ou solicitada por calquera persoa implicada no trámite.

A lei parte do convencemento de que Galicia pode e debe asumir o papel de liderado que lle corresponde na conformación dunha rexión intelixente a través da ordenación e xestión dunha das tecnoloxías que está a marcar o futuro da humanidade.

A norma está en plena conexión coa lexislación comunitaria e coas ideas expresadas por organismos multilaterais (como a OCDE, a Comisión Europea ou o Consello de Europa), que animan os gobernos a desenvolver unha contorna de políticas que faga posible a adopción de sistemas de intelixencia artificial dun xeito fiable e seguro.

Para velar polo cumprimento destes principios e obxectivos, a lei regula a creación de novos órganos, como a Oficina de Intelixencia Artificial de Galicia ou o Consello Galego de Intelixencia Artificial, así como de novas figuras, como o comisionado en intelixencia artificial, que velará pola prevención, detección e eliminación de riscos e resultados negativos, ou o inventario de sistemas de intelixencia artificial, que reflectirá o ciclo de vida de cada sistema, desde o seu deseño ata a súa desactivación.

A intelixencia artificial na Xunta de Galicia

Na actualidade, tal e como indicou Corgos, a Xunta de Galicia emprega e desenvolve en todos os seus ámbitos de competencia sistemas que utilizan a intelixencia artificial. O seu uso permitirá, por exemplo, reducir ata unha terceira parte as lesións que poden pasar desapercibidas nunha lectura convencional das mamografías para a detección de cancro de mama, así como poder analizar un maior número de probas en menor tempo.

Tamén se emprega intelixencia artificial para axudar as persoas a atopar emprego ao relacionar oferta e demanda laboral a través dunha ferramenta pioneira en España e Europa que permitirá realizar o perfilado competencial de 70.000 persoas ata setembro de 2025.

Esta tecnoloxía tamén está a ser especialmente útil para a xestión do medio rural e a redución das diferenzas con respecto ás zonas urbanas. A Xunta ten en marcha o desenvolvemento dun sistema de inspeccións intelixentes avanzadas no marco da política agraria común (PAC) que permite aumentar o número de inspeccións da PAC, así como a súa eficiencia, ademais de reducir a complexidade e custos. Galicia tamén usa a intelixencia artificial para a detección automática de incendios forestais, así como para prever a evolución dos lumes de especial gravidade.

Na Administración, os sistemas de IA empréganse para reducir os tempos e facilitar as tramitacións por parte da cidadanía e do persoal empregado público con sistemas como a Plataforma de automatizacións da Xunta de Galicia.

A lei e os sectores produtivos

A lei recoñecerá o carácter de sector estratéxico para as empresas cuxa actividade teña relación directa con esta tecnoloxía. Entre as medidas para promoción da IA nos sectores privados, a lei impulsará a creación de factorías de intelixencia artificial, de acordo coa recomendación da Comisión Europea, arredor do Centro de Supercomputación de Galicia. Estas factorías estarán abertas ás empresas emerxentes ou a calquera axente do ecosistema de IA que necesite desenvolver, adestrar e validar sistemas de intelixencia artificial. Tamén facultará a creación dun sistema de vixilancia tecnolóxica en intelixencia artificial para as empresas. Regula, así mesmo, a creación de programas de incubación, aceleración e consolidación de startups en IA, así como un fondo de participación en empresas que desenvolvan en Galicia sistemas de IA.

Tras a aprobación no Consello de Goberno, o proxecto de lei será agora remitido ao Parlamento de Galicia para a súa aprobación definitiva.

 

28/11/202418:17
II Encontro de dinamizadores da Rede CeMIT
Santiago de Compostela

A Rede CeMIT xestiona máis de 40.000 horas de formación anuais en competencias dixitais

  • O II Encontro de dinamizadores da Rede CeMIT celebrouse hoxe na Cidade da Cultura
  • O Centro Gaiás Tech converteuse nun espazo informativo, de aprendizaxe e de diálogo aberto no que as persoas responsables das aulas compartiron experiencias e boas prácticas impulsadas desde as aulas CeMIT participantes

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acolleu hoxe o II Encontro de dinamizadores da Rede CeMIT baixo o lema Cara a plena capacitación dixital da sociedade galega, destinado a axentes TIC da Rede CeMIT de toda Galicia. As 93 aulas CeMIT, presentes en 90 concellos de toda Galicia, acollen anualmente máis de 40.000 horas de formación dirixidas ás case 120.000 persoas usuarias. Esta ano planificaron máis de 3.000 actividades dirixidas a máis de 16.000 persoas.

O director da Área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez Quelle, agradeceu ás persoas responsables das aulas CeMIT a súa importante labor na alfabetización e capacitación dixital da cidadanía galega. Sinalou, ademais, que a Rede CeMIT segue a ser un dos instrumentos fundamentais dentro do Plan DigiTalent 2030: Camiña en dixital. Este plan está dirixido a fomentar a igualdade de oportunidades na sociedade dixital e a conformación dunha cidadanía capacitada para utilizar servizos dixitais cada vez máis avanzados.

Así mesmo, como entidade colaboradora, a rede CeMIT está a xogar un papel fundamental na promoción de capacitación para a obtención da certificación dentro do Marco Galego de Competencias Dixitais.

Na xornada de hoxe presentouse a nova convocatoria dos Premios Axentes TIC, que teñen como finalidade recoñecer o compromiso e a labor desta figura.  Nesta segunda edición haberá unha nova categoría e máis premios económicos.

Por outra banda, impartíronse dúas sesións formativas coa colaboración do aliado dixital NTT Data sobre metodoloxías innovadoras e recursos para as aulas e sobre intelixencia artificial.

25/11/202409:09
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

A Xunta pecha a convocatoria de axudas á conectividade do programa UNICO con 1.200 solicitudes de bonos dixitais

  • Foi practicamente a única das tres liñas de axuda do programa estatal que rexistrou demanda, a pesar da ampliación do prazo de solicitudes e do reforzo da difusión
  • Os resultados confirman a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación e as empresas da Comunidade

A última convocatoria do Programa estatal UNICO, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, pechouse en Galicia con 1.212 solicitudes de bonos dixitais, para colectivos vulnerables; 6 para a mellora de conectividade de empresas situadas en polígonos industriais e ningunha para edificios. Estes resultados confirman a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación e as empresas da Comunidade, unha reivindicación que se trasladou desde as comunidades autónomas en reiteradas ocasións.

Ademais de reforzar a difusión e ampliar o prazo de solicitude para as tres liñas de axuda o pasado mes de setembro, a convocatoria de 2024 rexistrou unha baixa demanda, similar a das convocatorias anteriores. Así, os bonos dixitais para colectivos vulnerables, que permitían unha redución mensual de ata 20 euros no custe do servizo, recibiron 1.212 solicitudes, das cales xa se concederon 807, que suman un importe de 193.680 euros. Na liña de axudas para dotar de 1G a pemes e micropemes situadas en polígonos recibíronse 6 solicitudes e executouse unha actuación por importe de 16.777 euros. As subvencións de ata o 100% para a adaptar as instalacións de telecomunicacións de edificios anteriores a 2001 non rexistraron ningunha solicitude.

A Xunta lamenTa que o deseño do Programa UNICO, fixado de xeito unilateral polo Goberno central, sen ter en conta as características e necesidades de cada comunidade, impedira acadar un maior número de beneficiarios e reforzar a conectividade onde é realmente necesario.

Isto complica a execución dos programas en tempo e forma, o que xa foi trasladado pola  Xunta e as restantes comunidades no marco da Conferencia sectorial para a Transformación dixital do pasado mes de maio para ampliar o prazo e adaptar as actuacións e poder deste xeito executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade.

18/11/202418:43
Persoa maior usando as TIC.
Santiago de Compostela

Rueda destaca a posta en marcha dun novo programa para mellorar as competencias dixitais de 21.000 persoas en concellos de menos de 20.000 habitantes

  • Enmárcase nas medidas para lograr que “o 70% da poboación galega” teña capacidades dixitais básicas ou avanzadas no 2025
  • Salienta que se destinarán 4,8 M€ a esta iniciativa que ten como obxectivo “reducir a fenda dixital”
  • A formación, que se centrará no colectivo de persoas maiores, será totalmente gratuíta e realizarase en cada municipio, a través de aulas fixas ou aulas móbiles itinerantes
  • O Consello tamén renova o convenio con Castela e León, Andalucía, Comunidad Valenciana, Estremadura, Navarra e Murcia para seguir colaborando no deseño de materiais e recursos para formación en habilidades dixitais
  • Máis de 40.000 alumnos e 32.000 profesores xa teñen un certificado que acredita os seus coñecementos do eido dixital

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello “aprobou destinar 4,8 millóns de euros a un novo programa para formar en competencias dixitais a 21.000 veciños de municipios con menos de 20.000 habitantes”. 

Esta iniciativa enmárcase no obxectivo da Xunta de lograr que “o 70% da poboación galega” teña capacidades dixitais básicas ou avanzadas no 2025, taxa que agora mesmo está no 64%. “Queremos reducir a fenda dixital e potenciar o coñecemento dixital que cada vez é mais necesario  para pedir unha cita médica, facer un pago bancario ou realizar un trámite”, salientou Rueda.

Por iso, o Consello autorizou hoxe a licitación do contrato para o desenvolvemento dun novo programa de capacitación dixital transversal da poboación que se centrará especialmente nas persoas maiores. Financiado con fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (NextGeneration-EU), desenvolverase durante o vindeiro ano e ata mediados do 2026 “de balde e forma presencial” en aulas fixas ou móbiles itinerantes. 

Ademais das persoas maiores, as mulleres, a infancia e a mocidade son os outros sectores da poboación aos que está orientada esta proposta. Quérese proporcionar competencias dixitais básicas a nenos en idade escolar ou aos maiores de 65 anos, así como competencias dixitais avanzadas a persoas de entre 18 e 65 anos. 

Empregabilidade e habilidades básicas

Este novo programa enmárcase na aposta da Xunta por potenciar actividades formativas para que a poboación mellore as súas competencias dixitais co obxectivo de mellorar a inserción laboral ou dotalas de habilidade básicas para o desempeño de labores que hoxe en día requiren de certo coñecemento do mundo dixital. 

Nesta liña, cómpre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en adaptar a súa normativa ao Marco europeo, creando o Marco galego de competencias dixitais, que acredita coñecementos en 21 competencias agrupadas en cinco áreas de dominio. As acreditacións fóronse implantando inicialmente no ámbito educativo e no sector público autonómico, e este ano convocáronse as primeiras probas para a cidadanía.

Ademais conta coa Rede CeMIT que en colaboración con outras entidades e voluntarios, ofrece formación de balde á cidadanía para mellorar as competencias dixitais e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de poñer en marcha un programa formativo de carácter gratuíto e 100% en liña para facilitar a capacitación en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos.

Nesta liña, o Consello  aprobou renovar o convenio coas comunidades de Castela e León, Andalucía, Valencia, Navarra, Extremadura e Murcia para desenvolver contidos e compartir recursos orientados á capacitación dixital da sociedade. A colaboración, que se asinará proximamente, recolle o compromiso dos sete gobernos autonómicos de aglutinar esforzos e evitar duplicidades para facilitar o acceso de toda a cidadanía á acreditación en competencias dixitais.  

O primeiro convenio, asinado en 2021, foi clave en Galicia para desenvolvemento da plataforma de certificación, así como para a elaboración dos contidos das probas para obter a acreditación en competencias dixitais. O novo acordo establece catro espazos de colaboración entre comunidades: un para coordinar temas relativos á autodiagnose das competencias dixitais; un segundo espazo centrado na formación; o terceiro para as cuestións relativas á certificación, e un cuarto espazo para colaborar na promoción e difusión das  competencias dixitais a través o intercambio de boas prácticas, eventos ou actividades divulgativas.

Grazas ás distintas medidas postas en marcha, a previsión é que ao remate de 2024 Galicia terá acreditado as competencias dixitais de nivel básico e intermedio a máis de 49.000 persoas entre alumnado, empregados públicos e cidadanía.

Certificados no eido educativo

Galicia foi pioneira o curso pasado en acreditar as competencias dixitais do alumnado e do profesado da comunidade e o Consello hoxe fixo balance dos certificados expedidos ata agora.

Tal e como amosa o informe hoxe avaliado polo  Executivo autonómico, preto de 21.000 alumnos de FP, ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño e ensinanzas de educación secundaria e bacharelato para persoas adultas xa teñen acreditadas as súas competencias dixitais grazas ao proceso pioneiro e propio, habilitado para tal fin pola Xunta de Galicia. 

Trátase, en concreto, dun total de 20.686 alumnos, dos cales 17.732 son estudantes de ciclos de formación profesional, 2.807 de ensinanzas para persoas adultas e 147 de Artes Plásticas e Deseño. Por niveis, o 85,4% (17.667) obtivo o nivel intermedio de acreditación e o 14,6% (3.039) restante fíxoo no inicial. Todos eles recibirán de oficio a documentación acreditativa.  

Estas acreditacións nas mencionadas ensinanzas realízanse ao abeiro do mecanismo que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional puxo en marcha o pasado curso co obxectivo de que o alumnado perfeccione as súas destrezas dixitais a partir dos contidos obtidos no sistema educativo e, deste xeito, mellorar a súa inserción laboral.  Ademais das persoas acreditadas no eido da FP, nestes momentos hai certificados un total de 19.366 alumnos de ESO e bacharelato e 32.693 docentes. 

Galicia permite así, por primeira vez no Estado, que os seus alumnos accedan a estes certificados, denominados ComDix, desde o sistema educativo, posibilidade que xa teñen tamén os docentes ao abeiro do mecanismo habilitado pola Xunta para os profesionais do ensino. A acreditación da competencia dixital do alumnado pode obterse, ben de xeito automático ao titular nalgunha das ensinanzas ou etapas, ou ben a través dunha proba específica a través da cal se pode acadar un nivel superior ou completar o nivel acadado.

14/11/202418:49
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

Máis do 92% dos galegos e galegas emprega internet e máis da metade compra online

  • Oito de cada dez galegos utiliza a banca electrónica, superando en tres puntos a media estatal
  • Máis do 80% dos fogares galegos dispoñen de ordenador, o que reduce a fenda coa media estatal de 10 puntos a 2,6 en só catro anos
  • Os fogares galegos con conexión a internet superan o 95% e sitúanse a menos de dous puntos da media estatal

O 92,5% dos galegos e galegas de entre 16 e 74 anos usan internet e o 53,6% comprou online nos últimos tres meses, 5,1 máis que o ano anterior e a só 3 puntos da media estatal. Tamén sobe a porcentaxe de persoas que vendeu por internet no último ano, que acada o 19,6%.

Son datos publicados hoxe polo INE sobre os Fogares e as TIC, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que sinalan, tamén, que a totalidade de galegos e galegas de 16 a 34 anos empregan Internet por riba da media do Estado.

Uso das TIC

Ata os 44 anos, os galegos superan a media estatal das compras online. Por tramos de idade, os galegos de 16 a 24 anos superan a media do Estado en máis de 15 puntos e en case 10 puntos, os galegos e galegas de 25 a 34 anos.

No último ano, o 83,2% de galegos e galegas realizou actividades relacionadas co entretemento como escoitar ou ver contidos de vídeos en sitios para compartir (70,1%), descargar música (68,3%) ou ver vídeos baixo demanda en plataformas comerciais (60,3%).

Tamén destaca o uso da banca online, que empregan o 77,8% dos galegas e as galegas, cun crecemento dun punto no último ano, o que mantén este indicador tres puntos por enriba da media estatal.

Equipamento no fogar e uso de internet

O 80,4% dos fogares galegos dispoñen de ordenador, co que Galicia segue crecendo e dende 2020 pasou de estar a case 10 puntos da media estatal a só 2,6.

O 95,1% dos fogares galegos contan con conexión a internet, subindo case o dobre que o Estado no último ano, o que sitúa á Comunidade, por primeira vez, a menos de dous puntos porcentuais da media estatal. Tanto nos concellos grandes como nos pequenos supérase o 91,5% de fogares con conexión á rede.

O 83,1% dos fogares contan con banda larga fixa, despois de crecer un 11,7% no último ano, cerca do dobre que a media estatal.

Os datos do INE sinalan, tamén, que en Galicia o 38,4% dos fogares conta con dispositivos IOT, aparellos conectados a internet. Destaca o uso do asistente virtual en forma de altofalante intelixente ou app, que se sitúa no 24,2%. Os electrodomésticos con conexión a internet soben con forza, un 18,4% nos dous últimos anos, xa están no 18% dos fogares galegos.

Interacción coas Administracións Públicas a través de Internet

O 82,2% dos internautas de 16 a 74 anos empregaron algunha páxina web ou apps das Administracións Públicas no último ano por motivos particulares, cun valor case idéntico á media estatal.

Respecto do uso de servizos relacionados coa administración, Galicia, co 60,1%, supera a media de persoas que concerta citas con servizos médicos. O 32,7% fai presentación da declaración de impostos online e o 59,2% realiza interaccións coa administración relacionadas co acceso a información.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS