main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/06/202419:36
AESIA.
Santiago de Compostela

A Xunta reclama para a AESIA un modelo de gobernanza no que participen as comunidades autónomas

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Transformación Dixital
  • Os representantes da maior parte dos gobernos autonómicos lamentaron que o Goberno non solicitara aportacións dos territorios para a elaboración da nova estratexia española de IA
  • Corgos pon en valor a especialización de Galicia en intelixencia artificial e destaca que será a primeira rexión europea en dispoñer dunha lei para impulsar o seu uso na Administración autonómica

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu hoxe que as comunidades autónomas teñan unha participación directa e activa na gobernanza da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, que se vai instalar na Coruña.

Miguel Corgos participou está mañá na Conferencia Sectorial de Transformación Dixital, da que forman parte o Goberno do Estado e todas as comunidades autónomas. Na reunión participou o ministro de Transformación Dixital e Función Pública, José Luis Escrivá. O conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

A maior parte dos representantes autonómicos trasladaron ao ministro o seu malestar polo feito de que as Comunidades Autónomas non foran consultadas para a elaboración da nova Estratexia de Intelixencia Artificial do Estado. Neste sentido, o conselleiro insistiu en que as CCAA deben participar e ser tidas en conta para a posta en marcha desta estratexia.

Corgos lembrou que Galicia foi unha das tres primeiras comunidades españolas en atender a recomendación comunitaria de elaborar unha estratexia propia sobre intelixencia artificial.

O conselleiro tamén puxo en valor a aposta de Galicia pola especialización tecnolóxica e, en concreto, polo desenvolvemento e uso da intelixencia artificial. Neste sentido, Galicia entende a transformación dixital como unha oportunidade para afrontar a cohesión do territorio, para achegar os servizos ás zonas rurais, para proporcionar calidade de vida ás persoas e para xerar riqueza e emprego.

Nesta aposta pola especialización en intelixencia artificial enmarcouse a promoción e elaboración, por parte da Xunta, da candidatura que permitiu que a AESIA se instale na Coruña. Na mesma liña, o Consello da Xunta de Galicia aprobará nas vindeiras semanas o proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial en Galicia que, tras someterse á aprobación do Parlamento, será a primeira lexislación deste tipo que se adopte nunha rexión Europea.

12/06/202417:23
Visita ao Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros.
Ourense

A Xunta dotará o centro galego de innovación da FP dun espazo de alta especialización en ciberseguridade ao servizo do profesorado e dos proxectos de I+D+i

  • A directora xeral de FP e representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia buscan sinerxías neste ámbito estratéxico para administracións e empresas

A Xunta vai dotar o Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros dun espazo de alta especialización en ciberseguridade dotado coas últimas tecnoloxías e o equipamento necesario para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións.

Así o acordaron hoxe a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o xefe de área de Infraestruturas e seguridade de Amtega, Adrian Lence, nunha xuntanza de traballo mantida nas instalacións deste centro, en Ourense, coa finalidade de buscar sinerxías neste eido, que constitúe un dos obxectivos estratéxicos tanto das administracións como das empresas. Precisamente, o Centro Eduardo Barreiros ten entre as súas funcións o desenvolvemento da investigación aplicada e a transferencia dos resultados dos proxectos ao resto dos centros de Formación Profesional e ao conxunto dos sectores produtivos.

O seu obxectivo primordial é protexer os sistemas tecnolóxicos e os datos privados contidos nos mesmos fronte a calquera tipo de ameaza. Por esta razón, hoxe en día, o papel que desempeña a ciberseguridade na sociedade é sumamente relevante xa que achega ferramentas e mecanismos que permiten aumentar a confianza e seguridade no ámbito dixital, retador, global e interconectado actual.

Másteres de ciberseguridade

Para o vindeiro curso 2024-2025, a oferta de Formación Profesional inclúe 14 másters de FP en materia de ciberseguridade, nove en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información e cinco en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da operación. Isto supón un reforzo da oferta coa ampliación de 190 prazas máis neste eido, o que representa un incremento do 135,71 % con respecto ao presente curso.

06/06/202408:21
Cartel da xornada.
Santiago de Compostela

A Xunta organiza a III edición de Somos Cibernéticas, un encontro para promover o talento feminino no eido da ciberseguidade

  • Arredor de medio cento de rapazas de 4º da ESO participarán o 11 de xuño nos desafíos que formularán catro mulleres especialistas en ciberseguridade
  • O encontro finalizará cun relatorio de Belén Pérez, coordinadora do Centro de Ciberseguridade Industrial en Galicia
  • A xornada poderá seguirse en streaming, previa inscrición no portal do GaiásTech

A xornada Somos Cibernéticas celebra o vindeiro día 11 a súa terceira edición co obxectivo de fomentar o talento feminino no eido da ciberseguridade. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza este encontro, no que participarán arredor de medio cento de rapazas de 4º da ESO que terán que afrontar catro desafíos en materia de ciberseguridade, propostos por catro especialistas neste ámbito e vinculados a mulleres relacionadas co mesmo.

A xornada comezará con reto Alerta WiFi: redes ao descuberto, no que as participantes terán que crear unha rede WiFi maliciosa para comprobar como os ciberdelicuentes conseguen as credenciais dos usuarios. No segundo reto Cazadoras de trampas dixitais, as rapazas terán que evitar ser vítimas de phishing. O terceiro desafío, Gardianas dixitais: fortalecendo as defensas, afondará na importancia de empregar contrasinais seguros e o último reto, Raiñas do ciberespazo: misión impostor, centrarase na detección de novas falsas en internet.

As profesionais que lanzarán os desafíos son Olalla Rama, enxeñeira informática e Vulnerability Managment Analyst de Telefónica Tech; Conchi Fernández, enxeñeira de Telecomunicacións e Device Management de Telefónica Tech; Alba Ramos, enxeñeira de Tecnoloxías de Telecomunicacións e GRC Consultant de Govertis; e Lidia Molina, licenciada en Dereito, especializada en novas tecnoloxías e protección de datos e GRC Consultant de Govertis.

O encontro rematará co relatorio Rompendo barreiras: o talento feminino en ciberseguridade, que impartirá Belén Pérez, enxeñeira técnica industrial e coordinadora do Centro de Ciberseguridade industrial en Galicia. Calquera persoa interesada poderá seguir o evento en streaming previa inscrición no portal do GaiásTech.

Esta xornada enmárcase nas actividades do Nodo CIBER.gal, un espazo de colaboración público-privado, impulsado pola Xunta favorecer unha contorna dixital segura e afrontar, de forma colaborativa, os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadáns e administracións para protexer os seus activos no ciberespazo. 

04/06/202414:15
Miguel Rodriguez Quelle na xornada Horizontes Dixitais - GaiásTech.
Santiago de Compostela

A Xunta traballa na configuración dun territorio intelixente, que facilitará a xestión dos servizos públicos e dos sectores produtivos

  • Xa está en marcha a Rede ICousas, pedra angular desta iniciativa, que permitirá a sensorización do territorio
  • O centro GaiásTech acolleu esta mañá unha xornada sobre os retos da transformación dixital nos sectores turístico, cultural e deportivo
  • O director de Turismo de Galicia, a Fundación Deporte Galego e o responsable da Área de Sociedade Dixital da Amtega inauguraron o encontro

A xornada Horizontes Dixitais: Innovación en Turismo, Cultura e Deporte reuniu, esta mañá, en Santiago, a profesionais e expertos dos tres sectores para abordar os retos e desafíos da transformación dixital. O encontro foi inaugurado polo director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o director-xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.

O director da Área de Sociedade Dixital lembrou que unha das iniciativas da Estratexia Galicia Dixital 2030 é a configuración dun territorio intelixente, que facilitará a toma de decisións e a xestión, tanto dos servizos públicos como doutros ámbitos como o cultural,  ou o turístico. Miguel Rodríguez sinalou que a pedra angular desta iniciativa, a Rede ICousas, xa está en funcionamento e que ten capacidade para instalar ata 300.000 sensores no territorio, o que permitirá captar grandes cantidades de datos.

O director de Turismo destacou a recente licitación do Observatorio de Sostibilidade, baseado na análise de datos e lembrou que o turismo é un dos sectores que máis participa no desenvolvemento tecnolóxico. Tamén, salientou a importancia que a dixitalización terá na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, na que a Xunta está a traballar.

Pola súa banda, o director-xerente da Fundación Deporte Galego puxo en valor o uso de aplicacións para a xestión ordinaria das relacións do ámbito deportivo coa administración e anunciou a creación dunha plataforma para acoller o censo de instalacións deportivas con utilidades como a xeolocalización.

Tras a inauguración, o CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, foi encargado da conferencia inicial. A xornada continuou cos debates das tres mesas redondas, unha por sector, e completouse cunha demostración de olería orixinal.

31/05/202408:23
Cartel da xornada.
Santiago de Compostela

O Centro GaiásTech aborda os horizontes dixitais dos sectores cultural, deportivo e turístico nun encontro con expertos

  • A xornada, que terá lugar o día 4 en horario de mañá na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, analizará en tres mesas redondas os retos e aplicacións da tecnoloxía en cada ámbito
  • O encontro completarase cun relatorio de Raúl Serapio, CEO de Neuromobile e un dos 100 directivos máis creativos segundo Forbes
  • Os interesados en participar só precisan inscribirse na web do GaiásTech

Baixo o título Horizontes Dixitais, o Centro GaiásTech organiza o vindeiro 4 de xuño, unha xornada sobre os retos e oportunidades da transformación dixital nos sectores cultural, deportivo e turístico. O encontro, que terá lugar en horario de mañá na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, está dirixido á cidadanía e empresas e os interesados en asistir só precisan inscribirse na portal do GaiásTech.

A xornada estrutúrase en tres mesas redondas, unha por sector, ademais dun relatorio e unha demostración de olería orixinal. O CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, será o encargado da conferencia inicial.

A primeira das mesas abordará a aplicación da tecnoloxía no sector cultural. Moderará a responsable de Comunicación, Marketing e Sostibilidade de El Pulpo, María Canle; e intervirán Paola Guimeráns da Aula STEAM E-textiles: O Arte en STEM; Ana Martínez, técnica do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón de A Coruña; e  Juan Carlos Fasero, director Xeral de Innovacion, Tecnoloxía e IA no Concello de Ourense.

O debate sobre a transformación dixital no sector turístico será moderado por Ruth González, xefa de servizo de Turismo da Deputación Pontevedra; e nel participarán Andrés Martinez, CEO de Iurban, unha empresa que ofrece chatbots conectados a 95 idiomas; Esther Rodríguez Ramos de MyStreetBook, especializada no uso da Intelixencia Artificial para a creación de rutas especializadas; e José Troitiño de SH360, que proporciona servizos integrais de xestión hoteleira.

A mesa final centrarase na transformación dixital das empresas deportivas. Moderada por Julio César Bernárdez da Federación Galega de Baloncesto, contará coa participación de Carla da Silva, técnica de Innovación do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar; Tito Ramallo de ScoutYouPro, unha plataforma dixital para o seguimento e avaliación do rendemento dos deportistas; e de Miguel Álvarez de Kaantera, unha aplicación dixital de planificación e control da actividade deportiva para clubs e redes de academias.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS