
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Deputación de Lugo xa ten preparadas novas actividades de formación TIC directamente encamiñadas a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a favorecer a integración dixital de cidadáns en risco de exclusión tecnolóxica. Estas actividades desenvolveranse novamente ao abeiro do programa InLugo, impulsado pola Deputación a través da Fundación TIC. Segundo fixo saber hoxe o presidente da entidade provincial, Darío Campos, están programados para o segundo trimestre de ano un total de 36 cursos e obradoiros gratuítos de novas tecnoloxías para lucenses de máis de 55 anos. Na súa totalidade achéganse 471 prazas, das que 371 requirirán inscrición previa. Campos presentou os obradoiros ao carón da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
O presidente engadiu que “con estas actividades, todas elas gratuítas, prestamos un labor social e promovemos o envellecemento activo dos lucenses, xa que o uso das novas tecnoloxías axudan á xente maior no benestar do seu día a día e facilitan a comunicación cos seus familiares e amigos”. Ademais, o presidente anunciou que “algunhas das novidades deste trimestre están orientadas ao fomento da vida saudable e a favorecer habilidades cognitivas e psicomotrices”. Campos e Méndez, nun plano máis concreto, sinalaron que 30 das 36 cursos e obradoiros programados para a sede de InLugo requirirán inscrición previa (son un total de 371 prazas) e que o prazo para facelo ábrese este mesmo xoves, pudendo facelo as persoas interesadas a través das páxinas da Fundación TIC e máis da Deputación de Lugo, ou ben chamando ao teléfono 982 225 186. Os outros 6 obradoiros serán de asistencia libre, cun máximo de 100 prazas en total.
Campos Conde tamén fixo referencia aos inmellorables precedentes dos que parte esta nova achega divulgativa e formativa de InLugo: unha exitosa serie de entregas trimestrais de cursos e obradoiros que nas últimas convocatorias esgotaron as prazas o primeiro día de inscrición. “Para nós é unha gran satisfacción que o traballo que realizamos no InLugo se vexa recompensado pola alta demanda por parte dos nosos maiores”, apuntou. Respecto das novidades destas novas xeiras, o presidente dixo que se vai impartir por vez primeira un obradoiro de aplicacións para smartphones, “facendo especial fincapé nas aplicacións móbiles máis relacionadas cos hábitos saudables, como podómetros ou elaboración de receitas e menús para maiores”. Ademais, engadiu, incrementarase o número de cursos de exercicios mentais relacionados, sobre todo, coa memoria, a través do uso de tabletas, Wii e ordenador.
A maiores, fixo saber que ao abeiro de InLugo vanse retomar talleres que no seu día tiveron “moi boa acollida”, como por exemplo unha actividade sobre o uso da rede social Pinterest para compartir imaxes. Tamén se recuperarán actividades sobre retoques de fotos con aplicacións para móbiles e tabletas. Por último, Campos sinalou que a Fundación TIC e a Deputación manterán os talleres dos venres pola mañá, unha das novidades do primeiro trimestre deste ano, “que tivo moi boa acollida entre os usuarios do InLugo”. Son sesións nas que, ademais de repasar contidos, introdúcense novidades, en función das demandas dos participantes, como por exemplo o emprego da banca móbil.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de abrir o prazo para que os centros integrados neste curso escolar no Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) soliciten incorporarse ao proxecto Escornabots na biblioteca escolar, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e da linguaxe de programación. En total poderanse sumar á iniciativa 20 centros e os outros 20 centros que xa participan nela poderán solicitar a súa continuidade. O prazo para a tramitación estará aberto ata o vindeiro 27 de abril, e poderá realizarse a través do formulario dispoñible en liña.
A iniciativa enmárcase no Plan Lía 2016/20, que ten entre os seus desafíos avanzar nas alfabetizacións múltiples no marco da biblioteca escolar, así como reforzar o concepto daquelas como laboratorios creativos de aprendizaxes abertos a toda a comunidade educativa. Non en balde, a construción destes pequenos robots de hardware libre fomenta entre o alumnado o xogo, a creatividade, a investigación, a aprendizaxe manipulativa e mais o razoamento lóxico. Así mesmo, o proxecto conecta coa estratexia que a Xunta de Galicia está a desenvolver para promover as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). Neste sentido cómpre lembrar que nos centros de infantil e primaria se desenvolven os programas en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, os programas Navega con Rumbo e Programación nas Escolas, co fin de axudar a mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como a desenvolverse dun xeito máis seguro no ámbito tecnolóxico.
Xa no ensino secundario, impártense materias de libre configuración autonómica: Programación (para ESO) e Robótica (para bacharelato), nas que este curso 2016/17 hai un total de 4200 e 570 matriculados respectivamente. Os centros que confirmen a súa continuidade no programa obterán acceso aos medios necesarios para a dotación dun recuncho creativo e outras ferramentas necesarias para seguir avanzando no proxecto. Ademais, unha persoa representante da biblioteca poderá participar nunha xornada de formación presencial sobre aspectos relacionados coa biblioteca como laboratorio creativo de aprendizaxe e a cultura do facer na mesma.
No caso dos centros de nova incorporación, terán acceso aos materiais necesarios para a construción dun mínimo de catro Escornabots, en cada caso, así como a outros materiais necesarios para a posta en marcha da iniciativa. Así mesmo, un representante do equipo da biblioteca participará nunha xornada de formación semipresencial ao respecto.
Un evento con vocación de referente
Santiago de Compostela será a nova sede do Aquae Talent Hub tras colgar o cartel de aforamento completo nas edicións de Elxe (Alacante), Murcia e Málaga. Agora, con novos relatores e contidos, a Universidade de Santiago acolle esta nova edición que durante 2017 chegará a outros puntos da xeografía nacional.
Relatores ao redor dunha audiencia conectada
Ademais de Cecilia Tham, recoñecida activista da innovación, conducirá o Aquae Talent Hub na USC Irene Lapuente, fundadora da empresa A Mandarina de Newton dedicada ao fomento da Creatividade. Ámbalas dúas serán o fío condutor que implicará á audiencia desde o primeiro momento nun evento cento por cento participativo e activo.
Tras o obradoiro impartido por Irene Lapuente, chegará a quenda de Ceclia Tham. Nada en Hong Kong pero residente en Barcelona desde hai 15 anos, Tham é fundadora de “Makers of Barcelona”, un dos maiores centros de coworking do país, desde o que impulsou outras iniciativas como o ”FabCafe” e falará aos asistentes nun formato aberto onde o protagonismo recaerá en todos os que acudan á cita, animándoos a converterse en “Makers” como ela.
Asistencia gratuíta pero limitada
Aquae Talent Hub é posible grazas á colaboración de empresas como Viaqua, institucións como a USC e a Fundación Aquae, quen ofrece esta oportunidade de formación continuada e apoio aos emprendedores e innovadores de forma gratuíta en todas as súas convocatorias. O formato do evento, con obradioros participativos e espazos para o networking e intercambio de ideas, fai necesario reducir o aforamento e asistencia á cita, polo que os organizadores insisten na importancia de reservar as prazas en AquaeTalentHub.com coa maior antelación posible. Nas anteriores convocatorias, o aforamento completouse días antes do evento.
Oito eventos diferentes ao longo do ano
A Paixón polo Talento viaxará ao longo de 2017 por toda a xeografía nacional, levando os Aquae Talent Hub ademais da Santiago, a Murcia, Málaga, Alacante ou Sevilla. Cada cidade acollerá convocatorias con temáticas diferentes, sempre dentro da Innovación, xa sexa colaborativa, social, solidaria ou cultural. Ademais de Cecilia Tham, contarase coa presenza da Directora de ASHOKA para España e Portugal, Ana Sáenz de Miera; Santiago Roncagliolo, escritor hispano peruano que difundiu como é a vida na Amazonía peruana ou Valerie Miles, editora neoyorkina da revista Granta en español. O seguinte Aquae Talent Hub celebrarase en Alacante o 23 de maio, con Valerie Miles como relatora estrela.
¿Cales son os obxectivos do Aquae Talent Hub?
O primeiro obxectivo é crear unha comunidade cos participantes que asistan aos encontros, pero tamén congregar a todas as persoas que apostan polo talento e a innovación, con interese por cambiar as cousas.
FUNDACIÓN AQUAE: Fundación Aquae combina pensamento e acción ao redor dun novo modelo de desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable e traballa para apoiar o talento emprendedor, a investigación e a innovación no sector da sustentabilidade. Impulsa a investigación, o coñecemento e a experiencia para desenvolver tecnoloxías intelixentes, o progreso social das persoas e promover a transformación económica e social sustentable, atendendo á excelencia profesional en equilibrio co medio ambiente.
VIAQUA: Empresa do sector do medio ambiente que xestiona todos os procesos relacionados co ciclo integral da auga: a captación, a potabilización, o transporte e a distribución para o consumo cidadán con absolutas garantías sanitarias. O modelo VIAQUA está baseado na excelencia do servizo prestado a todos os clientes: fogares e empresas e fundaméntase na adaptación ás necesidades de todos os clientes sen excepción, na constante innovación tecnolóxica e na adecuada xestión do coñecemento, así como no uso sustentable de todos os recursos de auga dispoñibles.
UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA: A Universidade de Santiago de Compostela é unha institución pluricentenaria con vocación de futuro e capacidade de proxección internacional, atenta ás necesidades da sociedade na que constitúe un referente académico e na que desenvolve o seu labor docente e investigador. Séculos de historia que achegan o valor engadido da solidez académica ás realizacións do presente e aos desafíos futuros. Na actualidade entre os dous campus, de Santiago e Lugo, os universitarios dispoñen de máis de 25 centros, 16 institutos de investigación, tres centros singulares de investigación e outros 11 propios; un total de 50 departamentos; e titulacións de grao e máster nas cinco grandes áreas do coñecemento nos dous campus, ademais das residencias universitarias, as instalacións deportivas ou culturais e as bibliotecas.
Máis información:
Interplay Produccións e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Interplay (cuarta edición) xunto coa Deputación da Coruña, veñen de dar a coñecer a cifra de producións que compiten na sección oficial do certame que se vai celebrar entre o 4 e o 6 de maio na vila coruñesa: até 35 webseries de todo o mundo á procura do máximo galardón. Así o fixeron saber este martes os organizadores do evento, lembrando que a contía de premios a repartir ascende até os 5.000 euros. Ademais, fixeron saber que as devanditas achegas para a sección oficial foron elixidas entre a cifra nada de desprezable de 146 propostas chegadas de todos os recantos do planeta. Das finalmente seleccionadas, cinco son galegas, 12 do resto do Estado e 18 do resto do mundo.
Entre as internacionais hai webseries de Alemaña, Australia, Arxentina, Canadá, Chile, Estados Unidos, Israel, Nova Zelandia, Reino Unido e Ucraína. Ademais, 30 delas competirán polo premio á mellor webserie de imaxe real e 5 ao de animación, 18 ao premio á mellor webserie internacional e 6 á de versión orixinal en galego.
Segundo informou a directora do certame carballés, Sonia Díaz, “o festival fornecerá unha completa panorámica do que se está a cocer no mundo das webseries a nivel global”, achegando novamente unha “presenza abafadora do humor e a comedia, con 25 das 35 producións finalistas encadradas neste xénero”, pero tamén interesantes obras dos máis diversos xéneros: drama, documental, thriller, etc. E, por suposto, un amplo abano de mesturas e experimentos formais e conceptuais, tan propios do sector máis atrevido e imaxinativo do audiovisual contemporáneo.
As webseries finalistas
A Concellería de Xuventude de Vilagarcía está a argallar unha iniciativa para formar á veciñanza en novidades tecnolóxicas, poñendo en marcha un obradoiro que funcione, virtual e literalmente, coma un actualizador de coñecementos e habilidades. Trátase do obradoiro APPtualízate, destinado a persoas de entre 18 e 35 anos e entre cuxos eixos temáticos principais atópase o deseño e desenvolvemento de aplicacións móbiles. A razón disto? Segundo informa a Concellería, é un feito que está fóra de dúbida a demanda crecente arredor de profesionais con formación na construción de apps, sendo hoxe por hoxe un importante nicho laboral en fase de proxección.
O curso é de balde e os interesados poden inscribirse até o 28 de abril nas dependencias da Concellería de Xuventude (as prazas son limitadas). O obradoiro contará con 25 horas lectivas e impartirase durante 5 xornadas (os días 3, 4, 5, 11 e 12 de maio) en horario de 9 a 14 horas na aula CeMIT do centro de formación da rúa Matosinhos. As sesións correrán a cargo de monitores da Asociación Socioeducativa e Cultural O Núcleo.
Segundo engade o Concello, a través da iniciativa APPtualízate! o alumnado ampliará os seus coñecementos específicos no manexo de diferentes ferramentas informáticas moi utilizadas actualmente. Ademais, explican os organizadores do obradoiro, non será preciso contar con formación específica previa para poder asistir, “xa que o curso está dirixido a persoas con nivel básico de coñecementos informáticos”. Ademais, os contidos prácticos primarán sobre os teóricos.
A principal temática a abordar será como dixemos o deseño de aplicacións móbiles, aínda que tamén se tocará o tema de programación robótica, realidade virtual e aumentada e modelado e impresión 3D.
Para a realización deste curso en concreto, o departamento que dirixe Sonia Outón, solicitou unha subvención a través do Plan Concello 2017 da Deputación Provincial.