main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/04/201708:55
Presentación do proxecto Wonderful.
Lugo

As Termas e o Concello de Lugo lanzan certame para impulsar innovación comercial e social

Favorecer a innovación empresarial e social. E se, aínda así, esta non abrolla, redobrar esforzos. Esta é a base do proxecto Wonderful, unha iniciativa impulsada polo Centro Comercial As Termas en colaboración co Concello de Lugo, ao abeiro das accións de responsabilidade social corporativa de LAR España, propietaria da área comercial. Segundo fixeron saber onte en rolda de prensa a concelleira de Economía Ana Prieto e máis o xerente de AS Termas, Esteban Patiño, Wonderful lánzase a “fomentar proxectos innovadores que melloren a relación do cliente co seu centro comercial e a relación dos cidadáns coa cidade”. A marxe para a creación de novas tecnoloxías de comunicación entre tecido comercial e cidadanía é ampla de abondo.

Na cita, na que tamén participou un representante do Grupo PGS, organizador do certame, Federico García Liñares, lembrouse que as candidaturas poden presentarse até o 4 de xuño e que os gañadores recibirán acceso a financiamento, investimento privado, ferramentas tecnolóxicas e difusión.

Ana Prieto salientou que este proxecto agroma da responsabilidade social empresarial, “unha estratexia que xera un importante retorno económico, porque é unha vantaxe competitiva e un factor que marca diferenzas, pero tamén un importante retorno social”. Wonderful, sinalou, participa deste marcado perfil social e dinamizador, non só na forma senón tamén no contido: a través do proxecto recoñeceranse e visualizaranse propostas para centros comerciais e tendas que sexan, tamén, solucións innovadoras dirixidas a mellorar a calidade de vida do cidadán con respecto á súa cidade.

A concelleira agradeceu a LAR España que elixise Lugo para desenvolver Wonderful, que acollerá só outra provincia galega e 8 en todo o ámbito estatal, e animou aos emprendedores e empresarios do municipio “a participar cos seus proxectos”.
Pola súa banda, o xerente do Centro Comercial As Termas, agradeceu ao Concello que acollese “con moitas ganas” este proxecto, que busca “axudar a que saian adiante proxectos de innovación, fundamentais para o desenvolvemento social e económico, na fase de inicio, que é a máis comprometida”.

O representante de PGS explicou que poderán presentarse ao concurso emprendedores ou empresas que desenvolven a súa actividade na provincia. Tamén explicou que se ben serán ben acollidas propostas relacionadas coas novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC, un dos piares do concepto de “innovación”), tamén se valorarán moi positivamente outras achegas non necesariamente dixitais que contribúan a mellorar os procesos, os servizos e as comunicacións entre clientes e usuarios.

Wonderful inclúe dúas categorías:

  • O Teu Centro Comercial, que premiará os proxectos de negocio ou empresas máis innovadoras que solucionen ou melloren a relación do cliente co seu centro comercial ou tendas.
  • A Túa Cidade, que premiará solucións innovadoras que melloren a relación dos cidadáns coa cidade.

Os gañadores conseguirán un conxunto de premios orientados a axudarlles a poñer en marcha o seu negocio grazas aos patrocinadores do proxecto (Correos Lab, BzSpark de Microsoft, BStartup de Banco Sabadell ou El Economista) e que consistirán, entre outros, en acceso a financiamento bancario, investimento privado, ferramentas tecnolóxicas e difusión. Os vencedores de cada Comunidade ao abeiro da categoría O Teu Centro Comercial participarán no Wonderful Summit presentando os seus proxectos de negocio no primeiro Encontro Nacional de Innovación en Centros Comerciais e Retail, que se celebrará en xullo.

26/04/201708:47
Cartel do reto.
Santiago de Compostela

Proxectos tecnolóxicos para mellorar a vida das persoas, reto da convocatoria #TecnologíaConPropósito

Toda a comunidade local de desenvolvedores españois está chamada a participar no reto da convocatoria ‘The Challenge: #TecnologíaConPropósito' de Samsung, que premiará os proxectos máis creativos e innovadores que utilicen a tecnoloxía para mellorar a vida das persoas.

O reto busca proxectos desenvolvidos por emprendedores ou empresas con residencia en España, que persigan transformar a sociedade e necesiten financiamento e promoción para facerse realidade. A idea do proxecto ten que estar desenvolvida ou atoparse en fase de xestación avanzada, xa que o proxecto deberá completarse antes do 31 de decembro de 2017.

Temáticas, premio e prazos para participar

Entre outros temas, os desenvolvedores poden idear posibles solucións, a través da tecnoloxía, a problemas como o envellecemento da poboación, o control de enfermidades crónicas, a utilización da xeolocalización para axudar en situacións de risco na natureza, a mellora da seguridade no fogar, o coidado de mascotas, o fomento da reciclaxe ou a redución do consumo enerxético. Un xurado formado por Samsung valorará a orixinalidade, innovación, atractivo e viabilidade dos proxectos presentados.

A proposta presentada ao reto deberá poder utilizarse de forma universal e gratuíta; debe ser unha app ou desenvolvemento tecnolóxico que implique a Samsung dalgunha forma e debe utilizar, preferiblemente, o ecosistema Samsung e os seus dispositivos ou a converxencia entre todos eles. O proxecto ou proxectos gañadores recibirán un apoio económico de ata 100.000 € para o desenvolvemento da idea e un plan de comunicación nas plataformas de Samsung para a súa difusión mediática.

Os desenvolvedores interesados deberán darse de alta en Samsung Dev Spain e encher o formulario de inscrición, cunha memoria/dossier que explique detidamente en que consiste o proxecto e que necesita, o calendario de implementación e os dispositivos nos que funcionaría. O prazo de presentación de proxectos arrinca o 1 de maio e pecharase o 1 de xuño. O resultado da convocatoria publicarase antes do 30 de setembro.

25/04/201713:42
Logo CODIX.
Santiago de Compostela

Preto de 500 persoas realizan as probas convocadas pola Amtega para obter a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática

  • Os exames presenciais celebraranse os días 26, 27 e 28 de abril nas aulas CeMIT de 36 concellos de toda Galicia
  • Están orientadas a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios ou que optan pola modalidade autoformativa
  • Este certificado, que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acredita a formación nesta materia da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar a listaxe definitiva das 475 persoas matriculadas para a realización das probas de avaliación para a obtención da Certificación Galega en Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 15 de marzo, está orientada a aquelas persoas que xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice.

As persoas admitidas poden consultar na web do CeMIT (http://cemit.xunta.gal) a súa data de exame asignada, centro e hora, así como as instrucións para a realización das probas, que se celebrarán o mércores, xoves e venres desta semana -días 26, 27 e 28 de abril- nas aulas CeMIT dos seguintes 36 concellos:

Abegondo, Ames, Arzúa, Boiro, Brión, A Coruña, Fisterra, Oroso, Padrón, Pontedeume, As Pontes, Santa Comba, Santiago de Compostela e Vimianzo na provincia de A Coruña; Barreiros, Carballedo, A Fonsagrada, Sarria e O Vicedo na provincia de Lugo; Bande, O Barco, A Cañiza, Celanova, Leiro, Ourense e Xunqueira de Ambía na provincia de Ourense; e Campolameiro, Castro Caldelas, Cuntis, Lalín, Marín, Pontevedra, Tomiño, Valga e Vigo na provincia de Pontevedra.

 

Perfil das persoas a examinar

En canto ao perfil das persoas convocadas, a media de idade é de 37,5 anos; a maioría son mulleres, (328 mulleres e 147 homes); o 55% ten estudos superiores (151 licenciados e 110 diplomados) e un 32% Bacharelato ou FP-II; e o 94% dispón de ordenador e acceso a internet no seu fogar.

Por primeira vez nesta edición, as persoas demandantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozaban de exención no pagamento das taxas de exame. Das 475 persoas matriculadas, 105 son demandantes de emprego e 40 persoas con discapacidade.

 

Avaliación

Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc

Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT http://cemit.xunta.es/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo

 

Preto de 1.500 prazas convocadas para este ano 2017

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2017, que terá a súa continuación no segundo semestre cun novo curso de teleformación titorizada (con inicio previsto para o mes de setembro) e novos exames presenciais en outubro.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.400 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades e 1.737 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.

A estes datos hai que engadir as máis de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.

25/04/201711:56
O reitor Julio Abalde e máis o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.
A Coruña

A UDC acolle este martes unha xornada sobre TIC, loxística e igualdade

Este martes celébrase no paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña unha xornada sobre novas tecnoloxías e igualdade, novas tecnoloxías e emprego e, tamén, sobre ferramentas dixitais na coordinación de recursos humanos e técnicos en iniciativas públicas e empresariais. Na sesión participarán o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. Dará comezo ás 9:45 horas e no seu transcurso presentarase o informe Prospección de sectores xeradores de emprego na área metropolitana da Coruña: TIC e Loxística realizado polo Observatorio Ocupacional da UDC, e máis o Estudo sobre a situación da igualdade entre mulleres e homes no hipersector TIC, realizado pola Fundación Mulleres.

Reitor e alcalde abrirán o acto dirixido ás empresas participantes nos estudos e outras entidades cidadáns que desenvolven políticas activas de emprego na cidade. Logo da inauguración, ás 10:00h., María Jesús Freire Seoane, profesora da área de Fundamentos da Análise Económica da UDC e directora do Observatorio Ocupacional, afondarán no devandito informe sobre prospección de sectores creadores de emprego, sendo a continuación a quenda de María José Guerra Ortega, coordinadora da área de Igualdade de Fundación Mulleres, dando a coñecer detalles do Estudo sobre a situación da igualdade entre mulleres e homes no hipersector TIC.

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema Suárez, moderará un debate coa participación de María Jesús Freire, María José Ortega, María Regueiro Portos, da empresa Asubía e José Manuel Rabuñal, da empresa Permar Sistemas de Almacenaxe que analizarán a potencialidade dos sectores na xeración de emprego e a situación da igualdade entre homes e mulleres no hipersector TIC.

25/04/201711:51
NetLab.
Lugo

NetLab celebrará a súa terceira edición en Lugo

O encontro práctico de profesionais locais do marketing en liña, a comunicación e as redes sociais coñecido como NetLab chegará o vindeiro 13 de maio á súa terceira edición, que celebrarase en La Ferretería de Lugo, onde naceran estas xornadas que na súa segunda edición trasladáranse ao novo espazo de coworking Accede Papagaio na Coruña.

NetLab é unha iniciativa conxunta de estati.co, Carmen Porteiro e APM Social e busca fomentar o ecosistema galego da comunicación dixital, e desta volta contará con 5 relatores que compartirán o seu coñecemento e que rematarán a xornada participando nunha mesa redonda moderada por Verónica Ramallal. Os interesados en acudir xa poden adquirir o seu billete a través da Internet a un prezo de 10 euros (rematando a inscrición o vindeiro 7 de maio).

A xornada transcorrerá seguindo o programa que detallamos a continuación:

  • 9:30 – Recepción e acreditacións
  • 9:55 – Apertura a cargo de Mauricio Repetto, presidente de AJE Lugo
  • 10:00 – Mar Castro: Empatía, claves para conectar na Rede
  • 10:25 – Óscar Pásaro: Introdución á xestión con CRM, métricas de marketing
  • 10:50 – Fernando Tellado: presentación de WPMagazine
  • 11:10 – Networking
  • 11:30 – Martín Gómez: Ti, a túa web e os rusos
  • 11:55 – Cecilia Fernández: Pon un influencer na túa vida... ou non!
  • 12:30 – Mesa redonda moderada por Verónica Ramallal
  • 14:00 – Peche

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS