
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Entre a longa serie de realidades que se atopan fóra de toda dúbida, por estudos que o confirman e pola experiencia diaria das persoas implicadas, atópase a seguinte: os ámbitos de traballo ou disciplinas onde está máis garantida a paridade funciona e evolucionan mellor ca aqueles onde hai maioría dun sexo. E, por suposto, que aqueles onde só existe a presenza dun sexo. Este parece ser, se non o remediados, o futuro do ámbito informático: unha contorna profesional de sobrepresenza masculina, con todos os problemas (para a profesión, para a innovación, para a informática, para o desenvolvemento económico e social, para a empregabilidade) que isto carrexa. Amosar este problema e pór en xogo recursos para combatelo é unha vez máis o obxectivo do Día Internacional das Rapazas nas TIC, que se celebra hoxe no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), da man do propio CESGA e coa colaboración de entidades como o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), entre outras. Na xornada, pola mañá, contactouse novamente cos centros educativos galegos para lanzar ás mozas estudantes a seguinte mensaxe: a informática precisa de vós.
A vertente matutina do evento galego (que se celebra, tamén, no plano internacional) contou coa presenza de catro representantes das TIC na nosa terra para falar polo miúdo das súas experiencias e, tamén, para romper estereotipos nas etapas educativas previas á universidade, un ámbito no que sinalaron que se cadra debéramos actuar máis, introducindo nas aulas a realidade (a realidade “real”) da informática, das tecnoloxías, da programación e da robótica, co fin de lograr que as mozas comecen a ver o de interesante (moito) que hai nestas disciplinas, moi afastadas do que pretende facernos crer unha parte da industria cultural (as relatoras coincidiron todas en combater o estereotipo do informático medio: home novo, illado, antisocial, individualista, freaky e pouco coidadoso co seu aseo persoal). Todo isto foi compartillado (vía multiconferencia cos centros educativos) no transcurso do acto matinal por Susana López Abellá, secretaria xeral de Igualdade e polas catro relatoras representantes do sector TIC galego: Carmen Cotelo, Nieves Brisaboa, Alba Alonso e María Jesús Taboada.
Carmen Cotelo Queijo, licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela e analista informática senior do CESGA, falou no seu relatorio da súa relación formativa e profesional coas novas tecnoloxías, dos seus inicios no eido TIC e dos moitos aspectos positivos que ten traballar cunha equipa de profesionais envorcadas/os na xestión, subministro e desenvolvemento de recursos informáticos (no seu caso concreto, o eido do CESGA, onde coordina a participación do centro no proxecto europeo Fortissimo 2 e onde atesoura unha longa experiencia en comercio electrónico, computación de altas prestacións e Grid, aplicacións científicas e soporte a empresas para a incorporación de computación de alto rendemento aos seus procesos). Carmen lembroulles ás rapazas dos centros de ensino que programar, xestionar recursos informáticos e desenvolver aplicacións é, ante todo, algo positivo, bonito, creativo e enriquecedor.
Pola súa banda, Nieves Brisaboa (catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC e impulsora, en 1996, do Laboratorio de Bases de Datosm, LBD, declarado grupo de investigación de excelencia pola Xunta de Galicia), falou tamén dos seus primeiros pasos no ámbito dixital, uns pasos que chegaron tarde (á idade de 28 anos) logo de que pasara por diante dela (sen que a deixara escapar) a oportunidade de formarse en TIC a través de estudos de FP de Informática. Brisaboa explicou os porqués desta recalada tardía (comezou optando por unha carreira supostamente positiva e axeitada para mozas, a Psicoloxía) e animou ás rapazas a non deixarse levar por cuestións alleas á súa vocación á hora de elixir unha carreira, por exemplo onde van estudar as compañeiras do instituto logo de que a Secundaria remate ou que se supón que é o máis acaido para unha muller. Asemade, amais de salientar as vantaxes persoais da Informática (un ámbito creativo e inspirador, moi indicado para traballar por un mundo mellor e polo ben da humanidade), destacou os puntos fortes do ámbito dixital en materia de empregabilidade. Segundo fixo saber Brisaboa, non hai hoxe en día “profesionais tan demandados como os da informática”, un proceso que é extensible á nosa terra pero tamén a España e ao mundo, xa que “é unha tendencia xeral que vai ir a máis”. Neste intre, dixo, “xorden máis ámbitos nos que se require informática que ámbitos nos que se producen informáticas ou informáticos”.
Pola súa parte, Alba Alonso, introduciu o contrapunto de profesional non estritamente TIC, pero ao mesmo tempo moi vencellada á cuestión dixital por múltiples aspectos do seu día a día laboral. Alba, que é doutora en Filoloxía Inglesa e mestra, amais de emprendedora e fundadora da empresa RealKiddys.com, leva anos loitando a prol da igualdade de xénero e a co-educación a través da devandita plataforma tecnolóxica. Segundo fixo saber no transcurso da súa intervención, “a proba de que existan estes estereotipos e estes prexuízos na nosa sociedade é que esteamos precisamente aquí”. E engadiu: “Non se trata de fabricar e vender barbies enxeñeiras que argallan unha lavadora ou un tendal máis cómodo de empregar”, trátase de fomentar que as mozas cheguen a onde queiran chegar e que rompan todos os límites que atopen no seu camiño, que vaian alén dos sitios e dos tempos para os que supostamente foron chamadas. “Estamos a perder moito talento nas tecnoloxías”, engadiu, “por culpa das ideas preconcibidas de xénero”.
Por último, María Jesús Taboada, investigadora en intelixencia artificial e as súas aplicacións na medicina dende o departamento de Electrónica e Computación da USC, debullou tamén as súas orixes no ámbito das TIC e de que como tivo que abrirse camiño máis alá dos que parecían ser, daquela, os únicos vieiros posibles para as rapazas: a medicina e o maxisterio. Tamén achegou ás presentes aos tempos nos que estudou Físicas, e de como puido constatar dende os comezos a escasa presenza de mulleres nas clases. “Con todo”, sinalou, “aquilo non era nada comparado co que temos agora nas carreiras TIC, unha situación moito máis grave que está a guindar taxas de presenza feminina de só o 5% do total do alumnado”. Ao seu xuízo, “non se pode seguir perdendo o talento das mozas, xa que é unha realidade que os ámbitos laborais onde hai máis igualdade funcionan e evolucionan moito mellor”.
As actividades de logo do xantar
Pola tarde o CESGA ten previstas máis actividades: obradoiros de robótica e programación (coa ferramenta Scratch e máis con Lego), impresión 3D, realidade aumentada, arte en píxel, creación de booktubes e booktrailers, etc. Ademais, tamén está programada unha visita guiada ao Supercomputador Finis Terrae 2, o corazón tecnolóxico do CESGA. A cita organizada polo centro compostelán é a edición galega dunha celebración mundial, precisamente o Día Internacional das Rapazas nas TIC. Trátase dunha actividade orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
Este xoves presentouse en Lugo, no Campus Terra da Universidade de Santiago, a quinta edición de XuvenCiencia, un programa estival organizado polo profesorado do Campus lucense en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación, sendo o seu obxectivo “espertar a vocación científica do alumnado preuniversitario de toda Galicia”. Na presentación da iniciativa, que se celebrará do 2 ao 8 de xullo, fíxose saber que se fornecen 135 prazas e que as inscricións pódese facer a partir das 16.00 horas deste venres 28 abril, a través da páxina web de Xuvenciencia. Na cita de hoxe participaron o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andrés Barreiro Lois, e máis o responsábel de Turismo da Deputación, Eduardo Vidal Baamonde.
Entre outras cousas fixeron saber que o proxecto abrangue máis de 100 eventos e está avalado pola participación duns 146 docentes da USC e outro persoal de apoio. Entre os espazos que se converterán en obradoiros para os participantes atópase a Fundación TIC da Deputación, que amosará aos estudantes como facer vídeos para YouTube, entre outras cousas. Tamén haberá un achegamento directos á robótica, entre outros moitos contidos
No acto tamén participou a profesora da USC e coordinadora do campus de verán XuvenCiencia Lugo, Mercedes Novo Rodríguez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e Carlota López Pardo, en representación da empresa patrocinadora Aresa. Segundo engadiron, as actividades acubilladas no programa van dirixidas a alumnado preuniversitario de cuarto de ESO e Bacharelato e desenvólvese baixo o lema Aprendendo desde a experiencia. Un dos seus obxectivos básicos, amais de fomentar as vocacións científicas, investigadoras e tecnolóxicas, é dar a coñecer á mocidade preuniversitaria os distintos itinerarios formativos que poden cursan nas seis facultades e escolas do Campus de Lugo, así como nos dous centros adscritos (Escola Universitaria de Relacións Laborais e Escola Universitaria de Enfermaría).
O V Campus de Verán XuvenCiencia iniciarase coa celebración dunha charla divulgativa a cargo do físico Cibrán Santamarina, quen fixo o seu doutoramento no CERN, onde sigue a colaborar na actualidade, co título Elemental, querido Schrödinger. Santamarina traballa no departamento de Física de Partículas da USC.
As actividades desenvolveranse en quenda de mañá e tarde, en horario de 9.30 a 20.30 horas, nas devanditas facultades e escolas do Campus. As visitas aos distintos laboratorios de investigación e servizos do Campus Terra e a centros e empresas colaboradoras (Fundación TIC, Aula de Produtos Lácteos, Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, Museo Provincial, Domus do Mitreo, AMSlab, Xenética Fontao, Hospital Universitario Lucus Augusti, Castro de Viladonga, Parque Eólico Experimental Sotavento), e a realización de actividades prácticas e de obradoiros relacionados coas titulacións científicas, técnicas e sociais do Campus Terra centran as accións previstas en quenda de mañá. Polas tardes, o alumnado desenvolverá, baixo a tutela do profesorado universitario, distintos proxectos científicos ou técnicos a elixir entre 26 propostas.
Durante o pasado 27 e 28 de marzo, celebrouse a primeira reunión do consorcio de ACTIVAGE, proxecto europeo que ten como obxectivo mellorar o empoderamento dos maiores e aumentar a súa autonomía mediante a prolongación e soporte á vida independente nas súas contornas, ao mesmo tempo que responder as necesidades de coidadores, provedores de servizos e institucións a través do desenvolvemento de 9 pilotos innovadores en 7 países europeos baseadas en tecnoloxías Internet of Things. Neste encontro que tivo lugar na Escola Politécnica de Telecomunicacións, púxose en común o estado actual dos traballos realizados, e organizáronse sesións de traballo divididos en tres grupos distintos: negocios e ecosistemas, Internet of Things (IoT) e envellecemento activo e saudable. Ademais tamén se realizaron sesións de coordinación entre os membros que forman parte dos pilotos cos distintos paquetes de traballo activos.
A Fundación Vodafone España participa no piloto que levará a cabo en Galicia, xunto con TELEVES, Cruz Vermella Española e SERGAS (Servizo Galego de Saúde), cuxo obxectivo é validar os servizos universais de atención sociosanitaria para persoas maiores, reducindo a exclusión social e o cambio de estruturas e actitudes sociais.
Este proxecto europeo está financiado no marco do programa Horizonte 2020 e coordinado pola empresa Medtronic. Esta iniciativa que durará catro anos, conta con 50 socios, implicando a uns 7.200 usuarios e máis de 43.000 dispositivos da internet of Things (IoT).
Amais da Universidade da Coruña, a xornada sobre emprego e TIC contou coa presenza activa do Concello, máis polo miúdo do alcalde Xulio Ferreiro, quen fixo un repaso pormenorizado polas principais conclusións de dous informes encargados pola Concellería de Emprego e Economía Social á UDC e á Fundación Mulleres sobre a situación de empregabilidade nos sectores das TIC e da loxística, así como sobre a igualdade entre homes e mulleres no sector. Este dous informes son Prospección de sectores xeradores de emprego na área metropolitana da Coruña: TIC e Loxística, realizado polo Observatorio Ocupacional da UDC, e Estudo sobre a situación da igualdade entre mulleres e homes no hipersector TIC, realizado pola Fundación Mulleres. Segundo o rexedor, estas investigacións axudarán ao Goberno local que preside a artellar medidas eficaces de creación de emprego. Ao mesmo tempo, achegarán recursos para combater a exclusión social e laboral.
No transcurso da súa intervención, lembrou que no estudo da UDC analizáronse 600 empresas da contorna e que entre as súas principais conclusións atópase o de ter constatado que case un terzo das empresas TIC están a demandar novas e novos traballadoras/es, mentres que no sector da Loxística fano un 23%. Outra das conclusións ten que ver coa previsión futura: a medio prazo o 57% das empresas TIC e o 48% das loxísticas precisarán nova man de obra. Polo que respecta ao informe da Fundación Mulleres, sinálase nel que a día de hoxe apenas existe presenza feminina traballando no sector das TIC, “feito ademais vencellado á escasa presenza das mozas nas titulacións relacionadas con estas materias”, lembrou Ferreiro, facendo referencia a estudos recentes como por exemplo o presentado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática acerca da cuestión da fenda de xénero dixital nos ámbitos académicos e da necesidade de invertermos entre todos esta situación.
O rexedor tamén recordou que dende Coruña Emprega estase a traballar xa contra estas situacións locais de desigualdade, e froito deste labor foi o achado (constatado definitivamente polos devanditos informes) de importantes oportunidades a prol da paridade, da non exclusión e do fomento do emprego nos requirimentos presentes e vindeiros dos tecidos TIC e loxístico. “Queremos sacar beneficio das necesidades de man de obra de moitas firmas tecnolóxicas", salientou o primeiro edil, que tamén puxo de manifesto as políticas transversais aplicadas polo Goberno local: “Dende que chegamos ao Pazo de María Pita levamos a cabo diversas accións, especialmente coa mocidade, nos que intentamos deixar claro que a masculinización ou a feminización dos sectores profesionais só provoca desigualdades”.
O vindeiro 11 de maio terá lugar na Cidade da Cultura #SilverBullet17, o I Congreso de Xestión de Proxectos organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), concibido como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión de proxectos TI, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais na área.
Intervirán como relatores algúns dos máis relevantes profesionais do panorama actual. José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, CEO en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
O nome do congreso #SilverBullet17 está inspirado nun coñecido antipatrón da área de xestión de proxectos, “a bala de prata”, mencionada inicialmente polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstruo polos retrasos, os custos, a calidade, etc. volva ser un proxecto ben xestionado, algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata.
Durante a sesión porase o foco nos tres factores que representan precisamente esa bala de prata: o traballo sistematizado desde o inicio do proxecto, a aplicación de metodoloxías adecuadas e o coñecemento sobre a xestión de proxectos. Ademais de amosar as últimas tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos, SilverBullet17 favorecerá a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado.
Máis información e formalización de inscricións en http://silverbullet.cpetig.org/gl/inicio/