main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/05/201710:34
Robot mBot de Makeblock.
Santiago de Compostela

BQ únese ao fabricante de robótica Makeblock para elaborar 'kits' de programación para nenos

A empresa española de tecnoloxía BQ asinou un acordo con Makeblock España, unha empresa de robótica 'open source', para integrar os seus robots en Bitbloq, unha plataforma de programación por bloques. O obxectivo deste acordo é potenciar o uso da tecnoloxía nas aulas españolas, especialmente entre os nenos, segundo explicou BQ a través dun comunicado.

Bitbloq é unha ferramenta de programación que se utiliza en máis de 75 países, sendo a máis común do seu tipo en España. Con ela, o neno non programa escribindo código, senón que encaixa bloques coma se fose un quebracabezas. Presenta unha formulación STEAM, integrando ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas

A plataforma é compatible con calquera robot baseado en Arduino, polo que se pode utilizar nos robots de Makeblock. Grazas a este acordo, non será necesario configurar manualmente os 'kits' de Makeblock e poderá empezarse a programalos nada máis sacalo da caixa.

Os principais obxectivos deste tipo de ferramenta márcanse en ensinar tecnoloxía aos nenos así como en fomentar as vocacións técnicas e científicas. "A robótica e a programación teñen un impacto moi positivo na creatividade dos máis pequenos, por iso queremos que calquera neno con calquera robot poida utilizala", afirmou Alberto Valero, director de BQ Educación.

08/05/201708:52
Community Manager.
Lugo

A Deputación de Lugo quere formar a desempregados da provincia en xestión de comunidades dixitais

A Deputación de Lugo vén de acordar propoñer á Xunta de Galicia a celebración de dúas accións formativas remuneradas para un total de 32 desempregados lucenses, co fin de facilitar a súa inserción laboral. Ambas as dúas accións están dirixidas a mozos menores de 25 anos, ou de 30 nos casos de persoas con capacidades diferentes. Ademais, explicou a entidade que preside Darío Campos, ofrecerán 970 horas de formación, remunerada cuns 700 euros. Estas accións contan tamén co certificado de profesionalidade correspondente.

O primeiro dos obradoiros é Interconectando co terceiro sector, co que se busca crear unha intranet dirixida ás entidades sen ánimo de lucro (terceiro sector) e á Deputación de Lugo para establecer unha nova canle de comunicación telemática. Esta acción inclúe tamén un módulo de xestor de comunidades dixitais (community manager) ou de xestor de redes sociais (social media manager) co que os participantes afonden en novas estratexias de comunicación en liña.

O segundo obradoiro é Oriéntate e coñece Europa, que se dirixe a pór en marcha unha nova plataforma online que facilite entre a cidadanía a procura de emprego. Nela, informou a Deputación, xuntaranse todos os recursos necesarios para a devandita tarefa, como poden ser modelos de currículo, cartas de presentación, como preparar unha entrevista de traballo, ligazóns a páxinas de recursos humanos, portais de emprego, estudos do mercado de traballo ou programas europeos relacionados con emprego. Posteriormente, esta plataforma será incorporada á web provincial www.deputacionlugo.gal; así como a dos concellos que o desexen.

05/05/201708:53
Entrega de diplomas en Narón.
Narón

Narón entregou os diplomas dos participantes nos obradoiros TIC de 2017

O Concello de Narón entregou a semana pasada unha manchea de acreditacións de estudos TIC entre a súa cidadanía. Foron, en total, 86 diplomas correspondentes a tres accións formativas para desempregados impulsadas en 2016 coa Administración autonómica e seis da Aula CeMIT, promovidas dende o Concello este mesmo ano (46 diplomas). Na entrega de acreditacións participaron o alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, que deron os parabéns a todas as persoas participantes nos nove obradoiros. Estes abrangueron, na súa totalidade, máis de dúas mil horas de formación. A edil anunciou que a previsión ao longo deste 2017 é impartir unhas 6.000 horas de contidos a través de diversas convocatorias promovidas desde o consistorio (algunhas das cales abriranse os vindeiros días).

Os cursos da Aula CeMIT de Xuvia (400 horas de formación nos últimos dous meses) foron os seguintes: Xestión Empresarial Básica (200 horas e sete participantes), Mellora da Empregabilidade en Internet (30 horas e oito participantes); Mercadotecnia dixital KPIs (50 horas e nove persoas inscritas); Alfabetización dixital, deseño de currículo e procura de emprego (100 horas e dez alumnos); Posicionamento en Internet e indicadores de xestión (24 horas e catro participantes) e Creación e dinamización da túa web (24 horas e oito asistentes). No referente ás Accións Formativas para Desempregados (ADF) entregáronse un total de corenta diplomas. Dos mesmos, trece correspóndense coas persoas que remataron o curso de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (628 horas); catorce coas de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (478 horas) e trece co de Montaxe de mobles e elementos de carpintería (478 horas).

05/05/201708:49
Logo Technium Lan Party.
Ourense

En marcha no Campus de Ourense a Technium Lan Party

Onte comezou a quedada informática do Campus de Ourense, a xuntanza Technium Lan Party, que se vai desenvolver até o domingo 7 de maio e que este venres vai coller pulo con diferentes actos oficiais e actividades de lecer, divulgativas e formativas.. O encontro TIC, que ten lugar no Pavillón de Deportes do Campus, vén da man da Asociación Sectorial de Estudantes de Enxeñaría Informática coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría Informática e da Vicerreitoría do Campus. A cita insírese desta volta na programación da ICC Week, punto de encontro das industrias culturais e creativas organizado pola Deputación Provincial de Ourense.

A Technium Lan Party é un grande encontro de lecer dixital que xunta centos de mozos e mozas cos seus ordenadores para compartir información e xogos e celebrar torneos e concursos. A actividade na quedada desenvolverase de xeito ininterrompido ao longo das 24 horas dos días de celebración, habilitándose zonas de descanso, de lecer e recreo con diferentes actividades. Respecto das achegas técnicas, as persoas que se acheguen cos seus ordenadores terán conexión de fibra óptica de altas prestacións, cunha zona interna de conexión a rede eléctrica e Internet. Por contidos, celebraranse torneos das principais prácticas deportivas en liña (eSports), por equipos e individuais, tanto en PC como nas distintas consolas, e máis de 4.000 euros en premios.

04/05/201708:10
Cartel de HackForGood 2017.
Santiago de Compostela

Tecnoloxía para un mundo máis inclusivo para a discapacidade

  • Telefónica e a súa rede de cátedras universitarias xunto á ETSI de telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid, a Fundación Faino Posible e a startup MashmeTV organizou a súa 5ª edición de HackForGood

 

Nesta edición púxose o foco no desenvolvemento de aplicacións e servizos que teñan un grande impacto social a través do uso masivo de datos. Só por participar neste evento os Hackers ForGood contribúen a construír un mundo mellor e teñen a posibilidade de coñecer a moita xente con talento, pero isto non queda aquí. Unha vez que se propoñen retos e se propoñen e desenvolven solucións poderase optar por un premio. Entre as 150 aplicacións e 200 retos sociais que se expuxeron este ano repartíronse 9.000€ entre as mellores propostas de toda España.

O primeiro premio HackForGood Global (5.000€) foi para o equipo valenciano “Semáforo para invidentes”. A súa solución permite potenciar a información que ofrece o Concello de Valencia a través dunha app que indica a localización de todos os semáforos da cidade. Eles, ademais, engadiron o estado no que se atopa cada un deles. Gañou, tamén, o premio Open – Future HackForGood Nacional.

O segundo premio HackForGood Global (3.000€) gañouse en Vigo. “Learnfordown” é un sistema que ofrece unha nova forma para aprender a ler e a escribir para as persoas con Síndrome de Down. Só é necesario: unha app, un equipo de hardware e un sistema de motorización mediante unha interface web.

O terceiro premio HackForGood Global (1.000€) compartírono esta vez Biocast de Sevilla e PicComunica de Las Palmas de Gran Canaria. A primeira solución radica nun sistema que predi patoloxías médicas mediante diferentes técnicas de Big Data. A segunda fundaméntase en enriquecer a comunicación entre as persoas autistas e os seus coidadores ou familiares cunha app que conta, entre outras cousas, cunha axenda; un dicionario composto por Pictogramas para expresar as súas necesidades; a opción de subir fotos para recoñecer as actividades coas fotos da súa contorna.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS