main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

04/05/201708:00
Logo Scratch.
Santiago de Compostela

Aberto prazo de inscrición na II edición do concurso escolar Aprendo Programando, baixo a temática “Convivir en igualdade”

O CPETIG organiza a segunda edición do concurso Aprendo Programando, dirixido a centros escolares de Galicia ao obxecto de integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías por parte da infancia e da adolescencia.

A iniciativa, convocada este ano baixo a temática “Convivir en igualdade”, representa unha oportunidade para o alumnado de primaria e de ESO, que a través do concurso vai desenvolver habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación sen necesidade de coñecer unha linguaxe concreta.

A ensinanza do uso das novas tecnoloxías en idades temperás ten un efecto inmediato e directo na consecución da competencia dixital, facilitando aos escolares ferramentas que lles son útiles para enfrontarse aos seus retos persoais, académicos e posteriormente profesionais.

O concurso está aberto a tódolos centros escolares de Galicia co obxectivo de ofrecer un estímulo tanto ao profesorado coma ao alumnado para achegarse á programación a través do Scratch, e buscar a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Cada centro participante terá que entregar, nos prazos establecidos, un proxecto programado polo alumnado mediante a ferramenta Scratch entrando deste xeito a formar parte do concurso.

Os centros interesados en participar poder consultar as bases e realizar a inscrición na páxina web do concurso http://aprendoprogramando.cpetig.org.

04/05/201707:56
Logo Facebook tumbado.
Santiago de Compostela

Fundación Vodafone España lanza novos vídeos formativos para maiores sobre o uso de Facebook

  • Estes tutoriais facilitan o uso aos maiores da rede social que máis utilizan

Como continuación dos vídeos sobre o uso do WhatsApp, a Fundación Vodafone España lanza unha nova colección de vídeos para persoas maiores centrada, nesta ocasión, no uso de Facebook, a rede social que máis utilizan.

Estes novos tutoriais, un total de nove vídeos formativos do mesmo xeito que os que xa coñecedes de WhatsApp son presentados por Belén e Carlos, están dispoñibles, por agora, en YouTube nunha lista de distribución independente á que se pode acceder con tan só introducir as frases “Curso Facebook para maiores Fundacion Vodafone ou Curso #FacebookMayoresConecta2” e pronto tamén na  web  www.fundacionvodafoneconlosmayores.com

Os seus contidos abarcan desde a instalación e configuración no smartphone, pasando por cuestións básicas e esenciais de privacidade a ter en conta, a como crear publicacións ou reaccionar e compartir as publicadas por amigos. Así mesmo os tutoriais ensinan como interactuar con persoas cos mesmos intereses a través dos grupos de Facebook.

A iniciativa enmárcase no compromiso da Fundación Vodafone España por dar a coñecer as TIC e as súas utilidades entre as persoas maiores dado que son un aspecto clave para promover a participación, a vida independente e o envellecemento activo.

03/05/201708:17
O equipo de desenvolvedores de Learnfordown.
Vigo

Presentada nos LPRO Days unha app para facilitar a lectoescritura nos cativos con síndrome de Down

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación volveu acoller unha nova edición dos LPRO Days, a terceira. Trátase, para quen non o saiba, dun evento no que se amosan as investigacións feitas polos estudantes do último curso na materia Laboratorio de proxectos. Presentáronse finalmente 20 proxectos, boa parte deles relacionados directamente coas novas tecnolóxicas, aínda que outros “caeron” máis ben nas beiras da saúde a e da alimentación. Nun plano máis concreto, déronse a coñecer achados para mellorar o ensino da lectura entre a rapazada con síndrome de Down ou unha tecnoloxía moi acaida para un día coma o de onte (primeiro de maio) que serviría para contabilizar os participantes nunha manifestación. O Centro Tecnolóxico Gradiant e a empresa Cardiovascular Gallega entregaron premios ás mellores propostas. Na cita tamén participaron representantes de empresas como Imatia, o operador R, Everis ou Telefónica.

Como dixemos, presentáronse 20 proxectos realizados por 106 alumnas e alumnos e asesorados por 19 docentes. Segundo explicou o profesor Manuel Caeiro na presentación das propostas, a maioría delas xorden da propia iniciativa dos estudantes en base “aos seus intereses e inquedanzas persoais ou aos que ven nas súas familias e contorna”. Entre os achados que se amosaron na Escola de Telecomunicación figuraba un proxecto para combater con laser o espallamento da vespa velutina. Trátase de BeeShield, un produto que, en palabras dos seus impulsores, busca defender a avella autóctona fronte a velutina, especie invasora proveniente do continente asiático cuxa presenza en Galicia aumentou de xeito alarmante nos últimos anos e que nada indica que vaia diminuír a curto ou medio prazo. O prototipo consiste nun conxunto de dispositivos que detectan a vespa, localizan a súa posición e elimínana. “Empregamos un láser de alta potencia que se orienta automaticamente cara a avespa e actívase para queimala”, explicaron os autores do enxeño.

Outra das propostas máis salientables foi sen dúbida LearnForDown, un achado para optimizar o ensino da lectoescritura en persoas con síndrome de Down. Trátase dunha aplicación móbil para tabletas argallada en orixe de maneira específica para o dito colectivo e que inclúe tres partes principais de seu. Por unha banda, ten un sistema hardware que permite xogar coa aplicación, logo está a aplicación en si e despois unha parte que é a web na que os mestres e mestras poden ir vendo os avances do cativo, os erros máis frecuentes, o tempo que empregan. Segundo explicou o equipo impulsor do sistema, a idea xurdiu porque unha das desenvolvedoras integrantes colabora cunha asociación de síndrome de Down da Coruña, e grazas a isto comunicáronlle a inexistencia de aplicacións axeitadas para aprenderlles ás nenas e nenos con estas características a escribir.

LPRODays incluíu tamén unha entrega de premios que correu a cargo do Centro das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, e a empresa Cardiovascular Galega. O primeiro premio Gradiant foi para SimulPulse, un pulso simulador para o adestramento na medición da frecuencia cardíaca dirixido á detección de patoloxías; o segundo para Securroad, un sistema de alerta ao condutor baseado na lectura de sinais da estrada, e o terceiro para BeeShield.

No caso de Cardiovascular Galega outorgaron o primeiro premio a "Hear My Sign", un tradutor bidireccional castelán-lingua de signos empregando o recoñecemento de vídeo.

02/05/201708:08
III Competición de Robots na Escola de Enxeñería Industrial.
Vigo

Os androides máis creativos mediron as súas forzas no campus

  • A III Competición de Robots reúne a máis de 800 mozas e mozos na Escola de Enxeñería Industrial
  • Centros de Vigo, Brión e Santiago acadaron os premios nas categorías Wall-E e R2D2

 

Con altas doses de creatividade e con aspiracións de resultar premiados na III Competición de Robots, chegaron esta mañá á Escola de Enxeñería Industrial máis de 800 mozas e mozos, na súa maior parte procedentes de centros de ensino secundario e bacharelato das catro provincias galegas. Preto de 170 equipos divididos en dúas categorías, Wall-E, dirixida a estudantado de ensino secundario e bacharelato, e R2D2, orientada a titulacións superiores e a universitarios, tomaron o hall da escola para exhibir as súas creacións nos tapices de xogo. Durante toda a mañá a escola foi un ir e vir de grupos de rapazas e rapaces novos facendo os últimos axustes aos seus robots, que participaron en ambas as dúas categorías, cunhas creacións que amosan a creatividade e orixinalidade dun alumnado disposto a ser o mellor da competición.

Casanovas, Tonecos ou Tuercas son algúns dos nomes elixidos para bautizar ás pezas que o estudantado leva fabricando varias semanas co mBot Robot Educativo (2.4G) que lles proporcionou a organización á hora de inscribirse. Arredor dun mes tardou o equipo de Alex Torres, de 1º de Bacharelato do IES Auga da Laxe, de Gondomar, en fabricar a Bender, “inspirado en Futurama”, sinala o estudante. Torres e os seus compañeiros teñen claro que queren dedicarse a algunha rama da enxeñaría, entre as súas opcións, robótica ou megatrónica. “Os alumnos dedicaron tempo nas horas de clase para elaborar o robot porque nos parecía moi interesante e moi apropiado facelo así, xa que ademais parte da materia é de robótica”, subliña Xoan Carlos Pombo, profesor de tecnoloxía do IES Auga da Laxe, de Gondomar.

Top Secret Rosies é o robot máis feminino da competición, de cor rosa e con brillos. As súas creadoras Berta Rodríguez, Lidia Pérez, Paula Martínez e Elena Tornero son alumnas de 1º de Bacharelato do IES Castro de Vigo. Estiveron tres semanas programando o androide, “que é unha homenaxe a un colectivo de mulleres que se dedicaron á informática na II Guerra Mundial”, explica Rodríguez. Pola súa banda, a profesora de tecnoloxía do centro, Peregrina Pinto, que acude á competición con nove grupos máis, opina que esta actividade ”é unha moi boa iniciativa, que fomenta o traballo en equipo e fai que os alumnos e alumnas poidan enfrontarse a un reto, algo que motiva aos rapaces”, asegura.
 
Realización de probas e premios
Na categoría Wall-E, o equipo Illuminati Confirmed do IES Alexandre Bóveda de Vigo foi o vencedor dos centros de 1º e 2º da ESO; o equipo Brión 4 do IES de Brión de 3º e 4º da ESO e o equipo Rosalía 4 do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela de 1º e 2º de Bacharelato. Mentres, na categoría R2D2 o premio foi para o equipo Festo Fluidsim formado por alumnado do Ciclo de Automatización e Robótica Industrial do Colegio Montecastelo.
Nesta edición, o xurado do premio á orixinalidade entregou un galardón por cada categoría "ante a enorme imaxinación e creatividade das propostas". Así, o equipo The Bugs do IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa, acadou o premio de 1º e 2º da ESO; o equipo Microondas do IES San Rosendo de Mondoñedo o de 3º e 4º da ESO; o equipo Casanovas 1 do IES Sofía Casanova de Ferrol o de 1º e 2º de Bacharelato d o equipo Marmini Robot do IES San Paio de Tui o premio da categoría R2D2.

Logo de rexistrase nos lugares correspondentes e realizar varias probas para facer os últimos retoques nos robots, a media mañá deron comezo de xeito simultáneo en 13 tapices diferentes as dúas probas correspondentes á categoría Wall-E, nas que participaron 155 equipos, dos cales 82 eran de ensino secundario e 73 de bacharelato. O rastrexo, un dos exercicios, consistía en seguir o percorrido de liñas rectas e curvas trazadas no tapiz, mentres que na proba do varredor, os robots tiñan que moverse nun trazado dun metro de diámetro e recoller dúas latas de refresco, que debían deixar fora do circuíto no menor tempo posible. Un pouco máis tarde foi a quenda para os 17 conxuntos inscritos na modalidade R2D2, compostos por tres compoñentes, e que procedían de titulacións superiores, aínda que este ano como novidade competiron tamén dez equipos de 1º de Bacharelato. Preto do mediodía, disputáronse tres probas individuais, rastrexo e varredor, similares ás da categoría de Wall-E, e a proba do labirinto, con máis obstáculos a sortear, e por último, competiron tamén nunha proba colectiva.

02/05/201707:48
David Calle.
Santiago de Compostela

David Calle, un dos mellores profesores do mundo, participará o 6 de maio no evento Rapaciñ@s, organizado polo CPEIG e a Amtega

  • O econtro desenvolverase na Cidade da Cultura cunha charla a cargo do fundador de Unicoos e obradoiros tecnolóxicos destinados ao público infantil

 

A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro sábado, día 6 de maio, a terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa conxunta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Trátase dun gran evento que combina actividades para pais e nenos ao redor da seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías.

A xornada, que se desenvolverá no Edificio CINC, arrincará ás 16.30 horas coa recepción dos asistentes aos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch, dirixidos a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos de idade. Os talleres contan co apoio das empresas Arkitas Robótica e Tech Academy.

Cómpre levar ordenador para participar nos obradoiros e inscribirse previamente no seguinte formulario: https://www.eventbrite.es/e/entradas-rapacins-2017-33613194971

 

TOP10 no Global Teacher Prize 2017

Namentres se desenvolven os talleres tecnolóxicos, os pais e nais -ou calquera outra persoa interesada- terán a oportunidade de asistir á charla “Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases”, a cargo de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017. A presentación do relatorio arrincará ás 17.30 horas e correrá a cargo da directora da Amtega, Mar Pereira, e do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A entrada á charla é libre ata que se complete o aforo.

David Calle, enxeñeiro de Sistemas de Telecomunicacións, creou Unicoos.com, organización educativa sen ánimo de lucro e un sitio web, en 2011. Está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.

Con máis de 100 millóns de visitas e máis de 670.000 subscritores, Unicoos é a segunda canle educativa en español en todo o mundo en número de subscritores e a terceira en número de visitas. En Unicoos.com, academia en liña baseada nos vídeos, alumnado de todo o mundo dispón de balde de todo o que precisan para estudar: vídeos, teoría, exercicios resoltos, foros en liña en tempo real e exames de autoavaliación. É, ademais, unha útil ferramenta para o profesorado cun marcado carácter práctico “flipped classroom”.

Á parte do gran evento previsto para o 6 de maio, o programa Rapaciñ@s percorrerá Galicia nos vindeiros meses con máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS