main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

10/05/201710:45
NESI Forum.
Málaga

Máis dun terzo dos europeos traballará para a Economía Prateada en 2025

  • O 37,8% dos postos de traballo enmarcaranse en mobilidade, sanidade e mercados de innovación para a poboación con máis de 50 anos

 

A Economía Prateada, coñecida como aquela que se cingue ao sector da poboación que supera os 50 anos de idade, sustentará máis dun terzo dos postos de traballo en 2025. Así o explicou Peter Wintlev-Jensen, director de Programas na Comisión Europea, quen participou nunha mesa de traballo sobre este fenómeno no primeiro Foro Global de Nova Economía e Innovación Social (NESI Forum), que se desenvolveu en Málaga entre o 19 e o 22 de abril para promover a xeración dun novo sistema económico máis centrado nas persoas e que se desenvolva en condicións óptimas de sustentabilidade e ética.

Segundo a súa exposición, o 37,8% dos empregos enmarcaranse en sectores como a mobilidade, a sanidade e os mercados innovadores para satisfacer as necesidades da poboación maior de 50 anos. Na actualidade, segundo datos extraídos de 2015, xeráronse 78 millóns de postos de traballo na UE-28, así como unha inxección de 4,2 billóns de euros ao PIB comunitario. Isto representou, á súa vez, un 28,8% do PIB, fronte ao 31,5% que se estima para o ano de referencia.

Pola súa banda, Francisco Abad, fundador de Empresa e Sociedade, “os cambios demográficos e o aumento da esperanza de vida fan que o mundo futuro sexa moito máis maior polo que hai que tomar medidas”. Ademais, explicou que “actualmente vivimos tres meses extra ao ano grazas aos avances médicos e tecnolóxicos, e seguiranse producindo avances, polo que as persoas con máis de 50 anos representarán un peso crecente na economía do continente máis envellecido do mundo”.

No mesmo sentido, Wintlev-Jensen fixo un chamamento ás Administracións para promover políticas públicas que favorezan a integración e a valoración da Economía Prateada como un mercado de crecemento potencial, posto que en sectores como a sanidade darase un espectacular crecemento nos próximos anos: “O uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) no sector sanitario triplicarase no próximos cinco anos: pasaremos de dedicar 170.000 millóns á sanidade nos fogares actuais aos 315.000 millóns en 2021”.

Propostas para reformular os principios da economía
Málaga acolleu, a finais de abril, o maior conclave internacional para reformular os principios do sistema económico actual cara a un novo modelo máis centrado nas persoas e con criterios de ética e sustentabilidade palpables. No Foro Global de Nova Economía e Innovación Social (NESI Forum) participaron 600 expertos de distintos movementos económicos como Christian Felber, creador da Economía do Ben Común que busca virar os obxectivos empresariais cara ao ben da sociedade ademais dos habituais criterios financeiros; Gunter Pauli, ideólogo da Economía Azul para aproveitar os recursos naturais de forma responsable; e outros.

Neste foro recolléronse un total de 94 propostas para redirixir ás empresas, as entidades financeiras e as organizacións sociais cara a un modelo que respecte o medio ambiente, potencie as relacións humanas e mellore a calidade de vida das persoas.

NESI é o único Foro Global sobre Nova Economía e Innovación Social que reúne aos principais actores de cambio e líderes de opinión para pensar, dialogar e asentar as bases dunha Nova Economía baseada en valores e no 'ben común'. Daranse cita relatoras e experiencias inspiradoras, ao redor de 600  líderes de opinión e axentes de cambio social de máis de 60 rexións diferentes. Málaga, 19-22 abril de 2016. O evento conta co apoio institucional do Concello de Málaga e A Diputación Provincial. 

09/05/201710:43
As protagonistas de "Teño unha horta en San Sadurniño" .
Carballo

“Teño unha horta en San Sadurniño” triunfa no Carballo Interplay

O festival de webseries Carballo Interplay xa ten ganadoras na presente edición. E  entre elas está a iniciativa “Teño unha horta en San Sadurniño”, protagonizada polas youtubeiras Lucita de Ernesto, Crucita de Piñón, Maruxa da Laxe, Carmiña dos Pantís e Maruja da Curuxa, con axuda da responsable da Aula CeMIT Carmen Suárez. Este sábado conseguiron o premio á mellor webserie en versión orixinal en galego e, ao tempo, un novo recoñecemento a un proxecto que vai máis aló do entretemento. 

E é que “Teño unha horta en San Sadurniño” é froito dunha idea nacida hai xa dous anos -daquela chamábase “Teño unha granxa en San Sadurniño”- coa idea de promover a creación dixital entre as persoas de máis idade e por en marcha unha canle en youtube que axudase a preservar os saberes agrogandeiros de toda a vida.

O proxecto botou a andar no seo do programa CeMIT-Innova apoiado pola FUNDETEC, pero pouco a pouco foi adquirindo vida propia, colgando cada vez máis vídeos sobre cultivos tradicionais e experiencias con novos produtos. Andan xa polos 40 videotutoriais, teñen máis de 700 persoas suscritas á súa canle e achéganse ás 250.000 reproducións, entre as que cómpre destacar a do vídeo viral de hai uns meses sobre a aparición na horta dunha planta ventureira de cánabo, confundida polas protagonistas cun pé de marihuana.

Xa en 2016 conseguiran quedar finalistas do Carballo Interplay, festival de contidos dixitais pioneiro en premiar os seriais en internet e punto de encontro para aprender e por en común experiencias narrativas na rede. Daquela non foi posible, pero desta vez si e as youtubeiras locais recolleron na noite do sábado o seu premio como a mellor webserie en versión orixinal en galego, impoñéndose a “Antolepsia”, “Galicia crime”, “As aventuras de Po” e “Dalle Jas”. Ademais do recoñecemento, o premio tamén inclúe un trofeo, un ano de aloxamento gratuíto e 800 euros, que seguramente reinvestirán en mellorar o seu equipamento de filmación.

Conseguido o obxectivo de ganar no CIP, agora “Teño unha horta en San Sadurniño” podería volver dar a campanada no certame “Youtubeir@s“, onde participan dentro da categoría Vídeo-facermos. Este concurso pretende favorecer a presenza do galego nos vídeos que se suben á rede e está organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, ademais das universidades da Coruña e de Santiago.

09/05/201708:33
Logo Activage Project.
Santiago de Compostela

Fundación Vodafone España na reunión do Piloto Galego do proxecto ACTIVAGE

  • A reunión celebrouse en Santiago de Compostela na sede da empresa TELEVES que lidera o Piloto Galego do proxecto

 

Durante o pasado 4 de maio celebrouse unha reunión presencial con algúns dos membros do Deployment Site (DS) en Galicia, na que se puxeron en común as tarefas nas que cada socio está involucrado e a súa aplicación no piloto.

Cada representante do DS que participa de forma máis activa en cada WP (Work Package), presentou un resumo das actividades que está a levar a cabo cada paquete de traballo e as actividades previstas a curto prazo.

A Fundación Vodafone España participa no piloto que levará a cabo en Galicia, xunto con TELEVES, Cruz Vermella Española e SERGAS (Servizo Galego de Saúde), cuxo obxectivo é validar os servizos universais de atención sociosanitaria para persoas maiores, reducindo a exclusión social e o cambio de estruturas e actitudes sociais.

O proxecto ACTIVAGE está financiado no marco do programa Horizonte 2020 da Comisión Europea e é coordinado pola empresa Medtronic. Esta iniciativa que durará catro anos, conta con 50 socios, implicando a uns 7.200 usuarios e máis de 43.000 dispositivos da internet of Things (IoT).

A actividade do proxecto pode seguirse nas seguintes ligazóns:

09/05/201708:16
Participantes en Rapaciñ@s.
Santiago de Compostela

A terceira edición do programa Rapaciñ@s pecha con éxito de participación de adultos e rapazada

  • David Calle explicou a súa experiencia como fundador da organización educativa sen ánimo de lucro Unicoos

A Cidade da Cultura acolleu o pasado sábado, día 6, a celebración da terceira edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A xornada conxugou obradoiros tecnolóxicos para os rapaces e unha charla de David Calle, fundador de Unicoos e TOP10 no Global Teacher Prize 2017. 

Asistiron á presentación da xornada a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Súarez, quen previamente visitaron os talleres organizados para os máis pequenos. Máis de 80 rapaces de entre 8 e 14 anos de idade reuníronse no Edificio CINC para participar nos obradoiros de robótica educativa, Sploder, Lego e Makey Makey con Scratch.

Mar Pereira sinalou que as vantaxes das TIC son incuestionables, sempre que o seu uso se faga de xeito responsable, e que os adolescentes son especialmente sensibles aos novos problemas asociados ao uso da Internet e das redes sociais e as vítimas máis fáciles para os ciberacosadores. Neste sentido, a responsable do departamento tecnolóxico da Xunta subliñou que desde a Administración pública “somos conscientes de que a forma de abordar esta problemática é en colaboración con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico e que esta é a filosofía de iniciativas como Rapaciñ@s”.

Pola súa banda, o máximo representante dos enxeñeiros en Informática deulle as grazas á directora  da Amtega polo apoio “constante e sustentable no tempo” que lle brinda a Administración autonómica ás iniciativas que organiza o CPEIG. Suárez Lorenzo recalcou que  moitas delas “repercuten, coma é o caso de hoxe, na sociedade en xeral, proxectando a imaxe do Colexio fóra das lindes estritas da nosa profesión e contribuíndo ao desenvolvemento da sociedade da información”

 

Como darlle unha volta ás clases

David Calle, baixo o epígrafe de “Flipped classroom ou como darlle unha volta ás clases”, deu unha charla dirixida sobre todo aos pais e nais dos rapaces asistentes aos talleres. O relator explicou a súa experiencia como creador de Unicoos.com,organización educativa sen ánimo de lucro e un sitio web, que está baseada na canle YouTube do mesmo nome, onde poden atoparse centos de vídeos de matemáticas, física, química e tecnoloxía, principalmente de contidos preuniversitarios (últimos anos de secundaria e bacharelato) e primeiros anos universitarios.

Na súa intervención, apostou por “darles a todos las mismas oportunidades para que así el mundo tenga una oportunidad”. Avogou tamén pola diferencia e sentenciou:  “Lo que nos hace diferentes es lo que nos da valor”. Entre outros consellos,enunciou o seguinte: “Lucha siempre por ser todo lo mejor que puedas llegar a ser; cualquier cosa que hagamos puede ser insignificante, pero es muy importante que la hagamos”. 

 

Xornadas por outras localidades

Á parte do gran evento celebrado hoxe, o programa Rapaciñ@s percorrerá diferentes localidade des Galicia nos vindeiros meses con máis de 20 charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Nesas xornadas, familias e tamén docentes atoparán información e recursos de interese ao mesmo tempo que as nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas expresamente para eles co obxectivo de que se divirtan e aprendan.

 

09/05/201708:03
Participantes de "Teño unha horta en San Sadurniño".
Carballo

O humor e a innovación, nexos comúns das webseries gañadoras do Carballo Interplay

Tal e como se agardaba, a cuarta edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay resultou ser un éxito, pola calidade e a cantidade das obras presentadas, polo público convocado e, tamén, pola importante contribución galega na sección oficial. O certame, que se desenvolveu ao longo de tres días na vila coruñesa, foi ante todo un evento creativo e participativo onde primou, ante todo, a arela de divertir e achegar lecer de calidade. De feito, as comedias foron sen dúbida as protagonistas do palmarés. Outro dos puntos salientables desta edición foi o seu carácter de festival de todas e todos: recibiu máis de 140 propostas de todo o mundo.

Respecto das webseries gañadoras, Pesame Street gañou dous galardóns, o de animación e o do público, coa súa resposta á pregunta: Que nos dirían os animais se puidesen falar? Mentres, A todo riesgo acadou os premios de mellor webserie de imaxe real e o de mellor actor, para Miguel Lago Casal. Esta última achega conta a historia de Pedro Germán e Max, que sempre soñaron con ser inspectores de homicidios pero que só conseguiron un traballo como peritos de seguros.

Na categoría de mellor webserie de imaxe real, o xurado integrado polo guionista Rubén Ontiveros, pola guionista e creadora de contidos Isa Calderón, polo director Javi Camino e máis por Javier Trigales (en representación da Asociación Galega de Guionistas) e Giselle Llanio (en representación da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia) quixo facer tamén unha mención especial para Te quiero, yo tampoco, unha comedia documental que retrata a relación do director, Miguel Bosch, coa súa parella, Fran.

No que se refire ás importantes contribucións das creadoras e creadores da nosa terra, Teño unha horta en San Sadurniño, conseguiu o galardón de mellor webserie en versión orixinal en galego. Como lembraremos, trátase dun proxecto xurdido para compartir o coñecemento das mulleres maiores do rural galego en relación cos traballos no campo.

Por outra banda, a comedia israelita You''re the next conquistou o premio á mellor webserieinternacional coa súa historia de cinco mulleres na trintena “buscando o seu camiño na vida”. O xurado fixo tamén unha mención especial para a arxentina Si me volviera a enamorar, que se centra no vencello de amizade de tres adultos de arredor de corenta e cinco anos.

A segunda tempada da comedia política El partido, que segundo recorda a organización do Interplay conquistara o ano pasado o premio á mellor webserie de imaxe real, acadou nesta edición o premio CREA á mellor dirección para Álex Rodrigo. Mentres, Hilario Abad e José Luis Bustillo conseguiron o premio AGAG ao mellor guión polo seu traballo en Caniville, que narra as aventuras e desventuras dunha manda de cans. Finalmente, Teresa Cuesta fíxose co premio á mellor actriz polo seu papel en El show de Teresa Cuesta.

Hai vida en Bran?, mellor proxecto de webserie en galego

O xurado composto por Mafalda González-Alegre, de Flooxer; David Sainz, da produtora Diffferent Entertanment; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica de Carballo; e Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, decidiron outorgar o premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 1.500 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Hai vida en Bran?, creada e protagonizada por Ángela Andrada. Trátase, en palabras dos integrantes do xurado, “dunha webserie que conta a vida de Mariña, unha moza licenciada en belas artes que volve á pequena vila de Bran despois de intentar, sen éxito, abrirse camiño no mundo do cómic”. E engadiron: “É unha comedia con pequenas tinturas dramáticas que retrata a Xeración Xabarín, os mozos de soños rotos, criados enfronte dun televisor, aos que se lles prometeu que chegarían lonxe e que agora se atopan cun futuro incerto; trátase pois dun proxecto que quere cambiar o rumbo do audiovisual rompendo estereotipos".

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS