
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital (SESIAD), a Entidade Pública Empresarial Red.es, e a Secretaría Xeral da Administración Dixital (SGAD), acaban de lanzar a convocatoria do Primeiro Desafío "Aporta" ‘O valor do dato para a Administración' para o desenvolvemento de prototipos de aplicacións, solucións e servizos que utilicen os datos abertos do sector público e demostren con iso como a reutilización destes datos pode mellorar a eficiencia neste sector.
A convocatoria do Primeiro Desafío "Aporta" sobre Datos Abertos estará aberta á presentación de ideas ata o 9 de xuño.
A convocatoria, ademais, quere incentivar o talento, a capacidade técnica e a creatividade dos participantes. Calquera cidadán, empresa ou grupo de investigación da Unión Europea poderá participar neste desafío, que levará a cabo en dúas fases: a presentación de ideas, e o desenvolvemento do prototipo e a súa exposición presencial.
Ideas sobre reutilización de datos abertos e desenvolvemento de prototipo
O a primeira fase, os participantes poderán presentar unha proposta baseada no uso de datos abertos xerados polo sector público, nacionais ou internacionais, publicados baixo licencia aberta (con carácter obrigatorio) así como datos procedentes de entidades privadas (con carácter opcional). Esta fase estará aberta ata o día 9 de xuño.
Un xurado composto por profesionais do sector dos datos abertos, a economía dixital, a academia e as entidades colaboradoras do evento, encargarase de avaliar as propostas e seleccionará as 10 mellores conforme a criterios de relevancia, calidade global e utilidade.
Na segunda fase, os 10 participantes seleccionados deberán elaborar o prototipo e presentalo a finais de outubro de 2017 nunha xornada previa ao Encontro "Aporta". As tres mellores propostas serán premiadas con 3.000, 2.000 e 1.000 euros.
Finalmente e malia as inclemencias do tempo en Compostela (de especial intensidade no monte Gaiás, sede da Cidade da Cultura), máis de 150 persoas (entre público asistente, relatores, organizadores, promotores) participaron no congreso #SilverBullet17 organizado polo CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia) e a AMTEGA. O evento, unha xuntanza de expertos e profesionais intercambiando información, consellos e recursos sobre as mellores maneiras de desenvolver un proxecto TI e levalo a bo porto, inaugurouse a primeira hora da mañá da man de Marcos Mata (presidente do CPETIG) e Mar Pereira (AMTEGA). Tanto na sesión de apertura coma nas posteriores fíxose fincapé nos ingredientes imprescindibles cos que debe contar a base dun proxecto TI: persoas, tecnoloxías e procesos axeitados. A maiores, cómpre sacar o máximo proveito da nosa capacidade da anticipación e de análise e, como sinalou no seu relatorio José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering, dunha fórmula ben sinxela, eficaz e ao alcance de todo o mundo: pensar un algo as cousas antes de actuar.
Na xornada, un éxito en materia de participación e na calidade dos relatorios e os debates, os diversos relatores da mañá fixeron fincapé naqueles elementos que, a través da súa experiencia, cumpriría sempre aplicar para garantir as meirandes posibilidades de éxito no desenvolvemento dun proxecto tecnolóxico. Cousas como avaliar previamente necesidades e recursos, ter sempre presente o que quere conseguir ou apostar sempre por achegar solucións sinxelas aínda que os problemas a resolver revistan especial complexidade. Outro punto no que se fixo fincapé foi o da motivación e o do traballo en equipo, buscando sempre fórmulas (algunhas previas, outras aplicables no camiño) para sacar o mellor dun grupo de profesionais e acadar a máxima empatía e capacidade de colaboración e intercambio de coñecemento. Estes e outros puntos foron debullados ao longo da mañá por José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos en Tecnocom; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; e Susana Gómez Carnero, directora executiva (CEO) en Origami Soluciones e de BNI Galicia.
Pola tarde, logo do xantar, interviñeron Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC, e Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain (compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios). A organización de #SilverBullet17 está enmarcada nas actividades conmemorativas programadas polo CPETIG con motivo da celebración de seu X aniversario. Participan como patrocinadoras de #SilverBullet17 as empresas Bahía Software, Balidea, Councilbox, Ednon, Hacce Conversion&Design e Plexus.
Inauguración
No acto de apertura oficial da xornada, o presidente do CPETIG, Marcos Mata, aproveitou para reivindicar a regulación da profesión e corrixir a actual situación de exclusión que sufre, derivada do Real Decreto 1837/2008, que exclúe a Enxeñarías en Informática das profesións reguladas. Marcos Mata fixo referencia ao carácter heteroxéneo das profesións ligadas aos proxectos TI “para urxir a regulación da informática”. E engadiu: “Temos hoxe aquí a enxeñeiros en informática, enxeñeiros industriais ou de telecomunicacións, dixo, e creo que é un bo exemplo da xusta reinvindicación de recoñecemento das nosas atribucións, coma son recoñecidas as dos nosos compañeiros industriais ou telecos, admitindo a natureza multidisciplinar en ámbitos coma a xestión de proxectos”.
Mar Pereira, pola súa banda, avogou no seu discurso por “romper estereotipos sobre a informática nun intre de desafíos importantes no que non só a xestión, senón tamén as persoas son determinantes”. Amais, salientou as oportunidades que se abren con eventos coma #SilverBullet17, que poñen o foco na variable da xestión. Tamén expresou a súa confianza en que a de hoxe sexa a primeira dunha manchea de edicións deste congreso.
Aprendo Programando, a iniciativa de lecer e formación TIC para escolares do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), vai manter aberto até este domingo 14 de maio o prazo para que os centros educativos formalicen nel a súa inscrición. Como lembraremos, poden participar en Aprendo Programando centros escolares de Primaria e de ESO. O seu obxectivo, en palabras do CPETIG, é “achegar a programación e integrar dentro do sistema educativo a crecente utilización das novas tecnoloxías por parte da nenez e da adolescencia”. Cada centro participante na iniciativa, que vai pola súa segunda edición, ten que entregar un proxecto programado polo alumnado mediante a ferramenta de programación Scratch.
A iniciativa desenvólvese este ano baixo un significativo epígrafe, por amosar unha clara intención de tirar abaixo, coas TIC, todo tipo de fendas e brechas de exclusión e discriminación: Convivir en igualdade.
Segundo engade a entidade profesional que preside Marcos Mata, o concurso representa “unha oportunidade para o alumnado de Primaria e de ESO, que a través do concurso vai desenvolver habilidades mentais, ligadas ao pensamento computacional, mediante a aprendizaxe da programación sen necesidade de coñecer unha linguaxe concreta”. Baixo o punto de vista do CPETIG, o ensino de novas tecnoloxías en idades temperás ten “un efecto inmediato e directo na consecución da competencia dixital”, facilitando aos escolares ferramentas que lles son útiles para enfrontarse aos seus retos persoais, académicos e posteriormente profesionais.
O concurso está aberto a tódolos centros escolares de Galicia. Nel poden participar alumnos e educadores, facendo cousas como formarse en programación a través do Scratch ou buscando a superación tanto a nivel persoal coma colectivo. Segundo lembra o CPETIG, cada centro participante terá que entregar, nos prazos establecidos, un proxecto programado polo alumnado mediante a ferramenta Scratch entrando deste xeito a formar parte do concurso. Os centros interesados en participar poder consultar as bases e realizar a inscrición na páxina web do concurso aprendoprogramando.cpetig.org.
Fai xa máis dun ano, Google lanzou o seu asistente virtual a nivel global, baixo o nome de Google Assistant, ou Asistente de Google, en español, e agora a compañía con sede en Mountain View presentou a primeira versión desta ferramenta que funciona en español como idioma.
O Asistente en español está integrado na aplicación Google Allo e pode manter unha conversación cos usuarios, responder a preguntas e mesmo planificar recordatorios, segundo se explicou este martes a compañía a través dun comunicado oficial da empresa.
Google Allo é unha das principais aplicacións de mensaxería da compañía do buscador. A ferramenta xa está dispoñible nas aplicacións de Allo tanto para dispositivos Android como para iOS.
Para activar o asistente, soamente é necesario escribir @google no chat de Allo, e posteriormente escribir no chat en linguaxe natural. O Asistente de Google utiliza sistemas de 'machine learning' (aprendizaxe automática) e de intelixencia artificial para aprender a escritura do usuario e para mellorar as súas respostas e suxestións.
Entre as funcións que se poden levar a cabo co asistente, está a de preguntar dúbidas e obter respostas rápidas, como o horario dun partido de fútbol. Noutras ocasións, o 'software' de Google é capaz de realizar suxestións sobre plans nunha cidade ou recomenda restaurantes da zona.
Así mesmo, a ferramenta conta tamén con algunhas funcións máis elaboradas. Por exemplo, se o usuario escribe no chat de Allo a mensaxe 'Estou aburrido', o Asistente de Google responderá con bromas e enigmas con 'emojis'. Noutros casos, pode utilizarse para establecer recordatorios, para os cales se envía unha notificación ou unha alarma.
Ademais, o Asistente de Google analiza as conversacións con outros usuarios para que sexa máis rápido e sinxelo responderlles, mostrando suxestións de resposta predefinidas cando a persoa coa que se conversa formula unha pregunta do tipo '¿Vés?'. Está función aínda non está incorporada na aplicación, aínda que chegará a Allo nas próximas semanas, segundo Google.
Luz Rello, que foi a primeira emprendedora social seleccionada pola Rede de Impulsores do Cambio, presentou DytectiveU, unha ferramenta de apoio para tratamento da dislexia.
Entre o 10% e o 15% da poboación ten dislexia, unha dificultade de aprendizaxe non relacionada co nivel de intelixencia. Desa porcentaxe, só un terzo recibe apoio, xa que en moitos casos non se identifica o problema de orixe, o cal xera altas taxas de abandono e fracaso escolar.
En 2015, a emprendedora social Luz Rello lanzou ChangeDyslexia, un proxecto cuxo obxectivo último é acabar co fracaso escolar infantil derivado da dislexia.
Para conseguilo Luz propúxose tres obxectivos:
O primeiro, xeneralizar e democratizar o diagnóstico. Para iso creou Dytective, a primeira app con base científica de detección da dislexia, coa que obtén uns resultados altamente fiables (90% de certeza) realizando un test de pouco máis de 15 minutos. A app é gratuíta e xa se está utilizando en numerosos centros educativos.
A repercusión do traballo de Luz está a contribuír a lograr o seu segundo obxectivo, que é “normalizar” a cuestión e visibilizar a dislexia. Que as familias, profesores e profesionais que traballan con nenos e nenas, sexan conscientes da posibilidade de que un neno teña dislexia e teñan as ferramentas para detectalo a tempo.
Con DytectiveU cúmprese o terceiro obxectivo: xerar ferramentas de tratamento de baixo custo e atractivas para os nenos e nenas. A dislexia non se “cura”, pero si hai métodos para traballala, e así eliminar ou polo menos minimizar a dificultade e as barreiras que se atopan as persoas con dislexia no proceso educativo. As ferramentas e tratamentos, ata agora, non estaban ao alcance de todos (polo elevado custo dos tratamentos), e ademais eran pouco atractivas para os rapaces.
Esta nova plataforma conta con dous módulos. No primeiro, os nenos fan exercicios, en forma de xogo, cuxa dificultade adáptase ás necesidades detectadas en leccións previas. O segundo módulo mostra unha contorna para o profesional ou a familia, para que poidan facer seguimento e ver a evolución diaria do neno ou nena.
Os ingresos obtidos polo uso da ferramenta destinaranse aos fins sociais de Change Dyslexia, que son: manter a gratuidade do test de dislexia, crear bolsas para poder tratar a nenos afectados de dislexia con escasos recursos e abrir novas liñas de investigación científica para axudar á dislexia.
Luz Rello foi a primeira emprendedora seleccionada pola Rede de Impulsores do Cambio, unha alianza global entre a Fundación Ashoka Emprendedores Sociais e Fundación Aquae, Fundación Acuorum, Hidraqua, Canaragua, Augas de Cartaxena e Augas Andinas, que ten como obxectivo catalizar a innovación disruptiva en España e América Latina identificando e apoiando proxectos de grande impacto social.