main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/05/201708:55
Usuario usando tablet.
Santiago de Compostela

A Xunta estenderá a educación plenamente dixital a 10.000 alumnos o vindeiro curso

  • Feijóo subliña que o acordo contempla un servizo de soporte premium as 24 horas durante os sete días da semana, tanto en liña como telefónico
  • Afirma que este ano se convocará un novo concurso público para contar con novos provedores de contidos, ademais dos dous que traballan co ensino galego
  • Destaca que o obxectivo é que ao rematar 2018 todos os centros teñan unha velocidade de conexión mínima de 100 Mbps

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte a aposta da Xunta por estender a educación 100% dixital a ata 10.000 alumnos o vindeiro curso 2017-18. “Isto supón que se incorporen ao ensino plenamente dixital 2800 alumnos máis que os 7.200 que o reciben hoxe nos 107 centros que xa empregan o libro dixital”, dixo.

Máis polo miúdo, Feijóo explicou que para acadar este obxectivo a Xunta adquirirá ata 22.000 portátiles durante os dous vindeiros anos, para os alumnos e profesores dos centros que se integren nesta iniciativa. Con esta finalidade investiranse máis de 11 millóns de euros, dun total de 27 millóns para a dixitalización da educación.

Así mesmo, o acordo recolle un servizo de soporte premium as 24 horas durante os sete días da semana, tanto en liña como telefónico. Tamén habilitará puntos de soporte presencial nos propios centros, para atender calquera eventualidade que poida suceder cos equipos.

Durante a rolda de prensa do Consello, o titular da Executivo autonómico subliñou que, dentro da aposta por un ensino 100% dixital, este ano convocarase un novo concurso público para contar con novos provedores de contidos, ademais dos dous que traballan xa co Ensino galego.

Paralelamente, poñerase en marcha un espazo de creación de contidos dixitais para que as empresas TIC e audiovisuais poidan facilitar aos docentes servizos para crear contidos dixitais. Para reforzar o atractivo destes servizos para os profesores, deseñarase un plan de formación específico nos propios centros que estará á disposición dos docentes. Complementarase cun plan de acompañamento para as familias sobre cultura dixital.

Por último, no referente á conexión a Internet dos centros de ensino, Feijóo destacou o obxectivo de que ao rematar 2018 todos os centros teñan unha velocidade de conexión mínima de 100 Mbps, fronte ao 40% dos centros que dispón neste momento desa velocidade.

Unha vez cumpridas estas metas, o presidente da Xunta afirmou que se iniciará o camiño para, en 2020, estender este sistema tamén a terceiro da ESO. “Os portátiles para alumnos e profesores, a creación de novos contidos dixitais, a formación continua para docentes e familias e a mellora da conectividade dos centros son as catro patas da futura Estratexia de educación dixital 2020”, indicou, facendo fincapé en que esa será a folla de ruta neste ámbito para o que queda de década.

 

18/05/201710:55
Muller en cadeira de rodas usando un ordenador.
Madrid

O valor da internet e as novas tecnoloxías contra a exclusión

O presidente do Senado, Pío García Escudero, destacou o "inmenso valor potencial e xa real, en moitos casos", das novas tecnoloxías como "instrumento ao servizo da integración dos sectores da sociedade en risco de exclusión social". Así o puxo de manifesto García Escudero, o en acto central do Día Mundial da internet celebrado este mércores 17 de maio no Senado baixo o tema 'O Empoderamento Dixital', no que participaron relatores como o presidente e fundador de Mensaxeiros da Paz, o pai Ángel García.

García Escudero puxo de relevo que as Tecnoloxías da Información e a Comunicación son "o gran motor de progreso" deste tempo, pero lembrou que "só cabe falar dun xenuíno progreso cando este se rexe polos principios de xustiza e equidade".

Neste sentido, puxo o foco na "gran tarefa colectiva" que, ao seu xuízo, de "lograr que as novas tecnoloxías actúen eficazmente como panca da acción social" e lembrou que empoderar dixitalmente supón dotar aos cidadáns "das capacidades e habilidades necesarias para desenvolverse de forma segura e beneficiosa" no mundo en rede, para abrirlles novas oportunidades para o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a mellora das súas condicións de vida.

Seguir lendo na fonte da noticia...

18/05/201709:00
Debuxo de persoas maiores usando dispositivos móbiles.
Santiago de Compostela

O uso da internet e das redes sociais por parte dos maiores xa non é unha anécdota

  • Canto maior é un usuario, menos utiliza a Rede, pero, quere isto dicir que os senior non están interesados nas novas tecnoloxías?
  • En España, en 2005, un 12% dos maiores de 55 anos usábanas; en 2016, un 56%

Internet e as novas tecnoloxías da comunicación son ferramentas que cada vez ocupan máis espazo no día a día das persoas. As redes sociais, por exemplo, estableceron unha nova forma de comunicación que, cos anos, fanas máis imprescindibles se o que pretendemos é evitar o illamento e seguir conectados ao resto da poboación. Facebook, Twitter, Instagram ou aplicacións como WhatsApp son xa recursos dixitais moi habituais para manternos informados do que pasan tanto no mundo exterior como no noso círculo familiar e de amizades. 

 

Non todos os segmentos de poboación utilizan Internet e as redes sociais coa mesma intensidade, de feito a idade é por agora un elemento determinante, xa que o seu uso é menor canto maior é o individuo. Con todo, quere isto dicir que as persoas maiores non están interesadas na internet e as novas tecnoloxías? As aptitudes dixitais dependen da idade? Como utilizan os senior as redes sociais ou os dispositivos móbiles?

 

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), en 2014, as persoas maiores de 60 anos representaban un 25% da poboación española e son, ademais, o segmento que máis medraba debido ao aumento da esperanza de vida e á diminución da natalidade. Este mesmo crecemento está a observarse nas redes: segundo os datos de Eurostat, no últimos seis anos o crecemento do uso da internet por parte dos maiores foi do 96%, en España, por exemplo, pasouse dun uso do 12% dos maiores de 55 anos, en 2005, a un 56%, en 2016. 

 

Segundo Mireia Fernández-Ardèvol, investigadora do IN3 da Universidade Oberta de Catalunya (UOC), esta tendencia estáse a producir porque “parte dunhas taxas de adopción máis baixas. Con este crecemento, a poboación máis maior achégase paulatinamente á media española, que en 2010 era do 66% e en 2016 é do 81%”. Fernández-Ardèvol incide en que outros grupos de idade tamén están a crecer, pero “como están máis preto da saturación, é dicir, máis preto do 100% de persoas usuarias, o seu crecemento é menos pronunciado. Así, a poboación adulta entre 25 e 54 anos pasou do 76%, en 2010, ao 92%, en 2016”.

 

A pesar de que cada vez hai máis interese en estudar o comportamento dos maiores no uso das tecnoloxías dixitais, a investigadora asegura que aínda “non hai datos suficientes para debuxar unha fotografía real porque este é precisamente un dos colectivos menos estudados”. Con todo, Fernández-Ardèvol asegura que os resultados dos seus estudos centrados na relación dos maiores e as tecnoloxías dixitais mostran o interese dos senior “por aprender o que cren que é útil e interesante.

 

Por exemplo, usan WhatsApp para compartir o día a día coas amizades e coa familia; ou están interesadas en YouTube para consultar contidos diversos que van desde un tutorial a algo cómico”. Os maiores, indica a investigadora, “son persoas que teñen criterio e deciden que tecnoloxías dixitais queren usar e para que. E isto está moi lonxe dos estereotipos que asocia ás persoas maiores co desinterese ou a falta de capacidade para usar Internet. Ou coa idea de que só lles interesa Internet para as súas enfermidades”.

 

Internet nos young olds e os middle-old olds

Os investigadores Mireia Montaña, Elisenda Estanyol e Ferran Lalueza, do grupo de investigación Game-Communication & New Media (IN3-UOC), realizaron un estudo, publicado en 2015 pero cun traballo de campo de 2013, titulado ‘Internet e novos medios: estudo sobre usos e opinións das persoas maiores en España'. Trátase dun traballo cuxo obxectivo era determinar o uso mediático que realizaba a poboación maior de 61 anos en España e a súa relación coas novas tecnoloxías. Para iso, entrevistáronse a 383 individuos segmentados en dúas categorías: os young olds (de 61 a 70 anos), e os middle-old olds (de 71 anos en diante). Unha das conclusións do estudo foi que, aínda que os maiores valoraban moi positivamente os medios tradicionais (prensa, radio, televisión...), mostraban tamén un considerable apego cara á Rede, con máis do 60% comprobando o seu correo electrónico a diario, por exemplo. “O uso que fan da internet é eminentemente pragmático, polo cal tenden a desaproveitar o seu potencial como medio de socialización”, describe o estudo. É dicir, a pesar de que algunhas ferramentas como as redes sociais aínda non están instaladas do todo na vida dos maiores, “son grandes lectores de xornais online, utilizan servizos de banca, buscan información sobre produtos, comparan prezos e ademais, no caso dos young olds, reservan viaxes nunha porcentaxe similar á media española”, asegúrase na investigación.

 

Nesta mesma liña obsérvanse os datos achegados pola ‘Sociedade da Información en España 2016' (SIE16), que elabora a Fundación Telefónica, e que asegura que durante o ano pasado “advertiuse que os internautas maiores empezaron a facer un uso intensivo da internet”. En gran medida, e sempre segundo este estudo, o uso crecente dos dispositivos móbiles sería un factor determinante para explicar esta tendencia. “Pódese afirmar que o uso das tablet está a pechar o último reduto da fenda dixital, o dos maiores de 65 anos”, indica o SIE16.

 

Os dispositivos móbiles como aliados dos senior

Os smartphone ou as tablet foron claves para reducir a fenda dixital? Segundo Jorge Pérez, director do Observatorio das Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (Ontsi), “todo parece indicar que así é. En xeral, hoxe acceden máis persoas a Internet desde os smartphone e as tablet que desde computadores. Isto tamén está a ocorrer no mundo dos maiores que creo que son dos que máis se poden beneficiar destes dispositivos”. Unha apreciación que coincide cos datos que achega a SIE16, que ve nos dispositivos móbiles “a causa fundamental desta maior vinculación dos senior a Internet”. Por exemplo, o uso da tablet neste segmento da poboación (máis de 65 anos) pasou do 13,2%, a ser usada polo 42,1% –un 219% máis–. De feito, as persoas maiores utilizan este dispositivo para conectarse a Internet 8,3 puntos porcentuais por encima da media.

  

Pérez opina que “a facilidade que proporcionan as aplicacións destes dispositivos para acceder a servizos da internet fanos especialmente atractivos para persoas que poden ter máis dificultades para usar computadores. Isto reduce a barreira de acceso a Internet e os maiores poden beneficiarse diso”.

 

Da mesma maneira, Fernández-Ardèvol apunta que os seus estudos tamén mostran que “os teléfonos intelixentes son clave entre a poboación maior de 60 anos. En moitos casos a porta de entrada a Internet; sobre todo por WhatsApp, que en España é moi importante e a escusa para ter un smartphone con conexión a datos”. Para a investigadora, “unha vez abres esa porta é máis fácil lanzarse a usar outras aplicacións na internet”. 

 

Fenda dixital

Do mesmo xeito que algunhas tecnoloxías poden impulsar o uso da internet nos maiores, a súa constante evolución tamén poden xerar novas barreiras ao colectivo. A investigadora Fernández-Ardevol cre que isto é xa un feito, por exemplo –indica–, “en Barcelona, como en moitos outros lugares, cada vez hai máis oficinas bancarias pechadas. O día que hai que facer xestións toca ir máis lonxe, e empúxannos amablemente a operar no caixeiro ou a través de Internet. Para os bancos é unha gran redución de custos pero nin todas as persoas maiores usan Internet nin, aínda que o utilicen, confían na operativa da banca online. Esta é unha barreira que parece que se está impoñendo con intensidade como consecuencia, entre outros motivos, da reestruturación e a crise do sector bancario”. Para a investigadora, “a clave é ter canles habilitadas para non excluír a ningún segmento da poboación. Pola contra, quen non teñan suficientes competencias dixitais sufrirán problemas máis graves de exclusión”.

 

Un concepto que tamén se vincula á aprendizaxe das novas tecnoloxías é o que se coñece como computer anxiety ou mobile computer anxiety, que fai referencia á ansiedade que pode sentir unha persoa cando se atopan diante dun computador. Trátase dunha problemática que afecta exclusivamente os maiores? Fernández-Ardèvol desménteo a pesar de que haxa unha relación máis estreita que noutros grupos: “A experiencia é a variable clave para explicar a ansiedade que algunhas persoas senten ante a idea de utilizar un computador ou un dispositivo móbil. Isto é como conducir: se tes suficiente experiencia afrontas a idea con máis confianza e con máis tranquilidade; se che falta experiencia tal vez te angustias. Agora ben, como a porcentaxe de persoas maiores que utilizan ordenadores e Internet é inferior ao doutros grupos de idade, a primeira impresión tende a ser que é a idade, e non a experiencia, a que explica este tipo concreto de ansiedade”.

 

Pola súa banda, e en canto á fenda tecnolóxica, Pérez ten unha visión de futuro positiva e espera que as novas tecnoloxías non amplíen as barreiras. “É certo que mentres que non se reduza a fenda de acceso e de competencias, o colectivo de maiores beneficiarase menos que outros das vantaxes derivadas do uso da internet. Por iso é tan importante loitar contra a fenda dixital”, asegura. Con todo, o director do Ontsi tamén sinala que “isto non pode significar que se xeren novas barreiras ao colectivo senior. Calquera transvasamento de servizos do mundo físico ao mundo dixital debe tomar en consideración a existencia, por agora, desta fenda dixital. Sen ningún xénero de dúbida isto é así nos servizos do sector público e confío en que tamén o sexa no do sector privado. Debemos aspirar a que a dixitalización non veña para crear novos problemas, senón para resolver problemas existentes”.

 

A confianza pode ser un factor para ter en conta á hora de valorar o achegamento dos maiores ás novas tecnoloxías. Para a SIE16 a privacidade é un aspecto clave para os usuarios, ao 80,3% da poboación preocúpalle (valórana con sete ou máis nunha escala dun a dez) e o 87,9%, 2,7 puntos porcentuais máis que en 2015, considera que debería ser posible identificar e borrar os datos persoais na internet.

 

Neste sentido, as persoas maiores de 65 anos son as máis remisas a renunciar á privacidade e permitir, por exemplo, que tanto as Administracións públicas como os corpos de seguridade accedan aos seus datos da internet: só un 8,6% e un 38,3% respectivamente permitiríano, a porcentaxe máis baixa de todos os segmentos de poboación.

 

Perfil do maior nas redes sociais

Outro estudo da UOC, publicado en 2015, que se enmarca dentro do programa de investigación de excelencia RecerCaixa, e que impulsa a Obra Social A Caixa en colaboración coa Asociación Catalá de Universidades Públicas (Acup), debuxa un perfil con dez características de como é o usuario maior das redes sociais en España.

 

Aínda que a mostra do estudo non é moi grande, de só 20 persoas –once homes e nove mulleres entre 64 e 79 anos–, os usuarios rexistrados tiñan situacións familiares moi diversas (vivindo sós, en parella, con fillos...). Ademais, realizóuselles un seguimento in situ constante ao longo de dous anos, tanto online como fose da internet, e con entrevistas en profundidade ao principio e ao final da investigación.

 

Desta maneira, e segundo especifican no estudo, o maior que utiliza as redes sociais da internet é unha persoa que tamén ten unha vida social activa fóra da Rede. O senior xeralmente prefire “unha relación dun a un”, xa que ao principio ten dificultades para comprender a lóxica da conversación nunha rede social.

 

O estudo sitúa ao WhatsApp, como a rede social con máis éxito, aplicación que lle permite crear grupos cos que manter relacións afectivas moi similares ás que teñen na vida real. O maior con WhatsApp mantén o contacto cos fillos, as súas amizades e outros familiares.

 

Facebook é outra rede social que lles gusta e que os vincula aos seus intereses e afeccións. Ademais, a través de Facebook relaciónanse tamén cos seus netos, xa que se trata dunha rede social que favorece e facilita as relacións interxeracionais entre avós e netos.

 

O maior compórtase dentro das redes sociais como un máis: intercambia imaxes, vídeos e memes de maneira moi habitual. Trátase dun usuario ao que lle gusta comunicarse sen a necesidade de utilizar a linguaxe escrita, que lle xera máis dificultades. O estudo apunta que, polo xeral, é unha xeración que non accedeu a estudos superiores, de forma que a linguaxe escrita resúltalles máis difícil que a expresión con imaxes.

 

En canto ás relacións que establecen os maiores, a máis efectiva téñena cos seus netos, mentres que a que establecen cos seus fillos é máis complexa e complicada. No primeiro caso, trátase dun vínculo que senten máis relaxado, unha situación que se volve máis tensa cos segundos que, ás veces, fanlles sentir como unha carga.

 

Aos senior, as redes sociais axúdalles a construír unha imaxe positiva de si mesmos como persoas activas e integradas na sociedade. Por unha banda, a súa presenza nas redes fanos partícipes da esfera pública e, doutra banda, axúdalles a reducir o posible sentimento de illamento social.

 

Unha característica que coincide co que suxiren outros estudos é que o maior adoita ser un usuario en redes ao que lle preocupa manter a privacidade. Por este motivo, tampouco lle gustan os selfies, que é outra forma de exposición pública nas redes moi estendida entre a mocidade.

 

Con todo, si que son usuarios curiosos aos que lles gusta usar as redes como ferramenta de seguimento non intrusivo do que fai a súa familia.

18/05/201708:44
Usuario cego utilizando un iPad.
Madrid

A ONCE reclama un ‘empoderamento dixital' efectivo para as persoas con discapacidade visual

  • Con motivo da conmemoración do Día da internet 2017

Como cada ano, a ONCE súmase á conmemoración do Día Mundial da internet (#diadeinternet), o 17 de maio, no súa xa décimo terceira edición, que, nesta ocasión, desenvólvese baixo o lema ‘Empoderamento dixital'.

Desde que se instaurou este día, a ONCE tratou de aproveitar a data para concienciar sobre a necesidade de que a accesibilidade universal e o deseño para todos sexa unha realidade, especialmente para as persoas con discapacidade.

Precisamente, nesta ocasión, a Organización quere reivindicar a necesidade de que ese empoderamento dixital ao que abocan os novos tempos sexa efectivo tamén para as persoas cegas ou con discapacidade visual, sempre en risco de exclusión ante os novos avances que se van producindo ao redor da Sociedade da Información e o Acceso á Comunicación.

Como en anteriores edicións, desde os diferentes centros da ONCE traballarase para dar a coñecer algunhas ferramentas e Apps accesibles das que dispoñen estas persoas para poder acceder en igualdade de condicións que o resto de usuarios, mediante a realización de diferentes actividades por todo o Estado. Entre estas App accesibles poden atoparse, como exemplo, os xogos cerebrais UNOBRAIN, o GOLD (Xestor ONCE de Libros Dixitais); o AudescMobile, que permite acceder á audiodescripción de películas, series e contidos audiovisuais desde o móbil; ou o Comunicador Táctil ONCE (CTO) que facilita a comunicación das persoas con xordocegueira.

Así mesmo, no Día da internet, a ONCE visibilizará a necesidade da utilización da internet para o acceso das persoas cegas a servizos básicos como a asistencia médica, compras, ou consultas de actividades de lecer e tempo libre, entre outros; a accesibilidade nas ferramentas que permiten o almacenamento na Nube; o uso das redes sociais como medio de interconexión con grupos de interese; a seguridade nos pagos; os sistemas operativos iOS e Android: ou o teletraballo como modalidade laboral, entre outras moitas cuestións.

Unha cita na que, ademais, a ONCE quere facer unha especial incidencia na importancia de realizar actividades específicas destinadas á participación daqueles colectivos máis desfavorecidos por mor das súas condicións persoais (como é o caso dos cegos maiores ou con outras discapacidades asociadas) ou da súa localización.

 

Actividades por todo o Estado

Para tratar de concienciar ao maior número de persoas con discapacidade visual das posibilidades que ofrece hoxe en día Internet, a ONCE organizou actividades por todo o territorio estatal. Algúns exemplos:

Andalucía: actividades lúdicas ao redor dos xogos cerebrais accesibles Unobrain; sesións de Contact Center; accesibilidade ás redes a través de smartphones; charlas sobre seguridade na Rede; acceso a apps accesibles; acceso a ferramentas internas ONCE, etc. do 17 ao 21 de maio.

18/05/201707:50
Cartel do evento.
Madrid

A II Semana Internacional Ceapat celébrase baixo o lema Son Accesible

O Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ceapat) do Imserso celebra unha ano máis a súa tradicional semana internacional que reunirá do 22 ao 26 maio a máis de 500 persoas entre cidadáns, profesionais, entidades públicas e privadas, ao redor do lema 'Son Accesible'. Esta semana dá continuidade ás edicións previas da Semana de Portas Abertas e ofrecerá tres visitas guiadas diarias (luns a venres de 9 a 10 h., de 11:00 a 12:00 h. e de 13:00 a 14:00 h.).

Os asistentes gozarán de interesantes conferencias, mesas redondas, talleres e paneis de expertos de 40 relatores nacionais e internacionais incluíndo a presentación en forma divulgativa de tres teses doutorais.

A II Semana Internacional Ceapat inaugúrase o luns 22 de maio de 2017 ás 10:30 h. e contará coa presenza de Mario Garcés, Secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Yves Saint Geours, o Embaixador de Francia en España, Lars Andersen, Ministro Conselleiro da Real Embaixada de Noruega e Carmen Balfagón, Directora Xeral do Imserso. Teresa Martínez impartirá a conferencia inaugural Atención centrada na persoa que dará a pé á mesa redonda Son Accesible coa presenza de Google, a Fundación Vodafone e a empresa sueca Bellman.

Programa da II Semana Internacional

Segundo recolle o  programa, o martes 23 tratarase o tema da Cidade Accesible, seguido dun obradoiro participativo sobre Pictogramas de Sinalización para Todos. Continuará o mércores 24 con senllas sesións sobre Asesoramento en Produtos de Apoio e Xogo para a Autonomía Persoal. O xoves 25 de maio debateranse os retos do Vehículo Autónomo para Todos e a Robótica para a Vida Independente, ilustrados por unha tese doutoral que tratará a influencia das condicións de vida nos coidados recibidos polas persoas maiores en España.

Finalmente o venres 26 presentarase o decálogo de apoio á lectura fácil para todos finalizando coa conferencia de clausura Oportunidades de promoción de Accesibilidade nas TIC impartida por Roxana Widmer-Iliescu da área de Inclusión Dixital da Unión Internacional de Telecomunicacións (ITU-D). A asistencia a todas as xornadas é libre e gratuíta ata completar o aforamento. As instalacións do Ceapat son accesibles segundo a norma UNE 170001-2 de Accesibilidade Universal. Todas as xornadas contarán con bucle magnético, subtitulado e interpretación en lingua de signos.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS