main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

19/05/201709:38
Logo ColaboraTIC.gal.
Santiago de Compostela

As firmas de AGASOL compartirán co rural galego os seus recursos

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e a axencia AMTEGA van organizar o vindeiro 16 de xuño, na Cidade da Cultura, a segunda edición da xornada colaboraTIC.gal, desta volta centrada en amosar ao rural galego todo o potencial das nosas tecnoloxías, empresas e profesionais open source. É dicir: todo o que pode facer o software libre, dende unha óptica galega, polo rendemento, a produtividade, a competitividade, a xestión, a distribución, a loxística e a comunicación das nosas firmas e entidades do eido rural.

En palabras de AGASOL, xa non é só que a nosa comunidade de profesionais e empresas open sourceteñan moito que achegar a sectores como o agrogandeiro ou a hostalería, entre outros moitos ámbitos produtivos non urbanos, é que o noso tecido galego de software libre ten tamén moitas posibilidades de saír fortalecido e enriquecido da experiencia. Trátase, basicamente, de xuntar forzas e de tirar proveito dun xeito de traballar que ten, tamén, fondas raizames no rural: traballar en mancomún.

“A xornada colaboraTIC.gal”, engade AGASOL, “será un espazo onde ver e escoitar pero tamén onde amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial”.

Para a ocasión “contarase cun interesante grupo de profesionais e empresas que amosarán as súas experiencias, tanto do que se ten feito como do que se pode facer”, explica a asociación galega, engadindo que a xornada terá dúas xeiras de traballo, unha de mañá, coa presentación de “iniciativas de interese relacionadas coa conexión do mundo rural e as tecnoloxías abertas”, presentacións levadas a cabo por responsables de experiencias concretas de proxectos open source para o rural; e outra de tarde, a sesión conecta, con xanelas directas aos xeitos de traballar de empresas e axentes do ámbito rural que apostan polo código aberto.

O obxectivo da xeira de tarde é animar a entidades ou empresas que non usan ferramentas libres, a empregalas e a apostar por elas (a través de exemplos concretos de entidades ou empresas que xa están familiarizadas cos ditos recursos). Con esta segunda sesión, a de tarde, “trátase de que aquelas descubran as tecnoloxías abertas a través de conexións en directo”, explica AGASOL.

19/05/201709:36
Videotutoriais "Me @dministro".
Santiago de Compostela

ASPAYM e a Fundación Vodafone España lanzan videotutoriais sobre o uso do DNI Electrónico, do Certificado Dixital e do Sistema Cl@ve

  • Os videotutoriais “Me @dministro” promocionan os principais sistemas identidade dixital en España, fomentando o uso do DNI Electrónico, do Certificado Dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) e do Sistema Cl@ve, a través de exemplos

 

A Federación Nacional ASPAYM, contando coa participación da escola de audiovisuais da Fundación do Lesionado Medular e en colaboración coa Fundación Vodafone España, realizou tres videotutoriais sobre a utilización dos sistemas de identidade dixital de uso predominante en España.

Os videotutoriais “Me @dministro”, dispoñibles na canle YouTube de ASPAYM e na canle da Fundación Vodafone España  pretenden achegar a toda a poboación as numerosas posibilidades que ofrece realizar trámites e xestións telemáticas, que coa chegada do DNI Electrónico (DNIe), a ampla aceptación do certificado dixital da FNMT e a creación do novo Sistema Cl@ve supoñen a porta de entrada á incorporación e dispoñibilidade de cada vez máis servizos electrónicos, da máis diversa índole, con toda a conveniencia, flexibilidade e comodidade que levan estes servizos.

A utilización destes servizos electrónicos e, en particular, os servizos das administracións públicas na vida cotiá son unha poderosa ferramenta para potenciar a autonomía e o empoderamento persoal.

O proxecto “Me @dministro” contou coa participación de persoas con discapacidade, non só como beneficiarios últimos dos seus produtos e contidos, senón tamén na súa creación, desenvolvemento e expansión.

De igual modo, para a realización destes videotutoriais, contouse coa Escola de Audiovisuais da Fundación do Lesionado Medular, que permitiu desenvolver un produto audiovisual dinámico, didáctico e de calidade grazas ao seu equipo de profesionais, tamén persoas con discapacidade.

Por parte da Administración, contouse coa participación do Corpo Nacional de Policía, que a través da División de Documentación asesorou e facilitou as súas instalacións para a realización do videotutorial sobre o DNIe, en particular coa xestión do DNIe e a utilización dos chamados “Puntos de Actualización de DNIe”.

19/05/201709:29
Pantallazo da web.
Santiago de Compostela

Cruz Vermella busca as mellores APPs con fins humanitarios

Cruz Vermella Española convocou, por segundo ano consecutivo, os Premios á innovación tecnolóxica aplicada a fins humanitarios, cuxo obxectivo é crear aplicacións móbiles que poidan servirlle á organización na súa atención aos colectivos máis vulnerables.

En concreto, Cruz Vermella outorga tres premios, dotados de 4.000 euros cada un, baixo tres categorías: 'Infancia', 'Voluntariado' e 'Aplicación Protexendo Vidas'.

No primeiro caso, as aplicacións deben de contribuír á mellora de vida de nenos, nenas e novas, "acompañándoos no desenvolvemento de habilidades sociais, dando resposta ás súas inquietudes e favorecendo que eles e elas sexan protagonistas do seu propio crecemento persoal", explica a entidade.

No caso do 'Voluntariado', as aplicacións deben de ir encamiñadas a axudar na promoción e a captación de persoas voluntarias. E, na última categoría, premiarase ás ideas que axuden á prevención de accidentes e incrementen a seguridade en situacións de emerxencia, especialmente, no medio acuático e a súa contorna.

Poderán presentarse aos premios as persoas físicas ou xurídicas, tanto de forma individual como en equipo que presenten traballos relacionados coas tres categorías ofertadas. O prazo para a presentación de proxectos finaliza o 30 de setembro. Toda a información da convocatoria está recollida na web http://www.cruzroja.es/principal/web/premios-tic.

19/05/201709:22
Logo GoAll.
Madrid

A 'app' 'GoAll' permite ás persoas xordocegas 'ver' a televisión sen necesidade de intermediarios

  • A Universidade Carlos III de Madrid, Telefónica e a Federación de Asociacións de Persoas Xordocegas presentaron a 'app' móbil 'GoAll'

 

A presentación da aplicación tivo lugar no campus da UC3M situado na Porta de Toledo de Madrid, nun acto no que interviñeron o director do proxecto, Anxo García; o presidente de Fasocide, Francisco Javier Trigueros, e a directora de Innovación Sustentable de Telefónica, Arancha Díaz-Lladó, e que contou coa presenza do director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade, Borja Fanjul.

O 'software' PervasiveSUB, pioneiro a nivel mundial, recolle todos os subtítulos das cadeas de televisión e envíaos a un servidor central desde onde se reenvían aos 'smartphones' ou tabletas e desde aí a través de 'bluetooth' á liña braille da persoa xordocega grazas á aplicación 'GoAll', que integra o 'software' e que é compatible con diferentes liñas braille e permite controlar a velocidade dos subtítulos captados directamente desde a emisión de televisión en directo.

García explicou que durante a emisión, o teléfono mostra o subtitulado que se está enviando á liña braille, por o que se a persoa xordocega tivese resto visual, non necesitaría usar a liña braille e podería visionar directamente o subtitulado desde o seu teléfono móbil, xa que, a aplicación permite "configurar o tamaño" dos subtítulos. Estos subtítulos aparecen ademais en cor branco sobre un fondo negro, facilitando así que poida ser accesible para persoas con resto visual.

Pola súa banda, Trigueros mostrouse "moi orgulloso de poder eliminar esa barreira enorme que nos atopamos sempre", en referencia a poder acceder á información por eles mesmos, posto que, a diferenza das persoas cegas que poden contar co subtitulado, para o seu colectivo "era un mundo descoñecido" e "non sabiamos como eliminar esa barreira".

Finalmente, Díaz-Lladó destacou que, como se demostrou con esta aplicación, "a tecnoloxía pode ser un aliado básico" para lograr a accesibilidade universal e asegurou que o obxectivo de Telefónica é "levar a revolución dixital a todos" e "non deixar a ninguén atrás".

 

19/05/201709:03
Rosana Rielo.
Lugo

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo estrea xeiras formativas con 10 obradoiros TIC

O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, tal e como se anunciou con motivo da súa posta en marcha, quere ser un punto de encontro de internautas pero, tamén, un polo de información e formación dende o miolo mesmo da cidade vella. Nesta liña, o Concello vén de dar conta do arrinque da actividade formativa con 10 obradoiros tecnolóxicos de balde aos que se suma unha clase maxistral sobre fotografía. O comezo desta andaina divulgativa e educativa foi dado a coñecer este martes pola concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, que fixo saber que os obradoiros van dirixidos a públicos de todas as idades e que están programados para ser desenvolvidos entre o 29 de maio e o 30 de xuño.

Rielo explicou que as xeiras divulgativas son sobre todo pílulas formativas de pequeno formato que teñen, amais de divulgar, o obxectivo de ver cales son as temáticas de meirande interese entre a cidadanía, co fin de ir afondando nelas en datas vindeiras. Ao seu xuízo, os obradoiros serán a maiores unha “excelente oportunidade para mostrar as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía”. O abano temático a tratar será, polo tanto, amplo de abondo. Deste xeito, informou Rielo, tocaranse nos obradoiros cuestións como os trámites electrónicos coa Administración, a iniciación á informática, o emprego de smartphones, a Internet segura, o posicionamento web e SEO, as redes sociais, o retoque fotográfico co smartphone, o comercio electrónico ou a creación de aplicacións móbiles.

Para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas.

A inscrición realizarase até as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio do curso, data distinta para cada unha das accións. Cada persoa só poderá concorrer en dous cursos. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010.

Tal e como anunciou a edil, esta programación tamén inclúe unha clase maxistral de fotografía artística dixital, a cargo de Álvaro Barreiro, o día 27 de maio, de 17:00 a 19:00 horas. A través deste obradoiro abrangueranse cuestións sobre o uso de ferramentas e recursos como Photoshop ou ligthroom, entre outros. Será na sala de usos múltiples do edificio, con entrada libre até completar aforo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS