main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

24/05/201708:00
Mans de muller tecleando nun ordenador portátil.
Lugo

O Concello de Lugo amosa como tirar partido das redes sociais na busca de traballo

O Concello de Lugo vai organizar este mes de xuño cinco novas xornadas formativas destinadas a achandar o camiño laboral de persoas desempregadas. A nova iniciativa, que é de balde e vén da man da Concellería de Economía e Emprego que dirixe Ana Prieto, ten unha clara vertente tecnolóxico-dixital. De feito, amosaranse aos participantes cousas como facer marca persoal nas comunidades en liña, buscar emprego nas redes sociais, ou empregar a fondo o portal de Eures. Os obradoiros abrollan directamente do compromiso do Goberno local coas políticas de inserción laboral e loita contra o desemprego, “un grave problema para miles de lucenses que queren traballar e non poden”. Os dous primeiros obradoiros son Como realizar un currículo atractivo (12 de xuño) e Marca persoal e busca de emprego a través das redes sociais (día 13).

A continuación, será a quenda de Probas para a selección de postos de traballo (día 14), A Rede Eures. O portal de busca de emprego de Europa (día 15) e Como realizar con éxito unha entrevista de traballo (día 16). O horario no que se impartirán as sesións é de 10:00 a 13:00 horas. As prazas son limitadas, polo que, en palabras do Concello, “os interesados deberán anotarse canto antes”. O prazo de inscrición está aberto dende xa e até o 7 de xuño. Para apuntarse é preciso enviar cuberta unha ficha de solicitude (que se pode descargar na web do Concello a espazolab@concellodelugo.org) ou ben entregala nas propias instalacións do Espazo Lab, o Centro de Formación e Orientación Laboral do Concello de Lugo.

23/05/201708:56
Cartel do evento.
Málaga

O Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para Todos abre o seu chamamento de comunicacións

A Fundación ONCE abriu o chamamento de comunicacións do Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para Todos que se celebrará en Málaga do 27 ao 29 de setembro. Centros de investigación e tecnoloxía, entidades públicas e privadas, universidades e empresas interesadas en enviar a súa proposta de comunicación, poden facelo ata o 15 de xuño a través do portal Discapnet.

Baixo o lema ‘Accesibilidade 4.0', o encontro abordará, entre outros temas, as tecnoloxías e servizos de acceso á información e a comunicación; a interacción persoa máquina; os produtos de apoio, e a teleasistencia e o telecuidado como consecuencia da prolongación da vida activa.

Espazo para a Smart City

O encontro da Fundación ONCE tamén tratará o uso das tecnoloxías para promover a Smart City, para mellorar a aprendizaxe e para dar solución a cuestións como o turismo accesible. Tamén haberá espazo para mostrar o fogar dixital e seguir apostando pola vida independente; o emprego da robótica para favorecer a autonomía persoal, e a innovación para garantir o transporte de todas as persoas.

O Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para Todos celebra así a súa segunda edición, fusionando nun mesmo evento DRT4ALL (Deseño, Redes de Investigación e Tecnoloxía para Todos) e Turismo para Todos.

23/05/201708:47
Exposición "Historia da informática na USC".
Santiago de Compostela

A historia da informática na USC, nunha mostra no Colexio de Fonseca

“Desde a máquina perforadora, que nos permitiu facer a nosa tese de doutoramento e boa parte das primeiras investigacións, ata os famosos Mac LC ou o Toshiba Portátil, cos que nos levamos o traballo a casa”. Así lembra o reitor Juan Viaño a época na que a informática chegou ás nosas vidas e que dende hoxe forma parte dunha exposición na sala multiusos do Colexio de Fonseca, con entrada polo xardín situado fronte a Correos.

En realidade, a mostra, comisariada polo profesor José Ángel Docobo, pretende guiar o espectador pola historia da informática na USC, que arranca no ano 1969 cando o reitor García Garrido decide impulsar un centro de cálculo propio grazas á colaboración da Fundación Barrié de la Maza. “Esa foi unha decisión que marcaría o inicio da modernización tecnolóxica na universidade”, dixo Viaño na inauguración.

En efecto, a constitución do Centro de Cálculo Barrié de la Maza é unha das claves da mostra, como tamén o é o Proxecto Telegal, que levou a informática ás ensinanzas primaria e secundaria de Galicia. Ademais, exponse o primeiro computador analóxico que tivo a USC e mediante paneis didácticos coñécense as partes básicas e características dun ordenador e a evolución da informática dende os anos setenta ata hoxe a través dun compendio de aparellos dos 80 e 90 e dos distintos soportes de almacenamento de datos. Inclúese tamén un apartado dedicado ás aplicacións actuais da computación en distintas liñas de investigación que se están a desenvolver na USC.

A mostra conta cunha importante achega tanto do Centro de Supercomputación de Galicia como do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Poderá visitarse durante todo este ano de 12.00 a 20.00 horas de luns a venres e ata as 15 horas os sábados.

Os centros educativos e outros colectivos interesados en realizar unha visita guiada poden poñerse en contacto co profesor Docobo Durántez no enderezo joseangel.docobo@usc.es.

23/05/201708:28
Probas da neuroprótese.
Elxe

A UMH comeza a probar con humanos un sistema de visión artificial para cegos

  • O grupo de Neuroenxeñería Biomédica empezou a traballar co obxectivo de testear unha neuroprótese visual baseada en microelectrodos

As imaxes que percibe o ser humano, a diferenza do que todos pensamos, xéranse na parte traseira do cerebro. No que os expertos denominan como a área occipital. Esta é unha das premisas que inspira a neuroprótese visual na que, desde fai algo máis dunha década, traballa o grupo de Neuroenxeñería Biomédica da Universidade Miguel Hernández (UMH), en colaboración coa Cátedra de Investigación Bidons Egara e un amplo abanico de universidades próximas e doutras partes do mundo, centros sanitarios e institucións, entre as que se atopa a ONCE, o Hospital IMED Elxe, a Unidade de Neuroloxía do "Hospital Vega Baja" de Orihuela, a Universidade de Alacante e a Universidade de Utah (Estados Unidos).

A tecnoloxía que están a configurar componse dunha lente cunha cámara encargada de captar o campo visual e de enviar toda esa información a unha diminuta matriz de microelectrodos instalada no córtex occipital. Alí procesaríase a información e xeraríase, no cerebro do individuo, unha imaxe pixelada coma se tratase dos gráficos dunha videoconsola antiga. Unha operación que, de resultar, permitiría á persoas con cegueira mellorar a súa mobilidade autónoma e, mesmo, capacidade de lectura de caracteres grandes.

Esta revolucionaria investigación, liderada polo director do grupo da UMH, Eduardo Fernández, só se experimentou con animais como ratos ou primates. Nos últimos dous anos recolléronse datos, mediantes probas, de pacientes aos que se lles ía a extirpar unha pequena parte desa área traseira do cerebro por mor dun agudo cadro de epilepsia ou dun tumor. Os devanditos ensaios efectuáronse na Clínica Ruber de Madrid e no Hospital Fundación Jiménez Díaz, tamén da capital.

O feito de que se realizasen estes estudos en persoas con este tipo de patoloxías debíase a que xa, de seu, tiñan que ser sometidos a unha intervención cirúrxica e iso xustificaba este tipo de experimentacións. «Tras os exitosos resultados que obtivemos ao longo de todos estes anos, xa podemos desenvolver, con riscos mínimos, estes experimentos en persoas invidentes, o que supón un gran avance para esta iniciativa neurolóxica. Estamos a redactar o proxecto para, en pouco máis dun ano, comezar a traballar con humanos no Hospital IMED de Elxe. O primeiro que temos que facer é atopar aos voluntarios adecuados para este tipo de ensaios clínicos. Xa non estamos a falar de experimentacións indirectas senón totalmente orientadas á nosa liña de investigación», argumenta Eduardo Fernández, catedrático de Bioloxía Celular da UMH.

As probas que levaron a cabo cos pacientes dos centros Ruber e Jiménez Díaz consistían en estimular, a través de descargas de microelectrodos, diferentes zonas occipitais e rexistrar como, con baixa luminosidade, eran capaces de albiscar algún tipo de luz ou de sombra. Con todo, estes ensaios estaban máis relacionados con medir as capacidades dos seus cerebros, para as intervencións cirúrxicas ás que ían ser sometidos, e non tanto a resolver as incógnitas desta investigación da UMH. «Nos testeos do IMED instalaremos estas matrices de microelectrodos a invidentes e analizaremos que chegan a ver no interior do seu cerebro», manifesta Fernández. Un tipo de experimentación que xa levaron a cabo con monos, aos que lles ensinaban que bebesen zume cada vez que percibían unha imaxe. «O bo dos humanos é que che din, con palabras, o que vai captando o seu cerebro en cada momento», advirte o científico.

Cos resultados que consigan obterán «unha enorme información de fronte ao seguinte gran reto, que é saber como traducir a imaxe que recolle a cámara en impulsos eléctricos para que esta pequena matriz de microelectrodos, parecida ao chip dun computador, sexa capaz de compoñer unha imaxe con sentido».

23/05/201708:18
Logo OrientaTech.
Santiago de Compostela

A Fundación TECSOS lanza o portal www.orientatech.es como referente na comparación de produtos de tecnoloxía social

  • O proxecto vai permitir trasladar a experiencia e coñecemento da Fundación TECSOS na atención a colectivos vulnerables a través do uso da tecnoloxía para que a industria desenvolver produtos e solucións que cubran as súas necesidades

Con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións, a Fundación de Tecnoloxías Sociais TECSOS lanza www.orientatech.es, unha iniciativa sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é dar a coñecer dunha forma rigorosa, imparcial e cunha linguaxe próxima solucións TIC existentes que poden ser de utilidade para fomentar a autonomía persoal e un envellecemento activo.

O proxecto pon a disposición a plataforma www.orientatech.es, un novo ‘Orientador' de Tecnoloxías Sociais, que ofrece filtros de procura para que calquera persoa poida atopar e comparar as solucións e produtos que mellor se adapten á súa necesidade”, indica Julián Andújar, xerente da Fundación TECSOS.

A análise dos produtos lévase a cabo por un equipo de enxeñeiros da Fundación de Tecnoloxías Sociais e da Fundación Vodafone expertos na aplicación social da tecnoloxía, que realizan a verificación técnica do produto, e un grupo de voluntarios e usuarios de Cruz Vermella, que coñecen as necesidades á que vai dirixido o produto e que realizan a validación social. Esta valoración técnica e social compleméntase con información práctica como vídeos, fotos, opinións doutros usuarios e entidades con información do produto incluíndo tipo de garantía, formas de adquisición e toda aquela información que poida ser relevante para coñecer o produto.

A Fundación Tecnoloxías Sociais – TECSOS é unha fundación sen ánimo de lucro creada no ano 2002, a través do impulso conxunto da Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS