
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O mundo dixital é cada vez máis accesible para todos, mesmo para as persoas maiores. E é que moitas innovacións tecnolóxicas van encamiñadas a mellorar a calidade de vida da poboación anciá en varios dos seus ámbitos. O obxectivo non só é enriquecer a súa experiencia como usuarios dixitais senón tamén facer máis fácil o seu día a día. Pero, ¿cales son os beneficios que Internet pode achegar aos máis maiores? A continuación descríbense diversas tecnoloxías que melloran a vida das persoas da terceira idade: desde apps para a saúde ata propostas para mellorar a memoria.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística recollidos no informe 'Un perfil das persoas maiores en España ', un 34,7% dos maiores de 65 anos utilizou Internet no últimos tres meses. Esta cifra medrou case un 30% desde 2006 a 2016, o que demostra que a tecnoloxía cada vez está máis integrada no día a día das persoas anciás, que confían na Rede para hábitos diarios como informarse.
Son moitos os ámbitos nos que se está aplicando a tecnoloxía para facer máis fácil a vida das persoas de maior idade. Programas informáticos, apps para dispositivos móbiles, avances en redes sociais, etc., todo pode ser moi útil para eles. Estes son algúns dos usos máis estendidos:
1. Tecnoloxía adaptada para maiores
O primeiro que hai que garantir é que o acceso ás novas tecnoloxías sexa posible para a terceira idade. Internet é un mundo por completo novo para moitas persoas maiores, polo que é habitual que experimenten dificultades ao navegar pola Rede ou ao utilizar os seus teléfonos móbiles. Con todo, hoxe en día é posible adaptarlles sistemas operativos como Android, é dicir, facelos máis intuitivos modificando os menús ou aumentando o tamaño de imaxes e texto. Algunhas aplicacións coas que se pode facer isto son WISER, Large Launcher e ata SwiftKey, coa que se pode agrandar o teclado do teléfono.
2. Aplicacións que coidan a saúde dos maiores
A medida que van pasando os anos, velar pola saúde convértese nunha prioridade aínda máis importante. E grazas a algunhas apps, coidarse resulta moito máis fácil. No que a deporte e exercicio físico se refíre, é moi interesante Podómetro, unha aplicación que permite calcular as distancias e as calorías consumidas nos paseos dos máis maiores. Outra das necesidades máis comúns é estar ao día cos medicamentos que han de tomar. Para non perderse nin un só detalle existe a app Medisafe, que avisa mediante notificacións de cando se deben tomar os fármacos.
3. Aplicacións para comunicarse coa familia
Unha das palabras que mellor define a esencia da internet é conexión. A Rede achega ás persoas, tamén ás maiores. Neste sentido, algunhas cidades do mundo como a xaponesa Iruma están a impulsar iniciativas para axudar aos anciáns que se perden a través de identificadores con códigos QR. Ademais, servizos de mensaxería instantánea e programas sinxelos como Skype contribúen a que moitas persoas maiores estean en contacto cos seus seres queridos e amigos cando non é posible desprazarse da casa.
4. Apps para a memoria
Da mesma forma que se adestra o corpo, tamén se debe exercitar o cerebro. Para combater ou, polo menos, minimizar os efectos da perda de memoria, existen aplicacións como Memory Trainer, coa que poder desenvolver as capacidades de cálculo mental, linguaxe e lóxica. Desta maneira, na palma da man está todo o poder para deseñar rutinas de adestramento mental e exercitar a actividade cerebral de forma continua.
5. Aplicacións divertidas
As persoas maiores dispoñen de moito tempo libre, así que o entretemento é unha parte esencial nas súas vidas. As posibilidades que ofrece a tecnoloxía son infinitas: desde libros dixitais lixeiros con pantallas especiais que non cansan a vista ata videoxogos intuitivos para tabletas e dispositivos móbiles. A iso únese unha ampla oferta de contidos audiovisuais (películas, series e documentais) que Internet e os televisores Smart TV ofrecen a mozos e maiores.
Tecnoloxía para todos
A tecnoloxía non funciona como unha barreira entre xeracións, senón máis ben o contrario. Con esforzo, innovación e orixinalidade pode ser moi sinxelo facilitar a inclusión das persoas maiores na contorna tecnolóxica e dixital. E, como se viu no texto, isto pode ter consecuencias moi positivas nas súas vidas, pero tamén é algo que beneficia a todos e que nos fai medrar e avanzar como sociedade.
A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia, está a colaborar coa Rede CeMIT na realización de actividades formativas destinadas, prioritariamente, a persoas maiores de 45 anos (aínda que sen excluír a calquera outra persoa interesada por motivos de idade), a través do seu proxecto Ágora Tecnoloxía.
A colaboración consiste nun ciclo de seminarios online enfocado a persoas cun nivel de aceptación e uso das novas tecnoloxías inicial. Nestes seminarios daranse a coñecer os principais usos que teñen os dispositivos móbiles e tabletas no perfil de usuario destinatario, coa clara intención de desbloquear os temores e barreiras psicolóxicas que en moitos casos existen no seu uso por parte dos maiores, achegándolles os coñecementos necesarios e a aplicación directa da tecnoloxía no seu día a día.
Este venres 26 de maio en horario de 11:00 a 12:30h emitirase en directo por Internet dende a Aula CeMIT de Cuntis (Pontevedra) o seminario gratuíto "Usa Internet con seguridade. Protéxete dos perigos da Rede". Navegar por Internet tamén ten os seus perigos e a mellor forma de protexerse é coñecelos. Neste seminario falarase de como manter protexidos os ordenadores e teléfonos intelixentes de posibles ameazas como virus e outros perigos. En concreto falarase de:
A Deputación de Ponvevedra vén de adxudicar o contrato para o desenvolvemento do programa Conectadas 2017, que, como lembraremos, vai dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, fortalecendo os seus recursos para tirar o máximo partido das novas ferramentas como canles de acceso ao desenvolvemento persoal, comunicativo e laboral. A empresa gañadora do procedemento aberto de contratación foi a UTE integrada por Forox Innovación, S.L. e Marexada, Deporte, Lecer e Cultura, S. L. Entre os obxectivos específicos de Conectadas figura o de loitar directamente contra a fenda dixital de xénero: un problema que impide que as mulleres accedan plenamente ás vantaxes da Sociedade da Información. Conectadas 2017 inclúe un orzamento de 324.000 euros e un programa de 300 accións formativas.
Carmela Silva lembrou na presentación de Conectadas 2017 que se trata dun programa para “mellorar a formación básica das mulleres e favorecer as súas relacións interpersoais, o intercambio de experiencias” ademais de “contribuír á mellora da súa empregabilidade e mantemento no mercado de traballo” e “reducir a súa fenda dixital mediante a formación nas novas tecnoloxías”. O programa está destinado ás asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres. Cada unha das asociacións poderá desenvolver unha única acción formativa que suman un total de 47 obradoiros distribuídos entre oito bloques temáticos: Muller emprende (emprendemento), Muller e cultura (adicado ás artes visuais), Actualízate (alfabetización dixital), Coas túas mans (traballos manuais), Porque ti o fas (xardinería e ornamentación floral), Súmate ao cambio (cociña, costura, coidados e dependencia, corresponsabilidade, reciclaxe, bricolaxe etc.), Ponte en forma (deportes) e Coidados persoais.
Dende hai un ano A Coruña acolle unha serie de encontros mensuais ao redor do mundo dos blogs (abordando tamén temáticas próximas), e aínda que habitualmente se celebran os últimos mércores de cada mes, esta décima edición vai ser especial e terá lugar o vindeiro sábado, contando con 8 conferencias, 2 mesas redondas, 18 relatores e 369 asistentes, confiándose en que estes últimos acheguen uns tres quilos de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica, o que permitiría que nun único encontro puidese superarse a barreira dos 1.000 quilos de alimentos.
Este evento de carácter solidario é de balde, estando aberta a súa inscrición en liña para controlar o aforo e finalmente é público o seu programa de actividades completo, que botará a andar cun relatorio de Javi Mos, o responsable das redes sociais do programa de televisión Land Rober Tunai Show, ao que seguirá Isaac Martín, autor do blog de viaxes Chavetas. A media mañá do sábado celebrarase unha mesa redonda de tuiteiros e para completar a sesión matinal entrará en acción o cómico Víctor Grande e a estratega en redes sociais Eva Añón presentará un estudio no que se fai unha radiografía dos blogueiros coruñeses, o que podería trasladarse de xeito doado ao ámbito estatal, dando así conta da situación deste ámbito que algúns daban por morto tras a forte emerxencia de plataformas sociais como Facebook ou Twitter.
Pola tarde, Bernardo Riveira de R impartirá unha charla sobre fibra óptica e big data, a blogueira Begoña Rodríguez achegará ferramentas básicas para a creación dunha marca persoal e/ou profesional, terá lugar unha mesa de blogueiros, o organizador de TEDxGalicia, Marcos Pérez Gulín, compartirá a súa visión sobre o equilibrio entre a xeración de contido de calidade e a forma axeitada de transmitilo, entregaranse os premios dos concursos aos máis chiadores e aos mellores selfies e, a xeito de peche, a xornalista Nani Arenas falará sobre como comunicar nos século XXI.
O encontro estará conducido polo xornalista Alfonso Hermida, e dende a organización apuntan que aínda quedan invitacións dispoñibles para poder participar e así aprender algo máis sobre blogs, redes sociais, Internet e tecnoloxía á vez que se pasa unha amena xornada.
O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo vai organizar este 31 de maio a sexta edición da súa xornada de Experiencias TIC, unha cita para amosar o máis salientable da súa innovación tecnolóxico-docente, establecendo pontes de colaboración con outros equipos docentes e outros centros. En palabras da organización, a intención do encontro é “mostrar á comunidade educativa os proxectos levados a cabo durante o curso escolar 2016/2017 polo CEIP Ponte dos Brozos”, que ten como obxectivo fundamental o desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e Comunicación e a innovación educativa.
A xornada, engaden, é a consecuencia lóxica dun centro cuxa aposta TIC ten fondas raizames. Esta aposta tradúcese, no seo do CEIP, en cousas como o emprego de recunchos de ordenador desde cuarto de Educación Infantil (3 anos) até cuarto de Primaria, no uso de portátiles desde terceiro de Primaria hasta sexto de Primaria e no emprego de iPads en diferentes niveis, especialidades e aulas específicas. As sesións levaranse a cabo no salón de actos do Centro Tecnolóxico de Arteixo, en horario de 16.30 a 20.00 horas.
Logo da apertura oficial de actividades, ás 16.45 o profesor Fernando Moreno presentará o encontro e o resumo das actividades do CEIP ao abeiro das TIC. Arredor das 17.00 será a quenda de María Ces, co relatorioTerritorio das Ar-TICs; ás 17.20 falarán Beatriz Suárez-Noguerol Calvet e Patricia Galán Gómez, co relatorio Reflexionando despois dun ano con Aula Planeta; ás 17.40 horas intervirán Inés González Llera e Ana Sevilla Blanco arredor da cuestión A escola na Rede. Logo dunha pausa para o café e de demostracións de realidade virtual por parte do alumnado, volverán as xeiras de debate ás 18.30 horas da man de Sonia Iglesias Rega e Patricia Boedo Noya (Realidade virtual e Storytelling), de Alberto López Souto (Fotografía e realidade aumentada: Proxecto Dkarret) e de Ángel Romero Roel e Rosa Moreiras Mosquera (Xogando aos oficios con Minecraft).