main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

26/05/201708:54
Presentación de "H@ppy Day".
Ourense

DOWN OURENSE e a Fundación Vodafone España presentan un ambicioso proxecto de formación en TIC para a inserción laboral das persoas con síndrome de Down

  • En 2017 reciben formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual de DOWN OURENSE

 

DOWN OURENSE e a Fundación Vodafone España presentaron na Molinera en Ourense “H@ppy Day”, unha iniciativa cuxo obxectivo é concienciar aos empresarios e á sociedade sobre os beneficios da inserción laboral das persoas con síndrome de Down.

Nesta acción, que forma parte do programa de formación prelaboral en Novas Tecnoloxías ‘Yo me prep@ro', participaron representantes do tecido empresarial de Ourense, así como usuarios de DOWN OURENSE que conseguiron un posto de traballo grazas a el.

Xuntos contaron as súas experiencias, poñendo de manifesto os beneficios que achegan as persoas con síndrome de Down no traballo e o positivo que é para os empresarios contar con eles nos seus cadros de persoal. Eles, empregados e empregadores, alentaron a outros empresarios para contratar a persoas con discapacidade intelectual e a que comproben as vantaxes sociais e produtivas que se obteñen ao darlles unha oportunidade nunha empresa normalizada: melloran o clima laboral, achegan alegría e optimismo, e son metódicos e organizados nas súas tarefas.

No acto interviñeron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o vicepresidente da Deputación de Ourense e Concelleiro de Servizos Xerais, Promoción Económica e Emprego, Jorge Pumar; a vicepresidenta de DOWN OURENSE, Milagros Requejo e o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro. Tamén se contou coa presenza de representantes do sector empresarial, como Natalia Barreiros, responsable de Merkal Calzado; Carlos Mata, responsable da empresa Primux, e Verónica Pardellas, usuaria de DOWN OURENSE.

 

O programa ‘Yo me prep@ro'

O obxectivo do proxecto ‘Yo me prep@ro' é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudalos a salvar a fenda dixital que os condiciona enormemente á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Este ano, en Ourense están a recibir esta formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 usuarios de DOWN OURENSE, que adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado.

Estes alumnos de Ourense sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. É total serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.

Tras o éxito de anteriores edicións, o proxecto afronta este ano a súa terceira edición a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas. Desde a súa posta en marcha en 2014, e a pesar das complicadas condicións do mercado de traballo, este programa conseguiu 222 contratos para alumnos con síndrome de Down.

Como complemento a esta edición, os 480 mozos que participaron nas dúas edicións anteriores do proxecto recibirán un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.

26/05/201708:44
Portada de Downtown.
Madrid

O videoxogo 'Downtown' ensina a persoas con síndrome de Down a moverse polo metro de Madrid

  • O Centro de Estudos e Innovación en Xestión do Coñecemento da Universidade Francisco de Vitoria, fai un estudo no que mozos con síndrome de Down aprenden a moverse polo metro de Madrid

 

'Downtown, aventura no metro', desenvolvido baixo a dirección do director do Ceiec, Álvaro García, é un videoxogo que simula de forma realista o metro de Madrid e é capaz de recrear calquera ruta do plano de metro. Así, os usuarios poden adestrar as súas habilidades para moverse de maneira autónoma por este medio de transporte antes de utilizar o metro.

O estudo desenvolveuse en Down Madrid, onde 42 persoas con síndrome de Down de idades comprendidas entre os 20 e 41 anos, alumnos do servizo TIC, probaron o xogo.

A investigación levouse a cabo este mes, utilizando un xogo educativo especialmente deseñado para persoas con discapacidade intelectual, en concreto a síndrome de Down, cuxo obxectivo é ensinar aos alumnos a moverse polo metro da súa cidade de forma autónoma.

Ao comezo do experimento asignouse un identificador único a cada participante para acceder ao xogo e só o profesor de Down Madrid pode relacionar a información das sesións de xogo cos alumnos. Mentres os alumnos xogan, os profesores poden monitorar a información capturada polo xogo en tempo real e ver que dificultades teñen mentres están a xogar, monitorando erros, progresos e puntuacións.

A investigación consta de tres etapas. Nunha primeira fase os profesores realizaron unha breve sesión de formación no xogo e encheron un formulario referente a cada un dos alumnos, tipificando as súas características cognitivas e a súa habilidade á hora de manexar a tecnoloxía e os videoxogos. Despois, os alumnos xogaron a tantas sesións de xogo como foi posible nun período de tempo de tres horas. Os datos de cada sesión de xogo foron recollidos en tempo real. Unha vez terminadas as sesións, os investigadores analizaron os datos co obxectivo de buscar patróns de aprendizaxe comúns dependendo das características intelectuais dos xogadores con síndrome de Down.

Nunha segunda fase, os investigadores repetirán o estudo cun grupo máis reducido de alumnos, que posteriormente baixarán ao metro cun adestrador, e compararase a súa experiencia con aqueles alumnos que non xogasen previamente co videoxogo para comprobar se este achegou beneficios para a autonomía neste medio de transporte.

26/05/201708:38
Smartphone coa app JoinIn.
Santiago de Compostela

Lanzan unha App de participación cidadá e creación de iniciativas para mellorar a cidade

Unha aplicación móbil para impulsar a participación cidadá e a súa colaboración para mellorar a súa cidade, o seu barrio ou a súa rúa, é o lanzamento levado a cabo por unha start up especializada en apps e innovación colaborativa e unha empresa social dedicada a promover a solidariedade e a sustentabilidade. Chámase JoinIn App e quere crear unha rede global de persoas e organizacións socialmente responsables.

A través da aplicación, calquera persoa pode propoñer unha acción colaborativa para resolver un problema ou mellorar algún aspecto da vida na súa cidade, así como solicitar a colaboración doutras persoas para convertela en realidade. Á súa vez, poden elixir entre outras iniciativas postas en marcha por Ong ou asociacións, para dedicar parte do seu tempo libre a colaborar nalgunha actividade en beneficio da súa comunidade. A ferramenta tamén permite aos gobernos locais poñer en marcha as súas propias iniciativas na aplicación.

“Contamos cunha poderosa ‘arma de construción positiva de comunidades' que pon na man de 2.000 millóns de usuarios mundiais de smartphones a posibilidade de participar na mellora da súa comunidade e consecuentemente na sustentabilidade do noso planeta. ‘Somos o que facemos', e queremos animar aos cidadáns para tomar a iniciativa”, afirma Marco van der Ree, presidente e cofundador de JoinIn.

26/05/201708:19
Cartel do evento.
Santiago de Compostela

O CPEIG xuntará en Santiago un amplo e referencial elenco de expertos en protección dixital

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue adiante co seu amplo programa de actividades de divulgación, formación e debate para este ano 2017, un ano no que, como lembraremos, a entidade profesional celebra os seus dez anos de andaina. Amais da Noite da da Enxeñaría en Informática (prevista para o 16 de xuño en Santiago) e a mostra sobre a historia informática da USC, o CPEIG tamén está a impulsar estes días unha nova edición da Xornada de Ciberseguridade en Galicia. A cita vén da man da colexio e conta co patrocinio da empresa tecnolóxica Emetel e a colaboración de ABANCA e Symantec. Contarase cun notable elenco de expertos en materia de protección dos datos e as comunicacións. Para formalizarmos a inscrición xa está habilitada unha web específica de seu. O obxectivo é pór á comunidade galega á vangarda dunha das grandes inquedanzas actuais do empresariado, administracións e particulares: Como facer para que o coñecemento de noso ou da nosa empresa só estea a disposición de quen queiramos que estea?

A cita será no Centro ABANCA Obra Social da praza de Cervantes, en Compostela. A xornada comezará ás 10 da mañá cunha benvida institucional na que participarán o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira; o director xeral de Emetel, Manuel Lago; e Roberto Baratta, responsable de Seguridade de ABANCA. A partir das 10.15 horas, sucederanse varios relatorios sobre administracións públicas, a cargo de Xavier Gatius, do Centro de Seguridade da Información de Cataluña (CESICAT); Rafael Pedrera Macías, do Centro Nacional de Protección de Infraestruturas Críticas (CNPIC), e Adrián Lence Paz, pola AMTEGA. Despois dunha pausa, a xornada retomará a actividade contra o mediodía para ofrecer varios relatorios sobre a empresa, dos que se ocuparán Ramsés Gallego, de Symantec, e un conferenciante por determinar en representación de Microsoft. Ás 13 horas celebrarase unha mesa redonda baixo o epígrafe de As empresas galegas no novo contexto tecnolóxico” a cargo de Roberto Baratta; Andrés Tarascó, de Tarlogic; Iago Fortes, de Inprosec; Susana Rey, de R; e Rafael Ave, de Emetel. O peche da xornada será ás 14.00 horas a cargo de Roberto Baratta e Fernando Suárez.
 

Datos do INCIBE
Segundo informa o CPEIG, o alicerce deste encontro está nos desafíos claros que pon de manifesto o medre da Sociedade do Coñecemento. Un medre que leva implícito o crecemento de ameazas. O CPEIG sinala a este respecto, reflectindo datos do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE, que as incidencias en seguridade nas redes informáticas a raíz do ciberataque de alcance mundial de mediados do mes de maio afectaron a máis de 360.000 equipos e deixaron pegada en 180 países diferentes. Segundo explica o CPEIG, “nos últimos tempos, os atacantes informáticos profesionalizáronse e os expertos alertan de que a súa motivación xa non é técnica nin intelectual, senón económica e política; trátase dun risco global que pode ter moi graves consecuencias para a economía ou a seguridade da cidadanía”. En opinión do CPEIG, a resposta a ese risco global vai alén da tecnoloxía e require “dun enfoque multidisciplinar”, ademais “dunha estreita colaboración de gobernos e empresas que cómpre reforzar”. Cara a isto precisamente se dirixe a xornada do CPEIG.

24/05/201709:54
Foto de grupo das VI Xornadas #ASPACEnet.
Madrid

Fundación Vodafone España acolle as VI Xornadas #ASPACEnet en Vodafone Praza

  • Estas Xornadas celebráronse os días 19 e 20 de maio en Madrid e foron unha gran ocasión para que as entidades expuxeran os seus proxectos e xuntos debatesen sobre o futuro de #ASPACEnet

 

#ASPACEnet é un proxecto que ten como misión mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral a través da tecnoloxía e, especificamente, as Tecnoloxías de Apoio (TA) e os Sistemas Alternativos e Aumentativos de Comunicación (SAAC).

As Xornadas contaron cos seguintes fitos:

1. Entrega de Premios do “I Concurso de Videotutoriais #ASPACEnet”:

  • Na categoría de Adaptacións “de baixo custo”, o premio é para AVAPACE e o seu vídeo “Pau de selfie”, que ensina como adaptar un pau de selfie para que sexa utilizado por persoas con diversidade funcional. 
  • ASPACE Asturias levouse o premio na categoría de Monografías “”, co vídeo “Implementación do proxecto #ASPACEnet”, no que ensinan como levaron a cabo o seu proxecto #ASPACEnet no centro.
  • No caso da categoría de Casos “de Provisión de Tecnoloxía de Apoio”, o premio é para Aremi Lleida e o vídeo “O meu mundo nun clic: Daniel”, no que coñecemos como a tecnoloxía lle facilita o día a día a Daniel.
  • Por último, APACE Toledo leva o premio da votación popular realizada en redes sociais. O seu vídeo “A voz dos meus ollos”, onde presentan un caso real de tecnoloxías de apoio para discapacidade, foi o máis votado, con 1730 gústame.

2. As entidades presentaron os proxectos de colaboración #ASPACEnet 2016/2017.

  • Proxecto TvPC á carta (Atenpace, APACE Toledo e ASPACE Asturias)  traballarán conxuntamente para crear un blogue e unha canle de contido audiovisual, similar a unha canle televisiva.
  • Proxecto Non nos cortamos ( Aremi Lleida e ASPACE BARCELONA) que ten como obxectivo elaborar unha curtametraxe por entidade e celebrar un festival de curtos no que poder compartir as experiencias do proceso de creación
  • Proxecto RadioRed, unha iniciativa de radio colaborativa que xa foi premiada na edición anterior do concurso e que este ano se amplía coa participación de ASPACE Coruña, AMAPPACE Málaga e APAMP Vigo.
  • Crea en Rede é o proxecto de ASPACE Salamanca, UPACE Xerez e ASPACEBA Badaxoz que ten como obxectivo crear un equipo de traballo que elabore material adaptado baseado en unidades didácticas do currículo escolar, para traballar cos alumnos máis gravemente afectados.
  • O proxecto ASPACE chef - Convídasme a comer? unirá ASPACE Huesca, ASPACE Xixón, ASPACE Cáceres, APCA Alacante e ASPACE Navarra na tarefa de realizar un obradoiro de cociña no que se terán en conta as posibilidades, competencias e necesidades das persoas con parálise cerebral, así que tamén se recopilarán receitas de cociña de comidas de diferentes texturas.
  • Proxecto EnRUTA2 (ASPACE León e ASPACE Salamanca) crearán videoguías para persoas con mobilidade reducida, co fin de que poidan consultar posibles itinerarios e rutas de saída e goce do lecer.

3. Deuse a benvida a dous novos colaboradores: Fundación Tecsos presentando as solucións de Teleasistencia Móbil Accesible e a Empresa Mouse4all.

4. Tívose a oportunidade de falar sobre o futuro do programa #ASPACEnet e a nova convocatoria de proxectos colaborativos que nesta nova edición irá máis enfocada a solucións innovadoras baseadas en tecnoloxías como a realidade virtual, realidade aumentada, intelixencia artificial, interfaces naturais e interoperables con outros métodos de acceso alternativos e aumentativos, …

A actividade do proxecto pódese seguir en Twitter a través do hashtag #ASPACEnet e #conecta2Xaccesibilidad  e na web  http://aspacenet.aspace.org/

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS