main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

30/05/201710:34
Cartel da xornada.
Madrid

Red.es organiza o Conversatorio sobre Dereitos Dixitais dos Cidadáns

O traballo que estivo realizando nos últimos meses o Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) de Red.es móstrase e analízase no ‘Conversatorio sobre Dereitos Dixitais dos Cidadáns' que ten lugar este mesmo martes, 30 de maio, no auditorio 200 do Edificio Nouvel anexo ao Museo Reina Sofía.

O congreso tratará cuestións vinculadas ao ámbito dixital e os cidadáns, como son a liberdade de información e comunicación, a privacidade, a propiedade intelectual, o dereito ao esquecemento, a igualdade e a protección do menor, entre outras.

Programa centrado nos dereitos dos cidadáns

O Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais dos Cidadáns, formado por expertos e integrado por José Luis Piñar, Tomás de la Quadra-Salcedo, Ricard Martínez, Diego Naranjo, Miguel Pérez Subías, Christoph Steck e Ofelia Tejerina, estivo traballando nesta materia desde a súa primeira reunión, celebrada en marzo e presidida por lle ministro de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, Álvaro Nadal.

O secretario de Estado para a Sociedade da Información, José María Lassalle, participará na apertura do congreso, que comezará coa sesión plenaria ‘Dereito e dereitos na sociedade dixital' impartida por Stefano Rodotà, impulsor da Declaración Italiana de Dereitos na internet. A continuación desenvolveranse cinco mesas redondas composta cada unha por moderador, relator e cinco relatores de traxectoria internacional. A secretaria de Estado de Xustiza, Carmen Sánchez-Cortés Martín será a encargada de pechar a xornada.

O acceso ao evento do día 30 require de invitación previa, pero a organización previu a emisión en directo desde a web de Red.es.

30/05/201708:10
Inauguración da programación de Tecnoloxíza-T!.
Lugo

Até 60 persoas participaron na apertura de obradoiros do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, participaron este sábado na actividade inaugural da programación formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías. A sesión de apertura do programa foi, precisamente, unha clase maxistral sobre fotografía dixital, conducida polo artista local Álvaro L. Barreiro. Segundo informa o Concello, a actividade tivo un éxito total, participando nela unhas 60 persoas. Por mor de non ter podido dar acollida a todas as veciñas e veciños interesadas/os en concorrer na sesión, o Goberno local está a estudar a posibilidade de repetir a clase maxistral.

A programación de actividades no novo espazo TIC do Concello, Tecnoloxíza-T!, inclúe 10 obradoiros con 150 prazas de balde para todas as idades. Arrancan este mesmo luns, con dous cursos: un sobre iniciación á informática, continuará ata o 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas; e outro de utilización de smartphones, ata o 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas.

Segundo engade o Concello, estas xeiras de divulgación están a ter moi boa acollida, pois en menos de dez días cubríronse as prazas da maioría dos obradoiros, polo que os interesados deben dirixirse canto antes ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas. A inscrición realizarase até as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio de cada curso. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010.

Xunto aos obradoiros de iniciación á informática e utilización de smartphones, ofrécense os seguintes cursos: trámites electrónicos coa administración, iniciación á informática, utilización de smartphones, Internet segura para tod@s, posicionamiento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra en liña, venda en liña e creación de aplicacións móbiles. Toda a información sobre o programa está dispoñible en www.lugo.gal.

30/05/201708:03
Logo Conectadas 2017.
Pontevedra

Conectadas reforza a súa vertente TIC

Finalmente a Deputación de Pontevedra presentou a listaxe de actividades do seu programa Conectadas 2017, que este ano, como salientamos os días pasados, van desenvolver as firmas Forox e Marexada por valor de 324.000 euros. Segundo fixo saber a presidenta da entidade, Carmela Silva, a edición deste ano de Conectadas (programa dirixido a impulsar a formación das mulleres do eido provincial, facendo fincapé nas potencialidades das novas tecnoloxías), inclúe un total de 343 accións formativas de 35 horas de duración cada unha, para o mesmo número de entidades espalladas por 60 concellos da provincia. O obxectivo é beneficiar este ano a 5.145 persoas, superando en preto de dous centenares a cifra de 2016. Conectadas reforzou este ano seus dous bloques TIC, dun total de oito bloques: Muller Emprende e Actualízate.

Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar os obxectivos principais do programa, que ten por finalidade “a formación básica das mulleres na comunidade para favorecer as relacións interpersoais e o intercambio de experiencias, contribuír a mellorar a súa empregabilidade e o seu mantemento no mercado de traballo e reducir a fenda dixital mediante o emprego da información e das novas tecnoloxías”. En total, o programa ofrece oitos bloques de accións formativas: Muller Emprende, con cursos para crear empresas, administrar redes sociais, comercio electrónico, asesoría laboral e adestramento; Muller e Cultura, con formación sobre fotografía, pintura, percusión e canto tradicional, teatro e encontro con lectoras; Actualízate, con cursos sobre alfabetización dixital e socializándose coas redes; Coas túas Mans, con formación sobre cestería, traballos en tea, coiro, madeira e outros materiais e costura creativa; Porque ti o Fas, con cursos sobre arte floral, poda, xardinería e horta ecolóxica; Súmate ao Cambio, con formación sobre cociña e alimentación, conservación de alimentos, cociña, tapas e petiscos, pastelería e repostería creativa, iniciación á costura, coidados, mantemento do fogar e xestión doméstica, coida o teu vehículo, bricolaxe e reparacións, reciclaxe e igualdade; Ponte en Forma, con cursos sobre pilates, taichí, ioga, ximnasia, zumba e sendeirismo; e Coidados Persoais, con formación sobre menopausa de xeito saudable, coidar coidándonos, relaxación, intelixencia emocional, risoterapia, musicoterapia e obradoiro de mindfulness.

Este ano as accións formativas máis solicitadas pertencen ás áreas de Actualízate, Coas túas Mans, Porque ti o Fas, Súmate ao Cambio, Ponte en Forma e Coidados Persoais. Un dos obradoiros máis demandados foi o de Alfabetización dixital II: Internet e correo electrónico.

29/05/201709:59
Presentación de "Comparte a túa enerxía".
Madrid

Unha plataforma online para atopar lazarillos de running para cegos

  • 'Comparte a túa enerxía' é unha iniciativa da enerxética EDP, coa colaboración da ONCE e a Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC)
     

A enerxética EDP, coa colaboración da ONCE e a Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC), presentou 'Comparte a túa enerxía', unha plataforma online que facilita a todas aquelas persoas cegas ou con discapacidade visual grave, afeccionadas ao 'running', atopar corredores que poidan ser os seus guías en carreiras e maratóns, segundo informaron as organizacións.

A plataforma foi apadriñada polo atleta Martín Fiz, que presentou a acción xunto ao runner internacional cego, Pablo Canteiro, nun vídeo onde ambos corren man a man.

"Comparte a túa enerxía é un gran punto de encontro que nos servirá ás persoas que, como eu, temos diminuídas parcial ou completamente as nosas capacidades visuais, a gozar do deporte 'facendo amigos' *Hai alguén aí preparado para compartir a súa enerxía?", comentou Canteiro durante a narración do vídeo, segundo informa Telemadrid.

Ao pulsar o vídeo na web, con Google Chrome ou Firefox, a tecnoloxía de recoñecemento permite identificar que o usuario ten os ollos pechados para que se poida reproducir, e mostra tamén as directrices e titoriais necesarios para que os diferentes perfís de corredores se compenetren.

29/05/201709:16
As compoñentes de Teño unha Horta en San Sadurniño acadaron o premio na categoría de Vídeo-opinarmos.
Ourense

E os mellores ‘youtubeir@s’ son...

  • Ourense acolleu este venres a gala de entrega de premios do Concurso de Vídeos na Rede
  • As pezas de Corasón de Churrasco e Teño unha Horta en San Sadurniño acadaron os galardóns principais

 

Un vídeo opinativo sobre a problemática da praga da couza guatemalteca e un videotitorial de como facer un guiso anti-San Valentín. Estas son as pezas audiovisuais premiadas na primeira edición de Youtubeir@s Concurso de Vídeos na Rede. O Teatro Principal de Ourense acolleu este venres a gala de entrega de premios desta iniciativa dos servizos de normalización lingüística das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña e dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove. Con este acto culminou un proxecto que naceu coa vontade de conseguir que haxa máis vídeos en galego en Internet, concretamente na canle de YouTube, co fin último de fomentar a presenza e o uso deste idioma na rede.
 

Dous premios e catro mencións honoríficas

Tal e como explicaron María Yáñez e Manuel Núñez Singala en nome do xurado que participou no certame, a elección dos premiados entre os máis de 200 vídeos presentados resultou complicada dada a diversidade e calidade das propostas recibidas. Finalmente, na categoría Vídeo-facermos o premio foi para a peza Guiso especial anti-San Valentín, realizada polas youtubeiras de Corasón de Churrasco. Na categoría Vídeo-opinarmos o premio foi para Prohibido plantar patacas: a praga da couza guatemalteca, das xa populares youtubeiras de Teño unha Horta en San Sadurniño, que recolleron o premio “con orgullo de ter chegado ata aquí” e reclamando “máis mulleres rurais e máis galego na rede”. Cada un dos galardóns estaba dotado con 1000 euros.

Tamén se entregaron diversas mencións honoríficas, dotadas con 500 euros de premio. A mención especial polo enxeño e creatividade foi para David Otero Fumega polo seu vídeo SmartFol G6! Unha review moi especial e o premio que destacou a eficiencia comunicativa foi asignado ao videotitorial Tortilla de Pascua, da youtubeira Isabel Villanueva. A mención de honra á calidade técnica recibiuna Miguel Rodríguez pola súa vídeo-opinión 1000 rpm-A noite e o recoñecemento á calidade lingüística foi para o IES Urbano Lugrís de Malpica pola peza colectiva Seis pasos para falar malpicán.
 

Moita vida ao galego... e a Youtubeir@s

A gala foi presentada pola actriz Iria Pinheiro e nela predominou a ironía e o humor arredor do “gremio dos youtubeir@s”. Iñaki Quenerapú fixo un monólogo sobre a importancia de elixir ben a miniatura estática nos vídeos de YouTube e a Vj Marta Verde realizou un espectáculo de mestura cos vídeos participantes en directo. O acto contou coa asistencia de máis dun cento de persoas, entre concursantes, público e representantes institucionais dos concellos e universidades promotoras do certame. Entre eles e en representación das universidades implicadas, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quixo dar as grazas aos participantes no certame “por ter presente o galego nas vosas vidas e por telo levado á rede” e salientou o compromiso dos campus galegos co uso do galego. O vicerreitor rematou o seu discurso desexando “moita vida ao noso idioma”. Pola súa banda, os responsables de Normalización Lingüística dos concellos de Ourense e Pontevedra, María Belén Iglesias e Alberto Oubiña respectivamente, amosaron o seu desexo de que o certame de Youtubeir@s teña continuidade de futuro por canto supón “traballar a prol do galego a través de ferramentas actuais”, segundo salientou María Belén Iglesias, e porque "debemos prestixiar o galego en cantos máis mundos mellor”, tal e como subliñou Alberto Oubiña.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS