main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

31/05/201714:33
Cables de conexión.
Santiago de Compostela

O Observatorio para a Sociedade da Información da Amtega publicará este ano o primeiro estudo sobre Ciberseguridade nos fogares galegos

  • É un dos obxectivos do Plan de Traballo 2017 que se presentou hoxe no Pleno do Observatorio
  • Tamén se deu a coñecer un breve balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, en base aos últimos datos do Osimga
  • No período 2012-2015 a contratación de Internet mediante banda larga en Galicia creceu un 34,5% fronte ao 16,6% en España e ao 11,1% da UE
  • O tecido empresarial galego incrementou o investimento en TIC un 22,5% no último ano
  • A directora da Amtega deu conta tamén dos dous primeiros anos de execución da Axenda Dixital de Galicia 2020, nos que se mobilizaron máis de 320 millóns de euros entre capital público e privado

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presidiu hoxe en Santiago o Pleno do Observatorio para a Sociedade da Información (Osimga), no que deu conta do Plan de Traballo do Osimga para 2017, fixo balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, en base aos últimos datos do Observatorio e avanzou as actuacións dos dous primeiros anos de execución das medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020.

Ademais de realizar novos informes de carácter xeral sobre a penetración das TIC en fogares, empresas, sector TIC e Administración, o Observatorio abrirá este ano novas liñas de estudo. Unha das novidades será a elaboración do primeiro estudo sobre “Ciberseguridade e Confianza Dixital nos fogares galegos”. O obxectivo deste informe é analizar o coñecemento especializado en materia de ciberseguridade, coa finalidade de advertir dos riscos existentes na navegación e usos de Internet e favorecer a implantación de medidas de seguridade por parte da cidadanía.

Outra das novas liñas de traballo será a elaboración do estudo temático “Perfil sociodemográfico dos internautas galegos”, que permitirá coñecer os factores que poden incidir na evolución do uso das tecnoloxías na poboación galega e maximizar o impacto das políticas públicas neste ámbito.

Ademais no marco de colaboración con outras entidades, como a Unidade de Muller e Ciencia, elaborarase unha nova edición dos informes sobre o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero e a situación das mulleres no sector TIC. Co fin de contribuír a avaliación do Plan Estratéxico da Xuventude, darase continuidade ao estudo temático sobre A Mocidade e as TIC. No marco do Plan de Software Libre, o Osimga realizará novas vagas de estudos temáticos en 3 ámbitos: O Software libre nas empresas, no sector TIC e nos concellos.

 

Máis de 100.000 visitas ao portal do OSIMGA

No transcurso do Pleno tamén se fixo balance das actuacións do OSIMGA durante 2016, destacando que o Observatorio cumpriu cos compromisos asumidos no Plan Galego de Estatística 2012-2016 e, concretamente no seu Programa Anual de desenvolvemento, correspondente ao ano 2016.

No ano 2016, o portal web do OSIMGA recibiu 115.854 visitas, un 10,4% máis que o ano anterior, e o número medio mensual de visitas á web do OSIMGA situouse en 9.655 visitas.

 

Situación da Sociedade de Información en Galicia

No Pleno tamén se presentou un breve balance da situación da Sociedade da Información en Galicia, en base aos últimos datos do Observatorio. No período 2012-2015 a contratación de Internet mediante banda larga en Galicia creceu porcentualmente un 34,5% fronte ao 16,6% en España e ao 11,1% na Unión Europea. Este incremento permitiu que en catro anos Galicia recortase en 7,2 puntos a fenda en contratación de banda larga coa media estatal e en 10,3 puntos coa media europea.

Ademais, a porcentaxe de galegos que obteñen algún tipo de información online das Administracións Públicas é do 69,1%, cunha vantaxe de 12,3 puntos respecto a España e respecto de Europa, de 20,1 puntos

No que se se refire ao tecido empresarial galego, incrementouse significativamente o seu investimento en TIC. O gasto total das empresas galegas en produtos ou servizos TIC superou os 337 millóns de euros, experimentando un aumento do 22,5% en 2016 con respecto ao ano anterior. O crecemento máis significativo rexistrouse nos gastos en bens TIC das microempresas galegas cun aumento do 45%, pasando de 26 millóns de euros a case 38 millóns de euros.

 

Balance ADG 2020

A directora da Amtega destacou que no período 2015 – 2016 as actuacións da Axenda Dixital de Galicia 2020 mobilizaron máis de 324 millóns de euros, dos que máis de 51 corresponden a capital privado; conseguindo sentar as bases para dar resposta aos desafíos formulados en torno ás liñas estratéxicas da ADG2020: Valoración da Administración, Énfase na vida Dixital, Aceleración da Economía Dixital, Estímulo ao Crecemento do Sector TIC e Articulación Dixital do Territorio.

 

Memoria de actividade OSIMGA 2016

31/05/201713:16
Cartel do evento.
León

INCIBE organiza o I Foro Internacional de Xénero e Ciberseguridade os días 5 e 6 de xuño

Os próximos días 5 e 6 de xuño celébrase o ‘I Foro Internacional de Xénero e Ciberseguridade: creando un mundo dixital máis inclusivo v1.0‘ no Auditorio Cidade de León baixo a organización do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) en colaboración coa Organización de Estados Americanos (OEA). O Foro abordará a loita contra a violencia de xénero na internet e a ciberseguridade como oportunidade de desenvolvemento profesional.

A organización quere por sobre a mesa unha realidade que afecta principalmente ás novas. Sete de cada dez vítimas de ciberacoso son mozas segundo o I Estudo sobre CiberBullying da Fundación ANAR. Por outra banda, só o 18% dos postos de traballo do sector tecnolóxico en España están ocupados por mulleres, segundo datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e a maior parte de profesións relacionadas coa seguridade seguen estando dominadas por homes.

Sobre a análise da situación actual, o I Foro Internacional de Xénero e Ciberseguridade tratará de extraer conclusións, buscar solucións e promover iniciativas para mellorar a empregabilidade no sector da ciberseguridade e para evitar a violencia de xénero dixital. Para iso, a organización confeccionou un programa de conferencias, mesas redondas e grupos de traballo formados por prestixiosos relatores nacionais e internacionais.

 

Oportunidades de desenvolvemento no futuro tecnolóxico e a ciberseguridade

Un total de catro grupos de traballo abordarán distintos aspectos relacionados cos temas centrais do foro: Mellores prácticas para sensibilizar ás mozas na importancia do mundo dixital, especial referencia á Ciberseguridade, carreiras tecnolóxicas, e medios de comunicación; Mellores prácticas para evitar a violencia de xénero na rede; Cales deberían ser as actuacións dos distintos stakeholders (goberno, sector privado, sociedade civil, mundo académico) para fomentar a diversidade de xénero?, e Oportunidades de desenvolvemento no futuro tecnolóxico e a ciberseguridade, un grupo de traballo no que participará Inés Leal, Directora Editorial e Desenvolvemento de Grupo Tecma Rede e directora do Congreso Cidades Intelixentes.

O evento é gratuíto e está dirixido a profesionais do sector público e privado, sociedade civil, representantes de institucións, asociacións e fundacións, forzas e corpos de seguridade, profesionais do dereito, da comunicación, do mundo académico e doutros sectores. As persoas interesadas en asistir a este evento poden rexistrarse, de forma gratuíta, mediante o formulario online dispoñible.

31/05/201712:41
Entrega de Premios á Innovación Social de Obra Social la Caixa.
Madrid

As ideas sociais máis innovadoras reciben o seu premio

  • Obra Social “la Caixa” entrega os seus Premios á Innovación Social a 10 proxectos que presentan a característica de transformar a sociedade

 

A aparición dunha nova sobre cursos en español para estranxeiros impartidos por unha entidade sen ánimo de lucro de Galicia, foi contestada no medio dixital que a publicou con numerosos comentarios racistas. Aí naceu Ciberespec, un proxecto da ONG Ecos do Sur en clave de acción social para contrarrestar este tipo de comportamentos, por desgraza, máis habituais do que se pensa nun soporte tan difundido como un xornal dixital.

Ciberespec é unha das 10 iniciativas que se fixo merecedora dun dos Premios á Innovación Social que outorga cada ano a Obra Social “la Caixa”.

En palabras de Joanna Prats, Directora do Departamento Coordinador de Entidades Sociais e Proxectos Transversais, “un dos éxitos desta convocatoria –e doutras que pon en marcha- é que se abre unha colaboración efectiva coas distintas entidades sociais”, un aspecto que se podería dicir que é o leitmotiv destes Premios que alcanzan a terceira edición.

 

Máis de 1.100 presentados

En total trátase dunha decena de proxectos que, como no caso de Ciberespec, resultaron recoñecidos tras unha criba inicial de 1128 accións, das que quedaron 327 e que, á súa vez, deixaron 50 finalistas ata chegar aos gañadores e tres recoñecementos máis en forma de accésits .

Segundo explicou Prats na presentación dos Premios á Innovación Social, “os galardóns supoñen por en valor o traballo social” que articulan as iniciativas que se desenvolven en diferentes partes de España.

Ao seu xuízo “o mundo social avanza e evoluciona, e todos estamos obrigados a adaptarnos e buscamos esa adaptación a través da innovación social” que supón unha transformación de diferentes colectivos e situacións.

 

Discapacitados, desempregados...

Por iso é polo que, xunto a Ciberespec fosen recoñecidos outros programas como Incide (Málaga), centrado na prevención da violencia de xénero; ZaraGOZADA, que pon o acento na mellora da accesibilidade universal; Baobab, o proxecto da Fundación CEPAIM, que loita pola convivencia intercultural en Almería; a Asociación do Proxecto San Fermín, de Madrid, que impulsa a inserción sociolaboral de persoas que presentan maiores dificultades para acceder a un emprego; ou AutonoME que, como indicou unha dos seus responsables, Núria Pascual, “persegue a interrelación do home co robot para impulsar o tema das emocións” e está dirixido a persoas discapacitadas.

Son só cinco exemplos dos 10 proxectos innovadores máis sociais de 2016 aos que Obra Social “la Caixa” premia polo seu impacto na sociedade na que se desenvolven. Joanna Prats, na presentación dos galardoados, recoñeceu que “cada vez hai máis proxectos que se presentan á convocatoria, e cada vez é máis complicado chegar á elección final”.

 

"Innovadora e transformadora"

Nesta terceira edición, as iniciativas repártense por Madrid, Barcelona, Zaragoza, A Coruña, Málaga, Bizkaia, Almería e Granada. Cada unha delas recibirá de Obra Social “la Caixa” 15.000 euros, mentres que outros tres lograron senllos áccesits dotados con 5.000 euros.

Juan Antonio Segura, director da Fundación CEPAIM (premiada nesta convocatoria), indicou que estes premios son “vitais e necesarios”, engadindo que “toda acción social é innovadora e transformadora”. Á fin e ao cabo, diso se trata.

31/05/201708:26
Entrega de premios de Vodafone Connecting for Good.
Santiago de Compostela

Vodafone e Xunta lanzan a segunda convocatoria do programa ‘Connecting for Good Galicia’, que outorga 35.000 euros na primeira edición

  • A Xunta concedeu unha axuda de 25.000 euros a Robobo como “Mellor Proxecto” e a Fundación Vodafone outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade” dotado con 10.000 euros, a Insulclock
  • As seis iniciativas emprendedoras participantes da primeira edición promoven o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles en diferentes ámbitos e presentaron os seus resultados esta mañá
  • Hoxe ábrese a segunda convocatoria do programa, á que se poderán presentar proxectos de innovación social dixital ata o 2 de xullo

 

O programa Vodafone Connecting for Good Galicia concedeu hoxe 35.000 euros aos dous mellores proxectos tecnolóxicos da súa convocatoria 2016. Estes recoñecementos foron outorgados no acto de clausura da primeira edición do programa, que tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura, presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde, e que contou coa presenza do director de Administracións Públicas de Vodafone, Diego Torrico, e do director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno.

Connecting for Good Galicia é un programa impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da Fundación Vodafone España. O seu obxectivo é desenvolver iniciativas emprendedoras de innovación social dixital en calquera dos ámbitos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores. Precisamente, Francisco Conde destacou que os proxectos presentados nesta primeira edición mostran que os avances tecnolóxicos tamén están ao servicio das persoas para dar resposta os grandes retos sociais: “Desde a Xunta queremos facilitar que esas ideas que teñen os nosos emprendedores se poñan ao servizo e necesidades das persoas e facer unha sociedade dixital que ten que ser inclusiva para que permita que as persoas dependentes e maiores teñan unha maior calidade de vida”, asegurou o conselleiro.

 

Premiados primeira edición

Os seis proxectos participantes da primeira edición, foron Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia, a través de Axencia Galega de Innovación (GAIN), concedeu unha axuda de 25.000 euros á mellor iniciativa da convocatoria polo seu carácter innovador, traballo en equipo, aproximación ao mercado e aproveitamento do programa na súa execución e posta en marcha. O proxecto elixido foi Robobo.

Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio Conectados pola Accesibilidade valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal.

Todos os proxectos participantes recibiron un diploma acreditativo e un patrocinio de 2.000 euros cada un tras completar o programa de formación e mentoring, ao que a Amtega contribúe con 30.000 euros en cada convocatoria, e que se impartiu no espazo Vodafone Connecting for Good, situado no Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura.

Para o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta, Francisco Conde López, esta iniciativa supón amosar como nas novas tecnoloxías están as ferramentas para promover unha educación máis dixital, que a sanidade poida dispor de mellores sistemas de tratamento, integrar as persoas maiores e colectivos profesionais no uso das TIC ou mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e de quen coida delas. “Os obxectivos que persegue este programa son unha suma de emprendemento e innovación”, destacou Conde quen subliñou que Connecting for Good Galicia vén de completar un mapa cunha ducia de aceleradoras que están en marcha na comunidade como Vía Galicia, Agrobiotech ou Business Factory Auto, entre outras.

Vodafone Connecting for Good Galicia é a aposta de Vodafone, en colaboración coa súa Fundación, para o desenvolvemento de tecnoloxías accesibles para o benestar social, e tamén un impulso aos proxectos emprendedores en Galicia. “É importante seguir apoiando este tipo de iniciativas, sobre todo se teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida de persoas maiores e persoas con algún tipo de discapacidade”, explicou Diego Torrico, director de Administracións Públicas de Vodafone España.

 

Apertura da II Convocatoria 

No acto celebrado esta mañá anunciouse a apertura da II Edición do Programa, ao que se poden presentar candidaturas desde hoxe ata o 2 xullo a través da web da Fundación Vodafone: http://www.fundacionvodafone.es/premios/premios-connecting-good-galicia

Os seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado por GAIN, e os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros de GAIN e a un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia. Ademais, Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorpore os principios de accesibilidade universal.

 

31/05/201708:17
Curso de iniciación á informática.
Lugo

Arrincan dous obradoiros de informática e smartphones no Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo

Logo da apertura oficial da actividade formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, inauguración da que falamos salientando a notable presenza de público, o novo centro neurálxico TIC do casco vello da cidade proseguiu estes días co seu roteiro de obradoiros fixado para esta tempada, o programa Tecnoloxíza-T!, organizado pola Concellería de Concello e Cidadanía. Máis polo miúdo, deuse acubillo ao comezo de dúas novas actividades, unha de iniciación á informática, que se impartirá até 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas, e outra de uso de smartphones, que seguirá até o vindeiro venres, 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas. Para estes novos cursos cubríronse a totalidade das prazas dispoñibles, polo que participan 30 persoas.

Como lembraremos, a programación de actividades no novo espazo TIC do Concello inclúe 10 obradoiros con 150 prazas de balde para todas as idades. Amais dos devanditos cursos de iniciación á informática e emprego de smartphones, fornécense os seguintes: trámites electrónicos coa administración, Internet segura para tod@s, posicionamiento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra on line, venda on line e creación de aplicacións móbiles. Quen queira máis información sobre estas actividades, tena na páxina web do Concello, lugo.gal.

Segundo informou a Concellería, estas xeiras de formación están a ter “moi boa acollida”. De feito, as prazas da maioría dos obradoiros cubríronse en menos de dez días.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS