
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A segunda convocatoria de ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ permanecerá aberta ata o próximo 2 de xullo. Este programa, impulsado por Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrece apoio e formación a iniciativas empresariais de innovación social dixital.
‘Connecting for Good Galicia’ está dirixido a emprendedores e/ou PEMES de recente creación cuxos proxectos de negocio contribúan á innovación social, en concreto, aqueles que resolvan algún reto social no ámbito da educación, saúde, participación cidadá, ou calquera dos recolleitos na Axenda Dixital de Galicia 2020, valorando especialmente o enfoque inclusivo cara aos colectivos de persoas con discapacidade e persoas maiores. O obxectivo do programa é conseguir que estas iniciativas empresariais se convertan en negocios reais, e os seus produtos ou servizos despeguen coas maiores garantías de éxito.
Principais características do programa
Nesta convocatoria seleccionaranse ata un máximo de seis iniciativas de emprendemento, que contarán cun patrocinio de 2.000 euros cada unha, concedido pola Xunta, así como de axudas, outorgadas por Fundación Vodafone, para a contratación de persoas con discapacidade para o desenvolvemento das súas respectivas ideas de negocio. Doutra banda, tamén poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha. Ademais, Fundación Vodafone outorgará o Premio ‘Conectados pola Accesibilidade’ de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
Os proxectos incorporados ao Programa beneficiaranse de sesións de formación e mentoring e accederán a un conxunto de ferramentas e recursos a través dun traballo personalizado e dunha metodoloxía de aceleración específica baseada na innovación. Todas as iniciativas dispoñerán dun espazo de traballo na sede de ‘Vodafone Connecting for Good’, situada nas dependencias do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, para facilitar a coordinación e xestión das propostas.
A convocatoria
O prazo para a presentación de proxectos finaliza o día 2 de xullo. Unha vez finalizado este prazo comezará o proceso de selección dos participantes que constará de tres fases. Nunha primeira fase valoraranse todas as solicitudes en base á documentación achegada, nunha segunda fase os proxectos que sexan seleccionados terán que presentar documentación adicional, e nunha terceira fase convocaranse entrevistas persoais aos solicitantes que superasen as dúas primeiras fases, co fin de coñecer todos os detalles do seu proxecto.
O fallo do Xurado notificarase antes do 4 de agosto. A fase de formación dos proxectos seleccionados terá unha duración de seis meses comezando en setembro de 2017.
Máis información: http://www.fundacionvodafone.es/premios
Primeira Edición
O pasado 30 de maio celebrouse en Santiago o acto de clausura da primeira edición do programa, no que participaron os proxectos Insulclock, Robobo, KeeperTech, Phottic, PsicoVR e Xesmar. Destes seis proxectos, a Xunta de Galicia a través de GAIN, concedeu a axuda de 25.000 euros a Robobo , robot educativo que combina unha plataforma robótica móbil cun Smartphone para fomentar a dixitalización nas aulas.
Ademais, Fundación Vodafone España outorgou o Premio “Conectados pola Accesibilidade” valorado en 10.000 euros, ao proxecto Insulclock, dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena automaticamente toda a información relativa á súa administración, por ser o que mellor incorporou os Principios de Accesibilidade Universal.
Facebook puxo en marcha os seus mapas de desastre a través dos que ofrecerá datos de actividade a organizacións de emerxencia e humanitarias para facilitar o seu traballo en lugares onde se produciu unha catástrofe natural.
Esta información permitirá ás organizacións humanitarias destinar os recursos alí onde realmente se necesitan así como tomar outras iniciativas que permitan salvar o máximo de vidas posibles. Esta rede social estivo traballando xunto con UNICEF, a Federación Internacional de Sociedades da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella, o Programa Mundial de Alimentos e outras organizacións para desenvolver esta iniciativa con todas as garantías para ser útil en situacións críticas.
Nesta primeira etapa os mapas só poderán ser usados polas organizacións que colaboraron na súa implementación, aínda que Facebook quere expandilo a outras organizacións e mesmo gobernos.
Tipos de mapa
Densidade, mostra onde se sitúan as persoas antes, durante e despois do desastre natural. Esta información poderá ser comparada con outros datos históricos, como estimacións de poboación baseadas en imaxes de satélite, para servir de apoio aos colectivos humanitarios e de emerxencias á hora de entender que áreas se viron máis afectadas pola catástrofe.
Movemento, recolle os patróns de desprazamento entre barrios e cidades durante un determinado período de varias horas. Grazas a estes datos, as organizacións poderán identificar mellor onde serán necesarios máis recursos, definir mellor as rutas de evacuación ou predicir onde haberá maiores problemas de tráfico.
E o coñecido ‘Safety Check‘, a través da que os usuarios que se atopan na zona afectada poden informar os seus contactos que están ben. Grazas a este servizo, a rede social poderá delimitar en que zonas hai máis ou menos persoas a salvo, o que servirá aos colectivos para localizar os lugares onde se necesita máis axuda.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta (Amtega), Mar Pereira, destacou hoxe que o incremento da seguridade na rede é unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020, que se plasma no Plan Director de Seguridade TIC 2015-2020. A máxima responsable da política tecnolóxica autonómica inaugurou hoxe en Santiago a II Xornada de Ciberseguridade de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG).
Pereira sinalou que os ciberataques xeran un dobre prexuízo, o que causan directamente aos afectados e o clima de desconfianza que xeran na cidadanía respecto do uso de medios electrónicos. Neste sentido, a directora da Amtega afirmou que aínda que os ataques informáticos non se poden evitar ao 100%, cada vez existen máis servizos e ferramentas para minimizar o máximo posible o seu impacto. Por iso, engadiu, a ciberseguridade é un aspecto imprescindible a ter en conta en calquera tipo de organización pública ou privada e tamén no ámbito persoal.
Seguridade na rede e confianza dixital
A directora da Amtega afirmou que o Plan Director de Seguridade da Xunta, que conta cun investimento de 11 millóns de euros en 5 anos, é folla de ruta para protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.
No marco do Plan estanse a desenvolver una serie de actuacións, tanto técnicas e operativas como organizativas e formativas, que permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.
Estas medidas permiten, tamén, unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles delitos relacionados co ciberespazo.
Colaboración
Nun proceso de dixitalización intensivo, como o que se está a desenvolver a nivel mundial, as infraestruturas tecnolóxicas que garanten o funcionamento de servizos públicos convértense en infraestruturas críticas e a ciberseguridade nun elemento clave de seguridade nacional. Mar Pereira incidiu en que incrementar a seguridade require da acción conxunta dos diferentes Gobernos, dos corpos e forzas de seguridade, e tamén da colaboración estreita do sector tecnolóxico.
Fundación ONCE ampliou o prazo, ata o próximo 30 de xuño, para a presentación de comunicacións que se queren presentar no Segundo Congreso Internacional de Tecnoloxía e Turismo para Todas as Persoas, que se celebrará en Málaga entre os próximos 27 e 29 de setembro.
Baixo o lema “Accesibilidade 4.0”, volven fusionar por segunda vez consecutiva o VII Congreso DRT4ALL (Deseño, Redes de Investigación e Tecnoloxía para Todos) e o VI Turismo para Todos. Nesta ocasión contarase con sesións conxuntas, nas que se exporán solucións e aplicacións das Tecnoloxías ao Turismo para todas as persoas, e sesións propias das temáticas expostas a continuación.
Neste evento quérese mostrar o que a tecnoloxía, os destinos turísticos intelixentes, os produtos ou servizos poden facer polas persoas. As persoas, os dereitos, a innovación e os produtos e servizos que se ofrecen, son elementos que se deben ter en conta neste século XXI para poder atender as necesidades individuais dentro dunha oferta global.
Entre os temas que se abordarán durante a celebración do congreso figuran tecnoloxías e servizos de acceso á información e a comunicación; a interacción persoa máquina; os produtos de apoio; a teleasistencia e telecoidado: prolongación da vida activa; o fogar dixital e vida independente; a robótica para a autonomía persoal; o transporte para todas as persoas; as tecnoloxías para Smart City; as tecnoloxías para a aprendizaxe e a colaboración accesibles; e as aplicacións das tecnoloxías e solucións ao turismo accesible.
O prazo para a presentación das comunicacións finaliza o próximo 30 de xuño.
O Comité Científico seleccionará, de entre as comunicacións aprobadas, as que serán presentadas no Congreso. Todas as comunicacións aprobadas polo Comité Científico incluiranse no Libro de Actas do Congreso de Tecnoloxía e Turismo para Todas as Persoas 2017 que se publicará na Web en soporte electrónico con ISBN.
O sistema está composto por unha cámara 3D e un pequeno ordenador que se colgan do pescozo do usuario, un cinto con cinco motores de vibración situados na metade frontal e separados pola mesma distancia un doutro, e unha liña de braille que se coloca na cadeira.
Desta forma, o usuario non ten que utilizar auriculares, o que deixa libre o sentido do oído para utilizar outros dispositivos ou para outras necesidades. Ademais, o MIT subliña que este modelo é compatible co uso de bastóns.
A clave deste sistema está nos algoritmos deseñados polos investigadores do MIT para identificar superficies e a súa orientación utilizando a cámara 3D. Así, cando o usuario se achegase a unha superficie, os motores do cinto vibran na dirección na que se atopa o obstáculo.
Ademais, o sistema axuda ás persoas cegas a atopar un asento baleiro, para iso a cámara atopa primeiro unha superficie e logo comproba que non estea xa ocupada.
Estes motores de vibración no cinto poden variar a súa frecuencia, intensidade e duración, de maneira que lanzan distintos sinais aos usuarios. Por exemplo, se aumenta a frecuencia e a intensidade das vibracións significa que o usuario se achega a un obstáculo nesa dirección.
Pero, se o usuario activa o modo de atopar unha cadeira vacante, unha dobre vibración indícalle a dirección na que se atopa ese asento.
Ademais das vibracións, o usuario pódese servir da liña de braille para advertir obstáculos ou para atopar cadeiras baleiras. Se, por exemplo, hai unha mesa preto, a liña escribirá unha ‘t' (de Table'). ‘Agora ben, a dirección na que apareza o símbolo ‘t' na liña de braille marcará onde está a mesa, mentres que a columna na que salga o símbolo establecerá a distancia.
O MIT apunta que nas probas que se levaron a cabo, este sistema reduce os contactos das persoas cegas con obxectos que non sexan cadeiras nun 80%, e os golpes cos bastóns a outras persoas andando nun corredor nun 86%.