main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

14/06/201708:56
Cartel da iniciativa.
Pontevedra

Depo en Marcha introducirá nas TIC aos maiores de Pontevedra

O programa Depo en marcha, a iniciativa da Deputación de Pontevedra para favorecer o envellecemento activo, incluirá actividades tecnolóxico-dixitais para os nosos maiores. Así o vén de informar Carmela Silva, a presidenta da entidade provincial, lembrando (nun plano máis xenérico) que os obradoiros serán desenvolvidos nos concellos (39) pola UTE formada polas empresas Forox Innovación e Marexada, e que o programa abrangue un centenar de actividades con 8 temáticas diferentes pensadas para a terceira idade, unha das canles será unha temática TIC.

A presidenta salientou a importancia que teñen iniciativas como esta, destinadas a "favorecer o envellecemento activo e que queren contribuír á optimización das oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade", así como a establecer relacións sociais e favorecer a implicación en actividades que melloren o estado anímico das persoas maiores. Tamén informou de que xa solicitaron participar este ano no programa un total de 270 entidades de maiores, persoas xubiladas e pensionistas de toda a provincia. Delas, 216 cumprían todos os requisitos e polo tanto son as adxudicatarias dos 100 obradoiros que se van a realizar. O prezo da matrícula será de 6 euros por actividade.

Os 8 obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán En Rede (Internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e informática avanzada), Traballando coas Mans (arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e traballos coas mans), Entre Fogóns(cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos),Aprendendo da Natureza (plantas medicinais; Móvete: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba), Activando Corpo e Mente (conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés), Enredando (xogos tradicionais e teatro), e Dálle Marcha (bailes de salón, pandeireta e canto popular).

As actividades terán lugar en 39 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

13/06/201712:40
Logo CODIX.
Santiago de Compostela

O mércores 14 de xuño publicarase no DOG unha nova convocatoria do curso de teleformación titorizado para a obtención do CODIX

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre o xoves 15 de xuño o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria que sairá publicada o proximo mércores 14 de xuño no Diario Oficial de Galicia con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de novembro.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como persoas usuarias da rede CeMIT. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

O prazo de inscrición, que se realizará por internet a través dunha nova publicada na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal)  será de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o xoves 15 de xuño ata o mércores 21 de xuño incluído.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética e se publicará a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10,10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

 

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
13/06/201712:37
Un teléfono móbil coa aplicación Fálao! aberta.
Santiago de Compostela

Un mozo arxentino crea unha aplicación para facilitar a comunicación de persoas xordas

  • A aplicación Fálao! traduce a voz o que o usuario xordo escribe no móbil e pasa a texto o que o seu interlocutor di, permitindo unha comunicación fluída

 

Esta aplicación é gratuíta e está dispoñible para teléfonos Android e non necesita que o teléfono estea conectado a Internet.

No seu deseño, o mozo arxentino de 18 anos Mateo Salvatto tivo en conta as necesidades das persoas con discapacidade auditiva, polo que a aplicación inclúe botóns con texto predefinido moi útil para facilitar o seu uso.

Por exemplo, na súa pantalla principal, ademais do botón para que o teléfono lea o que escribiu o usuario ou para gravar o que di o interlocutor, existe un acceso directo a unha explicación en voz do funcionamento da aplicación, para que a persoa que vai interactuar co xordo poida saber rapidamente o que ten que facer.

Tamén trae predefinidas algunhas mensaxes de emerxencia para pedir que se chame á policía, a unha ambulancia, aos bombeiros ou para reclamar axuda en xeral.

Así mesmo, incorpora outros textos de uso frecuente como “son xordo” e “son xorda”, “perdinme”, “sinale” e “escriba”.

13/06/201712:32
Xogos Braille.
Santiago de Compostela

Xoguetes para achegar aos poucos o braille a nenos con discapacidade visual

  • Que mellor maneira de achegar o braille aos nenos máis pequenos que ilo introducindo nas súas rutinas de xogo, a través de xoguetes pensados especificamente para facilitar a adopción deste sistema de lectura

 

Nesta ocasión escollemos tres xoguetes que están dispoñibles na tenda online de Plazatoy, unha das compañías de xoguetes adaptados para nenos con discapacidade que operan en España.

A primeira opción chámase Memo Táctil e, aínda que non incorpora aínda os puntos de braille, serve para que os máis pequenos vaian desenvolvendo o tacto, ao ter que colocar os cilindros na súa posición guiándose polo tacto.

Para unha seguinte fase escollemos dous xoguetes que xa introducen ao pequeno no braille. Por unha banda, un xoguete tipo dominó no que os números van acompañados da súa correspondencia en braille.

Por último, escollemos un alfabeto en braille. Son fichas en madeira de grande tamaño na que por oco relevo o pequeno pode descubrir a forma de cada letra, e debaixo atopar a súa correspondencia en braille.

12/06/201712:21
Cartel da xornada.
Barcelona

Expertos analizan en ESADE o papel da innovación para resolver retos sociais

  • O martes 13 de xuño celébrase en Barcelona 10ª Xornada Anual do Instituto de Innovación Social de ESADE, titulada ‘Deseñando o futuro: como resolver retos sociais complexos'

 

Organizada coa colaboración da Fundación EY, e co apoio de Corresponsables como media partner, a xornada afondará en como as organizacións, empresas e institucións sociais contribúen á transformación social desde diferentes aproximacións.

Para iso, a 10ª Xornada Anual do Instituto de Innovación Social de Esade contará con expertos de alto nivel. Así, entre os relatores figuran Geoff Mulgan, director de Nesta; Amira Bliss; directora asociada en The Rockefeller Foundation; Tim Draimin, director executivo en Social Innovation Generation (SIG); Pedro A. de Alarcón, head of Big Data for Social Good en Telefónica; ou Ignasi Carreras, director do Instituto de Innovación Social de ESADE, entre outros.

Cal é o rol da innovación social na resolución de problemáticas sociais? Como son os principais espazos, que dan como resultado innovacións sociais? Son as novas tecnoloxías mecanismos para acelerar e xerar un futuro sustentable? Estas son algunhas das preguntas ás que se tentará dar resposta durante a 10ª Xornada Anual do Instituto de Innovación Social de Esade a través de relatorios e obradoiros.

Consulta o programa completo

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS