
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar na súa páxina web a convocatoria dun novo programa de innovación educativa para introducir a robótica en Primaria. Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia dotará de kits de robótica a un máximo de 120 centros docentes públicos durante o curso 2017/18 co fin de que o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción.
En concreto, o material estará conformado por seis robots de uso educativo adecuados ás idades do alumnado; seis kits de construción, que permitirán a realización dun mínimo de cinco proxectos diferentes; así como un manual de uso e guía didáctica.
Tal e como figura na resolución, que se pode consultar no seguinte enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/node/22426, cada centro, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa da Consellería ou mediante obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.
A iniciativa vai dirixida a alumnado que curse 4º, 5º ou 6º de Primaria durante o vindeiro curso, que ademais de adquirir nocións básicas sobre robótica e programación, tamén traballará as áreas denominadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas). O prazo de presentación de solicitudes e documentación finalizará o 29 de setembro de 2017.
Incremento das vocacións científicas e tecnolóxicas
Este programa enmárcase na futura Estratexia galega para a educación dixital 2020, que ten como prioridade incrementar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o estudantado galego, ao tempo de dotalos dos recursos e ferramentas necesarias para o uso seguro da tecnoloxía.
Neste contexto, cómpre lembrar que desde o curso 2015/16, e a proposta da Consellería, xa están en marcha as materias de libre configuración autonómica de Programación en 1º e 2º da ESO (132 centros ofertárona este curso, con 4.000 matriculados) e de Robótica en Bacharelato (ofertada por 92 centros e con case 600 alumnos matriculados).
De xeito parecido ao que conleva a introdución da Robótica en Primaria, a impartición destas materias en Secundaria leva aparellada a dotación de equipamento específico, como son os novos kits de robótica educativa, placas de comunicación e impresoras 3D, cos que a Consellería está fornecendo á maioría dos IES de Galicia, unhas ferramentas de apoio ao proceso de ensino-aprendizaxe para impartir coñecementos e traballar desde unha perspectiva integrada e interdisciplinar; non só desde o ámbito tecnolóxico, senón que abrangue materias como as matemáticas, física, química, ou as devanditas materias de libre configuración autonómica.
Así mesmo, por primeira vez no curso actual puxéronse en marcha os “Club de Ciencia”, unha iniciativa que ten como obxectivo promover o espírito científico e investigador para invitar ao alumnado a descubrir diversos campos da ciencia e as posibilidades de aplicación.
Plan de formación específico
Ademais, a Consellería tamén dispón dun plan de formación específico en Robótica, Programación e Impresión 3D dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.
A Fundación TIC da Deputación de Lugo e a Xerencia Integrada de Lugo, Cervo e Monforte do SERGAS veñen de unir forzas para impulsar hábitos saudables entre a poboación da provincia. E farano, segundo fixeron saber, a través da promoción na Internet e nas redes sociais de pezas audiovisuais informativas acerca das cousas que podemos facer para mellorar a nosa calidade de vida. Estas pezas serán elaboradas por alumnado e bolseiros da Fundación TIC baixo a supervisión de profesionais. Poderemos velas na web da Fundación, no seu Facebook e na súa canle de YouTube, entre outros espazos en liña.
A iniciativa conxunta foi dada a coñecer polo patrón da entidade dependente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, e o xerente da Xerencia Integrada, Ramón Ares. O convenio asinado abrangue tamén traballos informativos sobre o funcionamento dos servizos dos centros sanitarios así coma dos actos de conmemoración do Día Internacional de Enfermería. Santos sinalou que “con este acordo queremos difundir o importante labor social dos profesionais sanitarios na promoción de condutas e hábitos saudábeis entre os lucenses, fundamentais para previr enfermidades e ter unha boa calidade de vida”. Ademais, o patrón da TIC afirmou que “esta é unha oportunidade máis para que os alumnos e titulados en prácticas da nosa Escola de Imaxe e Son leven á práctica os seus coñecementos en realización e produción nun escenario real”. Segundo lembra o organismo provincial, con este acordo supéranse os 170 convenios de colaboración que a TIC ten asinados con organizacións sen ánimo de lucro da provincia.
Cruz Vermella en Galicia e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) asinaron un acordo de colaboración destinado a contribuír ao fomento da Sociedade da Información e o desenvolvemento do TIC en Galicia. Na formalización do acordo participaron a presidenta autonómica de Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez. Con este marco de cooperación, as enxeñeiras e enxeñeiros da AETG-COETG impulsarán e fortalecerán un dos principais eidos de traballo da devandita organización humanitaria: pór a innovación ao servizo das persoas mediante a posta en marcha de proxectos e solucións específicas.
Como lembraremos, a Cruz Vermella vai ser galardoada este venres durante a celebración da Noite da Enxeñaría en Informática do CPEIG. O colectivo profesional quixo recoñecer a repercusión acadada polo servizo de teleasistencia avanzada da ONG.
Volvendo ao acordo asinado hoxe, o acto serviu para facer un repaso polas traballos despregados pola Cruz Vermella en materia tecnolóxica: o devandito servizo de teleasistencia, a xeolocalización, a videoatención ou a proximidade. A idea é tirar partida do pacto coa AETG para “continuar esta liña de traballo, mellorando os servizos xa existentes e ofrecendo outros novos”.
Carmen Colmeiro fixo saber que as ditas ferramentas TIC da organización van dirixidas sobre todo ás persoas maiores ou ás persoas con diversidades funcionais ou motrices ou cognitivas. Colmeiro tamén lembrou que a Cruz Vermella ten “moi presentes ás súas coidadoras e coidadores” xa que estes servizos “resúltanlles igualmente útiles á hora de velar polas persoas dependentes e mesmo hai aplicacións especiais pensadas para elas eles”.
A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, pola súa banda, recordou que o seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e progreso da “nosa Comunidade Autónoma” a través “da potenciación das telecomunicacións, fomentando o desenvolvemento e a incorporación das novas tecnoloxías da comunicación e a Sociedade da Información”.
Coa sinatura deste acordo, dixo, a AETG-COETG empresta “especial atención á área socio-sanitaria na cal o fomento das novas tecnoloxías incide directamente na calidade de vida das persoas”.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá xoves o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 4 de setembro e rematará o 26 de novembro, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de novembro.
Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles desde o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar posteriormente unha taxa de 10,10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
Plan Formativo Ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.
Preto de 1.500 prazas convocadas para este ano 2017
Esta é a segunda convocatoria de teleformación titorizada do Plan de Formación da rede CeMIT 2017. Ademais, convócanse en marzo e outubro outras dúas convocatorias de exames presenciais en marzo e outubro cun total de 1.000 prazas para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten por formarse pola súa conta.
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.570 en cursos de teleformación titorizada e 3.104 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.100 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas aulas da rede CeMIT.
A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Os premios Fundación Randstad recoñecen o traballo de empresas, institucións e medios de comunicación que facilitan a integración laboral de profesionais en risco de exclusión social. No acto de entrega destes galardóns participaron o secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Mario Garcés; o conselleiro de Políticas Sociais e Familia da Comunidade de Madrid, Carlos Izquierdo, e o presidente executivo de Randstad e presidente da Fundación Randstad , Rodrigo Martín.
Segundo Martín, desde Randstad e Fundación Randstad trabállase "para lograr o emprego pleno e produtivo e para garantir un traballo decente para todos os homes e mulleres, incluídos os mozos e as persoas con discapacidade".
Pola súa banda, Garcés encomiou o esforzo desta Fundación durante os seus 13 anos de historia e destacou que "a única discapacidade que existe é a falta de actitude". Ademais, animou a empresas e axentes sociais a seguir traballando unidos, xa que "xuntos podemos chegar onde queiramos chegar".
Nesta XII edición, Alsa recibiu o galardón á categoría Empresas polo seu proxecto 'De que es Capaz?', unha iniciativa que impartiu 10.000 horas de formación beneficiando a 351 persoas con discapacidade desde o ano 2007.
Specialisterne foi a empresa elixida na categoría Pemes polo seu traballo de integración coas persoas con TEA ou Asperger. Dos 66 empregados que a compañía ten en España, o 75% das persoas teñen algún destes diagnósticos.
Na categoría Institucional, Fundación Randstad premiou o programa 'Xuntos Somos Capaces' de Fundación Mapfre, polo seu traballo formativo a profesionais con discapacidade intelectual. Este programa promove a empregabilidade e a formación integral deste colectivo. Desde 2010 conseguiuse que 2.410 persoas gozasen desta formación.
O portal Discapnet foi o premiado na categoría Comunicación por ser a plataforma de referencia no sector polo seu compromiso coa información para persoas con problemas de comprensión da linguaxe escrita. Fundación Randstad recoñeceu o esforzo de Discapnet ao publicar ao longo de 2016 máis de 41.000 noticias e xerado información seguindo unha metodoloxía específica para conseguir contidos óptimos para este colectivo. O encargado de recoller a distinción foi José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.
A Mención de Honra foi para o xornalista deportivo Javier Hernández Aguirán, por ser referente dun dos valores máis importantes de Fundación Randstad: capacidade de esforzo para transformar a discapacidade en capacidade de superación. Javier Hernández traballou como xornalista deportivo, como adestrador profesional de fútbol e é presidente da Asociación 'Dos Pés á cabeza'. Ademais, participou nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012 e recentemente foi nomeado Doutor Honoris Causa polo Claustro Iberoamericano en Cidade de México.