
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
Un sistema de aprendizaxe mediante o intercambio de coñecementos a través de xogos en 3D é a proposta do proxecto europeo de I+D+i SeniorLudens, que desenvolveu unha plataforma tecnolóxica de gamificación pola que expertos de calquera ámbito poden crear de forma sinxela xogos para transmitir coñecementos sobre sectores como o tecnolóxico, o sanitario ou o alimentario.
O proxecto europeo de I+D SeniorLudens desenvolveu unha plataforma tecnolóxica de gamificación coa que crear xogos en 3D para compartir e transmitir coñecementos.
Máis de 200 persoas xa participaron en catro pilotos desenvolvidos en Italia, Países Baixos e España, onde se centrou no ámbito das Tecnoloxías da Información, co deseño dun xogo que axuda a aprender os conceptos e ferramentas máis utilizadas na xestión de proxectos tecnolóxicos. A empresa Indra lidera o proxecto europeo e desenvolveu o xogo no piloto español coa colaboración do departamento de Investigación de Enxeñería Biomédica da Universidade Politécnica de Cataluña.
Impulso para os veteranos, aprendizaxe para os mozos
A ferramenta SeniorLudens está deseñada non só para poder aprender xogando, senón tamén para que a experiencia de desenvolvemento destes xogos sexa sinxela e accesible. Para iso, a plataforma ofrece diferentes “mundos” xa prediseñados, que facilitan a parte máis técnica do desenvolvemento do xogo. Tras isto, só é necesario elixir os escenarios virtuais en 3D para recrear as diferentes situacións de maneira moi visual, situando obxectos na contorna. A cada un destes obxectos atribúeselle unha acción, coma se dun “quebracabezas” se tratase. Por último, defínese a dificultade de cada unha das tarefas que se deben levar a cabo para superar o xogo.
O proxecto aproveita as vantaxes do xogo para facilitar ese intercambio de coñecemento e mellorar a formación dos mozos, pero tamén para motivar aos traballadores de máis idade, enfrontándoos a novos retos que mostren o valor da súa experiencia. Ademais de poder utilizarse para compartir coñecementos, a ferramenta pode servir para crear sinxelos xogos sobre cuestións básicas e de importancia para as persoas maiores, que poden mellorar os seus coñecementos, por exemplo, sobre riscos e seguridade no fogar.
Os resultados dos pilotos foron positivos ata agora, xa que a ferramenta foi moi ben valorada, especialmente polos xogadores, que destacaron a utilidade da experiencia inmersiva en 3D como ferramenta de aprendizaxe. Tanto os resultados obtidos como o nivel de desenvolvemento que alcanzou SeniorLudens abren as portas á creación no futuro dunha solución comercializable froito do I+D+i.
A cuadrilla de ‘On Fologüers', a serie animada da Fundación ONCE, volve reunirse para estrear unha nova tempada que se inicia este venres co capítulo ‘Non vexas que estilo', no que colaborou Ágatha Ruiz de la Prada.
Tras o éxito da primeira tempada, estreada en xuño de 2016, a Fundación ONCE volve insistir neste formato para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade retratados nunha cuadrilla de amigos que se enfrontan a situacións cotiás e que resolverán con moito sentido do humor.
Constará de seis capítulos e, do mesmo xeito que a pasada tempada, son moitas as persoas e entidades que quixeron sumarse á iniciativa. Se na primeira tempada puidemos ver e escoitar nun dos capítulos a Isabel Gemio, esta segunda quenda arrinca co personaxe de Ágatha Ruiz de la Prada dobrado pola propia deseñadora.
Tamén terán o seu propio debuxo animado o actor Kike San Francisco ou o ex seleccionador Vicente del Bosque, ademais do apoio de diversas entidades como Bankinter, que quixeron mostrar a súa aposta pola accesibilidade e a inclusión de persoas con discapacidade.
Segundo sinala José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, a gran acollida que tivo a serie e o convencemento de que é unha boa fórmula para promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela, é o que nos levou a seguir apostando por este formato. “Apostamos por construír un mundo mellor para todos a través do humor”, subliña.
Proba do éxito deste proxecto é o interese mostrado por Atresmedia que fixo posible que esta segunda tempada de ‘On Fologüers' conte cunha canle propia dentro da plataforma Flooxer, que apoia a creadores audiovisuais con talento. Flooxer recibe unha media de 1,5 millóns de visitas ao mes.
Ademais, desde Atresmedia tamén se apoiará a difusión desta serie a través das distintas canles de redes sociais cos que contan as empresas do grupo, como Antena 3, La Sexta, Onda Cero Radio e Europa FM.
Juan Carlos Martínez, social media da Fundación ONCE e coordinador da serie, móstrase satisfeito co resultado da primeira tempada que contou en redes sociais con máis de 20 millóns de impactos e máis de 3.000 tuits xerados. Ademais rexistráronse máis de 21.000 reproducións directas en YouTube. “Esperamos que co apoio de Atresmedia a serie chegue a todos os recunchos e, o que é aínda máis importante, contribúa a que os mozos vexan a discapacidade dunha forma normalizada e inclusiva”.
A Cuadrilla ‘On Fologüers'
Os personaxes da serie son mozos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.
Ao longo da tempada, que comeza este venres, o espectador poderá coñecer cada mes a Adolfo e ao resto da súa cuadrilla: María (unha estudante en cadeira de rodas), Laura (avogada cega), Toni (mecánico xordo que se comunica en linguaxe oral), Amaia (química que representa unha persoa xorda signante) e Daniel (empresario hostaleiro con discapacidade intelectual).
En cada capítulo verase como cada personaxe conseguirá os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas coas que se atopan as persoas con discapacidade. Neste primeiro capítulo Laura decide comezar a facer un videoblog de moda asesorada pola deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada.
“Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade”, resume José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.
Ademais de en Flooxer, a serie poderá seguirse en:
Tamén pode accederse a ela a través da web de Fundación ONCE (https://www.fundaciononce.es/).
Así, "a tecnoloxía xa permite manexar aparellos electrónicos a través do pensamento grazas á encefalografía", explicou María Teresa Gutiérrez, directora xerente do CRE Discapacidade e Dependencia de León, que creou recentemente o sistema 'Brain Computer Interface' (BCI), nas XXIII Xornadas Científicas de Aspaym Madrid.
Trátase dun sistema pioneiro de electroencefalografía que rexistra e predí as intencións cerebrais para o adestramento cognitivo e a asistencia a persoas con discapacidade ou en situación de dependencia a través da domótica.
"A través deste sistema unha persoa pode acender e apagar un computador só con pensalo, a través de ondas cerebrais", indicou.
"O computador identifica que respostas cerebrais van unidas a un pensamento e executa a orde", engadiu.
Así mesmo, Gutiérrez fixo fincapé en que "toda esta tecnoloxía pódese lograr grazas á investigación, que é importante porque beneficia a toda a sociedade, unha poboación cada vez máis envellecida, porque España é o segundo país con maior esperanza de vida só por detrás de Xapón", asegurou.
José Antonio Hernández, responsable da Escola TIC da Fundación do Lesionado Medular (FLM), explicou o labor que realiza a entidade a través da impresión 3D en materia de produtos de apoio para persoas con lesión medular. A FLM, que conta con dúas impresoras, imprime produtos en tres dimensións que supoñen unha mellora para o usuario ou abarate o custo do produto. Ademais, na FLM traballan para detectar necesidades non resoltas e tratar de darlles unha solución. "Son os propios usuarios os que detectan as súas necesidades, deseñan a solución e créana".
Para Hernández, "o mundo da impresión e o escáner 3D abre un grande horizonte porque cunha maquinaria relativamente económica pódese imprimir gran cantidade de material". Ademais, "aínda non vimos todo o potencial destas tecnoloxías e queda moito por mellorar. Nun futuro poderemos comprar un obxecto e imprimilo en casa".
Doutra banda, Gustavo Adolfo Díaz, socio de Aspaym Madrid e técnico da Federación Nacional Aspaym, explicou como os smartphones axúdanlle no seu día a día: "Danme maior autonomía cunha infinidade de posibilidades e aplicacións; por exemplo, á hora de desprazarme ou coñecer a accesibilidade dun lugar".
Díaz presentou algunhas de aplicacións como Tur4all, Wheelmap ou Accessibility Plus que lle achegan información fiable e permítenlle actuar de forma independente reducindo a súa necesidade de asistencia.
O Polo de Innovación Dixital para o agro galego impulsado por Gradiant e a USC, do que xa se falou con motivo dos seus desafíos e obxectivos (achegar recursos e solucións que favorezan a futura sustentabilidade e rendibilidade do noso eido agroalimentario), vense de presentar en Europa perante centros de investigación, persoeiros públicos e investidores dunha manchea de países.
Na cita participaron representantes do Centro Tecnolóxico Gradiant, emprazado en Vigo, da Universidade de Santiago e da Xunta. A presentación levouse a cabo no marco do seminario Polos de innovación dixital: principais correntes na dixitalización da agricultura, organizado polo Partenariado Europeo para a Innovación da Produtividade Agrícola e a Sustentabilidade (EIP-AGRI, polas súas siglas en inglés). Segundo fixeron saber os seus impulsores, o Polo de Innovación Dixital para o Sector Agroalimentario constitúe unha proposta nova e pioneira que integra produtores agrícolas con vontade de transformación, por unha banda, e provedores tecnolóxicos e centros de coñecemento e innovación, pola outra.
Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, e Alfonso Ribas, en representación do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (INGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia; acompañados de Ismael Martínez da Cooperativa CLUN, presentaron as actividades realizadas até o de agora no marco do Polo de Innovación Dixital, así coma os vindeiros pasos que se darán para, nas súas palabras, “impulsar a dixitalización do sector”. En palabras de Pérez Freire, “o feito de que desde a Comisión Europea invitasen á iniciativa galega como exemplo de boas prácticas no tocante á colaboración público-privada supón un recoñecemento ao bo traballo que se vén realizando”, e unha “proxección internacional” de Galicia como pioneira no eido da innovación aplicada ao rural.
O evento, que se celebrou na cidade irlandesa de Kilkenny o 1 e 2 de xuño, reuniu aos responsables de políticas públicas, representantes de centros tecnolóxicos e de investigación, representantes do sector agroalimentario e investidores dos 24 estados membro da Unión Europea; e tivo ademais coma principal obxectivo compartir experiencias, boas prácticas, barreiras e prioridades á hora de establecer hubs dixitais de innovación para o sector agroalimentario en Europa.
Louvanzas ao proxecto galego
Segundo fixeron saber os seus impulsores (Gradiant, USC e Xunta) o Polo de Innovación Dixital para o sector agroalimentario de Galicia recibiu unha chea de eloxios por parte do persoal da Comisión Europea, responsables de políticas públicas dos Estados Membro e de centros de investigación europeos. Ademais, a presenza de Galicia como relatora convidada nesta sesión da EIP-AGRI “representa o recoñecemento internacional á estratexia de innovación no sector agrario impulsada desde o Goberno galego”, indicou Alfonso Ribas, que fixo fincapé na boa acollida da proposta da nosa terra e no seu carácter de referente.
A proposta, de feito, recibiu unha mención expresa por parte do comisario europeo para Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan, quen no seu discurso de clausura felicitou a Galicia e a Toscana (Italia) polos traballos desenvolvidos neste ámbito da innovación aplicada ao rural.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de renovar o portal mancomun.gal cunha imaxe máis moderna e novas seccións para impulsar este espazo e consolidalo como o portal de referencia en materia de software libre en Galicia.
Mancomun recolle as novas e actualidade do ecosistema do software libre galego, así como toda a información sobre as distintas actuacións do Plan de Software libre impulsado pola Amtega. A nova versión de mancomun.gal mellora a visibilidade e accesibilidade aos distintos contidos cun deseño “responsive” adaptado para o seu uso desde dispositivos móbiles, xa sexan teléfonos ou tabletas.
Unha portada máis visual e con máis contidos
Entre as principais novidades destaca un deseño moito máis visual cunha portada que, ademais das novas que se viñan publicando no anterior portal, inclúe un banner superior coas máis destacadas e un espazo de informacións breves.
A continuación haberá accesos directos ao último dos informes de uso do software libre e ao último plan de acción así como ao último boletín de software libre para a administración pública, que se viña publicando mensualmente, e un novo boletín de software libre para as empresas. Amósanse tamén de seguido os últimos artigos tecnolóxicos con entrevistas a empresas e casos de éxito e finalmente inclúese tamén unha sección con contido audiovisual, ata o de agora inexistente no portal mancomún.
Novas seccións
A nova web mellora a experiencia de usuario simplificado a estruturación das seccións, como o apartado de solucións TIC, comunidade ou repositorio documental que gañan en presenza e contido.
O espazo “Solucións TIC” inclúe as solucións tecnolóxicas de software libre categorizadas dirixidas tanto a empresas, administración como a cidadanía en xeral, entre as que se inclúen as solucións liberadas pola Xunta de Galicia no Repositorio de software libre ou Forxa de Mancomún.
Así mesmo, o espazo “Repositorio Documental” tamén presenta de forma categorizada os principais documentos liberados no Repositorio Documental de Software Libre no wiki de mancomún para facilitar a súa localización e descarga.
Por último, a sección “Comunidade” é un directorio que recolle os membros da comunidade de asociacións, grupos informais ou entidades promotoras e difusoras do software, hardware e cultura libres, que existen en Galicia. Algunhas teñen un amplo percorrido e traxectoria temporal e outras son de máis recente creación, mais todas elas desenvolven un importante rol a prol da cultura libre e en aras de reducir a fenda dixital e de achegar as vantaxes do Software Libre a distintos sectores da sociedade galega.
Plan de Software Libre 2017
A publicación do novo portal é una unha das actuacións recollidas no Plan de Acción en Software Libre 2017 presentado o pasado 20 de maio, que conta cun total de 110 actuacións a desenvolver durante o presente ano, co obxectivo de promover a reutilización de software na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.