main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

08/06/201708:59
Pantallazo da web de Activiza.
Pontevedra

BBVA Momentum elixe á galega Activiza para impulsar o seu chimpo TIC

Hai presenza galega na edición 2017 (a sexta) de BBVA Momentum, unha iniciativa da entidade financeira para impulsar o emprendemento e a innovación social. Nela están a participar arestora un total de 86 emprendedores de cinco países (elixidos de entre máis de 700 candidaturas procedentes de España, México, Estados Unidos, Colombia e Turquía). Delas, unha vintena son do ámbito estatal, incluída a firma innovadora Activiza, de Pontevedra. Creada en 2013, Activiza é unha spin-off de Saraiva Senior, empresa que resultou finalista na terceira edición de Momentum Project. Entre os obxectivos de Activiza estará o de pór en xogo iniciativas TIC para traballar a prol do envellecemento saudable.

Máis polo miúdo, adícase a proxectos de innovación social no ámbito da consultoría, a formación e o acompañamento a profesionais e organizacións, sobre todo no sector da terceira idade. Acerca das posibilidades que se lles abren con Momentum, os responsables de Activiza sinalaron que se trata da “plataforma ideal para o lanzamento do noso primeiro desenvolvemento TIC”. Esta nova estratexia tecnolóxico-dixital engádese á súa experiencia previa off-line en materia de propostas e metodoloxías para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores. O seu chimpo definitivo ao eido dixital apoiarase, polo tanto, na súa concorrencia en Momentum. “Precisamos axudala para facelo ben”, sinalan.

Volvendo ao certame de BBVA, sinalar que as empresas foron seleccionadas baixo un denominador común: o seu alto impacto social e o seu compromiso co sustentable. A maioría (40%) desenvolven a súa actividade no ámbito da exclusión social e a educación; outro 18% actúa na mellora do medio ambiente; un 15% adícase a solucións dixitais; e outro 15%, a iniciativas vencelladas á saúde. O resto opera “en diferentes sectores de actividade”. Os emprendedores seleccionados reciben unha completa formación en liña e presencial: comezou en xuño e durará sete meses. Amais, terán un acompañamento estratéxico a cargo dos mentores do programa, que lles apoiarán no deseño do seu plan de crecemento. Por outra banda, recibirán o asesoramento de especialistas en distintas disciplinas. A idea da organización é que o programa BBVA Momentum sirva tamén “de ponte entre os emprendedores e aqueles investidores que estean interesados en financiar os seus proxectos”.

08/06/201708:53
Fablab Vigo.
Vigo

Vigo intégrase na rede global de FabLabs

A rede global de FabLabs, un importante tecido formado arestora por case 60 laboratorios oficiais de emprendedores (arredor de 15.000) repartidos por todos os recantos do mundo (argallando e producindo todo tipo de enxeños tecnolóxicos coma se de pequenas pero eficaces industriais locais se tratasen), comeza a ter presenza firme e ampla na nosa terra. E tena a través dun obradoiro acabado de integrarse oficialmente na devandita rede, e máis de outros que farano en breve. Estamos a falar de FabLab Vigo, que á súa vez forma parte da Rede de FabLabs Galegas. Segundo nos contan dende a factoría viguesa, a súa filosofía baséase en “democratizar as novas tecnoloxías dando a oportunidade á xente sen coñecementos en electrónica de poder utilizar estas ferramentas de maneira doada e de balde”.

O espazo FabLab Vigo, logo da súa integración na rede internacional, quere coller voo e ir ampliando fileiras e mesmo fortalecendo as bases para o impulso de outras factorías FabLab galegas en proceso de desenvolvemento. En breve organizarán un campamento infantil gratuíto no museo MARCO de Vigo e comezarán, tamén, as súas primeiras sesións arredor das CoffeLabs, que son cafetarías con impresoras 3D para que, nas súas palabras, a xente poida avanzas no seu coñecemento práctico destas técnicas de impresión. Segundo nos contan os impulsores de FabLab Vigo, no seu ideario básico figura o de ir en contra de calquera localismo. Por esta razón están a impulsar a Rede Galega de FabLabs e as vindeiras sedes de Pontevedra (Facultade de Belas Artes), Ourense (A Molinera), Santiago (Matadoiro) e Lugo (Centro de Artesanía e Deseño).

07/06/201709:20
Moza usando ordenador.
Narón

Narón introduce aos seus escolares na robótica e na programación

O Concello de Narón, a través da Concellería de Novas Tecnoloxías, vén de convocar unha nova acción formativa abeirada ao programa municipal Indi-Informática Divertida, destinado, como o seu propio nome indica, a potenciar a educación dixital nas crianzas a través do lecer e as actividades lúdicas. A nova acción é o obradoiro Programación e robótica educativa, e foi presentada o pasado 3 de xuño pola concelleira Natalia Hermida. A edil fixo saber que as sesións van dirixidas a un total de quince rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o vindeiro 23 de xuño. As clases (un total de 70 horas) desenvolveranse na Aula CeMIT de Xuvia, desde o 3 até o 31 de xullo, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30.

En relación aos contidos, inclúen unha iniciación á programación de videoxogos, formación sobre como crear blogs para nenas e nenos e sobre creación de banda deseñada dixital e unha introdución á Hora do Código (acontecemento internacional que consiste na introdución ás ciencias da computación, deseñada para amosar que todo o mundo pode aprender a programar e comprender os fundamentos desta disciplina). A edil de Novas Tecnoloxías destacou o éxito que tivo a anterior edición desta acción formativa celebrada tamén o ano pasado, para a que se esgotaron as prazas e que, sinalou, “valoraron moi positivamente os nenos e as nenas que asistiron unha vez que rematou”. E engadiu, animando á veciñanza a participar nas sesións: “O mundo da robótica esperta o interese de moitos rapaces e rapazas que gozan coas novas tecnoloxías e que terán a oportunidade de aprender a crear un videoxogo, un blog ou cómics dixitais, entre outras propostas”. Natalia Hermida explicou que esta mesma acción formativa ofrécese desde o Concello ás parroquias da zona rural (Sedes, Pedroso, Castro, Doso, O Val, San Mateo e San Xiao), nas que se impartirán as clases cando se forme un grupo cun mínimo de asistentes. As inscricións neste caso, dixo, “xestiónanse a través das respectivas entidades veciñais nos seus locais sociais”.

07/06/201708:22
Premios Senda.
Madrid

Un chan intelixente, a rede de cidades amigables e Audifón galardoados nos premios Senda 2017

  • Os seniors, e a tecnoloxía aplicada á saúde e ao turismo centraron a atención da VIII edición dos Premios Senda
  • Nestes premios recoñécense os esforzos sociosanitarios e tecnolóxicos das empresas e particulares que traballan pola mellora do envellecemento activo

 

O pasado 30 de maio, entregáronse en Madrid os VIII Premios Senda na sede do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

Neste acto, Floor in Motion Care de Tarkett gañou o premio Senda na súa oitava edición ao produto sociosanitario tecnolóxico máis orixinal, baixo o lema: “Espazos de vida conectados a servizos de alerta que proporcionan información”.

A través do chan contrólase calquera situación anormal, como poden ser caídas, saídas nocturnas, actividade non habitual como non levantarse pola mañá, ou a perda de autonomía, e infórmase en tempo real aos coidadores nas residencias ou á propia familia, para a súa tranquilidade e garantía.

Baséase en sensores colocados baixo o revestimento do chan, invisibles, de modo que non invaden a intimidade, que detectan unha situación anómala e envían un sinal ao receptor que se elixiu mediante un sistema de chamada interna.

O premio na categoría senior á saúde e benestar correspondeu a Audifón, pola súa mellora na saúde auditiva. O premio recolleuno Margarita García do Freso, directora xeral, que falou do obxectivo de Audifón: “Queremos e cremos que tecnoloxía e saúde van da man, por iso tentamos e facemos real nosa filosofía de proporcionar á xente unha boa saúde auditiva, que incida na súa mellor calidade de vida”.

Na mesma categoría destacou o premio senior á iniciativa pública polo envellecemento activo á rede de Cidades Amigables coas persoas maiores en España do Imserso, que é unha iniciativa impulsada pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Recolleu o premio a directora xeral do Imserso, Carmen Balfagón, que coas súas palabras puxo de manifesto que son un grupo de profesionais ao servizo dos demais, en especial dos maiores: “O grupo de traballo de Cidades Amigables tivo os seus froitos, porque España é o país con máis municipios participando neste proxecto. Actualmente son 108 os concellos adheridos a esta rede, e con expectativas de seguir crecendo, por esta razón, o próximo día 14 de xuño celebrarase en Manresa a xornada Como ser unha Cidade Amigable coas persoas maiores”.

Xunto a estes premios, durante o resto do acto outorgáronse diversos galardóns, como o premio especial de liderado de persoas maiores, que recaeu nas “lideresas de Villaverde”, que abanderan o lema: “Ser maior non é sinónimo de tristeza”. As lideresas todas mulleres maiores de 50 anos explicaron as actividades que grazas á Dirección do Maior, ao Centro de Rehabilitación Psicosocial de Villaverde e a OMC radio, puideron desenvolver, facendo fincapé nas múltiples actividades de traballo desde o punto de vista do maior e de xénero, charlas online, sesións de coaching, e a súa actividade estrela, un programa de radio, do que senten moi orgullosas.

O premio ao envellecemento activo pola súa concienciación sobre a mobilidade senior, e seguridade viaria dos peóns de máis de 65 anos recaeu en Liberty Seguros.

O premio á iniciativa innovadora de servizos de axuda a domicilio a Macrosad pola súa atención e prevención da dependencia, e pola promoción da autonomía. Recolleu o premio o director xeral de Macrosad, Andrés Rodríguez, que recalcou coas súas palabras que “Aforro significa autonomía da dependencia, e debemos cambiar a linguaxe para non falar de grao de dependencia, senón de grao de autonomía”.

O premio profesional do sector recaeu en Pablo Martín Calderón, director xeral de Ilunion Sociosanitario.

O acto, que contou coa presenza do secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Mario Garcés, clausurouse coa entrega do premio senior do ano 2017 a Vicente do Bosque polos seus vales humanos e deportivos no seu desempeño profesional, que lle fan ser un referente para maiores e novos.

07/06/201708:13
Lector de braille.
Madrid

A ONCE mostrará en novembro toda a tecnoloxía para persoas con discapacidade visual en TifloInnova 2017

  • A ONCE celebrará entre o 17 e o 19 de novembro unha nova edición da súa Exposición Internacional TifloInnova na que mostrará todos os avances tecnolóxicos dirixidos a persoas cegas ou con discapacidade visual

O encontro, que terá lugar no Complexo Deportivo e Cultural (CDC) da ONCE en Madrid, recibirá expositores de distintos países e espérase que se superen as cifras da anterior exposición, celebrada en 2014, na que houbo 32 casetas de 26 expositores internacionais e 14 nacionais, e á que asistiron un total de 3.500 persoas.

En canto ás actividades que se realizarán nas xornadas, o seu contido aínda está por anunciarse pero constarán de presentacións, obradoiros, xornadas de usuarios e actividades de lecer.

Esta exposición está organizada polo Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica (CIDAT) da ONCE.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS