main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

06/06/201712:50
Cartel do reto.
Santiago de Compostela

O reto para desenvolvedores ‘#TecnologíaConPropósito' amplía o seu prazo de recepción de propostas

O reto de Samsung ‘The Challenge: #TecnologíaConPropósito' ampliou o prazo para que os desenvolvedores poidan seguir enviando as súas propostas ata o 16 de xuño, que serán premiadas con ata 100.000 euros destinados a desenvolver a idea máis creativa e innovadora que utilice a tecnoloxía para mellorar a vida das persoas.

Búscanse, entre outras, ideas para resolver a través da tecnoloxía problemas actuais como como o envellecemento da poboación, o control de enfermidades crónicas, a utilización da xeolocalización para axudar en situacións de risco na natureza, a mellora da seguridade no fogar, o coidado de mascotas, o fomento da reciclaxe ou a redución do consumo enerxético. Un xurado formado por Samsung valorará a orixinalidade, innovación, atractivo e viabilidade dos proxectos presentados.

A idea do proxecto ten que estar desenvolvida ou atoparse en fase de xestación avanzada, e deberá poder utilizarse de forma universal e gratuíta. Ademais, debe ser unha app ou desenvolvemento tecnolóxico que implique a Samsung dalgunha forma e debe utilizar, preferiblemente, o ecosistema Samsung e os seus dispositivos (Smart TV, wearables, móbiles, tabletas, etc.) ou a converxencia entre todos eles. Os desenvolvedores interesados deben darse de alta en Samsung Dev Spain e encher o formulario de inscrición.

06/06/201708:39
Grupo de traballo de Imatia.
Santiago de Compostela

Imatia impulsa un proxecto para crebar con TIC as barreiras dos nosos maiores, Senior TV

Imatia vén de darnos máis detalles sobre o proxecto Senior TV, unha iniciativa europea para dar forma a unha plataforma tecnolóxica para maiores de 60 anos, incluíndo todo tipo de recursos destinados a afianzar hábitos saudables (cognitivos, comunicativos e mesmo físicos) no día a día das persoas de idade, amais da súa plena inclusión en todo tipo de servizos sociais, de atención ou cidadáns. Segundo conta a empresa galega, incluíronse na fase piloto da plataforma tres servizos informais (Novas, Eventos, Tempo) e dous xogos cognitivos. Estes recursos foron probados por 300 persoas maiores de 60 anos de tres diferentes países: Chipre, Eslovenia e Romanía (100 persoas por cada país).

Segundo engade Imatia, a día de hoxe estanse a desenvolver novos servizos informais que serán incorporados á plataforma de face ao segundo piloto, cuxa realización comeza o vindeiro mes de agosto. Estes novos servizos están orientados á promoción da actividade física e a vida saudable, ademais de dirixirse á mellora da autonomía e da interacción dos anciáns coa súa contorna, botando man de ferramentas como a Wikipedia ou axendas dixitais, entre outras. Esta segunda versión da plataforma, explicou o equipo de Imatia, disporá igualmente de servizos formais para o control de parámetros médicos (tensión, peso, glicosa en sangue, etc.) e incorporaranse melloras da facilidade de uso atendendo directamente ás opinións dos usuarios recollidas nas fases previas, peticións que teñen que ver cunha meirande claridade nas cores, con fontes de letra máis grandes ou co uso de cursores para navegar no canto dun punteiro.

Como lembraremos, o proxecto Senior TV, no que Imatia participa xunto a outras empresas e organismos europeos, ten como obxectivo “desenvolver unha plataforma adaptada e de acceso doado instalada en televisores, smartphones e tabletas”. Esta plataforma permitirá que as persoas maiores poidan acceder desde as súas propias casas a un conxunto de servizos sociais e de saúde, “o que facilitará o seu propio coidado, mellorará o seu acceso aos servizos de coidado formal e informal e aumentará a súa inserción familiar e comunitaria”, explican fontes da empresa galega.

Segundo engade a firma, trátase do primeiro proxecto no que participa a través dunha convocatoria europea. O seu desenvolvemento, coordinado polo Instituto de Neurociencia e Tecnoloxía de Chipre (CNTI), proseguirá até novembro de 2018. Están mergulladas no mesmo empresas de até cinco países, amais de Imatia: Gluk Advice (Holanda), Compexin SA CPX (Romanía), Dom upokojencev Nova Gorica DUNG (Eslovenia), Development Centre of Information and Communication Technologies Savinja RC-IKTS (Eslovenia), Ana Aslan International Foundation (Romanía) e Strovolos Municial Multi-Functional Foundation SMMFF (Chipre).

06/06/201708:30
Fragmento da película Metrópolis.
Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía pon a disposición da súa mocidade unha nova edición de Tecnoverán

O Concello de Vilagarcía está a informar dunha nova edición da súa iniciativa Tecnoverán, unha proposta que, como se indica no seu nome, vai dirixida a facer confluír dous mundos, o das novas tecnoloxías da información e o lecer estival, para tirar proveito do mellor de cada un deles. Tecnoverán 2017 vén novamente da man da Concellería de Xuventude e trátase, nas súas palabras, “dunha proposta formativa na que os 20 mozos e mozas participantes poderán adquirir coñecementos sobre as novas tecnoloxías” e, máis polo miúdo, sobre cousas como realidade virtual, programación, aplicacións móbiles e modelado en 3D.

O obradoiro desenvolverase do 10 ao 14 de xullo en horario de mañá na aula CeMIT do Centro de Formación de Matosinhos. A participación é de balde e a preinscrición xa se pode realizar a través dunha ligazón específica habilitada pola Concellería e a aula CeMIT.

O obxectivo concreto de Tecnoverán é “seguir incidindo na formación da mocidade, tanto a efectos profesionais e laborais, como no que atinxe á súa necesidade de estar ao tanto das innovacións que están a disposición de todo o mundo e que son esenciais para numerosas facetas da nosa vida cotiá”. O colectivo O Núcleo será o encargado de impartir o obradoiro, igual que na anterior edición do mesmo, en 2016, e seguindo a folla de ruta marcada daquela: unha metodoloxía lúdica que busca tirar partido das técnicas de videoxogo para facilitar a aprendizaxe (gamificación). O fío condutor que se vai a seguir este ano será o da película Metrópolis.

O único requisito para poder participar no Tecnoverán é ter entre 14 e 18 anos e estar empadroado en Vilagarcía, explica o Concello, engadindo que “non é preciso contar con coñecementos previos sobre os temas a abordar”. O prazo de inscricións remata o 30 de xuño. Os aspirantes que cumpran os requisitos serán avisados para que formalicen a inscrición definitiva.

06/06/201708:24
Programación arrastrando bloques en Wonder Woman.
Santiago de Compostela

Wonder Woman anima ás nenas a aprender a programar

A iniciativa Code.org aproveita en numerosas ocasións as franquías cinematográficas para facer máis atractivas as súas actividades aos nenos, a quen busca introducilos no mundo da programación informática mediante xogos nos que ter que solucionar quebracabezas mediante a colocación de pezas que realmente son elementos lóxicos que axudan a entender os rudimentos da programación dun xeito divertido, e así, ao igual que no seu día fixeron uso dos personaxes de Star Wars para introducir á programación, agora fan o mesmo con Wonder Woman.

Este proxecto promovido por Google conseguiu chegar a un acordo coa Warner para poder coller a figura de Wonder Woman, que estes días está a estrear filme en pantalla grande (que xa pode verse en EE.UU., Reino Unido e Portugal), para protagonizar unha serie de retos de programación que premiarán cun anaco de vídeo da película cando se superan. A estrea cinematográfica de Wonder Woman está a considerarse como un caso de reivindicación da figura feminina dende moitos ángulos, pois estamos ante unha das poucas superheroínas que conseguiu chegar aos cines cunha produción de seu, presenta a unha muller como un personaxe forte que non ten que recorrer a unha figura masculina na busca de protección e incluso conseguiu superar a pasada fin de semana converténdose na estrea cinematográfica dirixida por unha muller coa maior recadación da historia. Todos estes elementos danlle un valor especial, e aí que este proxecto interactivo para a aprendizaxe de programación informática considere que o uso de Wonder Woman é ideal para atraer ás nenas a dar os seus primeiros pasos coa programación.

05/06/201708:26
Unha persoa suxeita un mando dunha consola Xbox One.
Santiago de Compostela

Xogar á Xbox One coa axuda dun copiloto

  • A consola de videoxogos de Microsoft permite gozar dos seus xogos cun modo de copiloto para que dúas persoas poidan controlar a consola coma se utilizasen un único mando

 

Na súa última actualización das opcións de accesibilidade, a compañía estadounidense incorporou a opción de copiloto en Xbox One, o que permite que unha persoa con discapacidade poida xogar á consola coa axuda doutro usuario. 

Así, por exemplo, unha persoa con mobilidade reducida e que só poida presionar un botón, poderá xogar aos videoxogos utilizando este modo contando coa axuda dun amigo ou familiar que será quen se encargue do resto de botóns. 

Tamén é posible que unha persoa con discapacidade utilice os dous mandos, por exemplo un co queixo para mover unha panca e outro cun pé ou unha man. 

Para activar esta opción, basta con ir ás opcións de configuración e no apartado de accesibilidade seleccionar os axustes do mando e aí pódese activar a función ‘Copilot'. 

Ademais, Microsoft previu algúns xogos que están especialmente deseñados para utilizarse coa función de copiloto, como son The Bug Butcher, Snake Pass ou Sky Force Anniversary.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS