
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Lalín anunciou que vai organizar un curso de robótica para nenos, co fin de introducilas no coñecemento dunhas tecnoloxías (programación, intelixencia artificial, manexo de móbiles e tabletas e diferentes aparellos TIC) que sen dúbida lles serán de utilidade no futuro. En palabras do Goberno local, o que se busca é “dinamizar e fomentar o coñecemento en novas tecnoloxías”, amais de “fomentar o pensamento lóxico-dedutivo, a programación por bloques e a computación dun xeito divertido e práctico”. A actividade vai dirixida a escolares de entre 8 e 15 anos.
No obradoiro empregarase o robot galego Escornabot (do que xa se falou salientando a súa arela de abrirse á participación), o kit de robótica BQ e o IDE de Arduino, que iniciarán ao alumno na robótica sen necesidade de coñecementos previos.
Para que “o alumnado teña unha atención personalizada”, o Concello fornecerá aos escolares dun total de 32 prazas, de balde, repartidas en catro grupos de 8 persoas. O curso consta de 20 horas por cada grupo. A inscrición aos grupos farase por orde de recepción. As persoas doutras idades, ou que non estean empadroadas en Lalín, poderán facer o curso soamente no caso de estar dispoñíbeis prazas libres e por orde de inscrición. A actividade levarase a cabo na Aula CEMIT, no Auditorio de Lalín, na rúa do Parque s/n.
O prazo de inscricións para todos os grupos abriu este luns, día 19. Para os grupos 1 e 2 o prazo remata o día 23 de xuño; e ata o 1 de agosto para os grupos 3 e 4.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebra o vindeiro xoves 22 de xuño unha xornada sobre as boas prácticas no ámbito da innovación social dixital no Centro de La Molinera en Ourense. Este centro conta cun aula da Rede CeMIT nas súas instalacións e participa no proxecto CeMIT-Innova 2017
A xornada baixo o lema “Innovación Social Dixital. Comunicando Emocións” celebrarase en dobre sesión, de mañá e tarde. A primeira sesión, das 10:00 ás 14:00 horas, está dirixida aos responsables das 10 aulas CeMIT que participan no proxecto CeMIT-Innova 2017 e persoas voluntarias e entidades aliadas que desenvolven estes proxectos de innovación social dixital. O obxectivo do encontro é ofrecerlles diferentes ferramentas para mellorar e darlle visibilidade aos proxectos.
A sesión de tarde, que se celebrará entre as 15:30 e as 18:30 horas, terá un formato de Faladoiro Dixital. Está dirixida a todas as entidades interesadas, voluntarios, responsables municipais e público en xeral, que poderán coñecer un conxunto de boas prácticas e casos de éxito en materia de innovación social dixital da man dos seus impulsores.
Na tarde participará como relator Gotzon Bernaola, director de Innovación Social de Innobasque (Axencia Vasca de Innovación: http://www.innobasque.eus/ ), un dos mellores especialistas na definición de estratexias rexionais e desenvolvemento de proxectos neste campo. Tamén exporanse outras iniciativas como a asturiana de patrocinio a deportistas paralímpicos e olímpicos (www.patrocinaundeportista.com/asturias) no seu camiño cara a Tokio 2020 e os proxectos realizados desde as aulas CeMIT de Ourense e A Bola. Ourense falará sobre “O poder da imaxe para comunicar” e A Bola sobre “Historias e persoas que transforman a realidade da súa contorna”.
Tanto o programa da xornada como a ligazón para formalizar a inscrición están dispoñibles no apartado do proxecto CeMIT-Innova da web da rede CeMIT a través da seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/cemit-innova
CeMIT-Innova
CeMIT-Innova é un proxecto colaborativo posto en marcha pola Amtega no 2015, para o fomento da Innovación Social Dixital en Galicia, no marco do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020.
Este ano 2017 celebra a súa III Edición, na que se seleccionaron 10 novos proxectos presentados polas aulas CeMIT dos concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba, que se suman aos 18 proxectos das edicións dos anos 2015 e 2016.
As temáticas desas iniciativas abranguen ámbitos como a promoción económica e turística, o desenvolvemento empresarial da zona, a formación especializada, a inclusión, a igualdade de xénero no campo dixital, o ciberacoso, o envellecemento activo e alfabetización dixital de diferentes colectivos.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e amosar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A Comisión Europea lanzou o novo Premio Horizonte Pantalla Táctil polo que reta a emprendedores e innovadores a desenvolver unha pantalla táctil totalmente accesible que permita navegar por Internet e gozar de toda a información dispoñible na rede, tanto texto como gráficos, ás persoas cegas e con discapacidade visual. O desenvolvemento gañador recibirá un premio de 3 millóns de euros.
A solución gañadora debe transmitir información dixital en braille e ilustrar gráficos, mapas e información espacial mediante o tacto. Máis aló do seu papel de inclusión social, este dispositivo tería un papel importante no apoio á alfabetización entre os estudantes cegos, e axudaría a abordar algúns dos desafíos ao redor da empregabilidade das persoas con discapacidade visual.
O concurso está dirixido a todas as persoas e entidades da Unión Europea ou dun país asociado ao programa Horizonte 2020 e o prazo para presentar candidaturas estará aberto ata o 27 de novembro de 2018 a través do portal para participantes.
Dous proxectos españois do programa formativo para mozos en situación vulnerable 'Breakers' de Fundación Orange participan no Desafío Internacional de FabLabs Sociais 'Imake4mycity', que traballa co obxectivo de achegar aos mozos á innovación e fabricación dixital, segundo informou a Fundación Orange.
A votación online comeza este sábado 17 de xuño e a cerimonia de entrega de premios terá lugar o próximo 6 de xullo en Marsella, onde tres proxectos serán galardoados con 15.000 euros cada un.
O reto, que seleccionou 17 finalistas de sete países, propón nesta edición crear unha solución para desenvolver a práctica do deporte en calquera lugar e para todos e que axude a "cambiar a mirada da sociedade sobre a discapacidade".
En concreto, a competición recolle as creacións dixitais deseñadas e creadas polos mozos que están a traballar de maneira colaborativa coas ferramentas habituais dos laboratorios de fabricación: programas de deseño gráfico, impresoras 3D, cortadoras de vinilo, fresas de control numérico, etc.
Por unha banda, o primeiro proxecto español aglutina as iniciativas que os mozos 'breakers' traballaron en distintas cidades, baixo o lema 'Diversidade e igualdade no deporte e o xogo', para reinventar xogos e deportes facéndoos máis acesibles ás persoas con discapacidade.
Así, por exemplo, en Castelldefels adaptouse un kaiak a persoas con discapacidade física e realizouse unha mesa de xogos con cores de alto contraste e formas e texturas diferentes. Así mesmo, en Valencia o proxecto consistiu en transformar un parque nun espazo accesible ás persoas maiores, persoas con discapacidade motora ou visual e nenos, mentres que en Bilbao elaboráronse presas de escalada de rockódromo explorando unha fabricación máis accesible e biodegradable.
Doutra banda, o segundo dos proxectos reúne as propostas levadas a cabo nos Ateneos de Fabricación de Barcelona por un grupo de mozos con Síndrome de Asperger. Neste caso, os participantes elaboraron un kit de materiais para facilitar o xogo da Boccia ás persoas con discapacidade motora.
O programa formativo 'Breakers', dirixido a mozos en situación vulnerable, combina a aprendizaxe de habilidades técnicas de deseño, impresión 3D, prototipado electrónico ou fabricación dixital con outras competencias como o traballo en equipo, a mellora de comunicación ou a motivación.
Talentum Schools de Telefónica, que ofrece a nenos e mozos formación gratuíta e intercambios de coñecementos en colexios españois, celebrou o fin de curso. Máis de 15.000 nenos e mozos beneficiáronse destes cursos no últimos catro anos e outros 5.000 dos obradoiros online impartidos a través da plataforma da iniciativa, segundo informou Telefónica.
Nesta edición, que conclúe agora, o programa incorporou os cursos de edición multimedia (audio e vídeo) e de deseño gráfico que se suman aos xa habituais de robótica, apps móbiles, programación, realidade aumentada, deseño 3D ou electrónica.
En concreto, o denominador común dos mentores de Talentum é a paixón pola tecnoloxía e o interese en transmitila ás novas xeracións, segundo afirmou a organización.
"Nun contexto global de carencia xeneralizada de perfís dixitais, queremos dar un enfoque lúdico e creativo á aprendizaxe da tecnoloxía. Pretendemos ensinar a nenos e a mozos non só a ler tecnoloxía senón tamén a escribila. Talentum Schools fomenta a vocación dixital entre os máis novos, ao mesmo tempo que descobre e impulsa o talento, con ferramentas motivadoras que desenvolven a creatividade e capacidade de innovación", comentou a responsable de Talentum en Telefónica, Rosalía O'Donnell Baeza.