
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de poñer en marcha o servizo de videointerpretación en lingua de signos nas oficinas de turismo dependentes da Xunta en Vigo, A Coruña, Lugo e proximamente tamén estará dispoñible na de Santiago.
A extensión deste servizo é posible grazas a un convenio asinado recentemente pola Amtega e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), cunha achega da Axencia pública de preto de 70.000 euros. Este acordo dá continuidade á colaboración que manteñen ambas as dúas entidades desde o ano 2011, cando se puxo en marcha este sistema, que facilita ás persoas con algunha discapacidade auditiva a información que se facilita a través do teléfono 012.
Servizo presencial e online
O sistema de videointerpretación está dispoñible de xeito presencial no Rexistro Xeral de San Caetano e nos rexistros das delegacións da Xunta na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol, así como en 2 centros do Servizo Galego de Saúde en Santiago de Compostela. A través deste dispositivo as persoas xordas que acoden a estas dependencias poden poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FAXPG, desde onde se facilita a interpretación da lingua oral á lingua de signos entre o empregado do rexistro ou do centro de saúde e o usuario.
Ademais, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar a videointerpretación a través da web da Xunta. Neste caso o usuario precisa dun ordenador con webcam co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contacta co destinatario e lle indica que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actúa de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, posibilitando así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.
Beneficiarios
Galicia, onde hai máis de 84.000 persoas con algunha discapacidade auditiva que se poden beneficiar desta prestación, foi a segunda Comunidade Autónoma en activar o servizo de videointerpretación en lingua de signos. Esta iniciativa foi impulsada pola Confederación Estatal de Personas Sordas (á que está asociada a FAXPG) e en Galicia púxose en marcha en 2011 grazas á colaboración entre a FAXPG e a Amtega.
Este sistema traduce as intencións do usuario en comandos que permiten acender ou apagar a televisión, as luces ou activar un electrodoméstico, e navegar por Internet ou mandar un correo electrónico.
Para lograr descifrar os sinais cerebrais que emite o usuario e convertelas en comandos, é necesario pasar por catro etapas. Nunha primeira etapa fíltranse os sinais de electroencefalograma (EEG) para eliminar outros aspectos, como parpadeos ou movementos oculares ou muscualares, que se poden superpoñer aos sinais que son clave para este sistema de BCI.
A continuación, extráense unha serie de características específicas dos sinais EEG e aplícanse métodos de selección para escoller as máis significativas para entender as intencións do usuario.
Por último, os datos finais tradúcense nunha serie de características para a selección dun comando concreto.
O sistema está desenvolvido e patentado, e xa se probou con numerosas persoas, principalmente con esclerose múltiple, que foron capaces, por exemplo, de navegar por Internet, mandar un tweet ou enviar un correo electrónico utilizando unicamente o seu cerebro.
Estímase que en España 979.200 persoas padecen algún tipo de discapacidade visual, das cales 58.300 son cegas totais e 920.900 teñen baixa visión. Unha persoa sofre de baixa visión cando non ve coa suficiente calidade como para manexarse diariamente con independencia. Persoas con dislexia, retinopatía diabética ou glaucoma teñen serias dificultades á hora de ler libros, xornais, carteis na rúa ou o supermercado, textos no computador ou no móbil… e tampouco recoñecen ás persoas coñecidas.
A firma israelí OrCam Technologies Ltd. propúxose mellorar a vida de máis de 285 millóns de persoas en todo o mundo a través da súa tecnoloxía innovadora. O dispositivo de lectura e recoñecemento visual OrCam MyEye®, distribuído en España por Essilor, permite oír o que non se ve.
OrCam MyEye® é un dispositivo tecnolóxico que se axusta á patilla das lentes. Baseándose na aprendizaxe por intelixencia artificial dos algoritmos desenvolvidos pola empresa israelí OrCam, o dispositivo permite ás persoas con discapacidade para capturar información visual (cegueira total, enfermidade, discapacidade visual, dislexia, etc.) manter a súa autonomía e independencia.
O dispositivo converte a información visual en información de audio practicamente a tempo real, a través dun sistema integrado que se compón dunha unidade portátil e unha cámara, que se coloca nas lentes. A unidade pode ler texto, recoñecer caras e identificar produtos para as persoas que son cegas ou deficientes visuais.
OrCam MyEye® le calquera texto impreso ou dixital en calquera superficie, incluíndo xornais, libros, pantallas de computador, menús de restaurantes, as etiquetas dos produtos do supermercado e letreiros da rúa, transmitindo todo ao instante ao usuario a través dun mini altofalante incorporado. Actívase mediante un simple xesto intuitivo, sinalando co dedo ou pulsando un botón, e funciona de forma autónoma, sen necesidade de contar cunha conexión a Internet ou a un computador.
A Universidade de Vigo acolleu a constitución oficial do Instituto de Bioenxeñaría en Rede para ou Envellecemento Saudable (Iberos) coa primeira reunión de traballo dos representantes de 13 grupos de investigación de oito institucións de Galicia e Portugal que forman parte deste proxecto transnacional e multidisciplinar. Seleccionado dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal 2014-2020 (Poctep), Iberos está liderado pola Universidade de Vigo e conta cun orzamento de preto de dous millóns de euros ata 2020 para que as 152 investigadoras e investigadores implicados traballen en rede co obxectivo de desenvolver e implementar solucións baseadas na bioenxeñaría para a diagnose e o tratamento de enfermidades asociadas ao envellecemento.
Como explica o catedrático Pío González, do Grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo e coordinador de Iberos, a finalidade é crear un punto de unión entre os grupos galegos e portugueses que están a investigar en diferentes campos relacionados co envellecemento desde a perspectiva dos biomateriais, a nanotecnoloxía e os biosensores. Segundo explicou na xornada inaugural, o consorcio centrarase en "potenciar a investigación en rede, crear masa crítica e traballar nunha contorna multidisciplinar" orientada a ofrecer solucións para a diagnose e tratamento de doenzas relacionadas coa idade. Neste sentido, Pío González lembra que dentro da estratexia RIS3 da Eurorrexión, o problema do envellecemento é unha prioridade, sendo Galicia a comunidade máis envellecida de España, e as provincias de Lugo e Ourense entre as dez con maior idade media da súa poboación de toda Europa. "En Iberos imos buscar solucións para este reto desde a bioenxeñaría" e para iso continuaranse e potenciaranse liñas xa existentes e poranse en marcha outras novas unindo as capacidades dos diferentes grupos.
En total, neste proxecto intégranse especialistas de oito institucións, desde as universidades de Vigo, Santiago de Compostela, do Minho e Católica Portuguesa, ata o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, o Instituto Superior de Engenharia do Porto, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e o Instituto de Engenharia Biomédica.
Solucións tecnolóxicas para o envellecemento
A bioenxeñaría é unha das ramas máis recentes da ciencia. Consiste na aplicación de conceptos e métodos da enxeñería para solucionar problemas nos campos do medicamento e da bioloxía. As súas aplicacións no ámbito da saúde abarcan un amplo abanico de posibilidades, entre as que destacan o deseño de próteses e implantes, os biomateriais, a electrónica aplicada á monitoraxe de pacientes en tempo real, a telemediciña ou o tratamento de imaxes médicas para o diagnóstico. A estratexia de Iberos busca o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas a partir das capacidades dos seus grupos de investigación, concentradas en tres áreas científicas. Desde a área de biomateriais deseñaranse produtos sanitarios mellorados respecto dos xa existentes como próteses, implantes ou recheos óseos para solucionar problemas relacionados co aparello locomotor. Os expertos en nanotecnoloxía abordarán o desenvolvemento de novas terapias e métodos de diagnóstico precoz para enfermidades neurodexenerativas como o Alzheimer ou o Parkinson. Por último, desde a área de biosensores traballarase no deseño e desenvolvemento de novos dispositivos e instrumentación biomédica innovadora.
O obxectivo, arrincar 20 novos proxectos conxuntos
Coa meta de impulsar a investigación aplicada da Eurorrexión nestes ámbitos ao máis alto nivel internacional, os responsables de Iberos márcanse como obxectivos a organización e execución de preto dunha vintena de novos proxectos de investigación conxuntos e a captación de fondos a través do programa Horizon 2020 da UE para levalos a cabo. Ademais, unirán esforzos para fomentar a retención e especialización de talento multidisciplinar e a súa mobilidade no ámbito da Eurorrexión, coa contratación de nove investigadores cunha traxectoria de alto nivel e 45 investigadores noveis, ao que se unirán 40 estancias de investigación nos grupos integrantes de Iberos.
Os seus principais obxectivos complétanse cunha intensa colaboración coas institucións sanitarias e a industria para implementar novas solucións de diagnóstico e tratamento de enfermidades asociadas ao envellecemento a través da transferencia dos resultados de investigación. A solicitude de polo menos cinco patentes e o establecemento de contratos de I+D con empresas e institucións centran os resultados esperados.
Grupos de oito entidades de investigación
Por parte da Universidade de Vigo, intégranse en Iberos os grupos de Novos Materiais –con papel de líder do consorcio–, de Química Coloidal e TeamNanoTech. Desde Vigo traballarán tamén os investigadores dos grupos de Bioquímica de Alimentos e de Reciclaxe e Valorización de Residuos do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Da Universidade de Santiago incorporaranse os grupos de Cirurxía e I+D Farma, aos que se suma o grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria do Campus de Lugo. Desde A Coruña, intégranse o grupo de Bioenxeñaría Tisular e Terapia Celular da Fundación Novoa Santos. A Universidade do Minho achega as capacidades do 3B's Research Group, con sede en Braga. O consorcio complétase desde Porto co Centro de Biotecnologia e Química Fina da Universidade Católica Portuguesa-Centro Rexional do Porto, o grupo Biocarrier do Instituto de Engenharia Biomédica e o grupo BioMark Sensor Research do Instituto Superior de Engenharia do Porto.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de dar a coñecer o nome da profesional que este ano vai ser distinguida co seu Premio Ada Byron, un galardón co que a entidade profesional quere facer visible o traballo da muller no ámbito informático. Segundo informou o CPEIG, o premio irá dar este ano a mans de María José Talavera, directora xeral de VMware Iberia. O Premio Ada Byron, que homenaxea no seu nome á investigadora considerada como a primeira programadora (buscando reivindicar a súa figura e visualizar, por extensión, a longa listaxe de mulleres innovadoras e científicas eclipsadas polos homes ao longo da historia), será entregado no marco da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, este venres 16 en Santiago.
María José Talavera é na actualidade a directora xeral de VMware Iberia. Desde as oficinas de VMware en Madrid, encárgase de reforzar o liderado da compañía no mercado da mobilidade e dos servizos na nube, así coma o desenvolvemento de negocio de VMware en España e Portugal. Licenciada en Informática pola Universidade Politécnica de Madrid, comezou a súa andaina profesional no sector TI en Lambda Internacional, unha multinacional americana de consultaría de TI. Posteriormente, María José Talavera incorporouse á división Data Management de IBM, primeiro na área de servizos e despois na área de Software. Máis tarde, converteuse na responsable de vendas de Software para o Sector Financeiro en IBM e despois na responsable de Vendas Globais para BBVA en IBM, onde se familiarizou coas negociacións en contornas internacionais. No ano 2010, María José uniuse a Compuware, onde ocupou o cargo de directora xeral para España primeiro, e, a continuación, tamén para Portugal, até que se incorporou a VMware en marzo de 2012. Ao longo de máis de 25 anos de experiencia laboral, a premiada co Ada Byron traballa con paixón por contribuír ao desenvolvemento competitivo das empresas a través da tecnoloxía e coa consideración da importancia do factor humano para conseguilo, “froito da crenza de que a diversidade nos equipos reflicte mellor a realidade da vida e contribúe de forma significativa á innovación”, segundo sinala a propia galardoada.
Quen foi Ada Byron
Ada Byron foi unha escritora e matemática británica (1815-1852) que describiu a máquina analítica de Charles Babbage e está considerada como a primeira programadora. Deduciu e preveu a capacidade dos ordenadores para ir máis alá dos simples cálculos numéricos. O CPEIG elixiu o nome desta brillante muller para nomear un dos premios que entrega anualmente.