main content

main content

Novas Faite Dixit@l

Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...

27/07/201710:54
Presentación da iniciativa.
Pontevedra

DOWN PONTEVEDRA XUNTOS e a Fundación Vodafone España presentan un ambicioso proxecto de formación en TIC para a inserción laboral das persoas con síndrome de Down

  • En 2017 recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual de DOWN PONTEVEDRA XUNTOS

 

Esta foi unha mañá moi especial no Pazo de Mugartegui de Pontevedra. Alí, DOWN PONTEVEDRA XUNTOS e a Fundación Vodafone España presentaron ‘Enreda2', unha iniciativa cuxo obxectivo é poñer en contacto a empresarios/as da zona e mozos con síndrome de Down co obxectivo de que dialoguen e intercambien opinións sobre os beneficios que ten a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual, tanto para este colectivo como para o ámbito empresarial.

Esta acción de networking , que xorde a partir do programa de formación prelaboral ‘Yo me prep@ro' impulsado por ambas as entidades, permitiu que os/as empresarios/as poidan coñecer de preto a persoas con esta discapacidade intelectual candidatas a incorporarse como traballadores/as nas súas empresas. A interacción entre empregadores/as e posibles empregados/as serviu para que o sector empresarial derrube prexuízos e falsos estereotipos que historicamente se relacionaron coa síndrome de Down.

E é que, a pesar de contar coa formación adecuada e ser traballadores/as constantes, metódicos/as e organizados/as, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down puido demostrar a súa valía; por iso é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial. Así, grazas a Enreda2', ‘e mediante a conversación e a formulación de diversos xogos, os/as empresarios/as puideron coñecer de primeira man as calidades que estes mozos atesouran, ademais de apreciar os seus valores e as capacidades para o traballo que posúen.

Para presentar esta iniciativa estiveron presentes a Deputada de Cohesión social e Xuventude, Digna Rosa Rivas Gómez; a técnica de Benestar Social e Deportes, Patricia González; o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Pontevedra, Severino Castroman; e o presidente de DOWN PONTEVEDRA XUNTOS, Manuel Pérez Cabo.

Manuel Pérez Cabo afirmou que, para lograr a inclusión laboral do colectivo “é necesaria a confluencia dunha serie de factores imprescindibles: a implicación das diferentes administracións e a de diversas iniciativas privadas, como neste caso a Fundación Vodafone España”.

Opinión que compartiu Digna Riva, para quen “é importante que tanto a empresa privada como as institucións públicas podamos traballar en conxunto por inserción laboral”.

Pola súa banda, Severino Castroman comentou que “cremos que a tecnoloxía é un facilitador para a inserción laboral que vai xerar oportunidades para todos os colectivos e empresas”.

Patricia González destacou que “DOWN PONTEVEDRA aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de posibilitar que as persoas con discapacidade desempeñen postos de traballo nos que hai anos estaban practicamente excluídos”.

Por parte do tecido empresarial interviu María Pierres, co-xestora Coworking do Espazo Arroelo, que relatou a súa experiencia no programa: “Cecilia non é unha traballadora máis, é a imaxe da nosa empresa”, dixo en alusión á súa empregada.

 

O programa ‘Yo me prep@ro '

O obxectivo do proxecto ‘Yo me prep@ro' é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que lles condiciona enormemente á hora de atopar un posto de traballo, o que supón unha seria traba ás súas aspiracións de mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Este ano, na nosa provincia están a recibir esta formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 usuarios/as de DOWN PONTEVEDRA XUNTOS, que adquiren as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado/a.

Estes/as alumnos/as de Pontevedra sumaranse a outros/as en diversas provincias, alcanzando un total de 240 mozos que recibirán esta formación en toda España. En total serán 10.500 horas formativas apoiadas en sete novos vídeo-tutoriais que, cunha linguaxe sinxela e accesible, detallarán os pasos e instrucións para que os alumnos coñezan a fondo o uso da internet, xestionar o correo electrónico ou manexar redes sociais como LinkedIn, entre outras habilidades.

Tras o éxito de anteriores edicións, o proxecto afronta este ano a súa terceira edición a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas. Desde a súa posta en marcha en 2014, e a pesar das complicadas condicións do mercado de traballo, este programa conseguiu 222 contratos para alumnos/as con síndrome de Down.

Como complemento a esta edición, os 480 mozos que participaron nas dúas edicións anteriores do proxecto recibiron un curso de refresco dos seus coñecementos para que actualicen as destrezas adquiridas en novas tecnoloxías aplicadas á vida laboral.

27/07/201709:22
Dispositivo móbil.
Santiago de Compostela

A xente que depende do teléfono móbil para sobrevivir

Hai xente que se desengancha do móbil e que mesmo renega del. Pero para outros colectivos, o smartphone supón unha ferramenta vital que lles permite ter maior calidade de vida.

Por exemplo, os cegos. “Un móbil dános independencia, autonomía, privacidade e seguridade”, afirma Guillermo Hermida, director de CIDAT (Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica) da ONCE.

Outro caso real son persoas con autismo. “O smartphone resúltame imprescindible porque podo comunicarme con amigos de forma moi libre, xogar ou relaxarme tras un día duro”, confesa Adrián, un adolescente de 15 anos con Autismo/Síndrome de Asperger.

E unha combinación de ambas as posibilidades (autonomía e socialización) son as melloras que, para as persoas con síndrome de Down, supoñen a utilización dun smartphone.

 

O seu móbil é como o teu, pero o seu uso é diferente

Os dispositivos que utilizan este tipo de persoas son exactamente iguais que os que teñen o resto dos usuarios, aínda que con certas matizacións.

Adrián, por exemplo, fai unha vida que se parece moito á de calquera outra persoa, dado que o autismo non é unha incapacidade intelectual. Por iso, acode a un colexio ordinario, a actividades de lecer... “Isto implica que utilizan as tecnoloxías como calquera outra persoa: hai mozas/os moi afeccionados ao seu uso e outros aos que non lles gustan nada”, explica Miguel Lancho, coordinador de Autismo Burgos.

Adrián utiliza un smartphone e tablet como dispositivo de aprendizaxe e de lecer. Ademais, participa en varios proxectos relacionados coas TIC: First Lego LeagueTecnoArtea, participou no deseño do videoxogo A Viaxe de Elisa

Quizá por iso considera que o seu tablet e móbil son especiais “porque son meus e conteñen vídeos da miña serie favorita” e, como calquera persoa, extravialo pode supoñer perder todos os arquivos especiais que se gardan nel.

 

O prezo da accesibilidade

Mentres, Carlos, con síndrome de Down, ten agora un smartphone Samsung "porque me gustaba o deseño", pero utilizou diferentes marcas (como ZTE ou Alcatel). Segundo Down Madrid, a inmensa maioría das persoas con esta síndrome utiliza Android, xa que non adoitan ter que facer uso das opcións de accesibilidade que incorporan os sistemas operativos.

No caso das persoas con algún déficit visual, Guillermo Hermida lamenta que non todos os fabricantes de dispositivos lle den a mesma importancia á accesibilidade. Tanto iOS como Android incorporan capas que facilitan a súa utilización por parte de persoas con discapacidade visual, como TalkBack. Pero, ao ser Android un sistema aberto, os fabricantes poden quitar determinadas utilidades. “Atopámonos con móbiles que, aínda que sexan Android, son moi pouco ou nada accesibles”, relata.

Segundo a súa experiencia, canto máis caro é o terminal, máis opcións de accesibilidade respecta. “Hai algúns fabricantes que non son nada accesibles. Casualmente, adoitan ser os que teñen prezos máis baratos”, denuncia. Samsung e Apple son, na súa opinión, os máis concienciados nesta materia. Por iso, desde a ONCE pelexan para que “calquera cego poida comprarse calquera terminal sen necesidade de ter que recorrer a terminais de alta gama como iPhone, xa que non todo o mundo pode pagar 800 € por el”.

 

“Podo relacionarme mellor”

¿En que cambiou a vida destas persoas coa chegada dos smartphones? En aspectos como as relacións persoais ou a autonomía.

Carlos leva utilizando tecnoloxía desde hai 15 anos, pero recoñece que grazas aos smartphones pode relacionarse mellor, tanto con familiares e amigos como cos seus compañeiros de traballo en Down Madrid. No seu caso, foi o seu pai quen lle ensinou a utilizar o móbil. "Utilizo o smartphone habitualmente", cóntanos. "Antes tiña un móbil antigo, pero non me gustan porque non teñen Whatsapp. O smartphone axúdame a traballar, a estudar e a comunicarme cos amigos", resume.

Esta facilidade para relacionarse tamén é unha das cousas que máis valora Adrián, que asegura que o terminal “cambiou a miña vida bastante porque agora podo relacionarme mellor”. No seu caso, asegura que “é máis fácil, ás veces, falar con alguén por Whatsapp utilizando emoticonos para explicar o que quero dicir, que facelo en vivo e en directo, cando resulta máis difícil expresarse con claridade. En ocasións hai xestos e expresións difíciles de entender”, confesa.

 

Agora podo ter máis autonomía persoal

No caso das persoas cegas, o móbil achégalles seguridade e autonomía e melloroulles moitísimo a calidade de vida. Tanto que, cando fallan esas ferramentas que xa consideran básicas “xuramos en bable”, ironiza Hermida. “Sentímonos un pouco perdidos porque é como volver 30 anos para atrás e pedir a alguén que che lea as cousas. A sensación de que che falta información é moi duro, como depender dunha terceira persoa para que me de unha información que pode chegar sesgada non a propósito senón por descoñecemento quizais”.

Estes tres usuarios poñen o mesmo caso concreto de como o móbil lles resulta vital en determinadas situacións: cando se perden e utilizan o mapa para orientarse. Unha vez que o usuario sabe onde está, resúltalle máis fácil moverse. Así, Carlos explícanos que sabe como compartir a súa localización a través de Whatsapp cando algunha vez se perde. "Adoito chamar tamén á policía e aos meus pais, para que me busquen", cóntanos.

Desde Down Madrid coinciden en que o smartphone permitiu, sobre todo, dotar de máis autonomía ás persoas con síndrome de Down e, á súa vez, dar máis tranquilidade aos seus familiares e amigos. "A miña familia, a miña parella e os meus amigos están máis tranquilos e contentos desde que levo teléfono móbil, porque saben que en calquera momento pódeno utilizar e que me poden localizar. Estou máis seguro", explica Carlos.

 

As apps que non poden faltar

Cales son as aplicacións que máis utilizan estes usuarios para os que o móbil é unha necesidade?

En xeral, todos estes usuarios utilizan as mesmas aplicacións que o resto de persoas: correo electrónico, mapas, axendas... "Utilizo a axenda e a alarma para espertarme e avisarme se teño algo importante, como unha tarefa", explica Carlos, quen tamén utiliza a seu smartphone para escribir a amigos e familia e para facer cousas do traballo. "Tamén utilizo a cámara de fotos, pero non as redes sociais. Coñézoas, pero son perigosas", cóntanos.

Para Adrián, as aplicacións máis útiles son os videoxogos de Doutor Who, as aplicacións de contacto e redes sociais e “outros horarios que fago a través de diversas apps ou de documentos Word”.

Mentres, no caso das persoas con deficiencia visual, o uso das apps en moitos casos depende da accesibilidade do software. Whatsapp, Facebook ou myTaxi son completamente accesibles (esta última é unha aplicación que utilizan moitísimo as persoas cegas porque é totalmente accesible e permite notificar ao condutor esta peculiaridade. Ademais, envía o importe e percorrido realizado e permite o pago a través da propia app, polo que “non lle dou os meus datos nin o meu cartón e lévame o recibo en formato dixital”, explica Hermida).

Hai aplicacións específicas que serven para ver se hai luces acesas, aquelas detectan o importe do billete (pero non se é falso) ou Medicamento Accesible Plus, que escanea o código de barras do medicamento (tamén permite introducir o seu nome co tecledo) e facilita o prospecto en dixital para coñecer a dose e uso recomendado.

As menos sinxelas de utilizar serían as dos bancos, segundo a ONCE.

 

Todo sería perfecto se…

Aínda que estes usuarios consideran que o smartphone melloroulles a súa vida, tampouco é todo da cor de rosa. “Ás veces esquécense un pouco de nós”, laméntase o responsable da ONCE. “Fabricantes e desenvolvedores de apps deberían ter tamén en conta a accesibilidade para desenvolver os seus produtos. Está moi ben ter tecnoloxía, pero non podo utilizala cando faltan esas ferramentas que consideramos básicas”.

Ademais, Hermida tamén lamenta que os produtos accesibles sexan moi caros. “Non todo o mundo se pode permitir ter ter un iPhone, un Mac ou un mini iPad porque son ferramentas caras. Iso xera unha exclusión económica e tecnolóxica”, sinala. Recoñece que moitos outros cidadáns tampouco teñen o potencial económico para adquirir estes produtos, pero argumenta que “os que temos discapacidade visual temos que irnos obrigatoriamente a este tipo de ferramentas. Por iso fabricantes e desenvolvedores deberían manter esa accesibilidade”.

Aínda que no caso de Adrián celebra que grazas á tecnoloxía “relaciónome bastante ben”, tamén recoñece que é un risco porque “cando o pasas ben o tempo vai moi rápido e se queres estudar non che dá tempo". Con todo, tamén recoñece que o móbil lle axuda a estudar con aplicacións como a táboa periódica ou de horarios, que lle permiten organizarse e xestionarse mellor. "Ademais teño recordatorios que me axudan a controlarme cando me poño máis nervioso”.

Pero tamén hai cousas por mellorar. “Frústrame que se me gaste a batería demasiado rápido porque igual estou a xogar e apágaseme”. Seguramente nisto non se diferencia moito do resto de usuarios, pero si cando a aplicación ten moitos estímulos e van moi rápidos. “Síntome agobiado ao usala”, confesa. “Prefiro as apps que son máis claras e non teñen ruídos estridentes nin imaxes moi rápidas”.

Carlos é, dos nosos tres protagonistas, o que parece menos dependente do teléfono. "Como utilizo outra tecnoloxía, se non me funciona vou ao computador para poder escribir aos meus amigos e mandarlles un correo", asegura. Iso si, recoñece que non podería vivir "sen mandarlle Whatasapp á miña noiva" e que, tamén para o seu traballo, sería máis difícil estar sen o seu smartphone.

27/07/201708:56
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e mailo delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez, asinaron esta mañá a addenda ao convenio acadado en 2013.
Santiago de Compostela

Educación e a ONCE renovan o acordo para a atención especializada a alumnos con discapacidade visual

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) veñen de renovar a súa colaboración co fin de prestar atención especializada a 352 alumnas e alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e mailo delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez, asinaron esta mañá a addenda ao convenio acadado en 2013 entre ambos organismos, que fai posible que 6 profesores do corpo de mestres desenvolvan as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestando apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual, tanto en educación primaria, 1º e 2º da ESO, como en centros e unidades de educación especial. A Consellería destina a este convenio un total de 210.139,28 euros.

Ao abeiro deste acordo facilítase o acceso do alumnado con discapacidade visual escolarizado en centros ordinarios aos recursos tecnolóxicos e a transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares. Deste xeito, favorécese a súa inclusión educativa, á par que unha atención especializada e axeitada ás súas necesidades.

En concreto, o convenio permite establecer un marco de colaboración para a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, así como das súas familias e dos centros educativos aos que asistan; promover a coordinación dos servizos educativos e dos complementarios, organizando e facendo rendibles os recursos das diferentes institucións; e facilitar a conformación de equipos específicos para a atención educativa a este alumnado.

Neste sentido, o obxectivo do convenio é a unión de forzas para dar cumprimento ao compromiso fixado pola Consellería a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso xúntanse os recursos materiais da ONCE ao capital humano do profesorado que cede a Consellería neste acordo.

Con este mesmo fin, o departamento educativo da Xunta de Galicia vén colaborando, en materia de transporte escolar adaptado e comedor, con entidades como Autismo Ourense, Aspanaes, Amencer-Aspace, Aspronaga, Fundación MENELA, Asociación Nuestra Señora de Chamorro, Amicos, ACEESCA, Grumico, ASCM FERROL, BATA.

27/07/201708:52
Seeing AI.
Santiago de Compostela

Seeing AI, converte a contorna visual nunha experiencia sonora

Seeing AI é unha aplicación baseada en intelixencia artificial que identifica os obxectos e a contorna visual e prové descricións orais. Trátase dunha ferramenta desenvolvida por Microsoft dirixida particularmente para persoas cegas.

A través da cámara dun dispositivo móbil, a aplicación é capaz de recoñecer persoas en fotos, describir a roupa que leva, os obxectos que os rodean e mesmo as súas emocións.

Así mesmo, pode usarse para identificar letreiros na rúa, billetes e moedas así como para ler os códigos de barra dos produtos no supermercado.

A aplicación foi desenvolvida para dispositivos que operen con iOS e de momento está dispoñible soamente en inglés. Microsoft espera lanzar, proximamente, unha versión en castelán.

Para máis información, visite a web de Microsoft (en inglés).

27/07/201708:37
Pantallazo web de i.gal.
Santiago de Compostela

i.gal: chega o acurtador galego de URLs

PuntoGal, Agasol e Dinahosting poñen en marcha, este 26 de xullo, i.gal, o acurtador galego de URLs. O novo servizo que posibilita codificar calquera enderezo web facéndoo máis pequeno e manexable para enviar, compartir, publicar ou memorizar. O servizo permite, igualmente, personalizar as palabras que forman parte da URL resultante, de xeito que sexa máis sinxela a súa utilización posterior.

A iniciativa forma parte da colaboración que mantén PuntoGal con Dinahosting  á que se une a Asociación Galega de Software Libre (Agasol), entidade que tamén forma parte da asociación e que ven colaborando co dominio dende os seus inicios. A ferramenta lánzase para celebrar conxuntamente o Día de Galicia e dentro da política das tres organizacións de prestar servizos de valor engadido no ámbito da rede galega. Recentemente, PuntoGal e Dinahosting puxeron en marcha tamén Velaqui.gal, un sistema que permite o intercambio de arquivos de ata 2Gb de maneira gratuíta.

A saída de i.gal (www.i.gal) coincide no tempo coa promoción de PuntoGal que permite rexistrar dominios novos por un máximo de 25 euros máis IVE ata o día 31 de xullo. Os rexistradores acollidos a esta rebaixa de prezos son os seguintes: Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH. A información completa sobre esta acción pode atoparse no enderezo dominio.gal/promo25xullo.

A promoción acompáñase da creatividade desenvolvida especialmente para o dominio por Rei Zentolo, socio de PuntoGal, con motivo do primeiro aniversario do dominio, en 2015. O deseño, que se pode ver tanto na web como nas redes sociais, é unha homenaxe á revista Nós realizada con imaxes de inspiración tecnolóxica.

PuntoGal conta, a día de hoxe, con máis de 4.100 dominios rexistrados. A asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS