
Queres manterte ao día de todo o que acontece ao teu redor no mundo dixital? Consulta as novidades sobre cursos, actividades, ferramentas, novas aplicacións das TIC, proxectos innovadores...
O Concello de Lugo vén de informar da consecución de dous obradoiros de emprego para impulsar as posibilidades de inserción laboral de 31 persoas no paro. As dúas actividades formativas, dous proxectos presentados polo Goberno local á convocatoria de obradoiros da Xunta que finalmente saen adiante, son TIC Arqueolóxico e Lugo Cóidate.
Os talleres foron dados a coñecer pola concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, quen informou de que contan con preto de 360.000 euros de orzamento e de que ambas accións formativas arrancarán a finais de setembro. O obradoiro TIC Arqueolóxico, con 224.000 euros de orzamento, ten como obxectivo a posta en valor e comunicación do patrimonio arqueolóxico de Lugo a través das novas tecnoloxías da información.
Ademais, diríxese a facilitar a formación de 16 desempregados maiores de 18 anos, fornecéndoos de coñecementos para a súa posterior inserción laboral e, ao mesmo tempo, impulsar a actividade no Vello Cárcere, centro que segundo lembrou a edil, conta precisamente cun espazo adicado á arqueoloxía. Segundo a proposta municipal, aprobada integramente pola Xunta, este obradoiro terá unha duración de 9 meses e desenvolverase no devandito recinto penitenciario rehabilitado. Entre as actuacións principais que abrangue atópase a dixitalización en 3D de bens móbeis e inmóbeis do patrimonio histórico e arqueolóxico do municipio, a elaboración de diversas programacións culturais para desenvolver no Vello Cárcere e a creación dunha canle cultural.
Polo que atinxe ao outro obradoiro que porá en marcha o Concello, trátase do Lugo Cóidate, cun importe de 135.000€, 6 meses de duración e 15 beneficiarios, neste caso, menores de 30 anos. Ofrecerase formación e traballo no coidado e atención de persoas maiores, dependentes e nenos e nenas.
Os dous devanditos talleres súmanse aos programas de emprego que ten en marcha o Concello: Inicia Coworking, Mellora Lugo e (Con) trato feito!, e ao Empregalia, que vén de acadar.
O Google Developer Group Vigo (GDG Vigo), colectivo galego integrado por desenvolvedores coa arela común de intercambiar coñecementos e experiencias sobre novas tecnoloxías, vai organizar mañá un relatorio para tomarlle o pulso á Web en relación ás novidades das que estamos a ser testemuñas (e das que seremos no que resta de ano). A sesión virá da man de Salvador de la Puente, membro da comunidade open source e desenvolvedor referencial de ferramentas abertas, quen avaliará en Vigo as novas tendencias e tecnoloxías da Internet, facendo fincapé en cousas como o espallamento da Rede fóra dos seus límites orixinais (a experiencia multi-plataforma) ou a perda de terreo da industria propietaria e do sistema de establecementos en liña de software tal e como os coñecemos.
Segundo informa o Google Developer Group Vigo acerca dos novos roteiros da contorna dixital por excelencia (novos rumbos que serán avaliados no devandito relatorio, que se desenvolve baixo o epígrafe The State of The Web), o bo estado de saúde de tecnoloxías como CSS Grid, Web Assembly, WebVR, Web Animations, Service Workers, Web Manifest, Push, Web Payments ou Web Credentials, xunto con patróns de desenvolvemento modernos como PRPL ou Virtual DOM, certifican o impulso e desenvolvemento “dunha Web moderna, rápida e segura e para usuarios e desenvolvedores”.
A participación en este relatorio precisa de inscrición previa debido á limitación de prazas de asistencia dispoñibles. A inscrición e participación ao grupo é cen por cen de balde.
Respecto do relator, dende Mancomún lembran que Salvador de la Puente é membro da comunidade internacional open source con relevantes contribucións nas tecnoloxías de front-end (a parte do software que interactúa cos usuarios). Traballa na actualidade como enxeñeiro sénior para Mozilla desenvolvemento tarefas nas areas de developer relations e desenvolvemento de front-end, contando cunha destacada experiencia en I+D como enxeñeiro de Telefónica.
A Asociación Informática Amigus desenvolveu este sábado 29 unha nova edición dos Amigus Labs, un obradoiro de traballo compartido e experimentación arredor das tecnoloxías máis puxantes que, desta volta, tivo como fíos temáticos a arte e a creación dixital. Máis polo miúdo, abordáronse os aspectos teóricos e (sobre todo) as cuestións prácticas das impresoras 3D, a dixitalización en tres dimensións de obxectos e persoas, a realidade virtual, a robótica e a electrónica con Arduino e Raspberry Pi, o audio dixital, os drons e os videoxogos. Contouse coa colaboración co Grupo de Empresa, Nodo Dixital, Non Ping, Nauta, Xescourido e o Concello de As Pontes. A cita foi no Lar de Endesa, en As Pontes.
Segundo nos contan os organizadores da xornada, unha ducia de participantes tivo oportunidade de crear a cifra nada desprezable de cinco escornabots, á que vez gozaron aprendendo nocións básicas de electrónica analóxica, sobre o manexo dos soldadores de estaño e sobre a programación con Arduino. Por certo que os aparellos escornabots creados no Amigus Labs terán máis vida alén da cita do 29, xa que viaxarán até os Obradoiros de conciliación en inglés, organizados por You Can School of English e mailo Concello de As Pontes, nos que serán parte activa dos obradoiros de robótica que se celebran durante o mes de agosto.
Volvendo ao encontro do sábado, sinalar que durante toda a xornada explicouse perante os asistentes o funcionamento dos proxectos que se están a realizar dentro de Amigus Labs, desde drons impresos en 3D e proxectos de realidade virtual até paneis LED controlados por computador, impresoras 3D, así como as máquinas arcade. Amais dos contidos teóricos, tamén se fixo todo o posible por poñer aos participantes “mans á obra”. Así, tralo paso polos simuladores de radio control, puideron poñerse aos mandos dos drons, comezando a controlar as operacións de voo.
Polo que respecta á zona de audio dixital, tiveron ocasión de probar as posibilidades que o controlador de Ableton Push 2 permite á hora de producir proxectos de audio coa ferramenta Live. Ademais, configuráronse varias Rapsberry Pi co sistema operativo Kano, para que os máis pequenos puideran construír o seu propio computador, en palabras da organización, “unha máquina completamente funcional, por menos de 40€, ateigada de ferramentas como Scratch, Minecraft, navegador web, correo, suite office e unha chea de aplicacións para empezar a crear desde o primeiro momento”.
O encontro, segundo conclúen dende Amigus, “serviu para que maiores e pequenos gozáramos dunha xornada onde todos aprendemos co uso das ferramentas que as novas tecnoloxías poñen á nosa disposición, e onde todos quedamos con ganas de repetir a experiencia de novo moi pronto”.
O Concello de A Arnoia (Ourense) quere apostar polo envellecemento saudable. Ou sexa, por todos aqueles hábitos que axuden a ter unha vida mellor pasada “certa idade”, hábitos que adoitan abranguer o emprego das novas tecnoloxías: móbiles, tabletas, Internet, servizos de mensaxería, fotografía dixital, redes sociais, etc. Para impulsar esta vertente o Concello mercou a antiga sede da Cooperativa de Salvador, pechada na actualidade e nos seus días adicada á produción de pemento. O edificio será convertido nun Centro para o envellecemento activo e saudable das persoas maiores. O proxecto busca dar servizo a unha poboación (a dos maiores) que no caso de concellos coma o de Arnoia, representa arredor da metade dos veciños.
Contará con salas de lecer e xuntas, servizo de fisioterapia e, por suposto, unha aula de informática e novas tecnoloxías. Tamén haberá un espazo para o desenvolvemento de obradoiros de memoria e fortalecemento cognitivo, entre outras dependencias.
Segundo o Concello, trátase non só de achegar formación e servizos de envellecemento activo, senón tamén de “fomentar a convivencia entre os usuarios”.
As melloras precisas para o acondicionamento do edificio e o equipamento de mobiliario serán obxecto dunha convocatoria de concurso público por parte do Concello, cun orzamento global de 217.000 euros. A previsión é que os traballos estean rematados a comezos de 2018. Segundo engadiu o Concello, o edificio contará cun axente de desenvolvemento, con traballadores de mantemento municipais e, tamén, cun equipo de especialistas nos ámbitos nos que se quere dar servizo e cobertura: fisioterapia, informática e obradoiros de memoria.
Un total de 1.260 persoas con parálise cerebral desenvolveron a súa creatividade coa súa participación na edición de #Aspacenet 2016, que se pecha este mes de xullo con varios proxectos de innovación tecnolóxica aplicada e adaptada a esta discapacidade.
Segundo informou Aspace, a posta en marcha destes programas deu como resultado a creación de varias canles de radio con emisións en directo, a publicación dunha canle de vídeo con contos adaptados, a elaboración de guías turísticas e unidades didácticas escolares adaptadas e a preparación de receitas adaptadas.
#Aspacenet é un concurso de proxectos de innovación social que Confederación Aspace e Fundación Vodafone España puxeron en marcha en 2011 para mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con parálise cerebral a través do uso de novas tecnoloxías.
En total foron seis os proxectos colaborativos galardoados no VI Concurso Nacional de Proxectos en Tecnoloxías de Apoio e Comunicación #Aspacenet e que contaron coa participación de 17 entidades Aspace, que puxeron a súa creatividade ao servizo da tecnoloxía para desenvolver adaptacións de baixo custo que permitisen a persoas con parálise cerebral acceder a actividades cotiás e de carácter creativo que non poderían realizar sen estas solucións.